Amosando publicacións coa etiqueta Nepociano. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Nepociano. Amosar todas as publicacións

martes, 16 de abril de 2013

465

representación da "menorah" no Arco de Tito
Hermenericus e Basiliscus, cónsules.

agosto, 15 (novembro, 14): morre Libius Severus por causas naturais (Sidonio e Paulus Diaconus) ou envelenado por Ricimer (Casiodoro).

Gaiserico volve a propor a Olybrius como candidato. Inícianse negociacións pero ninguén é nomeado. León I é emperador único.

batalla de Wippedesfleot: os saxóns baixo Hengest e Aesc son derrotados polos britanos onde Ebbsfleet (Kent). Durante a batalla morren doce xefes galeses.

durante un ataque esciro Valamiro é derrubado do cabalo e morto. Teodemiro sucédeo como xefe ostrogodo.

Syagrius xa non recoñece a autoridade imperial; o seu territorio muda independente, último reduto “romano” en Gallia.

Marcelino consegue expulsar os vándalos de Sicilia.

setembro: lume en Constantinopla.

morre Nepociano: ignoramos as causas.

concilio de Vannes (Bretaña): (ata 888) a reiteración das mesmas sancións nos canons conciliares galos indican que o contacto entre xudeus e cristiáns era estreito: hai matrimonios mixtos, os xudeus posúen servos cristiáns, e os cregos comparten comidas con eles.

froito desa convivencia en Gallia é o uso frecuente dos símbolos xudeus máis representativos (a menorah, por exemplo), inda que moitas veces están privados do seu significado relixioso orixinal. Sidonio Apolinar describe o castelo do nobre aquitano Pontius Leontius no que hai un panel pintado coa historia da orixe dos xudeus circuncisos que, en opinión de Sidonio, “brilla para a eternidade”. Para el e o seu entorno os xudeus son parte do Imperio e, a súa historia, un episodio máis.

Qian Fei Di, logo Ming Di, chega a soberano da dinastía Liu Song, logo do asasinato do seu sobriño.

novembro, 19: Hilario convoca un sínodo en Roma (María Maggiore).

Pedro de Antioquía (ou Pedro Fullo ou o Fiandeiro) convértese en patriarca.

incursión dos hunos de Hormidac repelida polo magister militum Anthemius, que os derrota ao sur do Danubio en Dacia, provincia romana.

Hydacio empeñara a súa vida en manter os estándares romanos de orden e ortodoxia relixiosa no que para el xa tiña mudado nunha fronteira salvaxe. Sente que fracasou a mans de bárbaros e heréticos: os numerosos problemas, lembrando a unidade e concordia da súa xuventude, fan que idealice aquelas figuras do pasado xa case remoto que representaban a autoridade efectiva e lexítima: os días de Teodosio I, e apreciando tamén personaxes máis recentes coma Aetius, Maioriano ou Aegidius, que, para el, non só defenden o imperio senón que tamén cumpren a vontade de Deus na terra.

tanto Hydacio coma o “cronista galo de 452” aprecian que a forza militar estea nas mans axeitadas: para eles Roma é ortodoxia e os bárbaros herexía ou incredulidade. Tanto para un coma para outro a situación é altamente crítica. Neste particular, teñen unha actitude semellante á de autores bizantinos posteriores.

luns, 15 de abril de 2013

462

mapa de Propontis

Severus e León I, cónsules.

a embaixada de Filarco tamén solicitara mediación entre vándalos e romanos; Filarco consigue que Gaiserico libere a Licinia Eudoxia (viúva de Valentiniano III) e a súa filla Placidia a cambio do pago dun rescate, que viaxan a Constantinopla, logo de sete anos como reféns en Carthago. A outra filla, Eudoxia, está casada con Hunerico, fillo de Gaiserico.

fúndase o mosteiro de Stoudios na proximidade da Propontis.

o calendario Daming é introducido en China polo matemático Zu Chongzhi.

para dificultar as manobras de Aegidius e contentar a Teodorico II, desexoso de ter voz novamente, Severo concede Narbo aos godos, que agora estenden a súa autoridade ata o Mediterráneo. Tamén se corta a comunicación directa por vía terrestre entre o goberno imperial e os dominios que inda mantiña nas zonas orientais de Hispania. Agripino, xeral romano, é o encargado das negociacións. Teodorico II acepta así a autoridade de Severus.

