domingo, 8 de xullo de 2012

418

lámina dun códice coa historia
de Paulo Orosio, en Florencia

novo consulado conxunto de Honorio e Teodosio II.

Constancio chama a Wallia a Gallia, onde lle son concedidas terras no suroeste en virtude dun foedus: Aquitania I e II, onde se ubicaba Burdigalia, ademais de Tolosa (na Narbonensis), onde se estableceron os xefes godos.

Wallia morre e é sucedido por Teodorico I.

en Hispania establécese unha presenza de tropas permanentes romanas baixo un comandante romano (Asterius, comes hispaniarum): cando aparece mencionado Asterius en 420 o exército xa estaba na península, non veu ese ano para combater os vándalos.
o despregamento das forzas romanas cubre a retirada dos godos de Wallia e supón a restauración do sistema provincial romano e a reactivación de Hispania coma unha diocese en funcionamento. Ao contrario que no s. IV, Hispania require agora un exército permanente para manter a autoridade imperial. As tropas aparecen consignadas na Notitia.

abril, 17: por medio dun edicto imperial establécese o Concilio Gálico (ou concilium septem prouinciarum en Arelate, que se debe reunir do 13 de agosto ao 13 de setembro). Pretendía proporcionar voz aos possessores e ao mesmo tempo mantelos dentro da órbita imperial. A contrapartida era o asentamento godo en Aquitania. Se volvese haber tentacións de rebelión entre a aristocracia o continxente godo funcionaría coma ameaza polo oeste.

maio, 1: novo concilio en Carthago que condena definitivamente o pelaxianismo.

os xudeus son apartados da militia (servizo tanto civil como militar).

xuño, final: circular (tractoria) de Zósimo confirmando a condena de Pelaxio e Caelestius. Zósimo secunda a doutrina da pexa orixinal e a necesidade de bautizar os nenos.

xullo, 7: Xermanus consagrado bispo de Autissiodorum (Auxerre).

Agostiño de Hipona escribe de gratia christi et peccato originali.

Orosio conclúe historiæ adversum paganos ("historias contra os pagáns"), dedicada expresamente a Agostiño. Repasa a decadencia do imperio, culminada co saco da capital en 410, e discute a idea (moi estendida entre os pagáns cultos dese tempo) de que era consecuencia directa da expansión do cristianismo, culpando aos propios pagáns da decadencia. Esta obra foi seguida a continuación por de civitate dei de Agostiño, á que serviu prólogo en certo sentido.
historia aduersus paganus de Orosio é, á súa vez, a primeira obra que propón un desenvolvemento da historia guiado por Deus; a obra tería gran difusión entre os ortodoxos, en Britannia (Alfredo o grande traduciuna ao inglés no s.IX) e durante al-Hakam II tamén se traduciu ao árabe en Córdoba.
as fontes usadas por Orosio para esta obra son dispares: Biblia, César, Tito Livio, Xustino, Tácito, Suetonio, Floro, a tradución latina da historia eclesiastica de Eusebio de Cesarea realizada Xerome.

en Hispania, Máximo é novamente nomeado augustus por Gunderico, rei asdingo.

decembro, 28: Bonifacio I sucede a Zósimo coma bispo de Roma. Porén, unha facción elixe a Eulalius, quen reclama por carta o seu nomeamento ante Honorio. Ravenna apoia a Bonifacio.

iníciase o proceso de unificación do norte de China.

Ningún comentario:

Publicar un comentario