Amosando publicacións coa etiqueta Bahram V. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Bahram V. Amosar todas as publicacións

mércores, 29 de agosto de 2012

438

edición medieval do
codex theosodianvs
Teodosio II e Glabrio, cónsules.

xaneiro, 27: os restos de Xoán Crisóstomo son trasladados por Proclus a Constantinopla e soterrados na igrexa dos Apóstolos.

O conflito nestoriano persiste en Constantinopla, e as diferenzas resucitan o caso de Xoán Crisóstomo. Pulcheria decide resolver isto definitivamente: inflúe para que Teodosio II revoque a condena  contra el, traia o cadáver de volta á capital e é canonizado nunha cerimonia na que o emperador pide perdón en nome de seus pais.

xaneiro, 31: Teodosio II decreta contra os pagáns, considerando a súa “idolatría” como a razón dunha recente praga.

febreiro, 15: publícase en Constantinopla un novo código lexislativo (código de Teodosio); terá vixencia ata tempos de Xustiniano, que o substitúe.

novella III anti-xudía de Teodosio II: sanciona a súa actividade como defensores civitatis e a construción de novas sinagogas, tratando de evitar a aparición de novas comunidades.

en Gallia é probable que, ademais de Burdeos, Arles e Narbona, houbese outra comunidade xudía en Tolosa, capital goda. Ignórase cando puido nacer (probablemente antes de 438: a novella prohibe novas sinagogas; e en 507: os francos, católicos, ocuparon a cidade). Por tanto, debían existir xa cando chegaron os godos e permaneceron ata o s. xi. Armand Lunel ten ubicado outras sinagogas en Béziers, Lodéve, Lunel, Mende, Montpellier, Nímes, Pamiers, Pézenas, Pesquieres e Saint-Gilíes, entre outros lugares; pero non as sitúa cronoloxicamente. Os xudeus estaban relativamente integrados: falaban latín, non se diferenciaban na indumentaria, e moi pouco nos costumes diarios, salvo en certas normas alimenticias. A diferenza do acontecido en Oriente, no se lles consideraba estranxeiros. Por todo iso non é probable que viviran segregados en guetos, inda que as normas de desprazamento para o cumprimento do sabbath lles obrigaran a vivir en zonas próximas á sinagoga. Isto non quere dicir que lles faltaran detractores.

setembro, 25: tremor de terra en Constantinopla. Ao parecer, unha multitude, aterrada, acude en procesión a Hebdomon.

québrase a paz en Hispania. Hermerico, enfermo, delega o poder no seu fillo Rechila. O novo xefe suevo pasa á ofensiva. A base de poder en Callaecia estaría asegurada (o statu quo entre a aristocracia local e os xermanos obrigaríalle tamén, en certo modo, a estender as súas campañas de saqueo fóra do territorio da provincia).

en Baetica Rechila derrota forzas comandadas por un tal Andevotus e captura o seu tesouro na beira do Xenil. Podería ser un xeral romano, un xefe vándalo que non pasara a Africa en 429, ou un poderoso propietario aristócrata local.

agosto, 4: morre Bahram V Gor, sucedido por Yazdegerd II.

Litorius, con auxiliares hunos, leva o conflito cos godos ata a mesma Tolosa, cidade que asedia.

peregrinación da emperatriz Eudocia a Terra Santa en agradecemento polo casamento da filla; sen embargo, a consideración polo ascetismo de Melania a Nova e a devoción polas reliquias de Estevo indicarían unha vontade persoal: seguiría o exemplo de Helena, nai de Constantino I, que cumprira un papel público, baseado en conviccións persoais.

as viaxes de ida e volta caracterizáronse pola xenerosidade das doazóns imperiais ás igrexas no camiño. Porén, a única mención explícita é a estancia en Antioquía: nunha “visita de estado”, Eudocia contribuíu con melloras edilicias na cidade e erixiuse unha estatua conmemorativa de bronce da súa visita.

nun discurso formal aos cidadáns referiuse á súa ascendencia grega e mostrouse orgullosa de compartila cos antioquenos, feito ilustrado coa elaboración sobre un verso de Homero. A emperatriz (“a poeta errante”) segue a moda de compor poemas honrando as cidades visitadas polos poetas nas súas viaxes. Neste sentido, actúa seguindo máis unha moda literaria que cristiá.

en Xerusalem tamén estaba Cirilo de Alexandría pero non hai evidencias abondo de que fose para acompañar á emperatriz na súa viaxe oficial coma director espiritual.

