Amosando publicacións coa etiqueta Desiderio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Desiderio. Amosar todas as publicacións

domingo, 11 de decembro de 2016

774

representación do rei Silo
historalia
morre Aurelius, sucedido por Silo, un curmán e xenro de Afonso I.

abril, 6: Carlos confirma a 'doazón de Pipino' ao bispo de Roma.

maio: a flota bizantina remonta o Danubio.

xuño, 4: cae Ticinum en mans francas. Carlos proclámase rei dos francos e dos lombardos e leva presos a Desiderio e a Ansa a Gallia, onde son recluídos no mosteiro de Corbie. Tamén captura a Xerperga, da que non se volve saber.

o único territorio controlado por lombardos é o ducado de Benevento. Arechis II chámase 'príncipe dos lombardos'. Volturno cobra importancia como praza de fronteira.

numerosos nobres francos quedan en Italia para certificar a integración dos territorios lombardos baixo a autoridade de Carlos. En Ticinum, Venetia, Istria, Emilia, Toscana, e Corsica.

son sufocadas rebelións en Friuli. Hrodgaud é instalado como duque.

Carlos visita Roma e Hadriano I noméao 'patricius'.

o fracaso militar lombardo non indica debilidade estrutural do seu reino. O aparato administrativo funciona á perfección, por exemplo.

setembro, 1: Carlos inaugura a igrexa da abadía de Lorsch. Pasará o inverno en Ingelheim, onde fai construír un palacio real.

o gobernador abbasí Yazid ibn Hatim reconstrúe a gran mesquita de Kairouan.

espectacular aumento dun 1,2% da cantidade de carbono14, evidencia dalgún fenómeno cósmico excepcional, quizás unha enorme tormenta solar, visible no exame dos troncos de árbores para esta época.

outubro: batalla de Berzitia: o khaghan búlgaro Telerig envía unha pequena expedición (12000) para entrar no sudoeste de Macedonia e capturar Berzitia. Constantino V é informado por espías bizantinos en Pliska e reúne un enorme exército (80000) que sorprende e derrota os búlgaros.

Telerig envía unha mensaxe a Constantino V dicindo que ten que fuxir a Constantinopla a causa da derrota e pídelle a cambio que lle revele o nome dos espías en Pliska para protexelos. unha argucia que descubre e erradica a rede de espías bizantinos.

Alhred, rei de Northumbria, é expulsado de York, a súa capital, a instigación do clero do reino. Parte en barco desde Bamburgh ao exilio a terras de pictos, onde é recibido por Ciniod I. Substitúeo Aethelred I (11 anos), fillo do defunto rei Aethelwald Moll.

os saxóns atacan e incendian a abadía de Fritzlar e asasinan a todos os monxes. Carlos marcha precipitadamente a Austrasia e reúne tropas para contraatacar mais o inverno detén as operacións.

Offa de Mercia somete a Wessex e proclámase rei de 'Inglaterra'.

773

silabario manipuri
www.proel.com.org
paz entre o basileus e os búlgaros.

Paulo Diácono dedica á Adelperga, filla de Desiderio e Ansa, a súa historia romana, versión ampliada da de Eutropius, émula do seu home, ‘case o único príncipe do seu tempo que estimaba o saber’ e ela ‘amante da filosofía e da poesía, a historia e a esexese’. Inclúe historias sobre mulleres, case todas negativas, que poden ter sido un dos intereses coñecidos da dama ou porque Paulo consideraba que respondía ás súas necesidades, advertencia contra a frivolidade das mulleres. Paulo representa a Xustiniano como restaurador do estado. Quizás non é coincidencia que Arichis e Adalperga construíran en Benevento unha igrexa en evidente imitación de Hagia Sophia.

marzo: Hadriano I renova as peticións de axuda a Carlos ante as ameazas e os movementos de Desiderio.

verán: Carlos cruza os pasos alpinos (Mont Cenis) en dirección sur á cabeza dun importante exército franco. Bernardo, tío seu e irmán de Pipino, encabeza outro exército que entra polo Gran Bernardo.

no val de Susa o avance franco vese dificultado polas fortificacións lombardas. A información procedente dos exploradores francos localiza os seus puntos febles e os ataques francos fan retroceder aos lombardos cara Ticinum.

ata novembro Carlos negocia o pago de 14000 solidi a cambio do acordo de Roma e o prezo das dúas princesas lombardas. Desiderio rexeita o acordo.

