Amosando publicacións coa etiqueta Celestino I. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Celestino I. Amosar todas as publicacións

luns, 13 de agosto de 2012

432

Próspero de Aquitania

Aetius e Valerius, cónsules.

Teodosio II cede e permite oficialmente que Cirilo volva ocupar o seu cargo.

xaneiro-febreiro: desátanse as tensións entre Aetius e Placidia. O xeral é destituído das súas funcións, que pasan a mans de Bonifacio.

marzo, 15: Celestino I aproba a substitución de Nestorio por Maximiano.

Próspero de Aquitania publica de gratia dei et libero arbitrio contra a collatio de Xoán Casiano. Induce a que Celestino I publique epistola ad episcopos gallorum contra algúns membros da igrexa gala. Próspero e Hilario (non o bispo de Arelate) mantiveran correspondencia con Agostiño sen chegar a coñecelo persoalmente: o seu entusiasmo por el lévao a resumir o comentario sobre os salmos e compilar fragmentos de obras; tamén compón epigramas (106) cos dicta teolóxicos.

xullo, 27: morre Celestino I.

xullo, 31: elección de Sixto III (Xystus) para suceder a Celestino I.

segundo Baronius e Platina, Sixto foi acusado de deitarse cunha virxe pero foi absolto nun concilio presidido por Valentiniano III, quen seica dixo “porque o xuíz de todos non debería ser xulgado por ninguén.”

outono: Aetius presenta batalla en Ariminium pero é derrotado; porén, Bonifacio morre tres días despois da batalla a causa das feridas recibidas en combate e é substituído por Sebastianus (xenro de Bonifacio) coma magister peditum. A loita de poder queda unha vez máis aberta. Sebastianus planea un atentado contra Aetius, refuxiado en Roma, pero fracasa e este ten que fuxir cara Dalmacia e Pannonia, buscando enrolar máis mercenarios hunos.

conságrase a igrexa a Sabina en Roma.

Ruga unifica os continxentes hunos nas planicies panonias.

suposto inicio da evanxelización de Hibernia por Patricio, un britano discípulo de Xermanus. Os progresos deberon ser lentos, creando pequenas comunidades que foron progresando no medio do paganismo celta.

martes, 7 de agosto de 2012

430

aparato de destilación de Zósimo de Panopolis
en Marcelin BERTHELOT Collection des anciens alchimistes grecs
(1887-1888)

Teodosio II (quen celebra os seus tricennalia) e Valentiniano III, cónsules novamente.

construción dunha igrexa consagrada a Lourenzo en Mediolanum.

un continxente huno dirixido por Octar ataca os burgundios establecidos en torno a civitas vangionum (Worms), pero son rexeitados. Octar morre o día anterior ao combate, quizás por causa dunha enchente, e os seus homes resultan aniquilados. Ruga, quen ocupara unha xefatura dual co seu irmán Octar, convértese en señor único dos hunos. Atila, sobriño seu, levaba coma refén en Ravenna dende 410.

Teo­dorico I tenta estender a influencia visigoda á costa provenzal e ameaza Arelate, sendo rexeitado por Aetius, quen tamén en Gallia emprende operacións contra a bacauda.

Zósimo de Panopolis usa por primeira vez o termo ‘química’. Mellora a destilación e varios procesos metalúrxicos.

maio: Flavius Felix (partidario de Gala Placidia), a súa dona e un diácono son arrestados pola milicia durante un motín, instigado (ou non?) por Aetius, en Ravenna. Son executados e Aetius nomeado magister peditum.

Aetius semella ter conseguido os seus obxectivos; porén, en Ravenna non ten apoios sólidos e debía responder pola morte de Felix; tamén se lembraba a súa asociación con Xoán primacerius e Castinus. Só a delicadísima situación en Africa favorece temporalmente os seus intereses.

xuño: Gaiserico inicia o asedio de Hippo Regius, defendida por Bonifacio. A cidade resistirá de momento grazas ás subministracións por mar e a colaboración de Constantinopla. Carthago e Citra tamén resisten.

