Amosando publicacións coa etiqueta Ellac. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ellac. Amosar todas as publicacións

domingo, 13 de xaneiro de 2013

454

representación de Aetius
www.profimedia.si
Studius (máis tarde fundador do famoso mosteiro en Constantinopla) e Aetius, cónsules.


primavera: batalla entre hunos ao mando dos fillos de Atila (Ellac) e unha coalición xermana de ruxios, herulos, suevos, ostrogodos, sármatas e xépidos (comandados por Ardarico). Vencen os xermanos e morren 30.000 hunos.

O imperio huno esfarélase (JORDANES, Gética 205): “ármanse, pois, ambos bandos para unha guerra sen cuartel e enfróntanse en Pannonia, xunto ao río chamado Nedao. Alí enfróntanse varios pobos que estiveran sometidos ao poder de Atila. Os reinos e pobos divídense e dun só coiro xorden diversos membros que non obedecen a unha mesma vontade, senón que unha vez cortada a cabeza vólvense uns contra outros. Estes pobos valerosísimos no terían atopado nunca inimigos á súa altura se non se tiveran esnaquizado a si mesmos inflixíndose feridas mutuas. Pois considero que foi un espectáculo digno de admiración contemplar godos loitando coas súa lanzas, xépidos enfurecido coas súas espadas, rugos romper os dardos nas súas propias feridas, suevos que se xactan das súas ondas e hunos das súas frechas, alanos formando liñas coa súas armaduras pesadas e hérulos con armaduras lixeiras.” [coa súa vitoria os ostrogodos puideron liberarse da servidume á que estiveran sometidos durante anos].

Ernak, un dos fillos de Atila, dirixe a retirada huna dende Pannonia cara as estepas ao norte do Mar Negro. Antes tenta atacar Constantinopla pero é rexeitado. Certos grupos de hunos pasan ás filas imperiais contra os xemanos orientais: Emnetzur e Ultzindur son instalados na Dacia Ripuaria, nos vales dos ríos Utus, Almus e Oescus. Outros pasan a engrosar as filas de Aspar, reforzando o continxente de cabalería.

moitos mandatarios, principalmente ostrogodos, tamén engrosan cadros do exército romano. Outros son asentados en Moesia e Dobrouja, nominalmente baixo o Imperio de Oriente. Os xépidos baixo Ardarico están nos Balcáns, na actual Serbia. Os esciros de Edika entre o Danubio e o Tisza.


os hunos arrastraran consigo os búlgaros (pobo asiático inicialmente asentado a carón do Volga – pode ser que ‘búlgaro’ proceda de ‘Volga’), que agora se asentan a carón do Danubio, ocupando o lugar deixado polos godos. Alí mestúranse con pobos eslavos que, xa libres da opresión goda, inician un proceso de expansión que os leva tanto cara o leste (Rusia) como o sur (os Balcáns). Os búlgaros adoptaron  lingua e costumes eslavos polo que na práctica acabarán por mudar en eslavos.

morre Euthychius pero o monofisismo sobrevivirá moito tempo.

a actividade da bacauda en Tarraconensis que provoca a intervención dos godos baixo o mando de Frederico, irmán de Teodorico II, que logra aplastar definitivamente este movemento, que quizás xa non conta co apoio suevo.

aparte do seu efecto inmediato, esta campaña é simbolicamente importante. Anteriormente os godos interviran por encargo imperial, pero dende os días de Wallia sempre o fixeran baixo o mando de oficiais romanos, que coordinaban forzas romanas e tamén godas. Frederico intervén ex auctoritate romana, pero non baixo mando romano. A tarefa de manter o control imperial en Hispania delégase nos godos. Iníciase unha nova fórmula pola que Hispania se mantén ligada ao imperio por medio da intervención goda.

setembro, 4: morre Dioscorus, bispo de Alexandría.

Antemius é nomeado patricius.

setembro, 21: concértase finalmente o enlace entre Gaudencio e Placidia, co xuramento de lealdade recíproco dos dous pais. Algúns conselleiros (entre eles Petronius Máximus) fanlle crer que Aetius o asasinaría logo da voda para facer emperador a Gaudencio. Co apoio do eunuco Heraclius, primicerius sacri cubiculi, Valentiniano III vai a Roma, onde Aetius o visita sen escolta e durante unha reunión sobre o estado das finanzas, o emperador tira de espada e crávalla ao xeral, que morre xunto co praefectus praetorio Italiae Boecio, tamén presente. Gaudencio escapa onde Gaiserico.