Ticinum sofre escaseza de alimentos, mais o rei permanece na capital e ordena a seu fillo Adalxis defender Verona para protexer a Xerberga e os fillos de Carlomán.

logo dun asedio curto, Adalxis busca refuxio en Constantinopla.

os francos conquistan Verona e Mortara.

outubro: Ticinum é asediada.

al-Mansur, derrotados os chiies, centra a súa atención en al-Andalus, onde envía un exército que é derrotado por Abd al-Rahman I, que envolve a cabeza do xeneral enviado por Bagdad nunha das bandeiras negras que lles servía como símbolo. O outro único territorio dos que foran controlados polos ummayad que non controla al-Mansur é o territorio dominado por Abd al-Rahman ibn Rustum.

a datación establecida por Victorius de Aquitania aparece nunha carta enviada a Carlos.

os saxóns aproveitan a presenza de Carlos en Italia para recuperar Eresburg e Syburg. Tamén atacan, sen éxito, Büraburg, onde reside un bispo desde tempos de Bonifacio.

Alhred de Northumbria envía legados a Carlos.

o concepto de número '0' chega aos círculos de matemáticos árabes en Bagdad, que basearán os seus números no sistema hindú (os maias xa desenvolveran o concepto había tempo).

morre Khongtekcha de Manipur. Durante o seu mandato escribíronse textos co alfabeto Manipuri.

Yazid ibn Useid es Sulami, wali en Bagdad.

campaña de Constantino V contra os búlgaros, que deben retirarse desde Macedonia ata Lithosoria.

772

destrución do Irminsul
Heinrich Leutemann, 1882
www.wikipedia.org
febreiro, 1: morre Estevo III e varios candidatos loitan por ser nomeados bispo de Roma. Desiderio aproveita para recuperar prazas.

febreiro, 9: resulta elixido Hadriano I, quen solicita axuda franca.

Desiderio impulsa institucións de ensino en Ticinum.

Theodo, fillo maior de Tassilo e Liutperga, é enviado a Roma para ser bautizado por Hadriano I en Pentecostés. As inscricións no cáliz de Tassilo constatarían que foi feito para celebrar con ocasión do bautismo de Theodo. Quizás o sabio grego Dobdegrecus, no entorno do bispo Virxilio de Salzburgo, e que tiña como patróns os duques, participou no deseño da peza. O cáliz está en Kremsmünster, onde foi doado polos duques.

Lucifrido, pequeno labrego lombardo, cede a súa propia casa, nas proximidades de Lucca, á igrexa, de quen a recibe de volta a cambio dunha renda.

a influencia de Desiderio alcanza o Danubio.

marzo: Yazid ibn Hatim, enviado a Ifriqiya á cabeza de tropas procedentes da zona de Khorasan expulsa os kharidjitas da Tripolitana.

abril, 22: o bispo de Roma xa non data as súas bulas polo ano de reinado do emperador de Constantinopla.

abril, 25: os armenios en rebelión contra o califa son derrotados na batalla de Bagrevand.

maio: Yazid ibn Hatim entra en Kairouan.

primavera/verán: inicio da guerra contra os saxóns. Carlos conquista a fortaleza de Eresburg e fai construír o donjon de Büraburg. Destrúe o ‘irminsul’, santuario pagán.

Desiderio ocupa prazas que pertencen ao bispo de Roma cando Hadriano I rexeita apoiar as reivindicacións da viúva de Carlomán. Apodérase de Ravenna, das cidades da Pentápole e Umbría. Asedia Roma e tenta facer coroar os fillos de Carlomán. Hadriano I envía unha embaixada a Thionville ao final de ano que acorda unha alianza contra os lombardos.

en Xapón os que poñen en produción novas terras son exentos de tributación.