Gaiserico controla as Baleares, e tamén Cerdeña e Córcega.

o exército godo permanece en Hispania logo da retirada do imperial baixo Suniericus e Nepociano; sen embargo, as súas tentativas por manter certa orden teñen pouco éxito e son chamados a Tolosa.

probablemente Nepociano tamén se opón ao nomeamento de Severus. Sen embargo, Arborio pasa a ser comes et magister utriusque militiae en Hispania en lugar de Nepociano. Tras negociar (quizás) con Teodorico II, accede a que Arborio ocupe o seu posto, inda que é difícil saber que sucede entre Ricimer, Nepociano, Teodorico II e Severus. Non sabemos que lle ofrece ou con que o ameaza Teodorico II para que consinta ser relevado.

Teodorico II alíase co suevo Remismundo: reparten zonas de influencia en Hispania.

setembro, 2: lume en Constantinopla, é destruída a estatua de Zeus, que estaba en Olympia e fora trasladada á capital.

Frederico, irmán de Teodorico II, escribe a Hilario para tentar que Hermes de Narbo sexa apartado da súa sé en base aos propios canóns.

novembro, 2: concilio de Roma, a propósito da sé de Narbo.

morre Licinia Eudoxia en Constantinopla.

mércores, 10 de abril de 2013

461

moeda de Libius Severus, co anagrama de
Ricimer no anverso
Severinus e Dagalaiphus, cónsules.

marzo: morre Patricio en Hibernia. Non é posible avaliar os progresos na súa misión “evanxelizadora” pero décadas despois florecen numerosos mosteiros.

xuño (ou xullo): Maioriano celebra xogos en Arelate ao seu regreso de Hispania.

agosto: Maioriano volve a Italia pero Ricimer arréstao en Dertonae, obrígao a abdicar, sofre torturas (agosto, 3) e é decapitado onde o río Ira (agosto, 7). Quizás o fracaso contra os vándalos é a causa da súa caída. Quizás Ricimer aproveita para cumprir intencións longo tempo reprimidas; Hydacio apunta que Ricimer, envexoso, xa acollía e alentaba opositores ao emperador tempo antes. Que Maioriano licenciara case todas as tropas recrutadas indicaría que non conta con esta actitude de Ricimer.

Ricimer, temeroso da reacción de Marcelino, suborna as tropas deste para que o abandonen. Marcelino ten que fuxir de Sicilia, refuxiándose en Dalmatia, onde ten bases sólidas de poder. De feito, Ricimer teme unha invasión provinte de alí.

novembro, 10: morre o bispo León I (aproximadamente 61) en Roma logo de 21 anos na sé.

novembro, 14 (ou 18): concilio de Tours.

novembro, 19: Ricimer, co control total das tropas de campaña en Italia, exerce a súa nova autoridade sen augustus varios meses, pero para evitar interferencias de Constantinopla proclama a Libius Severus augustus en Ravenna co apoio do senado. O poder de Ricimer en Italia é absoluto, incluso aparece o seu monograma nas moedas de bronce de Severus, cuxa autoridade se recoñece case exclusivamente en Italia.

León I non recoñece o novo augustus, aspira a reconquistar Occidente, e ten o seu candidato, Antemius, xenro de Marciano.

Ricimer tamén ten que facer fronte á oposición dos magistri militum de Gallia e Hispania nomeados por Maioriano, Aegidius e Nepociano, que ademais é cuñado de Marcelino.

Gaiserico tamén ten candidato, Anicio Olibryus, marido de Placidia, unha das fillas de Valentiniano III; presiona devastando as costas italianas.

Severus e Ricimer vense obrigados a pedir axuda a León I e facer concesións. Constantinopla envía a Filarco a Dalmatia para evitar que Marcelino entre en Italia. Resulta clarificador que sexa León I quen convenza a Marcelino, que cobra importancia na xestión do Imperio, colaborando activamente con Oriente. Nepote, sobriño seu, casa cunha parente de Verina, a emperatriz. É posible que a futura candidatura de Nepote, sempre co beneplácito de Oriente, comece a idearse neste momento, ou incluso antes, froito da cooperación entre Marcelino e León I.

