Amosando publicacións coa etiqueta Remismundo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Remismundo. Amosar todas as publicacións

mércores, 5 de outubro de 2016

batalla do Urbicus, regnum destructum et finitum est suevorum?

en 455 varios acontecementos alteran fondamente os precarios equilibrios existentes na pars occidentis do imperio romano: Valentiniano III é asasinado por bucellarii de Aetius, e Petronius Maximus e Avitus sucédeno de xeito efémero.

en Hispania os suevos vense así liberados dos seus compromisos con Ravenna e invaden Carthaginensis. En resposta, para que os suevos respecten a 'legalidade' imperial, Avitus envía o comes Fronto. O rei godo de Tolosa, Teodorico II, tamén envía aos seus propios legados. Sen embargo, os suevos fan caso omiso e incluso entran en Tarraconensis, inda ferreamente suxeita ao imperio. Unha nova embaixada goda en 456 é seguida doutro ataque suevo sobre a mesma Tarraconensis, con saqueo e toma de numerosos prisioneiros.

Hispania en 456
www.ciudaddelastresculturastoledo.blogspot.com
desde o inicio do seu reinado Reckiario en 449 trata de reforzar a súa posición casando cunha filla de Teodorico I, pai de Teodorico II: aos godos convenlles ter un aliado máis no taboleiro imperial e para os suevos contar co apoio godo é garantía da estabilidade para as posicións que obtiveran en Lusitania durante o reinado de Rechila, pai de Reckiario.

sen embargo, á volta da viaxe a Tolosa para o casorio en 449 Reckiario devasta territorios na Tarraconensis, sendo esta unha máis das accións depredatorias que caracterizan o modus operandi suevo na época. Reckiario tamén semella alcanzar un pacto con Basilio, líder da bacauda en Hispania, que ataca e debilita o poder romano en Tarraconensis. Este feito choca cos intereses romanos e, por ende, godos (o ataque da bacauda a Tarazona acaba co destacamento godo na cidade).

os acontecementos de 455 son movementos erráticos e quizás so pretendan obter botín que reforce o papel do rei e os seus nobres aproveitando unha situación que xulgan favorable. Reckiario e os seus semellan considerarse inmunes, vista a situación de fonda crise que atravesa o poder central.

A actitude de Teodorico II, enviando unha nova embaixada conciliadora, semella darlles a razón. O godo tamén semella convencido de ser quen de controlar a seu cuñado mediante acordos diplomáticos. Sen embargo, Reckiario non avalía correctamente a situación porque, por mandato de Avitus, no verán de 456, Teodorico II reúne un gran exército en Gallia e marcha cara Hispania.

ao tratarse dunha expedición encabezada directamente polo rei, os distintos aristócratas propietarios de exércitos privados farían parte da expedición. Sen embargo, esta integración nom faría desaparecer as diferenzas entre as distintas unidades e os intereses dos seus dirixentes. Pode que Reckiario contara, nos seus cálculos, coas dificultades de harmonizar os diferentes señores godos. Tampouco é un desatino supor que contase con apoio de parte da nobreza goda e que confiara nisto para neutralizar ou atenuar calquera acción hostil.

a expedición de Teodorico ten un dobre obxectivo: facer cumprir a legalidade imperial, quebrando a expansión sueva, e obter botín. En ningún momento se tenta ampliar a zona de asentamento godo buscando terras en Hispania: o que logo sucede non da a entender interese algún polo control directo do territorio suevo.