Offa de Mercia exerce soberanía directa sobre Sussex. A continuación depón ao rei de Kent, Egbert II.

al-Mansur ordena impor marcas distintivas nas mans dos cristiáns e os xudeus de Xerusalem.

771

ruínas de Sycae
www.youtube.com
Offa de Mercia derrota os haestingas e incorpóraos a Sussex, tributario seu.

os musulmáns atacan e conquistan Sycae, en Anatolia e derrotan un exército de rescate bizantino enviado por Constantino V.

decembro, 4: morre Carlomán (21) a causa dunha hemorraxia nasal en Samoussy, nunha situación de total illamento político. Os seus fillos pequenos e Xerberga, a viúva, deben fuxir onde Desiderio porque Carlos se apodera dos territorios de seu irmán temeroso da influencia do lombardo. Xerperga, a irmá da viúva, é inmediatamente repudiada por Carlos e enviada onde seu pai, sufrindo damnatio memoriae (coa única excepción da mención do seu nome na vita adalhardi). A semellanza de nomes e destinos das súas irmás xustifican a confusión na documentación sobre elas.

Desiderio trata de facer valer os dereitos sucesorios dos seus netos francos ante o bispo de Roma, coa intención de socavar o poder de Carlos.

Carlos casa con Hildegarda, suaba, nun movemento estratéxico que busca consolidar a súa autoridade en territorios anteriormente pertencentes a seu irmán.

lombardos e francos entran en oposición directa e, contrario aos seus plans iniciais, Carlos terá que intervir directamente en Italia.

769

reconstrución da Brixia romana
http://www.francescocorni.com/
abril 12-15: Constantino II, cegado, debe asistir a un concilio convocado por Estevo III no pazo Laterano, no que se anulan todos os seus actos como bispo de Roma. Nesta reunión, condénase a iconoclastia e fíxase a doutrina da igrexa a respecto das imaxes, rexeitando os canons do concilio de Hiéreia. Tamén se establece o sistema de elección para tratar de evitar eleccións alternativas.

Desiderio (segundo un documento consignado en Brixia, Brescia) acolle ao seu servizo persoal a grupos de nobres (gasindi regis): servir ao rei pasa a ser unha aspiración polos beneficios obtidos: títulos, cargos, …

primeira capitularia xeral franca, que, entre outros aspectos, estipula a presenza de bispos e capeláns no transcurso das campañas militares.

Carlos inicia comeza unha campaña contra Aquitania e Gascuña, chegando ata Burdigalia, onde establece unha praza militar en Fronsac. Carlomán rexeita participar. Hunaldo de Aquitania foxe onde Lupus II, señor de Gascuña, que o entrega a cambio de paz, sendo recluído nun mosteiro.

Eudo II é instalado polos francos como duque de Aquitania.

en Hibernia Máel Ruain funda o mosteiro de Tallaght, que se converte nun centro de saber e piedade, particularmente asociado ao movementos de reforma espiritual Céli Dé.

xoves, 17 de novembro de 2016

768

Aurelius, representación de 1788
xaneiro, 14: Froila I morre asasinado nunha conxura en Cangas, logo de ter asasinado ao seu propio irmán, Wimarano.

sucédeo un sobriño de Afonso I, Aurelius, elixido pola facción nobiliaria promozárabe. Aurelius aplaca unha rebelión dos servos e establece relacións pacíficas con Abd al-Rahman I.

Waifar de Aquitania e a súa familia son capturados e executados polos francos no bosque de Perigord; un parente de Waifar, Hunaldo, retoma a loita contra os francos.

agosto, 7: a aristocracia clerical romana, instigada por Desiderio, decide elixir outro bispo, Estevo III. Constantino II debe buscar refuxio nun mosteiro.

setembro: Tassilo de Baviera trasládase a Roma e traba lazos de amicitia con Estevo III.

setembro, 24: morre Pipino; seguindo a tradición divide os territorios entre os fillos varóns, Carlos e Carlomán; sen embargo, o reparto non respecta a tradicional división entre Neustria e Austrasia. Carlos recibe un ‘arco’ de territorios occidentais, mentres que Carlomán un de territorios orientais.

outubro, 9: Carlos é coroado en Noyon e Carlomán en Soissons.