Cirilo de Alexandría escribe contra as “blasfemias” de Nestorio e envía cartas a Teodosio II, Pulcheria e as outras irmás do emperador. Tamén a Celestino I.

agosto, 10: Celestino I lidera un sínodo en Roma que rexeita as doutrinas de Nestorio como heréticas: ínstaselle a rectificar en dez días baixo pena de excomuñón e autorízase a Cirilo a comunicarllo por escrito.

agosto, 18: Agostiño (76 anos) morre en Hippo Regius, durante o sitio vándalo.

Feng Ba abdica coma emperador de Yan, un estado que compite polo poder en China. Sucédeo seu irmán Feng Hong.

novembro, 19: Cirilo convoca un sínodo en Alexandría e condena 12 ‘doutrinas’ nestorianas e comunícallo por escrito ao propio Nestorio; tamén, á cabeza dun forte movemento popular, forza a convocatoria dun concilio en Éfeso.

Pedro o Ibero funda un mosteiro próximo a Belem.

Capreolus, bispo de Carthago. Deixou un epistolario fundamentalmente doutrinario, froito das controversias orixinadas polas correntes teolóxicas situadas á marxe da doutrina proposta polas xerarquías. Hai unha epístola remitida a el por Vital e Constancio, monxes hispanos, consultándolles sobre o nestorianismo, profesado por algunhas xentes en Hispania. Na contestación Capreolus rexeita os principios desta corrente, á vez que informa da celebración dun synodum sacerdotum en Oriente (Éfeso) e ordénalles que corrixan aos que incorran neste erro.

o arianismo ten presenza en Hispania pola entrada dos continxentes xermánicos, pero non se estende demasiado entre a poboación hispanorromana. Só se teñen noticias de movementos priscilianistas ou algún maniqueo en Callaecia.

dende Oriente parten moitas expedicións comerciais cara Occidente, onde se establecen colonias orientais. isto é o vehículo de transmisión das máis diversas influencias, materiais e espirituais, tamén principios relixiosos. A área peninsular onde se estableceron os contactos con teorías nestorianas serían Levante ou Baetica.

Vital e Constancio serían monxes: a cita de pasaxes da Biblia evidencia a súa cultura teolóxica adquirida nun dos mosteiros hispanos nunha época con escaso nivel cultural entre a maioría de leigos e cregos, incluso estes últimos en materia doutrinal.

a campaña da xerarquía africana contra os heréticos estaba agora nunha nova etapa: a loita contra maniqueismo e donatismo de Agostiño deixaba paso á establecida contra pelaxianismo e nestorianismo –en conxunción con Roma–, loita apoiada por Capreolus na súa carta efesina aos bispos convocados: apréciase a pouca preocupación polo nestorianismo e a gran preocupación polo pelaxianismo, moito máis estendido en occidente.

Capreolo está preocupado por defender a doutrina tradicional e non por intrigas e intereses persoais, formado a carón de Agostiño, quen segue a ser referente en materia eclesiástica ou doutrinal.

en Hispania, logo da marcha dos vándalos, só están os suevos como forza bélica de certa entidade, sen que se poida en­contrar más resistencia a estes que a ofrecida localmente polos pro­pios provinciais hispanorromanos.

ata mediados dos corenta, Ravenna ten gravísimos problemas que lle impiden intervir novamente en Hispania. Os suevos tentan estender a súa influencia levando a cabo sacos e pillaxes noutras provincias fóra de Callaecia. O éxito fai que os distintos grupos e clientelas se unan baixo o liderado dos reis. Porén, os suevos non conseguen dominio territorial propiamente dito. Este só se acadou en certas zonas de Callaecia, sobre todo en torno a Bracara (principal zona de asentamento suevo) e nalgúns centros urbanos de certa importancia, onde habería guarnicións militares. Por iso subsistiron numerosos illotes e amplas zonas practicamente independentes de todo control e dominadas pola aristocracia local.

