parte dun panel informativo no propio xacemento fotografía propia |
Adro Vello atópase ao pé da praia de O Carreiro, en O Grove. Cada certo
tempo os temporais e o mar deixan á descuberta restos procedentes da xacemento.
Como en marzo de 2016, cando apareceu a peza superior dunha mandíbula humana moi
deteriorada, ao parecer feminina.
a forza do mar é un dos graves perigos que ameazan a conservación dos
restos arqueolóxicos e o seu estudo. Mais non o único.
en capas superpostas os arqueólogos teñen identificado restos dunha villa romana (ocupada do s. I ata o s.
IV, e quizás destruída por un lume) con elementos estruturais que evidencian a
salga de peixe; unha necrópole por inhumación (que vai desde o s. V ata o
XVIII), a planta dunha igrexa goda, ou sueva (s. VI ou VII); e elementos dunha
fortificación, probablemente construída como protección ante posibles agresores
chegados por mar.
todo o conxunto está bordeado cara o mar por unha serie de muros
superpostos.
ata o s. XVIII a igrexa parroquial estaba situada alí mais debido aos
temporais foi traslada cara ao interior, ao lugar no que hoxe se levanta. Este
feito acredita que a necrópole fose abandonada e esquecida na memoria popular
ata a súa 'redescuberta' na 2ª metade do s. XX.
o galego 'adro' nom equivale ao
castelán 'atrio'; é un eufemismo por 'cemiterio'
(E. Montero, el eufemismo en Galicia). Iso é
precisamente o que se atopou en Adro Vello, o que anunciaba o microtopónimo:
unha importante necrópole con tumbas que seguen os patróns imperantes nas
diferentes épocas: romanas, cunha tégula en cabeceira e pé respectivamente, ou
con cubertas pétreas a base de lousas encabalgadas; sarcófagos monolíticos,
laudas altomedievais co que poderían ser marcas gremiais; ... unha sucesión de
modas funerarias impresionante e nada frecuente pola potencia temporal do
estrato, nada menos que 1700 anos.
parte do perímetro da igrexa fotografía propia |
foi a partir da construción dunha estrada de acceso a unha urbanización
proxectada ao oeste do lugar (que nunca se chegou a construír) cando se detectou
a presenza de muros e ósos humanos, descuberta que motivou as primeiras
escavacións. É probable que tanto baixo a estrada como baixo unha vivenda
levantada ao outro lado da estrada se atope unha área tan rica en restos
arqueolóxicos coma a xa escavada.
a existencia da factoría de salgadura implicaría unha actividade pesqueira
moi desenvolta na área e na época, nom sendo o único caso na ría de Arousa. As
cubetas miden 1,5 m2, están soterradas e forradas co chamado opus signinum, un morteiro de cal e
grava que impermeabiliza as paredes da cubeta para a boa conservación do peixe.
sobre a factoría construiríase villa,
que destaca polo muro de contención contra o embate das mareas feito a base de grandes
perpiaños almofadados (característicos da construción romana). Outros restos da
villa son os diferentes muros,
calzadas, e canalizacións de auga.
da igrexa consérvase a base dos muros perimetrais e restos dun altar. No
interior da igrexa pero, sobre todo, ao seu redor, esténdese un gran número de
enterramentos (entre 1600 e 4000) en varias capas superpostas. A gran maioría
son moi simples, directamente na terra ou rodeados de varias pedras verticais,
mais tamén hai sarcófagos labrados nunha única peza.
di Chavarría Arnau que en Callaecia, "o fenómeno das
necrópoles instaladas sobre edificios rurais romanos é moi significativo e
relaciónase coa existencia de edificios de culto (...); sen embargo, resulta
moi complexo establecer a secuencia cronolóxica existente entre unha villa, necrópole e edificio de culto. É
dicir, se as sepulturas se instalan debido á existencia dun edificio de culto
ou se o edificio se constrúe con relación ás sepulturas preexistentes" (Villas
tardoantiguas en el Mediterráneo Occidental). Pode que o estudo detido
de Adro Vello responda esta incógnita.
unha construción anexa pode corresponder ás bases dunha torre de base
cadrada que pertencería a unha posible fortificación altomedieval contra as
incursións normandas e sarracenas documentadas na época.
nas proximidades existiu un pequeno poboado castrexo do que só quedan moi
poucas pegadas; a principal na microtoponimia: O Castriño.
a antiga igrexa está documentada desde o s. X: et ecclesiam Sancti Uicentii de Ogrobe cum totis suis directuris et
familia (...) et in concurrencia ipsius ecclesie uilla de Antas, cautata per
petras erectas et scriptas (documentación de San Martiño Pinario, CODOLGA).
xa nas primeiras escavacións atopouse tamén unha moeda na que se representa
a que quizás sexa a imaxe máis antiga da translación do apóstolo Santiago, e
que hoxe se conserva no Museo das Peregrinacións, en Compostela. A peza mide 13
milímetros de diámetro e está feita dunha aliaxe de prata e cobre e data do
reinado de Fernando II, impulsor da
construción da catedral de Compostela e rexente en Galiza desde 1157 a 1188.
o estado actual do xacemento é de case total abandono, simplemente rodeado
dunha valla perimetral e algúns carteis explicativos. Case todas as
institucións (Concello de O Grove, Deputación de Pontevedra, e Xunta de
Galicia) reivindican a súa recuperación mais o seu estado é o que é. Ata tal
punto se considerou grave a situación que desde o Concello se falou de volver
tapar o xacemento con area para evitar a súa deterioración.
parte da necrópole, con restos procedentes de épocas diversas fotografía propia |
a última tentativa de recuperación e posta en valor anunciouse en xaneiro
de 2016 mais nom se fixo ren: "é certo que é un xacemento descoidado,
invadido pola maleza e sen intervención ou musealización nos últimos
tempos", son palabras de Mónica Rei Cabezudo, que desenvolveu o relatorio
'Perfumes e liturxia ... A cruz osculatoria de Adro Vello' no curso 'Arte, Historia,
Xeografía, e Cultura no Salnés. Comercio, Intercambios, e Relacións exteriores' organizado pola
USC. Esta peza da que se fala tamén é algo case único, de pequenas dimensións,
cun remate en forma de aro que serviría na liturxia para mesturar os óleos
sacros; un exemplar único porque só hai dous en toda Galiza e non existen
referencias sobre a súa existencia no resto da península.
tamén se atopou un ara romana incrustada nos muros da igrexa coa inscrición
fragmentaria 'DEO D EVER', sobre cuxo significado existen distintas especulacións
e interpretacións pero que confirmaría a antigüidade do sitio como lugar de
culto.
a pesar da súa importancia e singularidades, Adro Vello leva abandonado
máis de 20 anos. En 1997, un grupo de xornalistas fixo un documental sobre a
situación de abandono daquela, con ósos á intemperie; material humano que é moi
difícil de atopar nos chans ácidos galegos e que se conservaron neste
emprazamento por estar soterrados baixo area, un perfecto impermeabilizante.
Uns restos, que debidamente analizados, darían información relevante sobre as
poboacións que viviron no emprazamento.
FONTES:
'el yacimiento de
Adro Vello sufrirá un lavado de cara antes del verano' Diario de Arousa, 20 xaneiro 2013
'Cacabelos:
"Sin apoyo, habrá que volver a enterrar el yacimiento de Adro Vello"' Faro de Vigo, 07 outubro 2010
Ningún comentario:
Publicar un comentario