Amosando publicacións coa etiqueta Sixeberto I. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sixeberto I. Amosar todas as publicacións

xoves, 14 de agosto de 2014

575

codex Amiantinus
Casiodoro
es.wikipedia.org
Leovixildo dirixe ataques contra zonas no NE do conventus bracarensis; anexiona a rexión dos montes Aregenses (na parte oriental da actual provincia de Ourense) baixo o poder do magnate local Aspidium, que seguramente apoia os suevos e resulta capturado.

morre Casiodoro: dedicara os últimos anos á vida monástica, fundamentalmente en Vivarium reunindo libros de toda especie e promovendo a súa copia; esta práctica é sistematizada polos beneditinos, e así se conservan moitos libros da antigüidade.

primavera: durante as negociacións cos bizantinos para ampliar a tregua de hostilidades, Cosroes I invade de súpeto a Armenia romana pero non pode tomar Teodosiópolis (Erzurum) e diríxese cara Capadocia, onde se atopa co xeneral bizantino Xustiniano e os armenios rebeldes, que lle infrinxen unha gran derrota en Melitene (Malatya). O exército de Cosroes I debe atravesar o Éufrates retirándose en desorde, despois de incendiar Melitene e Sebaste. Xustiniano reocupa a Armenia persa. Logo sufre varias derrotas debido á indisciplina dos auxiliares bárbaros

xuño, 2: Bieito I elixido novo bispo de Roma, logo de case un ano de ‘sé vacante’.

no sur de India únense varias tribos baixo Simhavisnú (dinastía Pallava, con dous séculos de historia) e algunhas dinastías veciñas, como os Pandya ou os Chalukya, tratan de contrarrestar o seu poder.

moitos nobres rexeitan que Leovixildo asociara a Recaredo e Hermenexildo porque os priva do seu tradicional dereito a elixir novo rei, pero o rei sabe contelos. Derroga a lei que prohibe casamentos entre godos e católicos e publica un código lexislativo (non conservado) que tendía a eliminar a dualidade existente e pola que godos e hispanorromanos se rexían por códigos distintos.

nace Heraclio o Novo, fillo de Heraclio o Vello e Epiphania, de orixe armenia.

o duque lombardo Ewin de Triente rexeita un ataque franco e casa coa filla de Garibaldo I, duque bávaro.

Xoán de Bíclaro regresa a Hispania desde Constantinopla, despois dunha estancia de 17 anos, o que o convertera en partidario de todo o bizantino. Tan pronto como regresa vese envolto en controversias relixiosas. Leovixildo promove a fe ariana e acaba chocando con Xoán, que resulta exiliado en Barcino durante dez anos.

o ghassánida al-Mundhir, reconciliado cos bizantinos, saquea e incendia al-Hira, capital dos lakhmidas.

Chilperico I renova unha alianza con Gontran e marcha cara Reims. Sixeberto I busca alianzas coas ‘nacións alén do Rhenus’ penetra nos dominios de Chilperico I, conquista Poitiers e Tournai e chega ata o mesmo París, onde se establece mentres os duques Gontran, Boson e Godexiselo derrotan as tropas de Neustria de Thiberto, fillo de Chilperico, en Angoumo e mátano. Chilperico refúxiase en Tournai mentres Sixeberto se proclama vencedor.

decembro: durante a súa proclamación como rei de Neustria polos nobres, dous asasinos pagados por Fredegunda conseguen matar a Sixeberto en Vitry, co que as súas tropas se retiran, sendo Brunequilda feita prisioneira.

Brunequilda resulta exiliada en Rouen. O duque Gondobaldo logra salvar a Childeberto II (5 anos), fillo de Sixeberto e Brunequilda.

decembro, 25: Chilperico non pode evitar que se proclame en Metz como rei de Austrasia a Childeberto II. Brunequilda actúa como rexente oficial do seu fillo pero realmente son os nobres que goberna Austrasia, principalmente Gogon.

convención de Druim Cett: os reis irlandeses discuten a relación a manter con Áedán mac Gabráin de Dál Riata: a colonia é confirmada.

East Anglia divídese nos condados ingleses de Norfolk e Suffolk e quizás a parte oriental dos Fens de Cambridgeshire.