Carlos fixa a súa residencia en Aquisgrán.

Desiderio alimenta as diferenzas entres os irmáns francos e decántase por Carlomán. Bertrada, viúva de Pipino, concerta casamentos dos seus fillos con princesas lombardas.

unha capitularia aquitana establece que todo home libre convocado ao exército ten dereito a recibir a auga e herba que precise para o seu cabalo.

Alhred de Northumbria casa coa princesa Osgifu, quizás filla do defunto rei Oswulf.

en al-Andalus, o xefe tribal bérber Saqiya ibn Abd al Wahid al-Miknasi encabeza unha rebelión contra Corduba, na rexión da actual Extremadura.

Pagan é asasinado; sucédeo Telerig como khaghan dos búlgaros.

766

acueduto de Valente, estado actual
http://arquitecl.blogspot.com.es/
maio, 1: Pipino convoca os francos en Orleáns e invade Aquitania, derrotando definitivamente a Waifar.

Paulo I trata de mediar entre Desiderio e Pipino.

agosto, 21: no marco das persecucións iconoclastas, Constantino V obriga a monxes e monxas a casarse publicamente no Hipódromo.

agosto, 25: humillación pública de 19 altos funcionarios e magnates no Hipódromo logo de descubrirse e ser descabezado un golpe contra Constantino V. Os líderes, Constantino Podopagouros (logothetes tou dromou) e Strategios, irmáns, son executados. O resto cegados e exiliados.

agosto, 30: o patriarca Constantino II é deposto e decapitado por conivencia cos iconódulos sublevados e substituído por Nicetas I (novembro, 16).

outono: asedio de Kamacha, onde forzas abbasíes baixo al-Hasan ibn Qahtaba son derrotadas; un exército bizantino (12000 homes) acode e fai retroceder os musulmáns ao interior de Armenia.

turbulencias nas elites búlgaras: Subin, khaghan búlgaro, ten que fuxir e refúxiase na fortaleza bizantina de Mesembria, de onde escapa a Constantinopla; Constantino V logra que tamén escape a familia do khaghan. Umor é sucedido por Toktu como khaghan.

en Bagdad traballan 100000 persoas que completan a 'Cidade Redonda', un círculo amurallado cun diámetro de dous quilómetros, no que o centro está ocupado por un palacio para o califa. Esta cidade está rodeada por tres muros máis.

Constantino V ordena anovar o acueduto de Valente.

en Geisingen, nas proximidades de St. Gallen, un documento fala da elaboración da cervexa.

decembro, 25: Pipino celebra o Nadal en Samoussy.

martes, 15 de novembro de 2016

763

cáliz de Tassilo III
www.heiligenlexikon.de
Isa ibn Musa derrota a Ibrahim ibn Abdallah, morto en batalla a causa dunha lanzada.

febreiro 17: Shi Chaoyi afórcase para evitar ser capturado por forzas tang enviadas por Li Huaixian, poñendo fin á guerra (revolta An Lushan). China queda sumida nunha grave crise demográfica, económica e social. O estado aumenta as cargas fiscais e moitos pequenos campesiños deben vender as súas terras e facerse servos. Moitos comerciantes tamén sofren confiscacións.

Tassilo de Baviera establece unha alianza matrimonial cos lombardos ao casar con Liutperga, filla de Desiderio; rexeita a chamada anual franca.

maio, 1: Pipino celebra a asemblea anual en Nevers e logo pasa o Loira e invade o Limousin; nova derrota do duque de Aquitania Waifar.

maio 22 (día de Pentecostés): o bispo de Epiphania (Syria) é acusado de roubar os vasos sacros. Os patriarcas de Antioquía, Xerusalem e Alexandría, reunidos en sínodo en Xerusalem excomúngano. Deste xeito, rexeitan as disposicións do concilio de Hiéreia e publican a súa sentenza nunha carta sinodial que envían a Paulo I.

