venres, 27 de xullo de 2012

427

dracma de prata coa efixie de Bahram V
ceca de Kandahar
www.ancientresource.com

Flavius Hierius e Ardaburius, cónsules.

Aetius rende contas en Ravenna e demanda máis poder para contrarrestar os visigodos e os francos renanos.

Pannonia prima está totalmente na órbita huna. Constantinopla ocupa a Pannonia secunda para avanzar pola liña do Danubio, máis doada de defender contra os hunos. Sirmium, antiga residencia imperial sobre o Save, é clave como nodo de comunicacións. Valentiniano III non recoñece esta ocupación.

Bonifacio casa con Pelaxia, ariana, e é convocado por Gala Placidia en Ravenna por consello do magister militum Felix. Rexeita obedecer.

Honoratus, bispo de Arelate.

Felix debe asentar a súa autoridade persoal fronte os seus rivais. O seu éxito supón tamén reforzar a influencia de oriente en occidente. En coordinación con Constantinopla traballa para recuperar o control das Pannonias (a fortaleza de Aetius baséase no uso de hunos como foederati).

logo de que outros xerais foran derrotados, Felix envía unha expedición a Africa encabezada polo comes Sixisvulto, que asedia e toma Hippo Regius e Carthago.

Sixisvult é ariano e envía a Maximino, bispo ariano no seu séquito, a polemizar con Agostiño. Maximino escribe tractatus contra iudaeos: reflicte unha postura defensiva ante o atractivo do xudaísmo en Africa. Entre outros temas trata da circuncisión, rexeitada por ser marca infamante, negándolle a súa garantía de salvación. O tema xa estaba presente por unha lei de Teodosio II e Honorio (417), que prohibía que os xudeus circuncidaran os seus servos cristiáns. Evagrio usaría logo en altercatio argumentos semellantes e Rutilio Namaciano considerábaos raza inmunda porque “mutilan sen piedade a extremidade do membro xenital”, unha “loucura” e unha “extravagancia” propias dunha “banda de escravos impostores”.

por que cando o corpo humano empeza a perder valor o antixudaísmo rexeita a circuncisión? inda se distinguía entre lexislación civil e relixiosa, cada unha coas súas propias sancións. A relixiosa non podía permitir unha práctica cruenta, frecuente no terreo estatal e profano, e máis cando esa práctica acabou por converterse nun distintivo entre homes libres e escravos.

tractatus contra iudaeos será admirada na corte ostrogoda, onde Teodorico mandará facer copias no scriptorium de Verona: hoxe consérvase incluído no codex veronensis, datable entre fins do s. v e inicios do s. vi. Ignoramos ata que punto os arianos de Tolosa seguiron tamén esta doutrina e canto puido influír no seu comportamento cara os xudeus. Con Teodorico II (453-466) xa puideron sentirse ecos, pero moito máis con Alarico II (484-507), quen casou coa ostrogoda Thiudigoto, caendo na órbita amala (o seu fillo chamouse Amalarico): o único período do que temos información directa sobre os xudeus.

os vándalos e alanos seguen atacando Africa e as Baleares.

Hydacio é ordenado bispo de Aquae Flaviae.

Bahram V rexeita ataques dos hephtalitas, procedentes de Asia central, mandando unha forza expedicionaria cara Khorasan, ocupada polo khagan hephtalita, morto polos persas en Merv. Isto afrouxa a presión na fronteira oriental do imperio romano.

Jangsu transfire a capital do reino Goguryeo dende a fortaleza de Gungnae (actual Ji’an), na beira do río Yalu, a Pyongyang.

Ningún comentario:

Publicar un comentario