Hydacio nom detalla o itinerario seguido por Teodorico na súa marcha mais nom é difícil supor que seguiría a vía romana entre Burdigala e Asturica. Nom sabemos o día de inicio da expedición nim cantos homes marcharon (Hydacio: cum ingenti exercitu suo, inda que serían varios milleiros, posiblemente o maior continxente militar godo en Hispania desde que Walia marchara a Tolosa. O volume das tropas debeu ocasionar problemas loxísticos durante a marcha.

a marcha cara Hispania iniciaríase a finais de xullo ou inicios de agosto, e faríanse pausas en varias cidades de Tarraconensis para valorar as consecuencias dos saqueos suevos da primavera e asegurar os continxentes godos nelas.

campaña de Teodorico II contra Reckiario
www.condadodecastilla.es
finalmente, o 5 de outubro de 456, venres, nas ribeiras do Órbigo, a doce millas de Asturica, un gran número de suevos son abatidos no curso dunha batalla campal, outros son feitos prisioneiros. Moitos foxen co propio Reckiario, ferido, que apenas pode facer outra cousa que escapar ás rexións máis distantes de Callaecia.

chama a atención o escaso quebranto que semellan padecer as tropas de Teodorico, e máis tendo en conta que o número de suevos nom era inferior (cum multitudine Suevorum). O éxito godo debeu ser produto dunha maior experiencia en enfrontamentos militares recentes, coma contra os hunos de Atila en 451.

reconstruír as condicións nas que se puido desenvolver o combate é ilusorio. A referencia ás tropas de Teodorico como ingenti exercito suo e ás de Reckiario como multitudine suevorum nom é abondo para deducir que se enfrontaron un exército en orden (o godo) e un conglomerado popular desorganizado (o suevo).

fuxido Reckiario cara o interior de Callaecia (ad extremas sedes), Teodorico saquea Bracara o 28 de outubro, 'humillando' tanto a romanos como a suevos. Hydacio nom esperaba as vexacións infrinxidas á poboación romana, ás virxes consagradas, aos cregos e aos lugares sagrados. Ao cabo os godos actúan en nome de Roma e o cronista espera unha acción civilizada, unha liberación da súa provincia.

Reckiario, refuxiado en Portus Cale, quizá coa pretensión de fuxir por mar, é capturado e o rei godo manteno prisioneiro por un tempo. O entorno próximo ao rei debeu ser agora masacrado; el mesmo é executado en Bracara en decembro. A conclusión do cronista nom pode ser máis clara: regnum destructum et finitum est suevorum.

Teodorico impón como rexente da Callaecia ao hérulo Axiulfo, e marcha a Lusitania. Sen embargo, os feitos desmenten a Hydacio porque a maioría dos suevos nom recoñecen a autoridade do hérulo e cando Teodorico debe regresar precipitadamente a Gallia debido á morte do propio emperador Avitus, proclaman a Framtán, fragmentándose a provincia en dúas partes.

no propio ano 457 Maldra, outro suevo, reunifica o 'reino', pero é asasinado en 459 nunha conxura, xurdindo dous novos rexentes Frumario e Remismundo (fillo de Maldra), quen en 463 pasa a reinar en solitario ata 469. Os suevos seguiron controlando Callaecia algún tempo máis. Os vaticinios de Hydacio nom se cumpren totalmente, e el mesmo inda vive para comprobalo.

venres, 11 de setembro de 2015

Argimundus: rebelde suevo?

malalanahistoria.wordpress.com
extracto da Crónica do Biclarense

14 Iohan. Bicl. Chron. a. 590.3: Reccaredo ergo orthodoxo quieta pace regnante domesticae insidiae praetendeuntur. nam quidam ex cubiculo eius, etiam prouinciae dux nomine Argimundus aduersus Reccaredum regem tyrannidem assumere cupiens, ita ut, si posset, eum et regno priuaret et uita. sed nefandi eius consilii detecta machinatione comprehensus et in uinculis ferreis redactus habita discussione socii eius impiam machinationem confessi condigna sunt ultione interfecti. ipse autem Argimundus, qui regnum assumere cupiebat primum verberibus interrogatus, deinde turpiter decaluatus, post haec dextra amputata exemplum omnibus in Toletana urbe asino sedens pompizando dedit et docuit famulos dominis non esse superbos