Alexandre de Tralles, médico grego, escribe libri duodecim de re medica.

Qara-Churin Turk Bogiu, Tardu sucede a seu pai Istämi como yabgu do khaganato turco occidental. Seu irmán Bokhan Shad visita e pasa épocas no palacio de Constantinopla. Os turcos orientais son gobernados por Arslan Tobo-Khan, Taspar.

Zhiyi, monxe chinés, viaxa ao monte Tiantai para estudar; traballa cun grupo de discípulos na meditación hindú da śamatha e vipaśyanā.

Varaja Mijira publica Pañcha siddhāntikā (tratado das cinco conclusións [astronómicas]).

mércores, 13 de agosto de 2014

574

www.adevaherranz.es
ubi leouigildo rege cantabros occidit
'Millán de la Cogolla'
Leovixildo ataca Cantabria e destrúe Amaia; descabeza os seus dirixentes (os membros do ‘senado’ cántabro e o seu líder Abundancio son executados) e integra os territorios no reino godo.

embaixada de Miro ao rei Gontran en resposta á expedición de Leovixildo contra Cantabria; con toda probabilidade para tratar de concertar unha alianza. Son interceptados por Chilperico I.

xullo, 13: morre Xoán III; non se elixe sucesor a causa da presenza de tropas lombardas, que interrompen as comunicacións.

Clef é asasinado por un escravo que maltratara. Os nobres deciden non elixir sucesor; como consecuencia, aparecen ducados lombardos independentes, como Spoleto e Benevento, no sur da península.

seguen as hostilidades entre Chilperico I e Sixeberto I.

decembro, 7: Xustino II asocia a Tiberio ao poder: o emperador perde o equilibro mental (quizás polos continuos reveses militares: Italia, Balcáns, contra Persia, …) e sufre crises: parálise nas extremidades, … Faise evidente que non pode exercer o poder e búscase un substituto. O seu único fillo morrera e non confía no resto de parentes. Sofía convénceo para que adopte e asocie ao poder a Tiberio, xefe dos gardas de palacio.

Sofía e Tiberio asinan un ano de paz cos persas cun custe de 45000 solidi; o cese de hostilidades afecta a Mesopotamia porque no Cáucaso continúan os choques.

Áedán mac Gabráin, rei de Dál Riata en Escocia.

os persas acaban co réxime axumita en Iemen, apoiado polos bizantinos. Cosroes I fai do territorio unha satrapía persa. O rei Kaleb morre durante a conquista.

martes, 12 de agosto de 2014

573

Hispani,  aprox. 560 aD
es.wikipedia.org
unha lápida procedente de Pedro de Rocas conserva unha inscrición na que figuran os nomes dalgúns dos monxes fundadores (Hereditas, N ... Eufraxi, Eusani, Quinedi, Eeaci, Flavi, Ruve) referíndose a eles coma "os herdeiros", o que induce a pensar que o mosteiro fora construído con anterioridade. Esta lápida supón, ademais, unha proba da existencia de vida cenobítica en Callaecia anterior aos mosteiros mozárabes e aos fundados por Frutuoso.

Sigulfus, home de Sixeberto I, expulsa de Burdeos a Clodoveo, fillo de Chilperico I.

Clef completa a conquista da Toscana e chega ás proximidades de Ravenna.

a peste aparece ciclicamente en Italia e debilita a provincia contribuíndo que os ataques lombardos sexan máis letais, ven acompañada de grandes fames e moitas cidades réndense sen poder presentar batalla.

Gregorio decide renunciar á política, entrega as súas posesións á igrexa e dedícase a fundar mosteiros segundo a regra beneditina en Sicilia e logo outro en Roma, no que el mesmo profesa; débeselle a expansión da regra beneditina fóra de Italia.

Xoán III retírase ás catacumbas ao longo da vía Appia debido á presión lombarda sobre Roma.

batalla de Arfderydd entre Gwenddoleu ap Ceidio e os fillos de Eliffer, Gwrgi e Peredur, que vencen a contenda (annales cambriae)

Leoxigildo emprega distintivos rexios.

