Amosando publicacións coa etiqueta Glycerius. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Glycerius. Amosar todas as publicacións

sábado, 29 de xuño de 2013

480

ruínas de Salona, acueducto
Flavius Cecina Decio Maximo Basilius, cónsul único.

Nepos é asasinado por dous dos seus comites, Viator e Ovida, na súa villa próxima a  Salona. A responsabilidade podería ser de Odoacro, que se libraría definitivamente del e o seu posible regreso a Italia como emperador. Pola contra, algúns (J.J. Wilkes) afirman que Odoacro tería recoñecido a Nepos e que o motivo da invasión de Dalmacia será vingar a súa morte e castigar a Viator e Ovida. Outras posibilidades son que os seus propios nobres se cansaran da súa insistencia a reclamar o trono imperial e viran máis realista facer de Dalmacia un poder independente tanto de oriente como de occidente. Tamén é posible que Glycerius, inda vivo, acadara por fin a súa propia vinganza.

os turinxios arrasan Batavis e ameazan as cidades de Noricum.

un tremor de terra destrúe partes de Roma e Constantinopla.

morren Chilperico e Godomaro, dous dos burgundos que aspiran á xefatura. Gundobado é proclamado rex; Godexisel queda como gobernador dunha parte con capital en Xenebra.

en India morre Skandagupta, sucedido por Narasimhagupta, quen non terá tanta sorte como seu pai contra os hunos.

Hunerico é máis intransixente que seu pai. Incluso usou a violencia para forzar conversións ao arianismo. Os que se resistían eran queimados, ou lles cortaban a lingua.

Seinei, 22º emperador de Xapón.

o matemático Chongzhi calcula o número pi ata sete decimais.

quizás morre Salviano de Massilia.

decembro, 9: Odoacro emprende a marcha cara Dalmacia.

Constantius de Lugdunum comeza a reunir materiais para vita sancta germani.

en Hibernia, fúndase a diócese de Connor.

mércores, 15 de maio de 2013

474

moedas emitidas durante o mandato de Nepos
León I, cónsul único.

xaneiro, 18: morre León I (73) de disentería.

febreiro, 3: León II (7 anos) é proclamado augustus; seu pai, Flavius Zenón, co-emperador (febreiro, 9).

Gundobado retorna a Gallia para asegurarse a sucesión á primacía de seu pai e nunca retorna a Italia. Tamén explicaría este movemento a política de Orestes, que tamén tenta presionar os burgundos tentando apoiar de xeito astuto deixando marxe de acción aos godos nos territoris galos próximos ás zonas de control burgundo. Gundobado optar por reforzar a seu tío Chilperico e abandona a súas responsabilidades no imperio. Arvernis está nesta encrucillada.

primavera: Nepos desembarca en Classis, o porto de Ravenna, cun exército (con aportes orientais) para expulsar a Glycerius. Domiciano, cliente de León I noméao caesar. Glycerius non se atreve a facerlle fronte e marcha a Roma, onde é unanimemente rexeitado: é considerado usurpador e atopa todas as portas pechadas. Decide escapar por Ostia pero Nepos dálle alcance e é deposto, inda que se lle perdoa a vida. Será bispo de Salona, onde se lle pode vixiar de xeito doado.

as acuñacións de Nepos (no seu nome e no de Zenón) son sólidos de ouro e semises e trientes de bronce. A tipoloxía dos sólidos unifícase en todo o imperio e pasan a levar no reverso a Vitoria portadora da cruz que vemos en Constantinopla (que os artesáns copiaron dos sólidos de León I). As acuñacións realízanse en catro talleres distintos: Ravenna, Roma, Mediolanum e Arelate. As convulsións provocaran a perda de homoxeneidade anteriormente característica a estes talleres, de modo que, cando un novo emperador ascendía ao trono, ao ignorar a súa aparencia física, improvisaban, e só despois de certo tempo as emisións eran máis uniformes. Neste sentido, Nepos é un bo exemplo Ravenna, que conta coa presenza imperial desde a chegada a Classis, emite desde o principio moedas cunha representación física aceptable; sen embargo, Mediolanum, que descoñece a aparencia física do emperador, ten que recorrer aos arquivos para encontrar un modelo válido, e ese modelo no é outro que Antemius. Por esta razón, as efixies das primeiras emisións de Nepos en Mediolanum e Roma son tan parecidas ás de Antemius. Pero Mediolanum cedo se decata de que Nepos non era o home gordo que fora Antemius. En dous ou tres meses, a súa imaxe rexuvenécese e adelgaza.

a maioría dos sólidos emitidos por Nepos corresponde a Mediolanum. Roma e Ravenna limitábanse a pagar gastos administrativos, en especial a oficiais superiores e altos funcionarios de palacio. Por esa razón necesitan máis trientes. En cambio, Milán debe afrontar os gastos militares que provoca a guerra en Gallia; tal e como veremos, precísanse cartos, por un lado, para pagar as tropas de Ecdicius e, por outro, para mercar a paz a Eurico.

xuño, 19 (ou 24): Nepos é entronizado como augustus.