Teodosio II prohibe a divulgación de coñecementos sobre carpintaría naval, en relación posiblemente ao auxe naval vándalo.

decembro, 23: o senado de Roma recibe e acepta solemnemente o código Teodosiano, logo dun acordo entre os dous augusti.

Aetius, agora viúvo, casa coa viúva de Bonifacio, Pelaxia. Herda, por tanto, os seus bucellarii.

en China T’o-pa Tao proclama un edicto de laicización contra os monxes budistas.

Anatolius, magister peditum, na corte oriental.

martes, 31 de xullo de 2012

428

moeda vándala acuñada durante Gaiserico

Flavius Felix e Flavius Taurus, cónsules. Consérvase unha peza dos dípticos consulares de Felix.

Bahram V conquista a Armenia persa e depón a Artaxias IV (fin da dinastía Arshakuni): o territorio convértese nunha simple provincia do imperio sasánida.

os vándalos volven controlar Hispalis (xa o fixeran en 425). A importancia da igrexa explica os frecuentes ataques que sofren as súas posesións (Hydacio menciona o ataque en Hispalis). Gunderico (49 anos) morre en Hispalis e sucédeo Gaiserico, medio-irmán, ao fronte de vándalos e alanos. Un exército romano ataca os vándalos pero é derrotado.

salvo en Callaecia e Baetica non semella haber presenza bárbara. Incluso en Baetica os vándalos non reteñen o control das cidades logo de saquealas, e en Callaecia é probable que os romanos seguen dominando moitas posicións.

Chlodius, (fillo de Pharamond?), caudillo dos francos salios. Invade Gallia e derrota un exército romano en torno a Cambrai. Estende a súa autoridade ata o Somme e fai de Tournai a súa residencia. Recibe o recoñecemento de Valentiniano III.

abril, 10: Nestorio (de orixe siria), patriarca de Constantinopla. Predica unha nova doutrina (nestorianismo) que distingue as naturezas humana e divina de Xesús.

salvo os arianos (cada vez máis illados), xa non se dúbida que Cristo tiña tanto unha natureza divina coma unha natureza humana. Sen embargo, Nestorio pensou como se relacionaban entre si ambas naturezas. Concluíu que eran independentes, de xeito que María era nai da parte humana de Xesús, pero non da parte divina. Así, Cristo era un ser humano no que enraizara unha natureza divina, da cal era instrumento.

estas teorías non gustan a Pulcheria, que atopa apoio en Cirilo, patriarca de Alexandría (calquera motivo era bo para contradicir o Patriarca de Constantinopla, especialmente se se contaba co apoio do emperador). Cirilo consegue que Celestino I lle autorice a depor a Nestorio da sede patriarcal. A demora de Cirilo en cumprir o autorizado por Roma, facilita as manobras de Nestorio, que impulsa a Teodosio II a convocar os bispos de oriente a un concilio en Éfeso.

Xoán sucede a Theodotus coma patriarca de Antioquía, e apoia a Nestorio.

Euthymius o grande funda un mosteiro en Palestina, próximo ao Mar Morto.

Bonifacio busca o apoio vándalo para defenderse contra Ravenna.

Vortigern busca apoio de mercenarios saxóns para consolidar a súa autoridade en Britannia (historia brittonum): probablemente se asentan en Kent para loitar contra pictos e escotos alén do muro de Adriano.

outubro, 26: Venus oculta Xúpiter.

novembro, 22: prédica de Anastios, capelán de Nestorio, que nega a María a condición de theotokos (nai de deus); só sería christotokos (nai de Cristo).

