Amosando publicacións coa etiqueta Ceawlin. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ceawlin. Amosar todas as publicacións

martes, 2 de setembro de 2014

592

 Grégoire de Tours, Historia Francorumfol. 79v. Initiale ornée "A"
biblioteca nacional de Francia
latín 17655.
commons.wikipedia.org
marzo, 28: Gontran (59 anos) morre e sucédelle Childeberto II en cumprimento do pacto de Andelot. Gontran é soterrado na igrexa de Marcelo en Chalon-sur-Saone.

Ariulfo, que estivera ao servizo dos bizantinos na fronte persa, é o novo duque de Spoleto.

os bávaros atacan rexión controladas por eslavos na actual Austria.

marzo – abril: Mauricio marcha contra os avaros asentados en Anchialus á cabeza do exército bizantino (o día da súa partida hai un eclipse de sol). Tamén recupera Singidunum (Belgrado). As tropas bizantinas ‘obteñen’ ingresos extra ao saquear terras e posesións dos avaros.

Mauricio, de volta en Constantinopla, recibe embaixadas de Persia, os francos e os avaros.

xuño, 29: Ariulfo asedia Roma e corta as comunicacións con Ravenna. Mentres, Arixis de Benevento ameaza Neapolis. Gregorio I considera que o exarca non fai o necesario para protexer Roma e inicia conversas co rei Axilulfo.

Ceawlin, logo da derrota ante os britanos é deposto como rei de Wessex e o seu fillo Cuthwine é feito prisioneiro e condenado ao exilio. Ceol sucede a seu tío.

verán: o emperador Wendi reduce os impostos debido ao ‘exceso’ das existencias de alimento e seda nos almacéns do estado. Envía mensaxeiros a China central para redistribuír a terra e que os pobres obteñan o que precisan para subsistir.

novembro, 13: Sushun é asasinando en Xapón polos axentes do seu rival Umako Soga, que recea do poder do emperador. Sucédelle Suiko, viúva do anterior emperador Bidatsu.

Suiko traslada a capital xaponesa a Asuka-Toyura (prefectura Nara) inaugurando o período Asuka.

outono: Priscus recibe o mando das tropas en Thracia; súmanse unidades que estaban destinadas na fronte persa.

Gregorio I asina un tratado de paz cos lombardos en contra dos plans de Mauricio.

Gregorio de Tours finaliza a súa historia francorum.

luns, 1 de setembro de 2014

591

Axilulfo
es.wikipedia.org
crónicas de Nüremberg, 1493
Mauricio envía un exército (35000 homes) baixo Narsés, magister militum per Orientem en substitución de Comentiolus, a Mesopotamia; avanza sobre Mardes, cerca de Dara, onde están Cosroes II e o bispo Domiciano de Melitene. Os árabes da zona toman partido por Cosroes II, quen lle envía as chaves da cidade a Mauricio, quen á súa vez confirma a adopción de Cosroes II como fillo.

Narsés avanza ata 150 kms de Mosul, onde recibe reforzos desde Armenia. O xeneral persa Mabad faise con Ctesiphonte e proclama rei a Cosroes, masacrando os partidarios de Bahram VI.

unha forza expedicionaria bizantina pasa desde Iberia (Cáucaso) a Media (Azerbaijan).

febreiro, 9: Zadesprate, oficial ao servizo de Bahram VI, é asasinado e a súa cabeza enviada a Cosroes II, que prepara unha contraofensiva en Constantinia.

maio: Axilulfo, chamado ‘o turinxio’, rei lombardo logo de ser alzado no escudo cerimonial por guerreiros lombardos en Mediolanum. Casa con Teodelinda, viúva de Authario e bautízase católico.

Gregorio I usa o seu exército como arma de presión contra Axilulfo en combinación cuns donativos adecuados para gañar a confianza do lombardo.

maio, 21: unha pista de xogo de pelota é dedicada aos deuses na cidade maia de Chinkultic.

xuño, 9: carta de Gregorio I a Virxilio de Arelate e Theodoro de Marsella, no que os critica por permitir o bautizo forzoso de xudeus. Culpa o bispo de Terracina por expulsar os xudeus da sinagoga. Desexa que se convertan pola convicción. Cúlpaos de posuír escravos cristiáns.

xuño: batalla de Blarathon: o exército de Bahram VI (40000 homes) é derrotado cerca de Ganzak coa axuda do exército bizantino. Cosroes II recupera o trono persa e Bahram VI ten que fuxir a territorio turco, asentándose en Fergana. Meses máis tarde é asasinado por un mercenario a soldo de Cosroes.

verán: Mauricio inicia unha serie de campañas para defender os Balcáns dos avaros e eslavos. Estabiliza a fronteira do Danubio (limes moesiae) desde o delta ata Singidunum e permite restablecer a súa autoridade no interior.

Arechis I, segundo duque de Benevento, en sucesión de seu tío Zotto.

as langostas destrúen as colleitas en Italia.

xullo: primeira mención nas fontes escritas do exarcado de Carthago nunha carta de Gregorio I ao exarca Gennadius.

Jnanagupta, monxe budista afgano, traduce os Vimalakirti Sutra ao chinés.

outono: Mauricio e Cosroes II selan unha paz pola que Mauricio recibe Armenia e Xeorxia. O recoñecemento das fronteiras tradicionais e o final dos subsidios para as fortalezas do Cáucaso deixa aos bizantinos nunha posición dominante con respecto a Persia.

Ceawlin de Wessex é vencido polos britanos na batalla de Wanborough, onde se produce unha gran carnicería.

sábado, 16 de agosto de 2014

577

Gontran e Childeberto II
es.wikipedia.org
maio: entrevista de Pompierre: o gobernador de Austrasia Gogon conclúe unha alianza con Gontran (sen herdeiros varóns logo da morte do fillo durante unha epidemia), que adopta a Childeberto II como fillo e herdeiro seu.