Chilperico, tío de Gundobado e magister militum Galliarum por obra de Glycerius, síntese desautorizado ante a nova situación. Sidonio comunícanos que algunhas cidades galas (como Vaison) toman partido por Nepos, inda a risco de caer en desgraza ante Chilperico.

sen embargo, os sectores aristocráticos romanos, inda desprezando a subordinación aos bárbaros que apoiaran a Glycerius, tamén consideran unha graves desconsideración a subordinación a Oriente.

xuño: Castalio Inocencio Audax, aristócrata, é nomeado prefecto de Roma. Exercerá o cargo durante o reinado de Nepos.

Audax recibe unha carta de felicitación de Sidonio polo seu nomeamento. Tamén se conservan del dúas inscricións: a primeira é cadrada, realizada en bronce con letras de prata e nun lado pode lerse a dedicatoria ao emperador, cos epítetos habituais neste tipo de inscricións; noutra atopamos o nome do oferente, en mármore, e lembra a restauración realizada por Audax en todos os monumentos danados por Gaiserico.

o sitio de Arvernis empeora debido á fame e os lumes.

Xulio Nepos é recoñecido por Syagrius.

novembro, 17: morre León II, deixando a seu pai Zenón como único augustus. Pero Basiliscus non concorda coa situación. Ambos buscan axuda dos ostrogodos. Basilisco logra a de Teodorico Estrabón e, por conseguinte, Teodorico o Novo apoiou a Zenón.

Nepos decide facer fronte a Eurico e nomea a Ecdicius magister militum logo de telo nomeado patricius. Pero os esforzos imperiais son infrutuosos, xa que era imposible soster unha guerra sen cartos e sen un exército potente. Zenón non o pode axudar porque ten refuxiarse na súa Isauria natal debido á revolta de Basiliscus. A única saída é negociar con Eurico.

outono: Liciniano, quaestor sacrii palatii, é enviado para negociar con Eurico, pero as negociacións fracasan debido á intransixencia do godo.

Gaiserico perde Sicilia a mans de Odoacro. Gaiserico acada un tratado de paz con Zenón para asegurar as rutas comerciais dentro do Mediterráneo. Gaiserico é recoñecido oficialmente como señor de Córcega, Cerdeña e as Baleares.

luns, 6 de maio de 2013

473

moedas coa efixie de Glycerius
León I, cónsul único.

marzo, 3: Gundobado imita a Ricimer ao aceptar o título de patricius pero non se atreve a nomearse augustus. Promove para ese cargo a un home de confianza, o comes domesticorum Glycerius.

o movemento de Gundobado é un xesto de complicidade aos cristiáns de Italia fronte as implicacións pagáns de Antemius, e por ende de León I, quen o apoiara. Glycerius logo ocupará bispados.


xuño, 1: León I saúda a Xulio Nepos como augustus nun rescriptus no que responde a unha cuestión de Nepos sobre unha disputa entre irmáns.

Nepos é o elixido probablemente porque León I quere ter Dalmacia do seu lado; xa Marcelino fora un home moi poderoso e influínte. Isto e os lazos de parentesco fixeron o resto.
Nepos acuña moeda en Salona (capital de Dalmacia), onde reside, no famoso pazo construído por Diocleciano, un lugar de gran importancia estratéxica, económica e militar porque dende alí se dominan as principais calzadas, dende Tesalónica a Aquileia, e as que comunican Roma e Constantinopla. Dalmacia é unha zona montañosa, excelente defensa para a pars orientis.

a réplica de Nepos é nomear magister utriusque militiae a Orestes, que traballara para Atila como secretario e embaixador e logo ascendera no escala diplomática en Ravenna, onde casou coa aristocracia da cidade (o antropónimo do seu sogro Rómulo alude a unha familia romana establecida en Ravenna a inicios de século cando a capitalidade administrativa se trasladou alí). Orestes aproveita que Nepos non se atreve a deixar de todo a súa sólida base de poder en Dalmacia para irse facendo co control da política occidental.

Avernis resiste os ataques godos grazas á axuda prestada polos burgundos.

Eurico ocupa a rexión de Berry e manda a Vicencio (magister militum) a invadir Italia pero é derrotado polos comandantes godos Alla e Sindila, ás ordes de Gundobado.

na súa retirada cara Gallia as tropas godas ocupan Arelate e Massiliensis.

Glycerius manda un exército para cortar a incursión dos ostrogodos de Vidimero en Italia, transferíndoos a Gallia, onde son atacados por varios outros exércitos.

León I pacta con Teodorico Estrabón: recibe terras en Thracia, un tributo anual de 2000 libras de ouro e é nomeado magister militum praesentalis. Iníciase a súa rivalidade co outro Teodorico, fillo de Teodemiro, que abandona Pannonia e se dirixe aos Balcáns, Macedonia e Moesia, onde arrasa o que atopa ao seu paso.

chegan a Tolosa os restos do exército ostrogodo ao mando de Vidimero.

outubro, 25: León I nomea caesar ao seu neto, tamén chamado León.

novembro, 17: León I asocia a León II , fillo de Zenón e Ariadna (filla do emperador) como emperador ao trono.

Gundobado renuncia á súa primacía e regresa a territorio burgundo ao enterarse da morte de seu pai Gundioco. O reino divídese entre este Godexiselo, Chilperico II e Godomaro.

Kamaragupta inicia o seu reinado en India.