Lugdunum é ocupada polos burgundos (quizás coa aceptación de Ricimer), co que se dificulta definitivamente o contacto entre o norte de Gallia e o centro imperial (Aegidius queda bloqueado no norte).

co réxime de Maioriano acaban os nomeamentos de funcionarios imperiais para Hispania. Quizás este elemento permita fixar aquí a fin do Imperio no que atinxe á península. Quizás as elites provinciais tamén o consideren así.

o magister militum per Gallias Aegidius tamén se subleva e conforma o seu propio dominio no norte de Gallia, sen usar título algún; conta co que queda das lexións galas e a alianza forxada con grupos francos. Na súa intención (as evidencias escritas falan de intercambio de embaixadas con Gaiserico en busca de apoio) estaría desaloxar a Ricimer pero as manobras deste fan que se lle opoñan os godos e os burgundos, o que lle obriga a permanecer en Gallia ou arriscarse a perdelo todo. Quizás manteña algún tipo de contacto con grupos de britanos.

os francos que ocupan Colonia aproveitan o caos nas filas romanas para consolidar o seu dominio.

a morte de Maioriano tamén finaliza a carreira política de Sidonio. Refúxiase nos seus dominios en Auvernia e Lugdunum, onde cultiva a poesía, os amigos e as crianzas.

as forzas centrífugas nas diversas rexións do imperio son evidentes. As aristocracias rexionais colaboran cada vez máis cos poderes locais, sexan ou non “bárbaros”.

novembro, 19: Hilario, principal axudante de León I e representante papal en Éfeso, onde se reivindicara o monofisismo, sucédeo na sé de Roma. Hilario insiste en condenar tanto monofisismo como nestorianismo. Tamén combate o arianismo dos soldados xermanos en Italia.

Mamertus, bispo de Vienne.

martes, 2 de abril de 2013

459

moeda coa efixie de Peroz I

Ricimer e Patricius, cónsules para o ano.

Maioriano restaura a paz coas cidades de Gallia e nomea a Aegidius magister militum.

maio: Maioriano marcha a Hispania, onde xunta unha flota coa que prepara a invasión de Africa.

Peroz I, apoiado polos hephtalitas derrota e mata a seu irmán Hormizdas III.

continxentes francos conquistan Colonia.

Teodori­co II recoñece finalmente a lexitimidade de Maioriano. Pero, mentres tanto, tentara estender a súa esfera de influencia á Provenza co placet de boa parte da aristocracia gala.

Teodorico II tamén envía un continxente militar a Baetica para consolidar certa influencia co apoio dunha facción aristocrática oposta ao anterior predominio suevo.

en Callaecia as forzas godas son incapaces de manter a or­de: rebrota a axitación social no rural e varios grupos suevos fuxitivos tentan resistirse á asimilación nas zonas setentrionais e periféricas. Sucédense xefes efémeros e contrapostos entre eles: Maldra e Framtán, e logo Requimundo e Maldra posteriormente. As accións de pillaxe multiplícanse de xeito anárquico, enfrontamentos menores entre grupos suevos e a aristocracia galega, inda moi forte en zonas interiores, e tamén en Lusitania. Estes grupos aristocráticos mostraran tamén unha clara oposición aos visigodos, inda que estes viñeran como representantes imperiais.

ataque de piratas herulos na costas de Callaecia.

os godos inda conservan calidades ancestrais: pelo longo, dieta a base de manteiga, clans, a súa arte ornamental (coñecido en Emerita grazas a numerosas evidencias atopadas), distante da arte monumental e antropomórfica dos romanos. Os xefes comprenden e falan latín, rodéanse de poetas e preceptores e incluso len autores coma Virxilio. Conservarán a latinidade, polo que Isidoro, (De Regibus Gothorum), toma partido por eles.

Teodorico II sitia Arelate, pero Aegidius derrótao e debe desistir. Maioriano tivera éxito anteriormente contra a flota de Gaiserico e traballa para invadir Africa. Teodorico II opta por aliarse con Maioriano contra os vándalos.

os preparativos en Hispania para a campaña africana serían efectuados por godos que tamén estaría controlando a zona do levante. Débese asumir tal feito porque inda que a xefatura do continxente godo estaría compartida por un oficial romano, non hai evidencia da presenza de ningún exército imperial en Hispania.

o exército godo está comandado polo magister militum e comes Nepociano e o comes rei militaris Suniericus.

Nepociano envía unha embaixada a Callaecia para anunciar a paz entre Maioriano e Teodorico II.

unha disputa en relación ao tributo anual fai que Valamiro leve as súas forzas cara os Balcáns e as proximidades de Constantinopla (ata 462). Foron derrotados polo magister militum Antemius e posteriormente León I acorda o pago dun subsidio anual en ouro. Teodorico (5 anos), fillo de Teodemiro, chega a Constantinopla, en calidade de refén; aprenderá latín, táctica militar e conceptos teolóxicos.