Agostiño defende publicamente a ortodoxia en contra do arianismo, defendido por Maximino.

Aetius vence un grupo de francos ripuarios, obrigándoo a volver cruzar o Rhin.

venres, 27 de xullo de 2012

427

dracma de prata coa efixie de Bahram V
ceca de Kandahar
www.ancientresource.com

Flavius Hierius e Ardaburius, cónsules.

Aetius rende contas en Ravenna e demanda máis poder para contrarrestar os visigodos e os francos renanos.

Pannonia prima está totalmente na órbita huna. Constantinopla ocupa a Pannonia secunda para avanzar pola liña do Danubio, máis doada de defender contra os hunos. Sirmium, antiga residencia imperial sobre o Save, é clave como nodo de comunicacións. Valentiniano III non recoñece esta ocupación.

Bonifacio casa con Pelaxia, ariana, e é convocado por Gala Placidia en Ravenna por consello do magister militum Felix. Rexeita obedecer.

Honoratus, bispo de Arelate.

Felix debe asentar a súa autoridade persoal fronte os seus rivais. O seu éxito supón tamén reforzar a influencia de oriente en occidente. En coordinación con Constantinopla traballa para recuperar o control das Pannonias (a fortaleza de Aetius baséase no uso de hunos como foederati).

logo de que outros xerais foran derrotados, Felix envía unha expedición a Africa encabezada polo comes Sixisvulto, que asedia e toma Hippo Regius e Carthago.

Sixisvult é ariano e envía a Maximino, bispo ariano no seu séquito, a polemizar con Agostiño. Maximino escribe tractatus contra iudaeos: reflicte unha postura defensiva ante o atractivo do xudaísmo en Africa. Entre outros temas trata da circuncisión, rexeitada por ser marca infamante, negándolle a súa garantía de salvación. O tema xa estaba presente por unha lei de Teodosio II e Honorio (417), que prohibía que os xudeus circuncidaran os seus servos cristiáns. Evagrio usaría logo en altercatio argumentos semellantes e Rutilio Namaciano considerábaos raza inmunda porque “mutilan sen piedade a extremidade do membro xenital”, unha “loucura” e unha “extravagancia” propias dunha “banda de escravos impostores”.

por que cando o corpo humano empeza a perder valor o antixudaísmo rexeita a circuncisión? inda se distinguía entre lexislación civil e relixiosa, cada unha coas súas propias sancións. A relixiosa non podía permitir unha práctica cruenta, frecuente no terreo estatal e profano, e máis cando esa práctica acabou por converterse nun distintivo entre homes libres e escravos.

tractatus contra iudaeos será admirada na corte ostrogoda, onde Teodorico mandará facer copias no scriptorium de Verona: hoxe consérvase incluído no codex veronensis, datable entre fins do s. v e inicios do s. vi. Ignoramos ata que punto os arianos de Tolosa seguiron tamén esta doutrina e canto puido influír no seu comportamento cara os xudeus. Con Teodorico II (453-466) xa puideron sentirse ecos, pero moito máis con Alarico II (484-507), quen casou coa ostrogoda Thiudigoto, caendo na órbita amala (o seu fillo chamouse Amalarico): o único período do que temos información directa sobre os xudeus.

os vándalos e alanos seguen atacando Africa e as Baleares.

Hydacio é ordenado bispo de Aquae Flaviae.

Bahram V rexeita ataques dos hephtalitas, procedentes de Asia central, mandando unha forza expedicionaria cara Khorasan, ocupada polo khagan hephtalita, morto polos persas en Merv. Isto afrouxa a presión na fronteira oriental do imperio romano.

Jangsu transfire a capital do reino Goguryeo dende a fortaleza de Gungnae (actual Ji’an), na beira do río Yalu, a Pyongyang.

domingo, 15 de xullo de 2012

421

alfabeto armenio
consulado de Agricola e Eustathius.