Argimundus
ex cubiculo eius – destacado membro da Aula Rexia de Recaredo
etiam prouinciae dux – duque provincial
machinatione – autor dunha conspiración
tyrannidem assumere cupiens, ita ut, si posset, eum et regno priuaret uita – apoderarse do reino e acabar coa vida do rei
maiestas – delito de lesa maxestade

a incorporación de Callaecia foi un asunto grave para os godos; solucionado en varias etapas:
- UN, de bloqueo da expansión territorial sueva que finaliza coa submisión e conquista do reino (anos 573-585);
- DOUS, de conquista con Leovixildo, dende 585 (conquista do reino suevo) a 589 (III Concilio de Toledo), de relativo éxito no militar e fracaso rotundo no relixioso coa conversión á morte do rei.
- TRES, de sometemento militar, dende Recaredo (586-601) a, cando menos, Sisebuto (612-621) e Suintila (621-631); cunha posible consolidación de vínculos familiares entre as nobrezas sueva e goda.
- e CATRO, de reorganización provincial durante Recesvinto (653-672) e Wamba (672-680), na que, aparte de diminuír o antigo dominio territorial suevo, ocupan cargos militares aristócratas godos con lazos de sangue coa corte toledana.

a numismática confirma campañas militares na rexión durante os reinados de Leovixildo (BRACARA, PORTOCALE), Recaredo (CALABACIA, PINCIA, TORNIO, BERGANCIA), Witerico (TUDE), Sisebuto (LVCVS) e Suintila (LVCVS); é dicir, durante o primeiro terzo do s. VII. A partir de Sisenando (631-636) non hai máis novas de acuñacións de tipo triunfal na zona.

Argi – mundus

o tema -mundus aparece na toponimia derivada de antropónimos xermanos, en confusión cultista co tema de orixe latina “munde/monte”. Semella privativo da Callaecia, sendo excepcional no resto de Hispania, excepción feita de Tarraconensis e tamén en Septimania (xa en Gallia). Certamente, non toda esta toponimia se remonta aos ss. VI-VII; boa parte dela sería plenamente medieval.

Freitemunde, Estremondo, San Jamonde e variantes: toponimia cun elemento secundario derivado dun posesor xermánico (Aldemunde, Baamonde, Bermún, Camonde, Castramonde, Gallamonde, Racamonde, Sesmonde, ...).

tamén na onomástica real sueva, onde se documentan casos: Requimundus, Remismundus, Veremundus, e Theodemundus.

tamén exemplos no estamento relixioso: Onemundus (bispo de Salamanca), Tructemundus de Elbora e Commundus, titular da sé egiditana, cátedras todas elas próximas a Callaecia o nalgún momento pertencentes ao reino suevo e á diocese metropolitana de Bracara.

o tema arge-/argi- (<germ. *harjia, 'exército'), inda que menos frecuente, pero do mesmo modo máis habitual na área occidental da península, atópase documentado nos nomes de dous bispos de Porto (Argionitus e Argebertus) e nun dos titulares da sede de Egitania (Argesindus). Quizá tamén o rei Ariamiro (559-566).

fóra destes casos, o tema arge-/argi- atopámolo outra volta no xa citado Argemundus, rebelde contra Wamba en Narbo, en dous Argibadus (un, bispo de Narbo e outro de Iliberris). Tamén en tres nomes documentados en varias pizarras da provincia de Salamanca: Argefredus, Argeredus e Argivindus.

a conclusión parece obvia: Argimundus ten un nome con compoñentes ben representados na onomástica sueva ou da zona limítrofe cos suevos, pero que son, sen embargo, pouco habituais na onomástica goda. Deste modo, o mapa de distribución desta onomástica apoia a idea de que o duque Argimundus debeu ter unha orixe sueva. Ademais, se temos en conta que o radical –mundus era usual na onomástica real sueva e case descoñecido na dos reis godos, así como que o dux era membro do officium palatinum, é moi probable que Argimundus pertencera á liña do rei Miro e que desempeñara o alto cargo de dux prouinciae Gallaeciae durante o reinado de Leoxigildo e/ou Recaredo, quizá como recompensa por ter formado parte dese sector da nobreza sueva que apoiou a Leovixildo na súa campaña de submisión do reino suevo. É máis, é probable que Argimundus fora un dos duques que sufocaron a revolta de Malaricus en 585 cuxos nomes Xoán de Biclaro preferiu manter no anonimato. E esta sospeita en relación da orixe sueva de Argimundus faise inda máis firme se temos en conta que, a pesar de ser un membro destacado da Aula Rexia, Argimundus non se atopa entre os nobres godos que abxuraron do arianismo no III Concilio de Toletum, circunstancia que induce a pensar que se trataba dun católico.