un factor a ter en conta é a desfavorable relación numérica dos suevos a respecto da poboación; todo é hipotético pero E. A. Thomson fala dunhas 20000 persoas de orixe sueva, non máis do 3% do total da Callaecia, que no s. ii superaba as 700000 persoas. Por outra banda, a orografía facilita a defensa local da poboación e fai difícil unha boa centralización. Por último, o continxente suevo tampouco era heteroxéneo dende o punto de vista étnico.

os francos, dirigidos por Chlodion, levaban anos pasando o Renus, ata que se asentan definitivamente no norte de Gallia.

nace en Lugdunum Sidonius Apollinaris, que vivirá e escribirá acontecementos chave no desmembramento da pars occidentis. Tanto pai coma avó foran praefectus praetorio Galliarum, a máis alta maxistratura en Gallia. Educouse no propio Lugdunum e en Arelate: gramática e retórica, poesía e mitoloxía, baixo o sistema fixado por Quintiliano. É discutible se posuía coñecementos de grego.

Turonium (Callaecia) sofre o ataque vándalo: “Vandali navibus Turonio in litore Gallaeciae repente aduecti familias capiunt plurimorum”, segundo Hydacio.

Próspero escribe un poema dunhas 1000 liñas adversus ingratos no que ataca aos pelaxianos: dogma quod … pestifero vomuit coluber sermone britannus. Despois da morte de Agostiño escribiu tres series de obras na súa defensa, especialmente en contra de Vicente de Leríns (pro augustino responsiones).

morre Nilo de Ancira, discípulo de Xoán Crisóstomo en Constantinopla e autor de tratados ascéticos para os seus monxes e máis de 1000 cartas a superiores, amigos e fregueses. Nunha carta describe as características ideais da decoración das igrexas da época: o bispo Olimpiodoro pediralle consello sobre a decoración dunha igrexa con imaxes de santos, escenas de caza, paxaros e animais; Nilo condenou as escenas de caza e da fauna por “frívola e impropia dunha viril anima cristiá” e suxestionou escenas do Testamento pintadas pola man dun artista de talento para que “serviran a xeito de libros para os ignorantes, ensinándolles a historia bíblica e gravando na súa memoria o relato das mercés divinas”.

Budagosa introduce en Ceilán, dende India, o budismo theravada (aprox.).

mércores, 1 de agosto de 2012

429

moeda coa efixie de Bonifacio

Florentius e Dionysius, cónsules.

xaneiro: Eusebius, xurista, protesta formalmente contra Nestorio en nome dos católicos.

marzo, 25: durante a celebración da anunciación, Proclo, bispo de Cyzicus, predica que María é theotokos, en contra de Nestorio.

Heremigario, líder suevo, ataca os vándalos mentres embarcan para cruzar cara Africa pero é derrotado. Heremigario é lanzado polo seu cabalo oo Guadiana e morre afogado (segundo Hydacio, en castigo por ter violado o sepulcro da mártir Eulalia).

maio: Gaiserico e os vándalos (asdingos principalmente, máis restos de silingos e alanos) chegan a Africa, o gran celeiro da pars occidentis. Estímase que son arredor de 15.000 guerreiros e as súas familias e dependentes; quizás 80.000 persoas. A poboación de Africa cífrase en 8.000.000 aproximadamente.

as embarcacións vándalas acosan as rutas comerciais de gran e aceite.

Gaiserico desembarca en Tingitana, e avanza cara o leste, causando devastación en Caesariensis, Sitifensis e Numidia. De ser certo que pactara con Bonifacio, non cumpre o estipulado e obriga as forzas de Bonifacio (reconciliado agora con Gala Placidia) a retroceder ata Hippo Regius. Ao seu paso destrúe igrexas e confisca bens bereberes. Conta coa adhesión de moitos campesiños mauretanos e os sectores donatistas e demais “herexes” reprimidos pola xerarquía encabezada por Agostiño.