Agricola é cabeza dunha familia senatorial de Clermont con amplas propiedades na Auvernia; unha familia tan importante en Gallia como os Anicii en Italia. Un devanceiro importante fora o patricius Philagrius (s. IV). Agrícola mesmo foi prefecto de Gallia polo apoio prestado a Honorio durante as usurpacións de Constantino III e Jovinus. Tiña dous fillos: Nymphidius (emparentado coa gens Magna de Narbo) e Avitus (nado c. 385 e futuro augustus), quen tivo tres fillos: Agrícola, Ecdicius, e Papianilla.

febreiro, 8: Flavio Constancio é proclamado augustus (Constancio III) por Honorio. Teodosio II non acepta a decisión e está a punto de estallar un conflito militar. Tamén disenten as xerarquías eclesiásticas ao por Teodosio II o Illyricum baixo o patriarca de Constantinopla, en contra do parecer de Bonifacio I.

Bahram, un dos fillos de Yazdgard I estudara en Hira (daquela nun dos seus mellores momentos: consérvanse moitas poesías árabes do período, e foi quizás cando xurdiu a escritura árabe, por influencia persa). Bahram conta co apoio do rei de Hira e apodérase do trono persa co nome de Bahram V. O novo rei continúa as persecucións contra os cristiáns e inicia a guerra contra o Imperio Romano porque este acollía cristiáns que fuxían do seu territorio.

Teodosio II encomenda a guerra ao magister militum Ardaburius e ao seu fillo Aspar (de etnia alana), que invaden Mesopotamia e se consolidan coa rápida derrota persa.

marzo, 25: fundación de Venecia (unha lenda?) coa construción dunha igrexa na illa de Rialto.

xuño, 7: Pulqueria teme perder o control sobre seu irmán a medida que este crece. Chamáralle a atención una rapaza grega chamada Athenais, filla do filósofo Leoncias, por quen fora educada con esmero. Pulqueria convértea ao cristianismo e o patriarca Atticus bautízaa co nome de Aelia Eudocia. Non lle custa nada que seu irmán a acepte como esposa. Pensa que así estaría entretido e ela podería seguir gobernando. Entre outros festexos, celébranse carreiras no hipódromo.

Pulqueria era unha virxe consagrada, o centro dunha corte cuxa devoción é encomiada polos historiadores eclesiásticos da época. O seu exemplo fora seguido polas súas irmás máis novas, Arcadia e Marina. Pulqueria aconsella a seu irmán en todo e procura consolidalo no seu papel de emperador cristián.

o padroado imperial estendeuse a gran escala na construción de edificios de uso relixioso: igrexas, mosteiros e hostais, que foron sostidos con financiamento imperial e adornados con tesouros imperiais; por exemplo, Pulqueria edificou un estupendo altar na igrexa maior de Constantinopla como declaración pública da súa devoción, das súas irmás e do papel de seu irmán.

a imaxe oficial da corte é de austeridade, coma se dun mosteiro se tratara: elas vivindo con piadosa simplicidade e practicando a oración na constante compaña de eminentes eclesiásticos e o propio emperador xaxuando regularmente dous días á semana, e mantendo disputas teolóxicas cos bispos a propósito das escrituras (que seica coñecía de memoria), coa axuda dunha enorme biblioteca teolóxica.

o populacho no hipódromo con frecuencia non obtiña o esperado; en cambio, o propio emperador dirixíao  en cantos piadosos, vestido coma un cidadán privado, “a cidade enteira convertida nunha igrexa.”

esta representación da corte débese a historiadores eclesiásticos coma Sozomeno (dedicou a súa obra ao propio emperador) pero a súa obxectividade queda comprometida: téntase representar unha era de paz e felicidade, na que a man de Deus traballaba de xeito explícito protexendo o seu imperio na terra (algo xa prefigurado por Eusebius no retrato de Constantino o Grande). Todo sería unha recompensa pola devoción evidenciada por Teodosio e o seu entorno, que garantía o benestar dos seus súbditos.

setembro, 2: morre Constancio III. Gala Placidia, viúva novamente. O conflito con Constantinopla perde intensidade.