as moedas atopadas no sur de Callaecia e acuñadas en Totela, Calabacia, Bergancia, Pincia, Tornio, Tude e Luco terían a ver coas vitorias militares nas campañas represivas contra a rebelión aristocrática dirixida polo dux Argimundus.

considerando os feitos aquí expostos, tanto certos (dux prouinciae, membro do cubiculum, acuñacións monetarias galaicas, ocultacións de tesouros en Callaecia e zonas limítrofes, provincia non pacificada na súa totalidade) como hipotéticos (orixe sueva de Argimundus, partidario de Leovixildo, quizás emparentado coa dinastía derrocada), parece lóxico concluír que debeu ser tamén en Callaecia onde Argimundus se alza en rebeldía contra Recaredo.

o tráxico final de Argimundus, exposto á ira do populacho da regia sedes, é a proba definitiva de que a súa rebelión non foi unha simple conspiración de palacio, mais unha auténtica sublevación que tivo como escenario unha das provincias do reino. Unha rebelión en toda regra que fixo necesaria unha campaña militar e un desfile triunfal que servira de escarmento aos rebeldes tanto como aviso para futuros conspiradores.

é posible que Argimundus quedara a cargo de Callaecia co mandato expreso de pacificala, pois, aparte do seu cargo de cubicularius, era tamén dux prouinciae e que a rebelión tivera lugar ao inicio do reinado de Recaredo, pouco despois da reunión do III Concilio de Toletum (a. 589). Neste sentido, e inda que por desgraza resulte imposible determinar este extremo, a intención de Argimundus podería non ter sido a usurpación do trono toledano senón a restauración do reino suevo, territorio onde debía ter os seus principais apoios (inda que puideron darse as dúas opcións de forma consecutiva), de aí a omisión do lugar onde tivo lugar a rebelión por parte de Xoán de Biclaro.

o único seguro é que no momento da rebelión unha parte importante do exército godo debía estar acantonada en Callaecia, pois só así se explica que Segga, a cabeza da conxura de 587, fora enviado a esta provincia logo de ter sido condenado. Esta interpretación dos acontecementos atopa o seu apoio arqueolóxico na distribución de tesouros na parte sur de Callaecia e na aparición de emisións de moeda con lendas triunfais datadas.

as lendas VICTOR/VICTORIA dos tremisses acuñados por Recaredo son o reverso triunfal da parodia de pompa triumphalis con que Argimundus e a súa camarilla foron presentados ante os cidadáns da regia urbs. Ditas acuñacións con lenda triunfal deben relacionarse con cuestións relativas á propaganda bélica e as necesidades da campaña, e coas celebracións nas cidades onde se emitía a moeda logo do triunfo militar.

indicios que suxestionan que Argimundus quería restaurar o reino suevo:
1/ a provincia fora recentemente conquistada grazas en parte a un enfrontamento entre dúas faccións da nobreza sueva, a unha das que pertencería o rebelde
2/ o clamoroso silencio do Biclarense en torno ao desenvolvemento dos feitos, que contrasta cos detalles que aporta para outros sucesos análogos.
3/ a maneira de ser castigados os rebeldes, cunha cabalgata final a lombos dun asno polas rúas de Toletum, un triunfo burlesco da cerimonia de investidura, certamente máis propia dun triunfo militar que dunha conspiración de palacio, que se resolvían con xuízos sumarísimos e execucións das sentenzas (Segga en Emerita e Uldila en Toletum).

a rebelión de Argimundus marca un fenómeno típico da Callaecia goda: a súa militarización. A súa incorporación ao reino godo foi un proceso longo e gradual, con dificultades e éxitos, que determinou unha importante presenza militar na zona. E isto fixo aparecer unha potente aristocracia suevo-gótica que co tempo se fará co poder en Toletum. Neste sentido, de confirmarse a orixe galaica dos reis de Toletum na segunda metade do x. VII, comprenderíanse mellor os mecanismos que levaroa á aparición dun núcleo de resistencia política e militar á dominación musulmá no norte de Península, na Callaecia.