Teodosio II forma unha comisión co encargo de elaborar un código xurídico.

os fondos recadados pola comunidade xudía para financiar escolas teñen que ser devoltos ao fisco público.

Xoán I, patriarca de Antioquía.

o templo de Athenea na acrópole de Atenas é saqueado e os pagáns da cidade severamente reprimidos.

os anglosaxóns atacan Manchester.

Aetius opera contra os iuthungos en Raetia e Noricum. Chamado a Ravenna, concédenselle honores para telo controlado ante o seu aumento de poder e prestixio.

Florus, Xulián e outros refuxiados pelaxianos chegan a Constantinopla.

Xermanus de Auxerre e Lupus de Troyes visitan Britannia por decisión dos bispos de Gallia e por desexo de Celestino I tentan loitar contra o pelaxianismo.

Hilarius sucede ao seu parente Honoratus coma bispo de Arelate.

agosto, 26: un tremor de terra sacude de Roma. O Coliseo resulta afectado. O praefectus urbis Anicio Acilio Glabrion Fauso (425-437) comeza a restauración que terminará en 438 o seu sucesor Flavio Paulo, con quen se reinicia a actividade.

Próspero de Aquitania (nado c. 390 en Aquitania) mantiña correspondencia con Agostiño dende Massilia, onde semella que fora educado. Era leigo pero participou nas controversias relixiosas da época, defendendo a ortodoxia: de vocatione omnium gentium trata o tema da chamada aos xentís á luz da doutrina da graza de Agostiño.

martes, 31 de xullo de 2012

428

moeda vándala acuñada durante Gaiserico

Flavius Felix e Flavius Taurus, cónsules. Consérvase unha peza dos dípticos consulares de Felix.

Bahram V conquista a Armenia persa e depón a Artaxias IV (fin da dinastía Arshakuni): o territorio convértese nunha simple provincia do imperio sasánida.

os vándalos volven controlar Hispalis (xa o fixeran en 425). A importancia da igrexa explica os frecuentes ataques que sofren as súas posesións (Hydacio menciona o ataque en Hispalis). Gunderico (49 anos) morre en Hispalis e sucédeo Gaiserico, medio-irmán, ao fronte de vándalos e alanos. Un exército romano ataca os vándalos pero é derrotado.

salvo en Callaecia e Baetica non semella haber presenza bárbara. Incluso en Baetica os vándalos non reteñen o control das cidades logo de saquealas, e en Callaecia é probable que os romanos seguen dominando moitas posicións.

Chlodius, (fillo de Pharamond?), caudillo dos francos salios. Invade Gallia e derrota un exército romano en torno a Cambrai. Estende a súa autoridade ata o Somme e fai de Tournai a súa residencia. Recibe o recoñecemento de Valentiniano III.

abril, 10: Nestorio (de orixe siria), patriarca de Constantinopla. Predica unha nova doutrina (nestorianismo) que distingue as naturezas humana e divina de Xesús.

salvo os arianos (cada vez máis illados), xa non se dúbida que Cristo tiña tanto unha natureza divina coma unha natureza humana. Sen embargo, Nestorio pensou como se relacionaban entre si ambas naturezas. Concluíu que eran independentes, de xeito que María era nai da parte humana de Xesús, pero non da parte divina. Así, Cristo era un ser humano no que enraizara unha natureza divina, da cal era instrumento.

estas teorías non gustan a Pulcheria, que atopa apoio en Cirilo, patriarca de Alexandría (calquera motivo era bo para contradicir o Patriarca de Constantinopla, especialmente se se contaba co apoio do emperador). Cirilo consegue que Celestino I lle autorice a depor a Nestorio da sede patriarcal. A demora de Cirilo en cumprir o autorizado por Roma, facilita as manobras de Nestorio, que impulsa a Teodosio II a convocar os bispos de oriente a un concilio en Éfeso.

Xoán sucede a Theodotus coma patriarca de Antioquía, e apoia a Nestorio.