setembro, 6: anúnciase o éxito de Ardaburius en Constantinopla. Devastara Arzanene (Armenia) e forzara os persas a retroceder a Nisibis. A capital dos lakhmidas de Hirah (aliados persas) é arrasada polos ghasanidas (aliados romanos).

inverno: o comes domesticorum Castinus loita contra os francos en Gallia.

a conciencia nacional armenia, aparecida coa conver­sión ao cristianismo, vese reforzada pola invención do alfabeto armenio. Ata entón, o armenio tiña sido unha lingua falada; os servizos relixiosos realizábanse en sirio na Arme­nia persa, e en grego na Armenia bizantina, e os sacer­dotes que coñecían ben esas linguas traducían oralmente escrituras e servizos relixiosos para o pobo. A falta dunha lingua escrita aumentaba as posibilidades de éxi­to da labor de asimilación lentamente emprendida polo Imperio, e na Armenia persa deixaba campo libre para a difusión de textos mazdeístas. O rei da Armenia persa Vramshapuh, e o katholikos Sahak, erudito, advirten o perigo e a necesidade dunha escritura nacional.

confían a tarefa ao sacer­dote Mesrop Mashtots, quen, con varios compañeiros, despois dunha viaxe de con­sulta e estudo por Amida, Edesa e Samosata, regresou cun alfa­beto admirablemente adaptado á lingua armenia, con 36 letras correspondentes ás variacións fonéticas.

iníciase a tarefa de «ensinar, escribir e traducir»: Mesrop viaxa a Xeorxia e Albania, e envía discípulos a Edesa e Nisibis para continua­r estudando a lingua siria e traer manuscritos relixiosos e obras de escritores sirios, como Efraím, para traducilas ao armenio. Créanse escolas monásticas onde se forman es­tudantes e se traduce. As escolas fundábanse de xeito doado na Armenia persa, con katholikos e rei propios, pero na bizantina precísase autorización imperial; por iso, Mesrop diríxese a Melitene (421-422), onde deixa discípulos e continúa cara Cons­tantinopla, onde Teodosio II e o patriarca Atticus o autorizan a establecer escolas na Armenia bizantina; tamén leva consigo manuscritos.

a lingua falada alcanzara un alto grao de desenvolvemento, e as obras do s. V constitúen a idade de oro da literatura armenia. A Biblia, que se traduciu primeiro do sirio, volveu ser traducida do grego polo propio katholikos Sahak, Mesrop e discípulos; tamén traducen os libros necesarios para a liturxia, as obras dos Pais da Igrexa sirios e gregos, así como obras seculares tales como a Leda de Alexan­dro. A importancia desta intensa actividade non se limita a Armenia; hai obras cuxos orixinais só se coñecen a través destas traducións: por exemplo, a crónica de Eusebio. Incluso cando se conservaron manuscritos gregos ou sirios, a antigüidade e exactitude das traducións armenias ten sido útil para establecer a forma primitiva do texto. Finalmente, os xeorxianos empregaron para as súas propias traducións as ver­sións armenias.

a produción de obras orixinais desenvólvese á par coa labor de tradu­ción. As obras históricas remóntanse á an­tigüidade lendaria de Armenia e tamén proporcionan información sobre acontecementos acontecidos en países veciños, mentres que os tratados teolóxicos, como o de deo de Eznik (discípulo de Mesrop) fan fe da cultura teolóxica e filosófica dos sacerdotes armenios durante ese período.

Ruxila e as bandas hunas que controla atacan as dioceses de Dacia e Tracia. Teodosio II autoriza asentamentos en Tracia de ostrogodos panonios para defender a fronteira do Danubio.

os francos progresan en Gallia e saquean Augusta Treverorum, antiga capital da diocese.

en Britannia comeza a preeminencia de Salomon I (ficticio?).

en Roma, Petronio Máximo (futuro augustus) restaura por última vez (que conste) o teatro de Marcello.

Agostiño escribe enchiridion ad laurentium e de fide, spe, caritate.

Dharmarksema traduce o mahāparinirvāṇa sūtra ao chinés.