REFERENCIAS:
BARROSO CABRERA, Rafael - MORÍN DE PABLOS, Jorge & SÁNCHEZ RAMOS, Isabel Mª Gallecia Gothica: de la conspiración del Dux Argimundus a la integración en el Reino visigodo de Toledo. Idanha-a-Vella. Serie Histórica. AUDEMA, Madrid, 2015
GARCÍA MORENO, L.A. Prosopografía del reino visigodo de Toledo Ediciones Universidad Salamanca, 1974
es.wikipedia.org: Argimundo
callaecia: 589

domingo, 28 de abril de 2013

468

ruínas do teatro de Olisipo
www.whitman.edu

Antemius, cónsul único.

xaneiro, 1: Sidonio pronuncia un panexírico en honor de Antemius; por este feito, a pesar de non desempeñar demasiado ben as súas funcións como prefecto de Roma, é nomeado patricius.

último ano nas anotacións de Hydacio.

Remismundo toma Aeminium, onde se refuxiaran os poboadores de Conimbriga.

Eurico rompe a alianza con Remismundo, os godos toman Emerita e tentan reforzar a súa presenza en Hispania limitando a presenza sueva a Callaecia.

morre Remismundo.

febreiro, 28 (ou 29): morre Hilario e sucédeo Simplicio (marzo, 3), que se enfronta a León I e o patriarca de Constantinopla, partidarios do monofisismo.

intensifícanse os ataques vándalos. León I proponse atacar Africa, reúne unha enorme flota (máis de mil barcos e 100000 homes, custo de 64000 libras de outro, máis dos ingresos dun ano) e nomea xefe da expedición a Basiliscus. Occidente tamén colabora. As arcas imperiais quedan case baleiras.

Basilisco logra derrota unha gran flota vándala (afúndense 340 barcos). Mentres Marcelino, comisionado por Antemius, recupera Cerdeña e partes de Sicilia. Un terceiro exército baixo Heraclius de Edessa desembarca en Africa e captura Tripoli e marcha para atacar a propia Carthago, derrotando continxentes vándalos ao seu paso.

batalla de cabo Bon: Basilisco agrupa toda flota no promontorium Mercurii. Os barcos estaban todos apiñados sen marxe de manobra e sen vixilancia adecuada. Durante as negociacións que se manteñen e durante noite Gaiserico manda brulotes en lapas que incendian a flota romana, destruíndo unhas 700 embarcacións.

As embarcacións e tropas romanas restantes foxen como ben poden cara Sicilia, sendo atacados durante toda a viaxe por piratas bereberes.

Heraclius ten que retirarse. Continuará dous anos loitando no deserto ata que é chamado a Constantinopla definitivamente.

Gaiserico afianza o seu dominio do occidente mediterráneo, dende o estreito ata Tripolitania. Incluso tentan invadir novamente o Peloponeso pero son rexeitados en Kenipolis sufrindo graves perdas. En represalia fan 500 reféns en Zakynthos, descuartízanos e van tirándoos pola borda de regreso a Carthago.

xullo, 31: un edicto de León I exclúe os non – cristiáns das funcións xudiciais.

agosto: Marcelino é asasinado en Sicilia por un dos seus oficiais. As fontes non mencionan motivos inda que novamente Ricimer acumula todas as sospeitas. Tiñan un longo enfrontamento dende os tempos de Maioriano. Xulio Nepos, fillo dunha irmá, herda o seu cargo de magister militum Dalmatiae, proba das boas relacións da familia coa corte oriental.

cando Basilisco volve a Constantinopla é forzado a refuxiarse en Hagia Sophia para escapar as iras do populacho. León I perdóao oficialmente pero é desterrado a Heraclea Sintica (Tracia) durante tres anos.