Brunequilda, muller de Sixeberto I, convénceo para vingar a morte de súa irmá por instigación de Fredegunda. Sixeberto I esixe a Chilperico I que devolva a dote que recibira no casamento, este négase e iníciase unha guerra entre os dous irmáns. Sixeberto I ataca as rexións de París e Chartres.

Leovixildo emprende campañas militares contra as rexións limítrofes da base territorial sueva, que conseguiran manter a súa autonomía a respecto deles; este é un paso previo para atacar directamente o territorio suevo. Este ano os visigodos atacan a zona do sureste do convento bracarense: a Sabaria e o pobo dos sapos (rexión montañosa arredor do río Sabor, afluente do Douro en Portugal).

Theodefrid, conde alamano, en sucesión de Wafar.

Leovixildo fai os seus fillos Hermenxildo e Recaredo correxentes.

abril, 19: o xeneral bizantino Marciano parte de Dara contra a Mesopotamia persa. Derrota os persas en Sargathon e asedia Nisibis. Acusado por Xustino II de conspirar contra el é relevado e as tropas levantan o asedio en desorde.

verán: un exército persa sae de Babilonia baixo Adarmahan e cruza o deserto e o Éufrates para atacar Syria, onde saquea Apamea e Antioquía.

agosto, 22: Gregorio, elixido bispo de Tours por influencia de Sixeberto I e en sucesión de Eufronius, parente seu por parte de súa nai. Escribirá historia dos francos e terá enfrontamentos cos merovinxios, especialmente con Chilperico I.

setembro, 11: Gontran reúne en París un concilio para tratar de mediar entre Chilperico e Sixeberto sen éxito; a guerra prosegue con máis violencia. Os fillos de Chilperico atacan Tours e Poitiers; el devasta o Limousin e o Cahorsin.

novembro, 15: Cosroes I conquista Dara logo dun asedio de seis meses. Xustino vese obrigado a pedir a paz.

novo brote de peste en Constantinopla.

venres, 8 de agosto de 2014

569

Chilperico I e Fredegunda
por Jean de Tillet
it.wikipedia.org
xaneiro, 1: concilio en Lucus contra o arianismo, sendo bispo Nitixio.

outubro, 3: os lombardos entran en Mediolanum. Moitas cidades réndense sen ofrecer resistencia. Ticinum resiste. Alboino establécese en Verona.

os lombardos van baixando cara Tuscia e na Emilia. Os bizantinos seguen fortalecendo as súas posicións en torno a Ravenna.

novembro, 19: cántase o himno vexilla regis en Poitiers por primeira vez con motivo do traslado dunha reliquia da cruz ao mosteiro da ‘santa cruz’. O mosteiro fora fundado por Radegunda e as reliquias enviadas polos propios emperadores de Constantinopla, Xustino II e Sofía.

o reino nubio de Alodia faise cristián monofisita por influencia de misioneiros bizantinos (Xoán de Éfeso). Makuria faise tamén cristián, pero melquita, por influencia de misioneiros coptos.

o reino Garamantian (Lybia) asina un tratado de paz con Constantinopla. A capital, Garama, cristianízase.

al-Munhir III sucede a seu pai al-Harith V como rei dos ghassanidas.

Xoán de Éfeso completa a súa biografías de santos orientais.

Sixeberto I e Gontran sitian Arelate, en mans godas.

o príncipe bereber Garmul rebélase contra os bizantinos en Mauretania e derrótaos. Repetirá en 570 e 571, antes de ser derrotado e morto polo patricio Gennadius.

os lombardos atacan tamén Provenza. O patricio Amatus é derrotado e morto pero son rexeitados polos francos. Esta situación provoca acercamentos entre francos e bizantinos.

xoves, 7 de agosto de 2014

568

casco lombardo
Fornovo San Giovanni
Bergamo, museo civico archeologico
www.pinterest.com
inicios de ano: Xustino II substitúe o goberno militar por un goberno civil en Italia. O patricio Flavius Longinus, enviado para suceder a Narsés, chega a Ravenna.

abril, 1: os lombardos (uns 100000 en total, incluídos 20000 saxóns, bávaros, taifales e sármatas que se van unindo ao continxente) dirixidos por Alboino cruzan os Alpes Xulianos e invaden Italia.

maio, 20: os lombardos ocupan Aquileia e o Véneto. As escasas unidades bizantinas que están no val do Po non lles poden facer fronte; abandonan grandes zonas do noreste e establecen unha marca fronteiriza nas cuíñas ao sur de Ravenna (inda coñecida como ‘il marche’).