Valentiniano manda expor os dous cadáveres no foro para que todos soubesen o que pasara e tenta, ás presas, convocar ao Senado para que o apoie. Esfórzase por limitar as consecuencias do sucedido e comeza a reorientar a súa política. O compromiso entre Placidia e Gaudencio disólvese e comprométea con Anicius Olybrius, un Anicii, tentando lograr parte dos apoios de Aetius no seu círculo. Pero comete un erro ao saltar ao membro máis importante do clan, Petronius Maximus, que considera o novo enlace unha afronta persoal; ademais, el tivera relación persoal con Aetius durante vinte anos.

Heraclius ascende a comes sacrarum largitionum. Storacius é nomeado novo praefectus praetorio Italiae, anterior prefecto da cidade. Maioriano é novamente chamado ao servizo activo como comes domesticorum e encoméndaselle a misión de reconciliar aos bucellarii de Aetius co réxime. De ter esperanza de acadar o trono, renovando o compromiso coa filla do emperador, esta vez non é o escollido.

envíanse embaixadas a Carthago e a Hispania para informar aos federados do acontecido e solicitar o seu acordo coa nova situación. A resposta vándala é positiva. Melloran as relacións e o rei incluso permite ao clero o restablecemento da se de Carthago á petición de Valentiniano III (outubro).

o cargo de Aetius queda vacante para previr unha nova acumulación de poder nunha soa man, ameazando a posición do augustus.

mércores, 9 de xaneiro de 2013

453

representación da morte de Atila
www.portalmibax.com

Opilio e Vincomalus, cónsules.

marzo: Atila, que xa planifica reiniciar ataques contra a pars orientis, engade unha esposa (Ildico, goda) a su harén e, tras os festexos, morre en circunstancias misteriosas. A versión que nos chega é que morre a causa dunha hemorraxia nasal, afogado; ten aproximadamente 47 anos. Tal vez Aetius logrou introducir un traidor no seu círculo íntimo. Ao parecer é soterrado usando o mesmo ritual que Alarico.

o sucesor no mando huno é Ellac pero comezan as disensións inmediatamente, probablemente baixo instigación romana. Dengizich e Ernakh, os outros fillos tamén fundan estados ao norte do mar Negro.

Valamiro convértese no líder dos godos asentados en Pannonia.

Aetius síntese en disposición de forzar o seu acceso á púrpura imperial. Consegue o beneplácito de Valentiniano III ao enlace entre a Placidia, a filla máis nova, e o seu fillo Gaudencio. Valentiniano non ten fillos varóns e a sucesión está aberta.

xullo: morre Pulcheria por causas naturais aos 54 anos. Marciano reina en solitario. Aspar, magister militum, volve ser a máxima influencia.

en Palestina, os monxes rebélanse pero Marciano envía un exército para sometelos. Teodosio é deposto en Xerusalem e Juvenal é expulsado.

Turismundo segue unha política expansiva pero sofre unha derrota ao tratar de entrar en Arelate. Tonantius Ferreolus, pretorio do prefecto para Gallia dirixe aos romanos.

Antemius casa con Marcia Euphemia, filla do emperador, e é elevado ao rango de comes. É enviado ao limes no Danubio para refacer as defensas.

nova revolta bacauda en Tarraconensis, severamente reprimida pola aristocracia local.

unha embaixada romana chega a Callaecia; comanda o comes Hispaniarum Mansueto, que quizás negocia cos suevos para que non se produzan novas incursións na Tarraconensis, provincia que parece interesar enorme­mente ao Imperio.

Anko convértese no 20. soberano dun Xapón unificado. Sucede a Ingyo. O irmán maior do novo emperador, Hinashi, suicídase logo de ser acusado de incesto coa súa irmá Karu no Oiratsume (Nihon Shoki).

continxentes vascos penetran en Novempopulania.

outubro, 4: concilio de Angers.

novembro, 1: Turismundo é asasinado por Teodorico II, irmán seu.

decembro, 4: concilio de Arelate, convocado por Ravennius para tratar o conflito entre Lerins e o bispo de Frejus.