Dengizich, fillo de Atila, envía unha embaixada a Constantinopla, urxindo novos subsidios. León I ofrece terras en Tracia a cambio do recoñecemento da súa autoridade, pero o ofrecemento é rexeitado e os hunos cruzan o Danubio e invaden Dacia.

tropas baixo Anagasto derrotan os hunos, Dengizich morre e a súa cabeza é exhibida polas rúas de Constantinopla antes de ser empalada e situada na porta Xylokerkos.

este episodio causa quizás o inicio da construción dos muros longos de Anastasio, a 65 quilómetros de Constantinopla, dende o mar Negro ata o mar de Mármara.

Zenón casa con Ariadna, filla de León I e Verina.

algunhas unidades de bucellarii que participaran na campaña contra os vándalos néganse a desmobilizarse (isauros e escravos).

en Gallia Antemius pecha un pacto coas tropas do comes Paulo e os britanos de Riothamus en contra de Eurico pero Arvandus, amigo de Sidonio, comete traizón a favor do godo.

escribira unha carta na que recomenda ao godo establecer pactos cos burgundos en contra de Roma. A carta é interceptada. Sidonio, inda non concordando con el, tenta defendelo pero Arvandus é xulgado e exiliado.

Hunimundo, xefe suevo, aproveita que os godos estaban enfrontados con hunos e sármatas para entrar en Dalmacia cruzando o río Save e roubarlles o gando. Cando retrocede é interceptado por Teodemir e debe prestarlle vasalaxe.

o gobernador de Olisipo, Lusidius, entrega a cidade aos suevos para evitar a toma por parte dos godos. Máis tarde será o representante destes ante Antemius: un exemplo de colaboración dunha parte dos hispano-romanos cos suevos.

os vándalos reconquistan Sicilia, sufrindo as forzas occidentais unha derrota decisiva.

a comunidade xudía de Isfahan é masacrada, acusada de causar a morte de dous magos. O representante dos xudeus exiliados en Babilonia é asasinado por orde do rei sasánida. Moitas sinagogas son destruídas e os nenos son secuestrados para facer de sacerdotes de Ahura Mazda e prohíbese o estudo da Torah.

guerra dos persas contra os lazas.

martes, 16 de abril de 2013

464

reconstrución de Conimbriga

Rusticus e Olybrius, cónsules.

febreiro, 6: Ricimer derrota un continxente alano en Bergamensis (Bergamo) nos Alpes e mata o rei Beorgor. Marcellinus comes (Beorgor rex Halanorum a Ricimere rege occiditur) escribe del coma se fose un rei bárbaro máis.

Remismundo vence a Frumario de xeito definitivo, ratifica a alianza con Teodorico II e reforza a estabilidade na zona.

habería dúas interpretacións posibles:

a/ Teodorico II recoñece que non pode controlar a situación e apoia a Remismundo como a opción máis manexable para el e para os intereses imperiais e aristocráticos: o envío de armas e o casamento do suevo cunha princesa goda serían sinais de recoñecemento. Sen embargo, o godo consegue que a súa influencia siga a sentirse: misións arianas (acaban por converter ao propio rei), protestas polos ataques suevos a Aunona (probablemente distrito de Tui).

b/ os godos xa non controlan a situación en Hispania e deben tratar os suevos como iguais. Incluso volve a muller de Remismundo a Callaecia, que estivera alí coma refén dende 457. Os provinciais deben valerse por si mesmos para chegar a acordos sen interferencias alleas.

