mércores, 10 de abril de 2013

461

moeda de Libius Severus, co anagrama de
Ricimer no anverso
Severinus e Dagalaiphus, cónsules.

marzo: morre Patricio en Hibernia. Non é posible avaliar os progresos na súa misión “evanxelizadora” pero décadas despois florecen numerosos mosteiros.

xuño (ou xullo): Maioriano celebra xogos en Arelate ao seu regreso de Hispania.

agosto: Maioriano volve a Italia pero Ricimer arréstao en Dertonae, obrígao a abdicar, sofre torturas (agosto, 3) e é decapitado onde o río Ira (agosto, 7). Quizás o fracaso contra os vándalos é a causa da súa caída. Quizás Ricimer aproveita para cumprir intencións longo tempo reprimidas; Hydacio apunta que Ricimer, envexoso, xa acollía e alentaba opositores ao emperador tempo antes. Que Maioriano licenciara case todas as tropas recrutadas indicaría que non conta con esta actitude de Ricimer.

Ricimer, temeroso da reacción de Marcelino, suborna as tropas deste para que o abandonen. Marcelino ten que fuxir de Sicilia, refuxiándose en Dalmatia, onde ten bases sólidas de poder. De feito, Ricimer teme unha invasión provinte de alí.

novembro, 10: morre o bispo León I (aproximadamente 61) en Roma logo de 21 anos na sé.

novembro, 14 (ou 18): concilio de Tours.

novembro, 19: Ricimer, co control total das tropas de campaña en Italia, exerce a súa nova autoridade sen augustus varios meses, pero para evitar interferencias de Constantinopla proclama a Libius Severus augustus en Ravenna co apoio do senado. O poder de Ricimer en Italia é absoluto, incluso aparece o seu monograma nas moedas de bronce de Severus, cuxa autoridade se recoñece case exclusivamente en Italia.

León I non recoñece o novo augustus, aspira a reconquistar Occidente, e ten o seu candidato, Antemius, xenro de Marciano.

Ricimer tamén ten que facer fronte á oposición dos magistri militum de Gallia e Hispania nomeados por Maioriano, Aegidius e Nepociano, que ademais é cuñado de Marcelino.

Gaiserico tamén ten candidato, Anicio Olibryus, marido de Placidia, unha das fillas de Valentiniano III; presiona devastando as costas italianas.

Severus e Ricimer vense obrigados a pedir axuda a León I e facer concesións. Constantinopla envía a Filarco a Dalmatia para evitar que Marcelino entre en Italia. Resulta clarificador que sexa León I quen convenza a Marcelino, que cobra importancia na xestión do Imperio, colaborando activamente con Oriente. Nepote, sobriño seu, casa cunha parente de Verina, a emperatriz. É posible que a futura candidatura de Nepote, sempre co beneplácito de Oriente, comece a idearse neste momento, ou incluso antes, froito da cooperación entre Marcelino e León I.

Lugdunum é ocupada polos burgundos (quizás coa aceptación de Ricimer), co que se dificulta definitivamente o contacto entre o norte de Gallia e o centro imperial (Aegidius queda bloqueado no norte).

co réxime de Maioriano acaban os nomeamentos de funcionarios imperiais para Hispania. Quizás este elemento permita fixar aquí a fin do Imperio no que atinxe á península. Quizás as elites provinciais tamén o consideren así.

o magister militum per Gallias Aegidius tamén se subleva e conforma o seu propio dominio no norte de Gallia, sen usar título algún; conta co que queda das lexións galas e a alianza forxada con grupos francos. Na súa intención (as evidencias escritas falan de intercambio de embaixadas con Gaiserico en busca de apoio) estaría desaloxar a Ricimer pero as manobras deste fan que se lle opoñan os godos e os burgundos, o que lle obriga a permanecer en Gallia ou arriscarse a perdelo todo. Quizás manteña algún tipo de contacto con grupos de britanos.

os francos que ocupan Colonia aproveitan o caos nas filas romanas para consolidar o seu dominio.

a morte de Maioriano tamén finaliza a carreira política de Sidonio. Refúxiase nos seus dominios en Auvernia e Lugdunum, onde cultiva a poesía, os amigos e as crianzas.

as forzas centrífugas nas diversas rexións do imperio son evidentes. As aristocracias rexionais colaboran cada vez máis cos poderes locais, sexan ou non “bárbaros”.

novembro, 19: Hilario, principal axudante de León I e representante papal en Éfeso, onde se reivindicara o monofisismo, sucédeo na sé de Roma. Hilario insiste en condenar tanto monofisismo como nestorianismo. Tamén combate o arianismo dos soldados xermanos en Italia.

Mamertus, bispo de Vienne.

Ningún comentario:

Publicar un comentario