en 455 varios
acontecementos alteran fondamente os precarios equilibrios existentes na pars occidentis do imperio romano: Valentiniano III é asasinado por bucellarii de Aetius, e Petronius Maximus e Avitus sucédeno de xeito efémero.
en Hispania os suevos vense así liberados
dos seus compromisos con Ravenna e invaden
Carthaginensis. En resposta, para que
os suevos respecten a 'legalidade' imperial, Avitus envía o comes Fronto. O rei godo de Tolosa, Teodorico II, tamén envía aos seus
propios legados. Sen embargo, os suevos fan caso omiso e incluso entran en Tarraconensis, inda ferreamente suxeita
ao imperio. Unha nova embaixada goda en 456 é seguida doutro ataque suevo sobre
a mesma Tarraconensis, con saqueo e
toma de numerosos prisioneiros.
Hispania en 456 www.ciudaddelastresculturastoledo.blogspot.com |
desde o
inicio do seu reinado Reckiario en
449 trata de reforzar a súa posición casando cunha filla de Teodorico I, pai de Teodorico II: aos
godos convenlles ter un aliado máis no taboleiro imperial e para os suevos
contar co apoio godo é garantía da estabilidade para as posicións que obtiveran
en Lusitania durante o reinado de Rechila, pai de Reckiario.
sen
embargo, á volta da viaxe a Tolosa para o casorio en 449 Reckiario devasta
territorios na Tarraconensis, sendo
esta unha máis das accións depredatorias que caracterizan o modus operandi suevo na época. Reckiario
tamén semella alcanzar un pacto con Basilio,
líder da bacauda en Hispania, que ataca e debilita o poder
romano en Tarraconensis. Este feito choca
cos intereses romanos e, por ende, godos (o ataque da bacauda a Tarazona acaba co destacamento godo na cidade).
os acontecementos
de 455 son movementos erráticos e quizás so pretendan obter botín que reforce o
papel do rei e os seus nobres aproveitando unha situación que xulgan favorable.
Reckiario e os seus semellan considerarse inmunes, vista a situación de fonda
crise que atravesa o poder central.
A
actitude de Teodorico II, enviando unha nova embaixada conciliadora, semella
darlles a razón. O godo tamén semella convencido de ser quen de controlar a seu
cuñado mediante acordos diplomáticos. Sen embargo, Reckiario non avalía correctamente
a situación porque, por mandato de Avitus, no verán de 456, Teodorico II reúne
un gran exército en Gallia e marcha
cara Hispania.
ao
tratarse dunha expedición encabezada directamente polo rei, os distintos
aristócratas propietarios de exércitos privados farían parte da expedición. Sen
embargo, esta integración nom faría desaparecer as diferenzas entre as
distintas unidades e os intereses dos seus dirixentes. Pode que Reckiario contara,
nos seus cálculos, coas dificultades de harmonizar os diferentes señores godos.
Tampouco é un desatino supor que contase con apoio de parte da nobreza goda e
que confiara nisto para neutralizar ou atenuar calquera acción hostil.
a
expedición de Teodorico ten un dobre obxectivo: facer cumprir a legalidade
imperial, quebrando a expansión sueva, e obter botín. En ningún momento se tenta
ampliar a zona de asentamento godo buscando terras en Hispania: o que logo sucede non da a entender interese algún polo
control directo do territorio suevo.
Hydacio
nom detalla o itinerario seguido por Teodorico na súa marcha mais nom é difícil
supor que seguiría a vía romana entre Burdigala
e Asturica. Nom sabemos o día de
inicio da expedición nim cantos homes marcharon (Hydacio: cum ingenti exercitu suo, inda que serían varios milleiros, posiblemente
o maior continxente militar godo en Hispania
desde que Walia marchara a Tolosa. O
volume das tropas debeu ocasionar problemas loxísticos durante a marcha.
a marcha
cara Hispania iniciaríase a finais de
xullo ou inicios de agosto, e faríanse pausas en varias cidades de Tarraconensis para valorar as
consecuencias dos saqueos suevos da primavera e asegurar os continxentes godos
nelas.
campaña de Teodorico II contra Reckiario www.condadodecastilla.es |
finalmente,
o 5 de outubro de 456, venres, nas ribeiras do Órbigo, a doce millas de Asturica, un gran número de suevos son
abatidos no curso dunha batalla campal, outros son feitos prisioneiros. Moitos
foxen co propio Reckiario, ferido, que apenas pode facer outra cousa que
escapar ás rexións máis distantes de Callaecia.
chama a
atención o escaso quebranto que semellan padecer as tropas de Teodorico, e máis
tendo en conta que o número de suevos nom era inferior (cum multitudine Suevorum). O éxito godo debeu ser produto dunha
maior experiencia en enfrontamentos militares recentes, coma contra os hunos de
Atila en 451.
reconstruír
as condicións nas que se puido desenvolver o combate é ilusorio. A referencia
ás tropas de Teodorico como ingenti
exercito suo e ás de Reckiario como multitudine
suevorum nom é abondo para deducir
que se enfrontaron un exército en orden (o godo) e un conglomerado popular
desorganizado (o suevo).
fuxido
Reckiario cara o interior de Callaecia
(ad extremas sedes), Teodorico saquea Bracara o 28 de outubro, 'humillando' tanto a romanos como a
suevos. Hydacio nom esperaba as vexacións infrinxidas á poboación romana, ás
virxes consagradas, aos cregos e aos lugares sagrados. Ao cabo os godos actúan en
nome de Roma e o cronista espera unha acción civilizada, unha liberación da súa
provincia.
Reckiario,
refuxiado en Portus Cale, quizá coa
pretensión de fuxir por mar, é capturado e o rei godo manteno prisioneiro por
un tempo. O entorno próximo ao rei debeu ser agora masacrado; el mesmo é
executado en Bracara en decembro. A conclusión
do cronista nom pode ser máis clara: regnum
destructum et finitum est suevorum.
Teodorico
impón como rexente da Callaecia ao
hérulo Axiulfo, e marcha a Lusitania. Sen embargo, os feitos
desmenten a Hydacio porque a maioría dos suevos nom recoñecen a autoridade do
hérulo e cando Teodorico debe regresar precipitadamente a Gallia debido á morte do propio emperador Avitus, proclaman a Framtán, fragmentándose a provincia en
dúas partes.
no propio ano 457 Maldra,
outro suevo, reunifica o 'reino', pero é asasinado en 459 nunha conxura,
xurdindo dous novos rexentes Frumario
e Remismundo (fillo de Maldra),
quen en 463 pasa a reinar en solitario ata 469. Os suevos seguiron controlando Callaecia algún tempo máis. Os
vaticinios de Hydacio nom se cumpren totalmente, e el mesmo inda vive para
comprobalo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario