Amosando publicacións coa etiqueta Xermanus. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xermanus. Amosar todas as publicacións

sábado, 22 de decembro de 2012

448

representación de Priscus de Panio (á esquerda)
Praetextatus e Zeno, cónsules.

Priscus de Panio participa na embaixada imperial de Anatolius á corte de Atila, que describe con profusión. O acordo de paz inclúe: a evacuación romana dunha zona de seguridade ao sur do Danubio (uns 300 kms dende Singidunum, oeste, actual Serbia a Novae, leste, actual Bulgaria) supón que os romanos quedan desprovistos das súas defensas naturais na zona do Danubio. Atila tamén esixe un tributo anual superior -2100 libras de ouro- e un maior rescate por cada prisioneiro romano -12 solidi-). A esixencia dun mercado en Naissus é rexeitada polos romanos pero os acordos tamén restrinxen a importación de cabalos hunos cara o imperio.

Chrysaphius argalla un complot co esciro Edika para que este asasine a Atila pero Orestes descóbreo e Atila esixe a extradición do eunuco directamente a Teodosio II.

no territorio controlado polos hunos existe un servizo de postas que facilita a comunicación entre os diversos territorios.

primeiros meses: Eutiques, abade dun mosteiro próximo a Constantinopla, informa a León I do renacemento do nestorianismo. Eutiques pon tanto empeño en contradicir o nestorianismo que se pasa ao extremo oposto: en lugar de admitir que en Cristo había dúas naturezas independentes (unha humana e outra divina), afirmou que estaban tan relacionadas que en realidade non se podía dicir que foran dúas: Cristo só tiña unha natureza e era divina (monofisismo). Apoia a Eutiques Dioscorus, bispo de Alexandría e amigo seu. Na súa contra están principalmente León I e Pulcheria.

febreiro: Teodosio II debe reiterar a orde de queimar as obras pagás opostas ao cristianismo, en particular os escritos de Porfirio e os libros de Nestorio.

agosto: Rechila morre en Emerita, sucedido por Reckiario, fillo seu. Tómanse medidas inmediatas para fortalecer a posición sueva; en primeiro lugar accións militares, quizás na propia Callaecia, en zonas pouco controladas.

a conversión ao catolicismo buscaría un maior entendemento coa aristocracia de Callaecia, inda que certos elementos suevos se opoñen radicalmente.

fóra da propia área de asentamento téntanse fortalecer as zonas de influencia cun acercamento á corte goda de Teodorico I; Reckiario marcha ata a propia Tolosa e acórdase un casamento cunha princesa goda.

de regreso a Hispania Reckiario saquea os territorios vascos e a zona en torno a Caesaraugusta e Ilerda, quizás en conxunción coa bacauda que opera na zona.

tamén se emiten moedas co nome do rei, o primeiro “bárbaro” en facelo: isto supón, no contexto tardo-antigo, unha declaración de independencia. As usurpacións sempre ían acompañadas dun feito semellante. Hai moedas procedentes de zonas controladas por xefes bárbaros pero sempre co nome do emperador. Eran por tanto mostras de lealdade, e os xefes parte do organigrama romano. Incluso os vándalos acuñaron moeda en nome dos emperadores.

xullo, 31: morre Xermanus.

Aetius derrota a bacauda en torno a Tours: o seu xefe Eudoxius, médico, fuxe onde os hunos. Segundo a chronica gallica aconsellará a Atila que dirixa as súas ambicións cara Gallia. Chega a Gesoriacum (Boulogne), onde quizás reciba unha comisión de nobres britanos reclamando axuda contra os saxóns.

probablemente se redacta o laterculus polemii, en Verona, unha listaxe das provincias do imperio.

segundo rebrote de bacauda en Hispania baixo o mando unificado de Basilio e atacando e saqueando incluso cidades, no só o campo.

novembro, 22: o concilio de Constantinopla, baixo Flavianus, depón a Eutiques. Iníciase o cisma do monofisismo. Dioscorus forza a situación e obriga a Teodosio II a convocar un novo concilio para o ano seguinte en Éfeso.

Kou Qianzhi, reformador daoísta chinés, morre logo de converter o emperador Taiwu, da dinastía Wei e establecendo o daoísmo coma relixión dominante na zona. O seu pasamento presaxia o renacemento do budismo coma fe dominante en China.

A dinastía Wei ocupa os oasis de Koutcha e Karachahr.

xoves, 18 de outubro de 2012

447

imaxe onde Vortigern selaría un pacto con Hengest e Horsa
www.ict.griffith.edu.au
Calepius e Ardaburius, cónsules.

a ampliación das murallas terrestres en Constantinopla para duplicar a súa consistencia está finalizada. Antemius, prefecto do pretorio, tomara unha decisión que resultou ser crucial. Primeiro hai un foxo de case vinte metros de anchura e sete de fondo; logo un primeiro muro, non moi alto, preparado para protexer arqueiros; a continuación unha segunda muralla de oito metros de altura e unha terceira inda máis elevada cun cento de torres de vinte metros de alto sobresaíndo da muralla, cadradas ou poligonais; finalmente hai sete portas principais de acceso. Esta terceira muralla nunca será atravesada durante unha acción militar nos mil anos seguintes. En total o murus novus ten 7 kilómetros de lonxitude e 60 metros de ancho.

o muro principal erixiuse en pouco máis dun ano con técnicas tamén usadas para o Hipódromo: formigón revestido de diminutos manpostos de caliza, reforzados a diversas alturas por medio de verdugadas de ladrillo –duns 15/30 cms de altura cada unha–, con leitos de morteiro do mesmo espesor. As torres, excepto a que flanquea a Porta Dourada, xunto ao castelo das Sete Torres, e as que daban ao mar de Mármara, están adornadas con enormes bloques de mármore. Os pasadizos e esqueiras do interior das mesmas están cubertos con bóvedas de canón, feitas de ladrillos de canto; as cúpulas das cámaras están feitas con aneis concéntricos de ladrillos.

xaneiro, 27: tremor de terra en Constantinopla e os territorios circundantes. O pánico xeneralizado fai que moita xente abandone a cidade. Deterioro importante das murallas da cidade: 57 torres son case destruídas. A ameaza de pragas e fames esténdese pola cidade e Teodosio II ordena a Constantino, prefecto do pretorio do leste, que supervise as reparacións e, empregando as faccións do circo (demoi), o traballo faise en 60 días. Hai novas de grandes desperfectos noutras zonas próximas á cidade.

León I tamén toma partido polos inimigos de Agrestius de Lucus. A oportunidade que representara, para a igrexa occidental, de presentar un frente unido coa visita de Agrestius a Gallia en 441, queda en nada.

en Toletum un sínodo tamén condena as doutrinas priscilianistas. Tenta engadir a cuestión do filioque ao credo de Nicea pero a igrexa oriental rexeita tal proposta.

Atila invade territorio romano e derrota as tropas orientais na batalla do río Utus. Os ataques hunos alcanzan as Termópilas e saquean Serdica, obrigando ao praefectus praetorio a repregarse dende Sirmium ata Tesalónica. As tropas romanas fan o que poden para hostigar a retagarda huna e así dar tempo a reparar as quebradas defensas de Constantinopla.

Valamiro, fillo de Vandalarius, xefe dos ostrogodos en Pannonia e os xépidos de Ardarico, entre outros, actúan baixo as directrices de Atila.

morre Chlodius e accede o seu fillo Meroveo á xefatura dos francos salios. Probablemente a maioría da información sobre este xefe é pura lenda para glorificar a posteriori aos reis “merovinxios”. Asenta o seu continxente nas proximidades do río Merwede, parte do delta Rhin-Meuse-Scheldt.

Maioriano segue defendendo Tours contra a bacauda. Participa baixo as ordes de Aetius en ataques aos francos na proximidade de vicus Helena (na rexión do Artois). Ao servizo de Aetius tamén se atopan xa o suevo Ricimer e o galo Aegidius.

Ricimero é ariano, fillo dun príncipe da casa real sueva (quizás Hermengario) e dunha filla de Walia. Pasara a xuventude na corte Valentiniano III, onde foi adquirindo rango ao servizo de Aetius.

procedentes de Xutlandia e norte da actual Alemaña os xutos, anglos e saxóns atacan Britannia en proporcións cada vez maiores. As lendas envolven os feitos: un caudillo britano chamado Vortigern, incapaz de resistir por si os inimigos do norte pide axuda aos xutos, gobernados por dous irmáns, Hengest e Horsa (dise que estes nomes significan "semental" e "cabalo", polo que non sería raro que toda a historia sexa ficticia).

pero cedo xorden disensións na alianza entre os britanos dirixidos por Vortigern e os mercenarios (Vortigern concedéralles a illa de Thanet, Kent): estes fundan os seus propios dominios e rexeitan a autoridade britana que os trouxera á illa para facer frente aos pictos e irlandeses.


unha versión dos feitos conta que Vortigern casa con Rowena, a filla de Hengest, pero durante a festa posterior á voda emborrachan os britanos, matan a Vortigern e fanse co mando. É posible que os xutos foran realmente chamados polos britanos, pero tamén poderían ter inventado a historia para lexitimar a invasión. Logo do primeiro asentamento xuto, os anglos non tardan en asentarse ao norte do Támesis, mentres que os saxóns ocupan a parte sur da illa, rodeando os xutos. Grupos de britanos foxen e aséntanse en Gallia.

outra versión dos feito conta que Vortimer se rebela contra seu pai Vortigern e “usurpa” o seu título e autoridade provisionalmente; quizás en desacordo coas alianzas paternas.

os hunos parecen imparables en todas partes: penetran no imperio persa por Sogdiana, chegan a India e fan incursións no imperio gupta. as fontes indias falan dun rei huno chamado Toramana. 


Xermanus volve a Britannia con Severus de Treves co propósito de combater o pelaxianismo e apoiar os britanos contra pictos e saxóns na batalla de “Alleluia”. Expulsa os irlandeses de Powys (Gales).

inverno: Teodosio II decide cambiar de estratexia en relación á cuestión huna (pasa da agresividade ao esforzos por pacificar a situación) e destitúe a Aspar e Aerobindus.

morre Aerobindus (magister militum).

decembro, 23: eclipse total de sol (constancia escrita en fontes hispanas e galas).

os annales cambriae comezan cunha referencia a este ano. Narran os acontecementos en Gales ata o ano 954.

venres, 12 de outubro de 2012

446

reconstrución de Asturica Augusta
www.asturica.com

xaneiro,1: Aetius e Symmachus, cónsules. Merobaudes le un panexírico adicado a Aetius e os seus logros en Gallia.

Vitus, nomeado magister utriusque militiae, está en Carthaginiensis e Baetica á cabeza dun continxente romano e godo para, ao parecer, restablecer a autoridade imperial e castigar as forzas locais que cooperan cos suevos. Cando chega Rechila e derrota as forzas auxiliares godas, Vitus foxe. Debido a este estrepitoso fracaso os suevos exercen a súa influencia sobre amplísimas zonas de Hispania sen ningún tipo de oposición.

Xermanus de Auxerre volve de Britannia e unha delegación procedente do tractus armoricanus solicita que interveña ante un xefe militar alano. Constantius de Lugdunum (Vita Germani) describe o confronto: o alano recibira o encargo de reprimir a bacauda pero Xermanus persuádeo para que pospuxese a acción (securitas fidelissima pacis) mentres obtiña confirmación de Ravenna.

cando Xermanus chega a Ravenna, Gala Placidia envíalle un presente consistente nunha bandexa de prata chea de delicias gastronómicas en consonancia coa estrita dieta vexetariana do bispo, quen apela tamén á benevolencia do Senado.

a estabilidade rómpese cando a propia bacauda reinicia hostilidades.

destacar que o mediador é un bispo con influencia tanto ante alanos coma Ravenna: goza por tanto de auctoritas.

Constantius identifica o xefe alano coma Eochar, pero moitos historiadores din que é Goar (que aparece nalgunhas fontes coma “Gochar”) de xeito que a carreira activa deste persoeiro duraría 40 anos, feito improbable. Outro grupo alano na zona é o de Sambida, foederati, e participará na campaña contra os hunos en 451.

(ata 448) Maioriano, un novo oficial ás ordes de Aetius, defende Tours contra a bacauda.

xullo, 12: morre Proclus e é sucedido por Flavianus coma bispo de Constantinopla.

xullo, 27: reposta de León I a Toribio de Asturica, que constitúe un tratado dogmático contra os priscilianistas; nela tamén se recomenda a organización dun sínodo para frear a influencia do priscilianismo e a restauración da ortodoxia, reclamando incluso ao poder civil que sexan executados. No entanto, Antoninus captura a Pascentius, un dos maniqueos fuxidos, e xúlgao en Emerita, para posteriormente expulsalo de Lusitania. Isto demostra a estreita relación entre Callaecia e Lusitania, e destas co resto de provincias hispanas: a correspondencia de León e Toribio demóstrao así como que o diácono de Callaecia Pervincus sexa quen trae a carta dende Roma ad Hispanienses episcopos no seu conxunto.

piratas irlandeses destrúen (queiman) o Cor Tewdws (Colexio de Teodosio) en Llantwit Major (Gales). Os britanos e mercenarios saxóns baixo Vortigern solicitan axuda militar a Aetius contra pictos e irlandeses. Última vez que consta; en adiante, Britannia tentara resolver os problemas por si mesma.

China envía unha expedición que termina os ataques do reino de Shampa.

un edicto de Tuoba Tao (dinastía Wei, norte de China) e do seu ministro Cui Hao decreta reprimir o budismo (anteriormente promovido) ao descubrir armas no mosteiro Chang’an logo dunha revolta. Hai outros motivos: a escaseza de man de obra e impostos que agora flúen cara os mosteiros ameaza a administración secular e a reacción é feroz xa que monxes e monxas son asasinadas, e os templos e iconas destruídos. Todos os homes menores de 50 anos teñen prohibido profesar. Esta situación prolóngase ata 450, contribuíndo así a que o confucianismo da dinastía Han adquira preeminencia sobre o budismo.

mércores, 22 de agosto de 2012

437

nummus de Valentiniano III

Aetius e Sixisvulto, cónsules.

en Constantinopla a influencia de Melania é reforzada pola conversión de Volusianus no leito de morte: se algo era necesario para convencer á piadosa corte oriental do desexable do casamento proposto, a conversión aclara todas as dúbidas. Logo do loito, Melania abandona Constantinopla: coa súa reputación e devoción persoais conseguiu o propósito público da súa misión e reafirma os vínculos entre a corte cristiá e os santos lugares: antes de marchar insiste ante o emperador na conveniencia de que a emperatriz emprendera unha peregrinación.

Melania e o seu home manteñen coas súas doazóns as conexións iniciadas Melania a Vella (avoa súa) e o seu círculo: a igrexa de Xerusalem beneficiárase da liquidacións dos seus bens. Había en Constantinopla persoas agradecidas, coma o presbítero Tigrius, leal apoio de Xoán Crisóstomo, que padecera tortura e exilio en Mesopotamia logo da caída do bispo.

a viaxe de regreso de Melania ao seu mosteiro durou seis semanas. O seu biógrafo pon especial énfase na ansia da protagonista por volver a tempo para as liturxias de semana santa, a pesar das pésimas condicións dos camiños durante a invernía.

mentres Aetius está atuado loitando contra os xermanos en Belgica, o seu xeral Litorius derrota a bacauda en Armorica, matando a Tibatto e outros líderes. Logo marcha ás presas a Narbo para liberala do asedio de Teodorico I, que se aproveita dos problemas no norte. No continxente romano hai unha ampla presenza huna.

maio, 26: morre Xermanus en Roma, viaxara alí para interceder polos rebeldes de Armorica. Outros, porén, retrasan a súa morte a 448 e din que volveu visitar Britannia.

xullo, 2: Valentiniano III cumpre 18 anos e remata a rexencia de Gala Placidia, inda que segue a ter influencia considerable.

en Britannia (segundo a historia brittonum) Ambrosius Aurelianus, líder romano-britano, derrota os anglo-saxóns baixo Vortigern en Wallop. Domina o oeste da illa.

K’inich Yax K’uk’ Mo’, fundador da civilización maia de Copán, morre logo de reinar once anos.

un sínodo en Constantinopla cuestiona os dereitos de Roma sobre Illyricum. Proclus tenta materializar a decisión pero Sixto III lembra aos bispos da zona as súas obrigas cara o vicario en Thessaloniki.

outubro, 29: casan Valentiniano III a filla de Teodosio II, Licinia Eudoxia en Constantinopla. Fan inverno en Thessaloniki antes de volver a occidente.

os vándalos operan en Sicilia.

morre Syrianus en Atenas e Proclus (nado c. 410 en Constantinopla, dato deducido polo seu discípulo Marinus en base a un horóscopo) accede á cabeza da Academia.

luns, 13 de agosto de 2012

432

Próspero de Aquitania

Aetius e Valerius, cónsules.

Teodosio II cede e permite oficialmente que Cirilo volva ocupar o seu cargo.

xaneiro-febreiro: desátanse as tensións entre Aetius e Placidia. O xeral é destituído das súas funcións, que pasan a mans de Bonifacio.

marzo, 15: Celestino I aproba a substitución de Nestorio por Maximiano.

Próspero de Aquitania publica de gratia dei et libero arbitrio contra a collatio de Xoán Casiano. Induce a que Celestino I publique epistola ad episcopos gallorum contra algúns membros da igrexa gala. Próspero e Hilario (non o bispo de Arelate) mantiveran correspondencia con Agostiño sen chegar a coñecelo persoalmente: o seu entusiasmo por el lévao a resumir o comentario sobre os salmos e compilar fragmentos de obras; tamén compón epigramas (106) cos dicta teolóxicos.

xullo, 27: morre Celestino I.

xullo, 31: elección de Sixto III (Xystus) para suceder a Celestino I.

segundo Baronius e Platina, Sixto foi acusado de deitarse cunha virxe pero foi absolto nun concilio presidido por Valentiniano III, quen seica dixo “porque o xuíz de todos non debería ser xulgado por ninguén.”

outono: Aetius presenta batalla en Ariminium pero é derrotado; porén, Bonifacio morre tres días despois da batalla a causa das feridas recibidas en combate e é substituído por Sebastianus (xenro de Bonifacio) coma magister peditum. A loita de poder queda unha vez máis aberta. Sebastianus planea un atentado contra Aetius, refuxiado en Roma, pero fracasa e este ten que fuxir cara Dalmacia e Pannonia, buscando enrolar máis mercenarios hunos.

conságrase a igrexa a Sabina en Roma.

Ruga unifica os continxentes hunos nas planicies panonias.

suposto inicio da evanxelización de Hibernia por Patricio, un britano discípulo de Xermanus. Os progresos deberon ser lentos, creando pequenas comunidades que foron progresando no medio do paganismo celta.

mércores, 1 de agosto de 2012

429

moeda coa efixie de Bonifacio

Florentius e Dionysius, cónsules.

xaneiro: Eusebius, xurista, protesta formalmente contra Nestorio en nome dos católicos.

marzo, 25: durante a celebración da anunciación, Proclo, bispo de Cyzicus, predica que María é theotokos, en contra de Nestorio.

Heremigario, líder suevo, ataca os vándalos mentres embarcan para cruzar cara Africa pero é derrotado. Heremigario é lanzado polo seu cabalo oo Guadiana e morre afogado (segundo Hydacio, en castigo por ter violado o sepulcro da mártir Eulalia).

maio: Gaiserico e os vándalos (asdingos principalmente, máis restos de silingos e alanos) chegan a Africa, o gran celeiro da pars occidentis. Estímase que son arredor de 15.000 guerreiros e as súas familias e dependentes; quizás 80.000 persoas. A poboación de Africa cífrase en 8.000.000 aproximadamente.

as embarcacións vándalas acosan as rutas comerciais de gran e aceite.

Gaiserico desembarca en Tingitana, e avanza cara o leste, causando devastación en Caesariensis, Sitifensis e Numidia. De ser certo que pactara con Bonifacio, non cumpre o estipulado e obriga as forzas de Bonifacio (reconciliado agora con Gala Placidia) a retroceder ata Hippo Regius. Ao seu paso destrúe igrexas e confisca bens bereberes. Conta coa adhesión de moitos campesiños mauretanos e os sectores donatistas e demais “herexes” reprimidos pola xerarquía encabezada por Agostiño.

Teodosio II forma unha comisión co encargo de elaborar un código xurídico.

os fondos recadados pola comunidade xudía para financiar escolas teñen que ser devoltos ao fisco público.

Xoán I, patriarca de Antioquía.

o templo de Athenea na acrópole de Atenas é saqueado e os pagáns da cidade severamente reprimidos.

os anglosaxóns atacan Manchester.

Aetius opera contra os iuthungos en Raetia e Noricum. Chamado a Ravenna, concédenselle honores para telo controlado ante o seu aumento de poder e prestixio.