Arborio abandona a Península sen ser substituído por ningún outro magister militum; o único representante militar imperial testemuña a partir de agora será o dux provinciae Tarraconensis Vicencio, cargo creado por Maioriano antes de abandonar Hispania, e que obedece a un feito obvio: o carácter fronteirizo de Tarraconensis, única provincia hispana xa baixo control imperial efectivo.

as bases militares na liña dende Lucus a Vitoria (exitentes dende principio do s. V) están baleiros ou ocupados por continxentes godos, suevos ou pagadas pola aristocracia local.

Lusidio entrega Olisipo ao suevos. Máis tarde será representante dos suevos ante o emperador.

Aegidius pecha un acordo cos vándalos.

a andamia institucional romana local sobrevive inda que a estrutura imperial se esfuma. A superestrutura desaparece: a oportunidade de exercer cargos no goberno imperial pero a subestrutura permanece. O sistema de división rexional por conventus é testemuñado por Hydacio.

Conimbriga é saqueada. A familia do nobre Cantaber é feita presa e levada como refén.

Aegidius morre, quizás envelenado. Syagrius herda o territorio e os buccellari de seu pai. O comes Paulus manda as tropas plenamente romanas que inda existen nese ámbito. A estratexia segue a ser aliarse co emperador e os francos para poder seguir a existir como poder independente. Tamén se menciona o comes Arbogast como personaxe influínte na zona.

Severus nomea a Arvandus praefectus praetorio en Gallia.

Basiliscus e súa irmá, Aelia Verina, emperatriz, conseguen que este acceda ao consulado do ano seguinte.

luns, 15 de abril de 2013

462

mapa de Propontis

Severus e León I, cónsules.

a embaixada de Filarco tamén solicitara mediación entre vándalos e romanos; Filarco consigue que Gaiserico libere a Licinia Eudoxia (viúva de Valentiniano III) e a súa filla Placidia a cambio do pago dun rescate, que viaxan a Constantinopla, logo de sete anos como reféns en Carthago. A outra filla, Eudoxia, está casada con Hunerico, fillo de Gaiserico.

fúndase o mosteiro de Stoudios na proximidade da Propontis.

o calendario Daming é introducido en China polo matemático Zu Chongzhi.

para dificultar as manobras de Aegidius e contentar a Teodorico II, desexoso de ter voz novamente, Severo concede Narbo aos godos, que agora estenden a súa autoridade ata o Mediterráneo. Tamén se corta a comunicación directa por vía terrestre entre o goberno imperial e os dominios que inda mantiña nas zonas orientais de Hispania. Agripino, xeral romano, é o encargado das negociacións. Teodorico II acepta así a autoridade de Severus.

Gaiserico controla as Baleares, e tamén Cerdeña e Córcega.

o exército godo permanece en Hispania logo da retirada do imperial baixo Suniericus e Nepociano; sen embargo, as súas tentativas por manter certa orden teñen pouco éxito e son chamados a Tolosa.

probablemente Nepociano tamén se opón ao nomeamento de Severus. Sen embargo, Arborio pasa a ser comes et magister utriusque militiae en Hispania en lugar de Nepociano. Tras negociar (quizás) con Teodorico II, accede a que Arborio ocupe o seu posto, inda que é difícil saber que sucede entre Ricimer, Nepociano, Teodorico II e Severus. Non sabemos que lle ofrece ou con que o ameaza Teodorico II para que consinta ser relevado.

Teodorico II alíase co suevo Remismundo: reparten zonas de influencia en Hispania.

setembro, 2: lume en Constantinopla, é destruída a estatua de Zeus, que estaba en Olympia e fora trasladada á capital.

Frederico, irmán de Teodorico II, escribe a Hilario para tentar que Hermes de Narbo sexa apartado da súa sé en base aos propios canóns.

novembro, 2: concilio de Roma, a propósito da sé de Narbo.

morre Licinia Eudoxia en Constantinopla.

luns, 1 de abril de 2013

458

cabo Miseno, onde se localizaron restos das
antigas instalacións romanas

Maioriano e León I, cónsules.

unha facción sueva envía cregos a Teodorico II, quen lles permite elixir rei, Remismundo.

existe aliteración e variatio nos nomes dos reis suevos do s. V: Rechila, Reckiario, Requimundo, Remismundo; sendo os dous primeiros pai e fillo, e seguros membros da sippe real sueva.