Pretextato de Rouen é deposto e exiliado por un concilio en París en represalia por ter casado a Brunequilda e Meroveo II.

Meroveo escapa de Soissons e refúxiase no complexo de Martiño de Tours, logo deambula pola Champaña e Ternois, antes de facerse matar por Gailin, un dos seus fieis, e así non caer en mans inimigas. É soterrado en Vicente de París.

batalla de Deorham (quizás Dyrham en Wiltshire): os anglo-saxóns baixo Ceawlin de Wessex invaden o val do Severn e derrotan os britanos. Ocupan tres cidades: Cirencester, Gloucester e Bath; chegan, polo tanto, ao canal de Bristol e os britanos quedan divididos en dúas rexións illadas: á península ao norte chamáronlles Wealhas (terra de estranxeiros, actual Gales), á península ao sur Cornwealhas (terra dos estranxeiros do promontorio, actual Cornualles). Estas denominacións alternaron moito tempo coas de Gales do Norte e Gales do Sur. Os britanos resistiron tenazmente en Gales e menos en Cornualles, ata o punto de que inda hoxe se fala galés. A lingua de Cornualles, o cárnico, extinguiuse arredor de 1800.

o duque Zotto de Benevento arrasa a Campania.

os italianos xuntan 216000 solidi que envían a Constantinopla para pagar tropas de socorros. Lévaas unha embaixada plenipotenciaria, encabezada polo antigo prefecto do pretorio Pamphronius, membro máis antigo do Senado romano. Só recibiu o consello de empregar os cartos para comprar duques lombardos disidentes ou o apoio dos francos. Dúas medidas que se converten nos piares básicos da política bizantina en Italia, ás veces con éxito.

verán: unha forza expedicionaria baixo Xustiniano (magister militum) invade a Albania caucásica, atacando os persas desde o outro lado do Caspio. Xustiniano é derrotado polo xeneral persa Tamkhosrau en Armenia. Os persas dilatan as negociacións de paz para retrasar os preparativos militares bizantinos

verán: Tiberio establece unha base naval en Derbent, no Caspio, para construír unha flota de guerra.

outubro, 3: logo de estar exiliado doce anos en Amasia, Eutychius é restablecido como patriarca de Constantinopla.

inverno: Mauricio recibe o comando da fronte oriental en substitución de Xustiniano a pesar de non ter demasiada experiencia militar.

Wu Di, do reino Zhou, conquista o reino Qi, co que se converte nunha gran potencia militar, moi influído por costumes turcos. Wu Di ordena que os dirixentes Qi, Gao Wei e outros membros do seu clan, se suiciden. A China ao norte do río Yangtze volve a estar unificada.

precedente dos mistos usado en China: pequenos anacos de madeira de piñeiro impregnados de sulfuro. As damas da corte Qi do norte úsanos para acender lumes e cociñar ou como calefacción durante o asedio das tropas Zhou.

domingo, 3 de agosto de 2014

560

representación de Alboino
gravado sobre madeira
Crónica de Nuremberg (1493)
pt.wikipedia.org
destruídos os hephtalitas, os turcos dominan a Sogdiana e son os novos veciños dos persas.

Britannia: Aella, rei de Deira; Ceawlin sucede a seu pai Cynric en Wessex; Elidyr de Strathclyde invade Gwynedd (Gales) e intenta derrocar a seu cuñado, o rei Rhun Hir ap Maelgwyn.

Columba pelexa con Finnian de Moville sobre a autoría dun salterio e isto ocasiona un enfrontamento militar ao ano seguinte.

xuño: Clotario I invade Dumnonia, ao norte de Armorica. O xefe bretón Chonoo morre e Clotario fai queimar ao seu fillo rebelde Chramno coa súa familia, que se atopan refuxiados alí.

Alboino sucede a Audoino como xefe lombardo.

Cunimundo sucede a seu pai Thorisindo como xefe xépido.

Fidel, bispo de Emerita, sucede a Paulo.

Pelaxio I escribe: “a causa das continuas devastacións produto da guerra, hai pouco rematada, é das illas e territorios alén do mar que a igrexa recibe o pouco do que dispón para as súa necesidades e os pobres”. A poboación de Roma víase obrigada a comer bellotas e algúns incluso recorreron ao canibalismo.

os italianos sofren tanto (ou máis) a mans dos “liberadores” coma dos godos. O logotheta Alexandre, de terrible reputación, é  enviado por Constantinopla para obter tributacións. Os comandantes bizantinos non eran mellores e abusan dos seus cargos; por exemplo, Conon é asasinado polos seus propios homes, famentos, porque este aproveitábase da xestión do grao no seu beneficio ata extremos inxustificables.

a guerra arruína Italia e a súa capital. Os tres asedios da cidade van acompañados de fames, epidemias e sufrimentos. Grandes zonas da cidade son destruídas en lumes e moitos cidadáns quedan arruinados. Moitos aristócratas trasládanse a Constantinopla para tentar recuperar a súa posición a carón do emperador. Os xogos non se celebrarán máis. O sistema educativo colapsa. O reparto de gran vólvese intermitente para logo cesar para sempre. O senado tamén morre pouco a pouco. Moitos dos máis famosos edificios da cidade están desertos en ruínas, e a cidade, despois de tantos anos de maltrato, cae vítima das epidemias, das cheas e das fames cíclicas.

Bieito de Nursia predixera que “Roma non será despoboada polos bárbaros, senón polas tempestades, os lóstregos, tormentas e tremores de terra“.

decembro: lume en Constantinopla.