Florus, Xulián e outros refuxiados pelaxianos chegan a Constantinopla.

Xermanus de Auxerre e Lupus de Troyes visitan Britannia por decisión dos bispos de Gallia e por desexo de Celestino I tentan loitar contra o pelaxianismo.

Hilarius sucede ao seu parente Honoratus coma bispo de Arelate.

agosto, 26: un tremor de terra sacude de Roma. O Coliseo resulta afectado. O praefectus urbis Anicio Acilio Glabrion Fauso (425-437) comeza a restauración que terminará en 438 o seu sucesor Flavio Paulo, con quen se reinicia a actividade.

Próspero de Aquitania (nado c. 390 en Aquitania) mantiña correspondencia con Agostiño dende Massilia, onde semella que fora educado. Era leigo pero participou nas controversias relixiosas da época, defendendo a ortodoxia: de vocatione omnium gentium trata o tema da chamada aos xentís á luz da doutrina da graza de Agostiño.

domingo, 8 de xullo de 2012

418

lámina dun códice coa historia
de Paulo Orosio, en Florencia

novo consulado conxunto de Honorio e Teodosio II.

Constancio chama a Wallia a Gallia, onde lle son concedidas terras no suroeste en virtude dun foedus: Aquitania I e II, onde se ubicaba Burdigalia, ademais de Tolosa (na Narbonensis), onde se estableceron os xefes godos.

Wallia morre e é sucedido por Teodorico I.

en Hispania establécese unha presenza de tropas permanentes romanas baixo un comandante romano (Asterius, comes hispaniarum): cando aparece mencionado Asterius en 420 o exército xa estaba na península, non veu ese ano para combater os vándalos.
o despregamento das forzas romanas cubre a retirada dos godos de Wallia e supón a restauración do sistema provincial romano e a reactivación de Hispania coma unha diocese en funcionamento. Ao contrario que no s. IV, Hispania require agora un exército permanente para manter a autoridade imperial. As tropas aparecen consignadas na Notitia.

abril, 17: por medio dun edicto imperial establécese o Concilio Gálico (ou concilium septem prouinciarum en Arelate, que se debe reunir do 13 de agosto ao 13 de setembro). Pretendía proporcionar voz aos possessores e ao mesmo tempo mantelos dentro da órbita imperial. A contrapartida era o asentamento godo en Aquitania. Se volvese haber tentacións de rebelión entre a aristocracia o continxente godo funcionaría coma ameaza polo oeste.

maio, 1: novo concilio en Carthago que condena definitivamente o pelaxianismo.

os xudeus son apartados da militia (servizo tanto civil como militar).

xuño, final: circular (tractoria) de Zósimo confirmando a condena de Pelaxio e Caelestius. Zósimo secunda a doutrina da pexa orixinal e a necesidade de bautizar os nenos.

xullo, 7: Xermanus consagrado bispo de Autissiodorum (Auxerre).

Agostiño de Hipona escribe de gratia christi et peccato originali.

Orosio conclúe historiæ adversum paganos ("historias contra os pagáns"), dedicada expresamente a Agostiño. Repasa a decadencia do imperio, culminada co saco da capital en 410, e discute a idea (moi estendida entre os pagáns cultos dese tempo) de que era consecuencia directa da expansión do cristianismo, culpando aos propios pagáns da decadencia. Esta obra foi seguida a continuación por de civitate dei de Agostiño, á que serviu prólogo en certo sentido.
historia aduersus paganus de Orosio é, á súa vez, a primeira obra que propón un desenvolvemento da historia guiado por Deus; a obra tería gran difusión entre os ortodoxos, en Britannia (Alfredo o grande traduciuna ao inglés no s.IX) e durante al-Hakam II tamén se traduciu ao árabe en Córdoba.
as fontes usadas por Orosio para esta obra son dispares: Biblia, César, Tito Livio, Xustino, Tácito, Suetonio, Floro, a tradución latina da historia eclesiastica de Eusebio de Cesarea realizada Xerome.

en Hispania, Máximo é novamente nomeado augustus por Gunderico, rei asdingo.

decembro, 28: Bonifacio I sucede a Zósimo coma bispo de Roma. Porén, unha facción elixe a Eulalius, quen reclama por carta o seu nomeamento ante Honorio. Ravenna apoia a Bonifacio.

iníciase o proceso de unificación do norte de China.