Paulinus I, patriarca de Aquileia, fuxe cos tesouros da súa igrexa e trasládaos á illa de Grado.

Xisulfo, sobriño de Alboino, é o primeiro duque lombardo de Friul.

o avance lombardo vese favorecido pola indiferenza civil, produto da dureza da ocupación bizantina.

as zonas que desaloxan os lombardos en Pannonia son ocupadas por avaros, búlgaros e eslavos.

Sixeberto I, rei de Austrasia, rexeita un novo ataque avaro.

Chilperico I estrangula a Galswintha por instigación de Fredegunda, con quen ten unha relación e con quen casa a continuación.

Aethelric sucede a seu irmán Adda como rei de Bernicia (Escocia).

agosto: o strategos bizantino Zemarchos parte ao encontro do khan turco coa intención de pactar unha alianza contra os persas.

Xustino II e Sofía envían a ‘cruz de Xustino II’ (logo chamada ‘cruz vaticana’) a Roma como mostra da súa vontade de mellorar relacións entre occidente e oriente.

batalla de Wibbandun: Ceawlin de Wessex (anglo) derrota a Aethelberht de Kent (xuto) (crónica anglo-saxona); o primeiro enfrontamento entre os ‘invasores’ de Britannia.

Liuva I asocia a seu irmán Leovixildo ao trono. Leovixildo casara con Golsvinta, viúva de Atanaxildo, e reclama o trono. Ten unha gran personalidade e moitos partidarios. Liuva I non se enfronta a el e decide repartirse o trono conservando a parte NO dos dominios godos.

morre Narsés, no seu retiro de Neapolis.

Clodoveo, fillo de Chilperico I, é expulsado de Tours por Eunius Mummolus, por orden de Gontran.

ofensiva avara contra Sirmium.

Corippo escribe un panexírico en honra do emperador Xustino II.

mércores, 6 de agosto de 2014

567

Liuva I
en.wikipedia.org
marzo, 5: morre Cariberto en París sen descendencia lexítima. Casara con Ingeborga, e as súas servas Merofleda, e Marcowefa. Teutechilda, outra esposa, é excomungada dos seus bens por Xermán, bispo de París, por poligamia do rei e Gontran retírallos. Como consecuencia Gontran, Chilperico e Sixeberto repártense as terras do irmán maior.

Alboino mata a Cunimundo e casa coa súa filla Rosamunda, co que se converte en rei dos xépidos; parece que Alboino usa o cranio de Cunimundo como copa para beber. Alboino recea dos avaros e fai plans para entrar en Italia.

Atanaxildo pretende recuperar Corduba, pero fracasa no seu intento.

xuño, 20 (ante quem): morre Atanaxildo de morte natural en Toletum.

logo de cinco meses sen rei os magnates godos decídense por Liuva I, duque de Septimania.

novembro, 17: II concilio de Tours: os cregos atopados coa súa muller na cama serán excomungados; tamén os xuíces que non cumpran as amoestacións dos bispos.

Iohannes III, patriarca de Constantinopla, organiza un compromiso entre partidarios de Calcedonia e monofisitas.

Chilperico I envía ao seu fillo Clodoveo a Aquitania para facerse coas cidades de Poitiers e Tours, en poder de Sixeberto I. 

566

Sixeberto I de Austrasia
Recueil des rois de France
(FR 2848, f° 150)
gl.wikipedia.org
primavera:  Sixeberto I casa coa goda Brunequilda, filla de Atanaxildo, en Metz.

a causa da precaria situación da tesouraría pública, Xustino II comeza o seu goberno negando o tributo pactado aos avaros, que emprenden varios ataques de longo alcance nos Balcáns como represalia.