Paulo Diácono dedica un poema a Adalperga, outra filla de Desiderio e Ansa, celebrando a súa maternidade.

agosto: tropas bizantinas invaden os estados papais coa axuda de Desiderio. Pipino intervén e comeza negociacións cos lombardos e con Paulo I. Desiderio promete finalizar as hostilidades a condición de que Pipino libere reféns lombardos.

Ciniod I sucede a Bridei V como rei picto.

novembro, 18: forzas tibetanas baixo Trisong Detsen ocupan a capital tang durante quince días e instalan un emperador propio; os tibetanos apodéranse dos pastos para os cabalos.

o ducado de Neapolis faise autónomo fronte a Constantinopla.

en Carintia o duque Hotimir reprimes as revoltas en reacción contra a crecente cristianización imposta polas elites.

xoves, 10 de novembro de 2016

760

Offa's Dyke
English Heritage
Constantino V volve invadir territorios controlados polos búlgaros.

Peredus, aristócrata e bispo de Lucca, consagra a catedral; documéntanse numerosas doazóns á igrexa.

Pipino conquista Carcassone, Tolosa, Rodez, e Albi. Waifer de Aquitania confisca as terras da igrexa e saquea Borgoña. Pipino resposta invadindo Berry e Auvernia e capturando Bourbon e Clermont. Os vascos que combaten con Waifer son aniquilados e os superviventes son deportados ao norte xunto coas súas familias.

abril: o duque Autchairo e o bispo Remedius, legados de Pipino, asinan un acordo con Desiderio. Paulo I renuncia ás súas reivindicacións territoriais, así como ás súas intencións de influencia Spoleto e Benevento.

maio, 20: os rexistros falan do cometa Halley.

batalla de Hereford: os britanos de Brycheiniog, Gwent, e Powys derrotan a tropas de Mercia baixo Offa, liberándose da súa influencia.

Offa ordena construír un dique (240 kms de lonxitude) de terra, que marca a fronteira entre anglo-saxóns e britanos.

Xuan Zong é arrestado polo oficial eunuco Li Fuguo, que segue ordes do emperador Su Zong e é nomeado comandante da garda imperial.

DosPilas é abandonada logo dunha sublevación vitoriosa de Tamarindito e Petexbatún.

Froila I derrota continxentes musulmáns en Callaecia.

Aethelred I, rei de East Anglia.

eruditos musulmáns adoptan a numeración hindú e desenvolven conceptos de álxebra e trigonometría.

venres, 23 de setembro de 2016

758

tremisse de Desiderio, acuñado en Lucca
it.wikipedia.org
verán: Liutprando de Benevento rebélase contra Desiderio, mais é derrótao, sendo Arichis II (fillo de Liutprando) instalado como duque; Desiderio casa a Adelperga, filla súa, con el, para selar unha alianza.

Desiderio depón a Alboíno, duque de Spoleto, e exerce el mesmo a autoridade ducal.

morre Beorna, rei de East Anglia, sucedido por Aethelred, fillo do rei Raedwald.

Eadberht de Northumbria abdica do trono en favor de Oswulf, fillo seu, e profesa no mosteiro de Iork.

morre Swithred de Essex, sucedido por Sixerico, fillo do rei Saelred.

Cynewulf de Wessex recupera Berkshire de Mercia e inicia a guerra contra os galeses.

un grupo de misioneiros de Basra, incluíndo a 'Abd al-Rahman ibn Rustam, proclama o imanato Ibadi; os seus seguidores conquistan a cidade de Kairouan e masacran os khariítas.

xuño: abasíes e uigures chegan simultaneamente a Chang'an, para prestar homenaxe e ofrecer tributo; ambos desexan precedencia e decídese que accedan ao mesmo tempo mais por portas de palacio diferentes.

a emperatriz Kōken abdica, sendo sucedida polo seu fillo adoptivo Junnin, neto do emperador Tenmu, que se converte en emperador (tennō) de Xapón.