Euthymius o grande funda un mosteiro en Palestina, próximo ao Mar Morto.

Bonifacio busca o apoio vándalo para defenderse contra Ravenna.

Vortigern busca apoio de mercenarios saxóns para consolidar a súa autoridade en Britannia (historia brittonum): probablemente se asentan en Kent para loitar contra pictos e escotos alén do muro de Adriano.

outubro, 26: Venus oculta Xúpiter.

novembro, 22: prédica de Anastios, capelán de Nestorio, que nega a María a condición de theotokos (nai de deus); só sería christotokos (nai de Cristo).

Agostiño defende publicamente a ortodoxia en contra do arianismo, defendido por Maximino.

Aetius vence un grupo de francos ripuarios, obrigándoo a volver cruzar o Rhin.

mércores, 18 de xullo de 2012

422

reconstrución de tarraco
novo consulado conxunto de Honorio e Teodosio II.

xaneiro, 10: Teodosio celebra os seus vicennalia en Constantinopla.

logo da morte de Constancio III aparecen tensións en Ravenna: Gala Placidia oponse ao novo xefe militar Castinus, comes domesticorum.

xaneiro, 23: Máximo é trasladado a Ravenna e executado e exhibido durante as tricennalia de Honorio.

Castinus pretende liberar Baetica dos asdingos e diríxese a Hispania (as tropas permanentes estarían maltreitas logo do fracaso de Asterius); o corpo expedicionario inclúe a Bonifacio, ao mando de foederati godos. As diferenzas entre os dous fan que Bonifacio pase a Africa e se declare en rebeldía. Castinus, sen estes apoios decide igualmente plantar cara aos vándalos en campo aberto pero é derrotado. Retírase a Tarraco (próxima a Gallia) para reorganizar forzas. Porén, novos problemas o reclaman en Italia: abandónase novamente Hispania aos seus recursos. Os bárbaros refanse ante as diferenzas no campo romano.

marzo, 3: Teodosio II promulga unha lei que pretende acumular provisións de urxencia durante tempo de paz. Os propietarios que aluguen torres nos “muros teodosianos”  ceden parte dos seus bens para casos de emerxencia.

Teodosio II aproba un tributo anual de 350 libras de ouro aos hunos a cambio de paz.

Teodosio acorda “a paz dos cen anos” cos persas: respéctase o status quo ante belllum, e as fronteiras orientais serán relativamente estables ata 502; Persia respecta os cristiáns a condición de que o Imperio Romano respecte os mazdeístas. Os sacerdotes mazdeístas persas non tardan en obxectar que mentres en Persia había moitos cristiáns, no Imperio Romano apenas había mazdeístas. Tamén se estipula que ambos imperios (“os ollos do mundo”) se axuden contra os hunos para manter os pasos do Cáucaso impermeables. Teodosio recibe unha estatua no Hebdomon, na Propóntide, lugar de paradas militares, xusto ás aforas de Constantinopla: na base unha inscrición conmemórao coma victorius en todos lados e por sempre.

remátase a construción do murus novus (murallas terrestres de sete quilómetros de longo), que incluía 96 torres e 10 portas.

setembro, 4: morre Bonifacio I, sucedido por Celestino I (día 10).

un tremor de terra provoca en Roma o derrubamento de varios edificios; o Coliseo resulta parcialmente afectado.

morre Pelaxio en Palestina. A súa doutrina (o home depende de si e as súas forzas para acadar a súa salvación) esténdese pola súa patria (Britannia), onde o imperio e, por ende, a igrexa, xa case non exercían ningún control efectivo.

Theudemeres, rei franco no norte de Gallia, é capturado por un exército romano xunto coa súa familia.

Shao Di (16 anos), fillo maior de Wu Di, sucede a seu pai como emperador da dinastía Liu Song en China.

a suposta afluencia masiva de capitais cara a parte oriental do imperio faría que o valor deste metal se depreciara no leste.