martes, 31 de xullo de 2012

428

moeda vándala acuñada durante Gaiserico

Flavius Felix e Flavius Taurus, cónsules. Consérvase unha peza dos dípticos consulares de Felix.

Bahram V conquista a Armenia persa e depón a Artaxias IV (fin da dinastía Arshakuni): o territorio convértese nunha simple provincia do imperio sasánida.

os vándalos volven controlar Hispalis (xa o fixeran en 425). A importancia da igrexa explica os frecuentes ataques que sofren as súas posesións (Hydacio menciona o ataque en Hispalis). Gunderico (49 anos) morre en Hispalis e sucédeo Gaiserico, medio-irmán, ao fronte de vándalos e alanos. Un exército romano ataca os vándalos pero é derrotado.

salvo en Callaecia e Baetica non semella haber presenza bárbara. Incluso en Baetica os vándalos non reteñen o control das cidades logo de saquealas, e en Callaecia é probable que os romanos seguen dominando moitas posicións.

Chlodius, (fillo de Pharamond?), caudillo dos francos salios. Invade Gallia e derrota un exército romano en torno a Cambrai. Estende a súa autoridade ata o Somme e fai de Tournai a súa residencia. Recibe o recoñecemento de Valentiniano III.

abril, 10: Nestorio (de orixe siria), patriarca de Constantinopla. Predica unha nova doutrina (nestorianismo) que distingue as naturezas humana e divina de Xesús.

salvo os arianos (cada vez máis illados), xa non se dúbida que Cristo tiña tanto unha natureza divina coma unha natureza humana. Sen embargo, Nestorio pensou como se relacionaban entre si ambas naturezas. Concluíu que eran independentes, de xeito que María era nai da parte humana de Xesús, pero non da parte divina. Así, Cristo era un ser humano no que enraizara unha natureza divina, da cal era instrumento.

estas teorías non gustan a Pulcheria, que atopa apoio en Cirilo, patriarca de Alexandría (calquera motivo era bo para contradicir o Patriarca de Constantinopla, especialmente se se contaba co apoio do emperador). Cirilo consegue que Celestino I lle autorice a depor a Nestorio da sede patriarcal. A demora de Cirilo en cumprir o autorizado por Roma, facilita as manobras de Nestorio, que impulsa a Teodosio II a convocar os bispos de oriente a un concilio en Éfeso.

Xoán sucede a Theodotus coma patriarca de Antioquía, e apoia a Nestorio.

Euthymius o grande funda un mosteiro en Palestina, próximo ao Mar Morto.

Bonifacio busca o apoio vándalo para defenderse contra Ravenna.

Vortigern busca apoio de mercenarios saxóns para consolidar a súa autoridade en Britannia (historia brittonum): probablemente se asentan en Kent para loitar contra pictos e escotos alén do muro de Adriano.

outubro, 26: Venus oculta Xúpiter.

novembro, 22: prédica de Anastios, capelán de Nestorio, que nega a María a condición de theotokos (nai de deus); só sería christotokos (nai de Cristo).

Agostiño defende publicamente a ortodoxia en contra do arianismo, defendido por Maximino.

Aetius vence un grupo de francos ripuarios, obrigándoo a volver cruzar o Rhin.

Ningún comentario:

Publicar un comentario