luns, 6 de maio de 2013

473

moedas coa efixie de Glycerius
León I, cónsul único.

marzo, 3: Gundobado imita a Ricimer ao aceptar o título de patricius pero non se atreve a nomearse augustus. Promove para ese cargo a un home de confianza, o comes domesticorum Glycerius.

o movemento de Gundobado é un xesto de complicidade aos cristiáns de Italia fronte as implicacións pagáns de Antemius, e por ende de León I, quen o apoiara. Glycerius logo ocupará bispados.


xuño, 1: León I saúda a Xulio Nepos como augustus nun rescriptus no que responde a unha cuestión de Nepos sobre unha disputa entre irmáns.

Nepos é o elixido probablemente porque León I quere ter Dalmacia do seu lado; xa Marcelino fora un home moi poderoso e influínte. Isto e os lazos de parentesco fixeron o resto.
Nepos acuña moeda en Salona (capital de Dalmacia), onde reside, no famoso pazo construído por Diocleciano, un lugar de gran importancia estratéxica, económica e militar porque dende alí se dominan as principais calzadas, dende Tesalónica a Aquileia, e as que comunican Roma e Constantinopla. Dalmacia é unha zona montañosa, excelente defensa para a pars orientis.

a réplica de Nepos é nomear magister utriusque militiae a Orestes, que traballara para Atila como secretario e embaixador e logo ascendera no escala diplomática en Ravenna, onde casou coa aristocracia da cidade (o antropónimo do seu sogro Rómulo alude a unha familia romana establecida en Ravenna a inicios de século cando a capitalidade administrativa se trasladou alí). Orestes aproveita que Nepos non se atreve a deixar de todo a súa sólida base de poder en Dalmacia para irse facendo co control da política occidental.

Avernis resiste os ataques godos grazas á axuda prestada polos burgundos.

Eurico ocupa a rexión de Berry e manda a Vicencio (magister militum) a invadir Italia pero é derrotado polos comandantes godos Alla e Sindila, ás ordes de Gundobado.

na súa retirada cara Gallia as tropas godas ocupan Arelate e Massiliensis.

Glycerius manda un exército para cortar a incursión dos ostrogodos de Vidimero en Italia, transferíndoos a Gallia, onde son atacados por varios outros exércitos.

León I pacta con Teodorico Estrabón: recibe terras en Thracia, un tributo anual de 2000 libras de ouro e é nomeado magister militum praesentalis. Iníciase a súa rivalidade co outro Teodorico, fillo de Teodemiro, que abandona Pannonia e se dirixe aos Balcáns, Macedonia e Moesia, onde arrasa o que atopa ao seu paso.

chegan a Tolosa os restos do exército ostrogodo ao mando de Vidimero.

outubro, 25: León I nomea caesar ao seu neto, tamén chamado León.

novembro, 17: León I asocia a León II , fillo de Zenón e Ariadna (filla do emperador) como emperador ao trono.

Gundobado renuncia á súa primacía e regresa a territorio burgundo ao enterarse da morte de seu pai Gundioco. O reino divídese entre este Godexiselo, Chilperico II e Godomaro.

Kamaragupta inicia o seu reinado en India.

Ningún comentario:

Publicar un comentario