Dathusena, rei de Ceilán, da dinastía Moriyan. Durante o seu mandato eríxese a estatua do Bhudda Avukana.

Remixio (22 anos), bispo de Reims.

Vortigern morre queimado vivo en Ganarew (Herefordshire), asediado por forzas romano-britanas comandadas por Ambrosius Aurelianus.

morren Simeón o Estilita (setembro, 2), e Palladius, bispo misioneiro en Hibernia.

luns, 1 de abril de 2013

458

cabo Miseno, onde se localizaron restos das
antigas instalacións romanas

Maioriano e León I, cónsules.

unha facción sueva envía cregos a Teodorico II, quen lles permite elixir rei, Remismundo.

existe aliteración e variatio nos nomes dos reis suevos do s. V: Rechila, Reckiario, Requimundo, Remismundo; sendo os dous primeiros pai e fillo, e seguros membros da sippe real sueva.

Remismundo podería ser fillo de Reckiario e dunha princesa goda filla de Teoderico I: pois a compoñente –mundus aparece noutro dos fillos deste, Turismundo. A pertenza á nobreza nuclear do Heerkönigtum suevo, como fillo de Reckiario, explicaría que Remismundo marchara a Tolosa, como apreciado refén, logo de 456. A súa propia pertenza agnaticia á familia real visigoda teríalle salvado a vida, e explicaría a súa estancia en Tolosa en 461 e que tivera que esperar ata 465 para casar cunha nobre (princesa?) goda; un tal fillo de Reckiario e neto de Teoderico I non podería ter nacido antes de finais de 449.

Requimundo tamén podería ser fillo de Reckiario, pero dun matrimonio anterior ao deste coa princesa goda; feito que explicaría a inquina contra el por parte da corte goda. É moi improbable que fose fillo de Maldra (Historia Sueborum § 89 de Isidoro), pois a Requimundo séguelle una facción contraria a aquel; a versión de Isidoro pode deberse ao desexo por refutar a herdanza paterno-filial da realeza.

Maioriano potencia as flotas de Miseno e Ravenna coa construción de novos barcos. Tamén recruta mercenarios para reforzar as tropas de terra (bastarnae, burgundos, hunos, ostrogodos, rugos, escitas e suevos).

xullo, 3: morre Anatolio, e Gennadios I convértese en patriarca de Constantinopla.

verán: continxentes vándalos desembarcan en Campania, ben no estuario do Lire ou do Garigliano, e devastan a rexión. Maioriano en persoa dirixe as operacións do exército e derrota os invasores na proximidade de Sinuessa, destruíndo o seus barcos na costa, xa cargados con botín.

Marcelino acepta colaborar co emperador nunha futura expedición contra os vándalos, ocupándose de mantelos a raia en Sicilia mentres se tentará chegar a Africa a través de Hispania. Tanto Marcelino como Ricimer foran compañeiros de armas baixo Aetius. Pode que Maioriano lle conceda o título de magister militiae, cargo que quizá herde del o seu sobriño Xulio Nepote.

Maioriano, asegurada Italia, marcha a Gallia, onde hai varias frontes abertas: burgundos, godos e os apoios de Avitus, que rexeitan abertamente a súa autoridade. Vai acompañado do magister utriusque militiae Nepociano.

prodúcese unha batalla na proximidade de Arelate na que Maioriano derrota tropas godas na proximidade do Ródano. Teodorico II asina un tratado e vólvese foederati, o que implica aceptar a autoridade de Maioriano.

Maioriano convoca as cidades para a súa propia defensa: os defensores deben protexer os cidadáns e así deter a decadencia urbana.