Pipino logra un tributo anual de 300 cabalos por parte dos saxóns.

o porto de Guangzhou é destruído durante unha rebelión dos auxiliares persas e árabes que saquean a cidade e o porto.

represión dun levantamento eslavo en Thracia e Macedonia; son deportadas a Bythinia 208000 persoas.

sábado, 17 de setembro de 2016

757

Froila I
retrato figurativo, século xviii
www.eltesorodeoviedo.es
morre Afonso I en Cangas de Onís, sucedido por Froila I, fillo seu.

Aethelbald de Mercia é asasinado nun golpe cortesán, sendo brevemente sucedido por Beornred; derrotado á súa vez por Offa, parente de Aethelbald. Mercia perde a súa supremacía no sur de Britannia.

Cynewulf e os nobres apartan a Sigeberht de Wessex, a quen se lle concede Hampshire como ealdorman pero logo de matar a un dos seus propios homes, tamén perde este dominio.

fundación da cidade de Sijilmâsâ por unha tribo bérber que adopta o khariismo e establece un emirato que se converterá nun rico centro comercial como punto occidental final do comercio que atravesa o Sahara desde Ghana.

xaneiro, 29: An Lushan, emperador yan, é asasinado polo seu propio fillo, An Qingxu, que nomea a Shi Siming primeiro ministro.

batalla de Suiyang: 7000 homes baixo Zhang Xun defenden a cidade. Zhang tenta, sen éxito, conseguir comida das fortalezas próximas; logo dun asedio de dez meses, a cidade é conquistada polos rebeldes. Estímase que entre 20000 e 30000 persoas resultaron canibalizadas durante ese tempo; sobreviviron 400.

marzo,1: asemblea franca en Compiègne, onde Tassilo III de Baviera recoñece a supremacía de Pipino, facéndose vasalo dos francos; xura a commendatio a Pipino e compromete a súa alianza. Unha embaixada bizantina trae como agasallo un órgano.

marzo, 9: un tremor de terra causa enormes destrucións en Palestina e Syria.

abril, 26: morre Estevo II, sucedido polo seu irmán Paulo I como bispo de Roma, que se impón a un rival chamado Teofilacto; o seu nomeamento é comunicado a Pipino, e non ao basileus, como era costume.

Desiderio, duque de Brescia, imponse a Ratchis como rei lombardo.

maio - xuño: Abd al-Rhaman ibn Habib, emir de Ifriqiya é derrotado polos bérberes ourfeddjouma, en rebelión en torno a Kairouan, conquista e saquea a cidade.

novembro, 13: os tang baixo o xeneral Gou Ziyi e a axuda dos uigures son quen de recuperar tanto Chang'an como Luoyang, e o exército rebelde é forzado a retirarse cara o leste.

sábado, 6 de agosto de 2016

753

maqueta da fortaleza de Staraja Ladoga
www.nortfort.ru
Grifo rebélase contra Pipino co apoio dos bretóns mais é derrotado e foxe cara Italia para porse ao servizo de Aistulfo; sen embargo, é interceptado nos pasos alpinos e inmediatamente executado.

Desiderio, poderoso duque lombardo, e Ansa, a súa dona, fundan un mosteiro en Brescia, especialmente ben dotado, con terras procedentes do pai e irmáns dela; a súa filla Anselperga convértese na abadesa.

existen fundacións por parte da nobreza semellantes, quizás unha estratexia da nobreza lombarda para protexer os seus patrimonios dunha previsible conquista franca.

os documentos retratan a Anselperga mercando e intercambiando propiedades con moita enerxía, comisionando portas de ferro para a igrexa do mosteiro, construíndo un sistema hidráulico para fornecer os baños, ...

outono: Estevo II negocia en Ticinum con Aistulfo a devolución do exarcado pero os termos son rexeitados polo lombardo.

novembro: Estevo pasa os Alpes ata territorio franco.

os escandinavos fundan Staraja Ladoga (no norte de Rusia); en pouco tempo convértese nun próspero centro de intercambio onde se comercia con xoias, ferramentas, ...

Sevar, khagan búlgaro, morre logo de reinar 15 anos; sucédeo Kormisosh, do clan Vokil.