Xustino II chama a Xustinus, curmán seu e pretendente ao trono, a Constantinopla, e tras facerlle varias acusacións é posto baixo arresto domiciliario; finalmente é instalado en Alexandría como prefecto de Exipto pero alí é asasinado mentres durme e decapitado; a súa cabeza acaba en Constantinopla, probablemente o crime é un encargo da emperatriz Sofía.

Xustino II envía ao seu xenro Baduarius (magister militum) en apoio dos xépidos na súa guerra contra os lombardos. Os bizantinos vencen nunha batalla en Moesia pero Cunimundo, xefe xépido, rexeita entregar Sirmium, como pactara co emperador.

medra a tensión cos lombardos de Alboino, que acorda unha alianza cos avaros de Bayan I a cambio de duras condicións: unha décima parte do gando vacún dos lombardos e a metade do botín de guerra.

outubro, 3: o médico do emperador e o prefecto de Constantinopla son acusados de traizón e decapitados.

Ainmuire mac Sétnai, soberado de toda Hibernia (libro de Leinster).

Fei Di (12 anos) sucede a seu pai Wen Di como emperador da dinastía Chen; honra a súa tía-avoa  Zhang Yao’er co título de emperatriz e este convértese en rexente.

outono: os avaros atacan as fronteiras orientais francas; Sixiberto I acude a frealos pero é derrotado e feito prisioneiro onde o Elba; é liberado a cambio dun algo rescate.

Kirtivarman I sucede a seu pai Pulakesi I como soberano da dinastía Chalukya (India); conseguirá dominar os Kadambas e anexar o porto de Goa.

inverno: os turcos occidentais cruzan o Volga, xeado, coa intención de aniquilar os avaros.

finais de ano: Chilperico I contrarresta o movemento de Sixeberto I casando en Rouen coa irmá maior de Brunequilda, Gailswintha. Obtén os territorios godos entre o Garona e os Pirineos.

martes, 5 de agosto de 2014

565

solidus coa efixie de Xustino II
de.wikipedia.org
xaneiro, 22: Eutychius é deposto como patriarca de Constantinopla ao rexeitar os criterios doutrinais de Xustiniano I.

abril, 12: Iohannes III Scholastikos é o novo patriarca de Constantinopla.

morre Belisarius.

Bayan, khan dos avaros.

maio, 2: Ahkal Mo’ Nahb II, soberano de Palenque, en sucesión de K’an Joy Chitam I (morto o 6 de febreiro).

novembro, 11: morre Xustiniano I, “o emperador que nunca dorme”. Dedicou toda a vida ao goberno e abstívose de toda clase de praceres. Non tivo fillos nin deixou designado sucesor. Ten sete sobriños pero so un está na capital cando morre o emperador; faise coroar polos gardas de palacio e corre ao Hipódromo a ser aclamado polo pobo, co nome de Xustino II, alcumado Curopalate; está casado con Sofía, sobriña de Teodora.

Gao Wei sucede a seu pai Wu Cheng Di como emperador Qi do norte.

os uigures son derrotados polos turcos, que se expanden por Asia central.

Agathias comeza unha crónica; relatando a partir de onde rematou Procopio.

a peste rebrota en Italia, onde Narsés goberna con man dura. Xustiniano non parara de recibir queixas sobre el pero sempre declinou actuar. Xustino quere asegurarse a lealdade de Italia cambiando a situación e destitúe o home de confianza de seu tío. Faino de xeito brutal, enviándolle unha mensaxe na que o insta a deixar a guerra en mans de homes e a que se una ás mulleres de palacio, limitándose a tecer, en alusión á súa condición de eunuco. Finalmente Narsés retírase cunha pensión a unhas propiedades en Neapolis, sen volver a Constantinopla.

Vaefar, líder alamano.

Carentinus, bispo de Colonia.

Columba de Iona visita as Orkneys.

Venancio Fortunato emprende unha peregrinación desde Italia cara a tumba de Martiño de Tours e fai altos no palacio de Sixeberto I e onde Sidonius, bispo de Mogontiacum; será futuro acompañante de Radegunda.

luns, 4 de agosto de 2014

562

ruínas de Tikal
www.imperioromano.com
o Yamato xaponés é expulsado de Corea. Desde entonces China e Xapón dispútanse influír na península. O reino de Paikche acepta a Xapón como aliado, mentres que Silla busca o apoio de China contra Kokuryo.