Maldra devasta Lusitania, mentres Remismundo se fai forte en Callaecia. Teodorico II envía ao dux Cirilo para tratar de conter os suevos.

agosto, 25: primeira mención do concepto “cero” nun tratado de cosmoloxía indio: a Lokavibhâga.

no leste de Hispania a situación é menos complexa. A autoridade imperial é restablecida novamente polo novo magister officiorum de orixe narbonesa, Magno.

setembro, 14: en Antioquía prodúcese un tremor de terra (6,5 graos na escala de Richter) que produce 80.000 falecementos.

o rei Vakhtang I de Iberia funda unha cidade que se desenvolverá ata converterse en Tiflis nas beiras do río Kura. Pretende controlar as rutas comerciais entre o oeste e Transcaucasia.

novembro, 6: Maioriano está en Ravenna antes de marchar a Gallia de novo e entrar no val do Ródano para atacar os burgundos baixo Gundioco e tentar reconquistar de novo Lugdunum. Forzará a bacauda a unirse á coalición contra os suevos en Hispania.

os Tuoba da dinastía Wei do norte derrotan decisivamente os Ruanruan no deserto de Gobi.

martes, 12 de marzo de 2013

457

moedas coa efixie de Maioriano

Constantinus e Rufus, cónsules.

xaneiro, 26: en Constantinopla morre Marciano (65 anos) afectado de  gangrena nos pés.

febreiro, 7: Aspar é o home forte pero é ariano e isto exclúeo do trono. Busca un católico para o trono e decídese por un xeral (tribuno mattiarii) que adopta o nome de León I.

por primeira vez o bispo coroa o emperador, iniciando así unha tradición secular. Primeiro foi Senado, logo o exército e agora a igrexa. Aséntase unha idea esbozada por Constantino I: os emperadores son por graza de Deus. León I aumenta as atribucións do patriarca.

febreiro, 18: León I confirma a Ricimer como patricius et magister militum e a Maioriano coma magister militum coa posible intención de ser o único emperador. Sen embargo, Ricimer aumenta paulatinamente o seu poder ata dominar no oeste. Tampouco pode asumir a púrpura e ten dúas opcións: disolver a corte occidental e gobernar como dux do emperador en Constantinopla ou instalar unha figura decorativa. Opta, sempre que pode, pola segunda. O  seu control chega ata o punto de inscribir o seu nome en moedas xunto ao do emperador.

Maioriano ordena ao comes Burco que derrote aos alamáns (900 en número) que operaban na zona do lago Maggiore.

en Callaecia Maldra derrota os seus rivais pero Teodorico II envía un exército contra el: apoia a outro rival godo. Os godos aprópianse de máis territorios en Hispania e Teodorico II reparte terras. Maldra logra algunha vitoria en operacións a pequena escala.

en Lugdunum prodúcese a coniuratio Marcelliniana, que resulta desarticulada. Pode ser referida a Marcelino, ou a un grupo de persoas persuadidas das súas dotes de mando que desexan que se converta en emperador. A caída de Avitus causara gran conmoción en Gallia. O máis probable é que o xefe da revolta se chamara Marcellus e buscara apoios nos burgundos. Quizás se aproximaron a Marcelino, quizás este participou; se o fixo retirouse a tempo de evitar represalias.

primavera: en Xudea Sabas é recibido por Euthymius, que o envía coma novicio ao mosteiro de Theoctistus.

Maioriano traballa para conseguir apoios. Ten que contar con Ricimer, que compromete o apoio das súas forzas.

marzo, 29: en Alexandría prodúcense disturbios nos que o pobo, instigado polos monofisitas, protesta contra o patriarca Proterius, que acaba morrendo e sendo sucedido por Timotheus Aelurus.

abril: chegan novas a Emerita Augusta do acontecido en Gallia e Teodorico II decide marchar de volta a Tolosa, probablemente para non perder influencia no novo contexto. Deixa atrás continxentes militares para protexer os asentamentos e apoderarse das prazas da Meseta superior. Son saqueadas Astorga, Palencia e o castrum de Coianza (Valencia de Don Xoán), entre outras. O botín tería sido un tremendo alicerce para as tropas. A misión do exército godo é, sen embargo, explicitamente someter os restos de suevos rebeldes e acabar coa violencia espallada pola provincia.

os hispanos padecen a mans do exército godo pero ese padecemento trae a restauración da autoridade imperial. A acción goda en Callaecia vese coma excepcionalmente brutal, pero a violencia de soldados contra civís nin é nova nin específica dos godos por ser bárbaros; os destacamentos romanos tamén se impuxeran moitas veces aos provincias de xeito violento.

certos notables locais comezan a competir coas forzas suevas e cos representantes godos, que mantiñan a paz en nome do goberno imperial. Para Avitus, Teodorico II fora o que Sidonio lle chamará con posterioridade: romanae columen salusque gentis.

abril, 1: Maioriano é proclamado emperador polo exército occidental.

