Amosando publicacións coa etiqueta bacaudae. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta bacaudae. Amosar todas as publicacións

sábado, 29 de xaneiro de 2011

a conversión de Reckiario


silicua de prata coa lenda IVSSV RECHIARI REGES
o ano 448 morre Requila e, non sen oposición dentro dalgún sector da propia familia real, asume o poder Reckiario, fillo seu. Os suevos levaban máis de corenta anos na Callaecia pero inda conservaban moitos dos seus costumes de alén do limes; probablemente a maioría seguían a ser pagáns.

Sen embargo, o paso dos anos dentro do imperio facía que se tiveran que ir adaptando ao novo entorno. Os suevos inician, de motu propio ou arrastrados polas circunstancias, unha política expansiva dende as súas bases en Callaecia, en torno a Bracara, que os levou a facer incursións noutras provincias hispanas. Requila xa campara en Betica e Lusitania, morrendo pagán en Emerita.

Non temos datos para sabelo pero Reckiario debeu seguir unha política xa deseñada por seu pai sendo pioneiro en aspectos que logo se teñen magnificado ao falar doutros pobos que prosperaron nos territorios anteriormente romanos. El foi o primeiro xefe bárbaro que ordenou cuñar moeda ao seu nome, inda que coa efixie de Honorio, morto xa dúas décadas antes, coa lenda IVSSV RECHIARI REGES. Asimesmo, estableceu relacións diplomáticas con outros pobos xermánicos, casando cunha irmá de Teodorico II, rei dos visigodos en Tolosa e colaborou coas bacaudae que operaban en Tarraconensis. Noutro sentido as fontes din que se converteu ao catolicismo, tamén o primeiro entre os xefes bárbaros que veu útil facelo.

A súa conversión ao catolicismo presenta varias incógnitas; esencialmente, o momento e en relación a isto as súas motivacións. Hai quen defende que xa era católico ao asumir a xefatura sueva e que iso foi o que ocasionou disensións no entorno real, que seguía a ser pagán. Sen embargo, o máis probable é que fora un dos movementos necesarios para consolidar os seus plans expansionistas. A forza militar propiamente sueva non podía ser moi numerosa porque o continxente que se asentou na península non debeu superar os 20.000 individuos, incluídos nenos, anciáns e mulleres. Polo tanto, había que buscar alianzas por acción ou por omisión. A xerarquía eclesiástica debía ter xa unha influencia e autonomía importante e por iso se buscou tender pontes con ela. Pero Reckiaro non debía ser firmemente crente; de telo sido, tería escollido unha muller católica e os visigodos de Tolosa eran arianos. Asimesmo, cuñar moeda coa efixie dun emperador, acercábao ás elites hispanorromanas, coa que necesariamente se tería que entender.

Os suevos estimaron, dadas as circunstancias, que poderían converterse no poder fáctico dominante na península vista a inoperancia real do poder central, xa longamente ocupado e distraído con problemas de moito máis calado noutras partes do imperio; por exemplo, a cada vez maior agresividade dos hunos e o éxito dos vándalos comandados por Xenserico dende Carthago. A figura de Reckiario ten sido duramente criticada, pero os movementos que executou foron correctos, non froito da improvisación. Houbo momentos en que os acontecementos non paraban de darlle a razón.

BIBLIOGRAFÍA: Núñez García, Óscar "Una consecuencia de la identificación cristianismo-latinidad: la conversión del rey suevo Requiario" AnMal electrónica, nº6 (mayo, 2000)

luns, 24 de xaneiro de 2011

asentamentos de bárbaros no corazón do imperio

nos anos 418 e 443 a.D., grupos de visigodos e burgundios foron asentados polo poder romano (Constancio III e Aetius) en ricas zonas de Gallia, Aquitania II e Sapaudia respectivamente, coa aquiescencia dos grandes propietarios de terras das zonas respectivas. Estes son os feitos, as razóns do ocorrido son discutibles.

dentro do esquema interpretativo de decadencia no que se atopaba o imperio nesas datas cadraría pensar que foron os propios bárbaros quen forzaron a situación e obrigaron a ceder ás autoridades romanas. Pero non se pode aceptar tal. Os visigodos foran obrigados por Constancio pouco tempo antes a entrar ao seu servizo en Hispania mediante o bloqueo comercial de suministros dos que dependían para combatir a outras forzas bárbaras que levaban tempo asentadas na zona, fóra do control romano (os vándalos silingos en Betica e os alanos en Lusitania), tarefa que estaban rematando de cumprir exitosamente cando foron chamados a Gallia. Igual tiña sucedido cos burgundios no caso de Aetius, que no 437 usara forzas hunas para case aniquilar o seu poder en torno á cidade de Worms, motivo que aparecerá posteriormente en Nibelungslied. Estes pobos non estaban pois en situación de esixir o que recibiron.

os romanos tiñan costume de reforzar posicións fronteirizas ameazadas con grupos de estranxeiros alistados coma foederati pero os territorios mencionados non estaban no limes e as posibles ameazas, francos no primeiro caso e alamanos no segundo, non aparecen nas fontes escritas coma un perigo o suficientemente grande para que os poderosos terratenentes estiveran dispostos a renunciar a gran parte dos seus privilexios e propiades, algo que o sistema de hospitalitas empregado supuña, e en terras denominadas incluso 'imaxe do paraíso' (Salviano de Marsella, VIII, 8).

E. A. Thompson explica os feitos apuntando a situación de extrema turbulencia que se vivía na Gallia e que Salviano tamén menciona. Moitos territorios estaban arrasados polas constantes guerras e saqueos e a poboación humilde non paraba de rebelarse contra o poder despótico das clases superiores. Ao longo de todo o século as bacaudae, como son chamados estes grupos de descontentos, fixeron notar o seu poder e lograron facerse fortes en certas zonas durante longos periodos de tempo. Precisamente, en Armorica, preto de Aquitania, e nas zonas montañosas preto de Sapaudia. Chegaron incluso a constituírse en poderes independentes totalmente de Ravenna, causando desercións campesiñas en masa e contaxiando problemas nas zonas limítrofes, feitos que restaban recursos financieiros ao goberno central e ameazaban incluso acabar coas propiedades e posición privilexiada dos grandes terratenentes.

os artífices dos foedus respectivos non foron dirixentes romanos torpes senón que, segundo esta tese, foron diplomáticos hábiles que, en palabras de Thomson, resolveron varios problemas facendo un só movemento. A saber, "converteron masas case nómadas e hostiles en comunidades de granxeiros sedentarias e relativamente satisfeitas, quebraron a alianza dos invasores bárbaros cos elementos inquietos do campo, e fixéronse cunha forza militar eficiente que defendería o sur de Gallia contra as sublevacións de escravos indomables e outros aliados que provocaran tantos problemas durante todo o século. Tamén se podería demostrar que mediantes estes asentamentos ... conseguiron romper a unidade nas filas bárbaras enemigas porque puxeron para sempre en conflito os intereses da nobreza tribal cos dos guerreiros. Os nobres xa non foron simplemente os que tomaban as decisións. Agora eran unha nobreza terratenente cuxo xeito de vida se diferenciaría progresivamente do dos seus seguidores. A súa relación con eles xa non era unha de parentesco: convertérase en algo así coma a dun propietario co seu arrendador. Poucos diplomáticos romanos conseguiron unha victoria tan impactante e de tan longo alcance coma Constancio e Aetius en 418 e 443.

de todos xeitos moitas victorias eternas se teñen frustrado ao pouco de ser logradas. Os feitos falaron. Aquí se pode ler o artigo completo de E. A. Thomson; en inglés.