Silla, co rei Jinheung, ataca Gaya e conquístaa.

arrestos en masa, burlas, torturas e execucións dos pagáns helenos en Atenas, Antioquía, Palmira e Constantinopla.

primavera: Xiao Ming Di (20) sucede a seu pai Xuan Di como emperador da dinastía Liang.

abril: os kutrigures penetran en Thracia.

maio, 1: o estado maia de Caracol (Belize) derrota o rei Wak Chan K’awiil (dobre paxaro) de Tikal.

Belisarius é xulgado por corrupción en Constantinola, posiblemente con Procopio no papel de praefectus urbi; é declarado culpable e enviado a prisión.

decembro, 23: Xustiniano reconsagra Hagia Sophia logo da reconstrución da súa cúpula. Paulo o silenciario escribe un poema épico (Ekphrasis). A nova Hagia Sophia custa 20000 libras de ouro.

os avaros atacan Austrasia e Sixeberto I derrótaos cerca de Castra Regina (Regensburg); traslada a súa residencia de Reims a Metz.

Taiyuan, capital secundaria de Qi norte, é reconstruída e convértese nun centro budista.

561

Ariamiro con Lucrecio, Andrés e Martiño
codex Vigilianus (s. X)
es.wikipedia.org
Xustiniano enferma e comezan as conspiracións entre os aspirantes á sucesión. Varios familiares de Belisarius están implicados nunha conxura; cando se recupera o emperador son torturados e executados.

marzo, 4: morre Pelaxio I e é elixido Catelino (xullo, 17), que é bispo co nome de Xoán III. Trata en vano de resolver o cisma de Aquilea, orixinado a raíz dos ‘tres capítulos’.

Clotsvinda, filla de Clotario I, casa con Alboino, rei lombardo.

maio, 1: I Concilio de Braga: asisten oito bispos da Callaecia: Lucrecio, Andrés, Martiño, Coto, Hilderico, Lucecio, Timoteo e Malioso. O rei que figura nas actas recibe o nome de Ariamiro.

Lucrecio, metropolitano de Bracara, levaba certo tempo desexando organizar o concilio pero non puidera ser debido á prohibición real, do mesmo xeito que fixeran os reis godos dende tempos de Axila, que introduciu a prohibición entre 549 e 555, como reacción á invasión bizantina de 552 para previr a posibilidade de que se usara o catolicismo contra os godos e instigar alianzas entre francos, suevos e os hispano-romanos católicos.

o concilio condena o priscilianismo.

Hibernia: batalla de Cúl Drebene entre os Uí Néill do norte e do sur.

inverno: Wu Cheng Di sucede a seu irmán Xiao Zhao Di como emperador chinés do Qi norte. Morre de feridas de caza.

Jnanagupta, un monxe budista de Gandhara comeza a traducir textos budistas ao chinés.

outubro, 12: lume en Constantinopla.

novembro, 29: Clotario I morre e deixa sete fillos de diferentes mulleres. Os catro maiores asasinan a dous e conseguen excluír da herdanza ao outro, Gramna. Dividen o reino en catro partes e sortéanas: Cariberto, o maior, queda coa parte oeste, con capital de París; Gontrán, o segundo, Borgoña, con capital en Orleáns; Chilperico I, con Neustria, con capital en Soissons; Sixeberto I herda Austrasia, con capital en Reims.

novembro: os verdes atacan os azuis no hipódromo de Constantinopla.

decembro: tratado de paz de cincuenta anos entre persas e bizantinos. Acórdase en Dara entre o magister militum Pedro e Izadh-Gouchnasp. Conclúe a guerra lazica. Xustiniano paga un tributo de 30000 pezas de ouro a Cosroes I a cambio da evacuación de Lazica e liberdade culto para os cristiáns.

Narsés ataca os francos inda instalados ao norte do Po.

os avaros aparecen na fronteira do Danubio. Invaden a Besarabia e executan ao xefe local, Mesamer.

revolta dos taifales ao oeste do Poitou contra as imposición do duque Austrapius. É a última vez as fontes os mencionan; darán nome ao país de Tiffauges.