silicua de prata coa lenda IVSSV RECHIARI REGES |
Sen embargo, o paso dos anos dentro do imperio facía que se tiveran que ir adaptando ao novo entorno. Os suevos inician, de motu propio ou arrastrados polas circunstancias, unha política expansiva dende as súas bases en Callaecia, en torno a Bracara, que os levou a facer incursións noutras provincias hispanas. Requila xa campara en Betica e Lusitania, morrendo pagán en Emerita.
Non temos datos para sabelo pero Reckiario debeu seguir unha política xa deseñada por seu pai sendo pioneiro en aspectos que logo se teñen magnificado ao falar doutros pobos que prosperaron nos territorios anteriormente romanos. El foi o primeiro xefe bárbaro que ordenou cuñar moeda ao seu nome, inda que coa efixie de Honorio, morto xa dúas décadas antes, coa lenda IVSSV RECHIARI REGES. Asimesmo, estableceu relacións diplomáticas con outros pobos xermánicos, casando cunha irmá de Teodorico II, rei dos visigodos en Tolosa e colaborou coas bacaudae que operaban en Tarraconensis. Noutro sentido as fontes din que se converteu ao catolicismo, tamén o primeiro entre os xefes bárbaros que veu útil facelo.
A súa conversión ao catolicismo presenta varias incógnitas; esencialmente, o momento e en relación a isto as súas motivacións. Hai quen defende que xa era católico ao asumir a xefatura sueva e que iso foi o que ocasionou disensións no entorno real, que seguía a ser pagán. Sen embargo, o máis probable é que fora un dos movementos necesarios para consolidar os seus plans expansionistas. A forza militar propiamente sueva non podía ser moi numerosa porque o continxente que se asentou na península non debeu superar os 20.000 individuos, incluídos nenos, anciáns e mulleres. Polo tanto, había que buscar alianzas por acción ou por omisión. A xerarquía eclesiástica debía ter xa unha influencia e autonomía importante e por iso se buscou tender pontes con ela. Pero Reckiaro non debía ser firmemente crente; de telo sido, tería escollido unha muller católica e os visigodos de Tolosa eran arianos. Asimesmo, cuñar moeda coa efixie dun emperador, acercábao ás elites hispanorromanas, coa que necesariamente se tería que entender.
Os suevos estimaron, dadas as circunstancias, que poderían converterse no poder fáctico dominante na península vista a inoperancia real do poder central, xa longamente ocupado e distraído con problemas de moito máis calado noutras partes do imperio; por exemplo, a cada vez maior agresividade dos hunos e o éxito dos vándalos comandados por Xenserico dende Carthago. A figura de Reckiario ten sido duramente criticada, pero os movementos que executou foron correctos, non froito da improvisación. Houbo momentos en que os acontecementos non paraban de darlle a razón.
BIBLIOGRAFÍA: Núñez García, Óscar "Una consecuencia de la identificación cristianismo-latinidad: la conversión del rey suevo Requiario" AnMal electrónica, nº6 (mayo, 2000)
Ningún comentario:
Publicar un comentario