Remismundo podería ser fillo de Reckiario e dunha princesa goda filla de Teoderico I: pois a compoñente –mundus aparece noutro dos fillos deste, Turismundo. A pertenza á nobreza nuclear do Heerkönigtum suevo, como fillo de Reckiario, explicaría que Remismundo marchara a Tolosa, como apreciado refén, logo de 456. A súa propia pertenza agnaticia á familia real visigoda teríalle salvado a vida, e explicaría a súa estancia en Tolosa en 461 e que tivera que esperar ata 465 para casar cunha nobre (princesa?) goda; un tal fillo de Reckiario e neto de Teoderico I non podería ter nacido antes de finais de 449.

Requimundo tamén podería ser fillo de Reckiario, pero dun matrimonio anterior ao deste coa princesa goda; feito que explicaría a inquina contra el por parte da corte goda. É moi improbable que fose fillo de Maldra (Historia Sueborum § 89 de Isidoro), pois a Requimundo séguelle una facción contraria a aquel; a versión de Isidoro pode deberse ao desexo por refutar a herdanza paterno-filial da realeza.

Maioriano potencia as flotas de Miseno e Ravenna coa construción de novos barcos. Tamén recruta mercenarios para reforzar as tropas de terra (bastarnae, burgundos, hunos, ostrogodos, rugos, escitas e suevos).

xullo, 3: morre Anatolio, e Gennadios I convértese en patriarca de Constantinopla.

verán: continxentes vándalos desembarcan en Campania, ben no estuario do Lire ou do Garigliano, e devastan a rexión. Maioriano en persoa dirixe as operacións do exército e derrota os invasores na proximidade de Sinuessa, destruíndo o seus barcos na costa, xa cargados con botín.

Marcelino acepta colaborar co emperador nunha futura expedición contra os vándalos, ocupándose de mantelos a raia en Sicilia mentres se tentará chegar a Africa a través de Hispania. Tanto Marcelino como Ricimer foran compañeiros de armas baixo Aetius. Pode que Maioriano lle conceda o título de magister militiae, cargo que quizá herde del o seu sobriño Xulio Nepote.

Maioriano, asegurada Italia, marcha a Gallia, onde hai varias frontes abertas: burgundos, godos e os apoios de Avitus, que rexeitan abertamente a súa autoridade. Vai acompañado do magister utriusque militiae Nepociano.

prodúcese unha batalla na proximidade de Arelate na que Maioriano derrota tropas godas na proximidade do Ródano. Teodorico II asina un tratado e vólvese foederati, o que implica aceptar a autoridade de Maioriano.

Maioriano convoca as cidades para a súa propia defensa: os defensores deben protexer os cidadáns e así deter a decadencia urbana.

Maldra devasta Lusitania, mentres Remismundo se fai forte en Callaecia. Teodorico II envía ao dux Cirilo para tratar de conter os suevos.

agosto, 25: primeira mención do concepto “cero” nun tratado de cosmoloxía indio: a Lokavibhâga.

no leste de Hispania a situación é menos complexa. A autoridade imperial é restablecida novamente polo novo magister officiorum de orixe narbonesa, Magno.

setembro, 14: en Antioquía prodúcese un tremor de terra (6,5 graos na escala de Richter) que produce 80.000 falecementos.

o rei Vakhtang I de Iberia funda unha cidade que se desenvolverá ata converterse en Tiflis nas beiras do río Kura. Pretende controlar as rutas comerciais entre o oeste e Transcaucasia.

novembro, 6: Maioriano está en Ravenna antes de marchar a Gallia de novo e entrar no val do Ródano para atacar os burgundos baixo Gundioco e tentar reconquistar de novo Lugdunum. Forzará a bacauda a unirse á coalición contra os suevos en Hispania.

os Tuoba da dinastía Wei do norte derrotan decisivamente os Ruanruan no deserto de Gobi.