Victorius de Aquitania, paisano de Próspero, tamén traballando en Roma, elabora un cursus paschalis baseado na lista consular da Chronica de Próspero. Este documento foi continuado logo por outros autores, que foron facendo engadidos.

Victorius tamén é autor dunha táboa de multiplicar de 98 columnas que daba o producto (en números romanos) de todos os números entre dúas e cincuenta veces. Constaba de filas, “unha listaxe de números dende mil, diminuíndo de cen en cen ata cen, e logo diminuíndo de dez en dez ata dez, e logo unidade en unidade ata un, e logo as fraccións ata 1/144”.

persecucións contra os pagáns: son executados, entre outros, o médico Xacobe e o filósofo Xesio; tortúrase e encadéase a Severiano, Herestios, Zosimo, Isidoro e outros. O predicador cristián Conon e os seus seguidores exterminan os últimos pagáns da illa de Imbros, no NE do Exeo. En Chipre exterminan os últimos adoradores de Zeus Lavranio.

verán: Elías e Martyrius, monxes veteranos, chegan de Nitria, Exipto. Alóxanse no mosteiro de Euthymius durante un tempo, e logo fundan os seus: Elías dous coenobia próximos a Jericho, e Martyrius un dos maiores e máis fermosos do deserto de Xudea. Os dous son parte dunha vaga de relixiosos que están a chegar ao lugar, unha vaga favorecida non só polo renome de Euthymius, senón polo entendemento entre el e Xuvenal, novo bispo de Xerusalem, a diferenza da situación en Exipto, con disturbios frecuentes.

Euthymius é o líder indiscutido do movemento monástico do deserto de Xudea. Este feito canalízase na rede de mosteiros e edificios rituais que rodeaba o seu mosteiro. Entre estes está o de Theoctistus, a igrexa do campamento sarraceno (parembole), a torre de Eudocia no cumio de Jebel Muntar e outra igrexa en honor de Pedro construída na calzada dende Xerusalem a Jericho. Ademais, construiríanse máis mosteiros por obra de discípulos seus, coma os xa mencionados e o de Gabriel, ao NO de Mishor Adummim.

segundo a Crónica Anglo-saxona, 4000 britanos morren en Crecganford nunha batalla contra Hengest e o seu fillo Oisc de Kent.

morre Yazdegerd II; sucédeo o seu fillo Hormizdas III como rei dos sasánidas. Decide protexer os nestorianos, pois comprende que uns herexes perseguidos polos romanos serán súbditos fieis. Paulatinamente, os cristiáns persas e armenios adoptan o nestorianismo. Contra el rebélase dende Sistan o seu irmán maior Peroz I.

logo da morte de Meroveo, Childerico I, probablemente fillo seu, é rei dos francos salios. Aegidius contén os seus intentos de expansión no norte de Gallia e opera contra el na beira esquerda do Rhin, na zona de Colonia. Childerico I aséntase en Tournai.

Teodorico II envía un exército á Baetica; Sabinus, o bispo relegado vinte anos atrás polos suevos, volve a Hispalis e retoma a posesión da sé.

decembro, 28: logo de meses sen emperador Maioriano é nomeado augustus en Ravenna no campo ad Columellas. Unha situación explicable polo desexo de León I de seguir exercendo autoridade sobre o oeste e polas poucas gañas de Ricimer de someterse a un augustus. Ravenna ten control efectivo só sobre Italia, Dalmatia e territorios no norte de Gallia.

novella 1 de Maioriano: Erid apud nos cum parente patrioque nostro Ricimere rei militaris pervigil cura. Romani orbis statum, quem communibus excubiis et ab externo hoste et a domestica clade liberavimus, propitia divinitate servemus. Exprésase que ambos personaxes exercerán responsabilidades militares.

Nepociano e o novo magister militum per Gallias Aegidius reciben tamén importantes responsabilidades militares.

Sidonio acepta a autoridade de Maioriano e incluso o recibe na súa casa cando este visita Lugdunum, incluso recita un panexírico na súa honra. Recibe o título de comes.

Skandagupta vence os hephtalitas e preserva o reino Gupta unha vez máis.

Maioriano reclama a súa autoridade sobre Hispania. O control da diocese exérceno agora tropas godas. Neste asunto Maioriano está forzado a entenderse con Teodorico II, que inda non o recoñece. Quizás as súas intencións son incrementar os territorios en Gallia baixo o seu control directo, quizás simplemente exprese resentimento ao non ser considerada a súa opinión como fora no caso de Avitus.