Amosando publicacións coa etiqueta Teodeberto I. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Teodeberto I. Amosar todas as publicacións

sábado, 19 de xullo de 2014

547

interior de Vitale de Ravenna
bibleartists.wordpress.com
abril–maio: Belisarius ocupa Roma cando marchan os godos e reconstrúe parte das fortificacións; pero as campañas que emprende non teñen éxito porque carece de recursos suficientes.

morre Bieito de Nursia, fundador dos beneditinos.

segue o ‘conflito dos tres capítulos’: en occidente enténdese que condenar a Theodoreto de Cyrros, que destacara en Calcedonia na súa oposición ao monofisismo, comprometía a resolución dese concilio. Xustiniano consegue que o patriarca de Constantinopla ratifique a súa resolución, pero Vixilius rexeita facelo.

Ravenna segue a ser centro da administración baixo os orientais. As igrexas arianas son ocupadas e a administración acaba os proxectos arquitectónicos iniciados polo godos. Vitale é consagrada por Maximianus.

Ravenna sofre menos que outras cidades a guerra e queda definitivamente en mans imperiais. Sen embargo, o rexistro arqueolóxico sinala empobrecemento progresivo: as casas novas son máis cativas e sinxelas e as domus antigas son divididas; o material máis usado pasa a ser a madeira en vez da pedra ou o ladrillo. Sen embargo, as igrexas son ben conservadas.

Teudebaldo, menor de idade, sucede a seu pai, Teodeberto I, como rei de Austrasia en Reims.

Ida funda Bernicia, e constrúe Bamburgh Castle como fortaleza que será a sé de moitos reis anglo-saxóns (Historia Brittonum).

batalla de Marta: Xoán Troglita é derrotado por tribos mauras en Tripolitania, foxe a Lunci e cara o norte á fortaleza de Laribus.

a dinastía chinesa Liang acaba coa revolta Tonkin (Vietnam) dirixida por Ly Nam De.

mércores, 16 de xullo de 2014

545

representación de Clotilde
commons.wikimedia.org
Nosa Señora de Corbeil, s. XII
Paulo é bispo de Emerita, médico e parte da comunidade grega asentada na cidade. Salvara a vida dunha aristócrata cunha cesárea e o seu marido, un dos senadores máis ricos de Lusitania, deixoulle as súas posesións ao morrer. Inda que a lei canónica establece que todo o herdado polos bispos pasa a ser propiedade eclesiástica, parece que Paulo gardouna para el.

Fidel, sobriño de Paulo, chega nun mercante a Hispania. Ao estar en Emerita, os comerciantes acuden en audiencia onde o bispo como é costume e Paulo descubre que Fidel é sobriño seu e acólleo de inmediato baixo a súa protección.

contradicindo novamente a lei canónica Paulo consagra a Fidel como sucesor e tenta que o clero acepte a súa decisión ameazando alienar as súas posesións da igrexa: Paulo pretende deixar as súas posesións directamente a Fidel, que unha vez morto este pasarían agora si á igrexa. Os outros bispos néganse de inicio pero aceptan cando Paulo busca alienar totalmente as súas propiedades da igrexa.

Fidel, ao morrer, deixa as súas riquezas á igrexa. O autor de vitas patrum emeritensium xustifica a Paulo dicindo que o seu proceder lle fora revelado polo propio ‘espírito santo’ (relevante sibi spiritu sancto).

Paulo exemplificaría a mala consideración que os arianos teñen dos católicos debido ás súas actividades contrarias aos cánones, pero tamén proba os lazos estreitos entre este e oeste que inda existían en Hispania no s. VI; tamén proba que un estranxeiro non ten problema para acceder a posicións destacadas en Hispania baixo os godos.

Narsés dirixe unha embaixada onde os herulos para conseguir soldados para as campañas imperiais en este e oeste.

Totila aséntase en Tivoli e planifica a reconquista do Latium.

morre Chrodechilda, viúva de Clodoveo I, nun mosteiro galo.

morre Triboniano, ‘o máis sabio do seu tempo’.

Persas e romanos asinan unha paz por cinco anos inda que Xustiniano debe pagar un tributo dunha tonelada de ouro; sen embargo, seguen a producirse intensos combates en Armenia.

outubro: Totila inicia un novo asedio de Roma.

Teodeberto I casa coa lombarda Wisigarda, co que tamén controla os Alpes orientais.

martes, 8 de xullo de 2014

539

moeda coa efixie de Teodeberto I
www.fotosimagenes.org/teodeberto-i
Strategius, cónsul único.

febreiro, 10: morre Senka; o seu irmán Kimmei, 29º emperador de Xapón.

marzo: Witixes recibe apoio de Teodeberto I, que envía 10000 burgundos e alamanos ao mando de Butilin e Leuthario I. Volve conquistar Mediolanum, presa da fame, logo de meses de asedio: o continxente militar imperial (1000 homes) é respectado pero Witixes derruba as murallas, mata a todos os varóns e concede mulleres e nenos aos burgundos. A cidade queda arrasada.

Belisarius atácao e Witixes ten que retirarse, sendo asediado en Ravenna.

Xustiniano restrinxe por lei a fabricación de armas ás fabricae estatais.

Teodeberto aproveita a guerra en Italia para invadila ao mando de 100000 homes; conquista Ticinum e derrota tanto a godos como a imperiais.

Xustiniano alármase cada vez máis a causa das repetidas incursión bárbaras no Danubio por parte de eslavos, búlgaros, xépidos e avaros.

Belisarius negocia un tratado con Teodeberto, cuxas tropas están morrendo de disentería e os francos volven a Gallia. A flota oriental controla o Adriático e bloquea o porto da capital, cortando as subministracións necesarias.

novembro, 29: terrible tremor de terra en Antioquía.

Walthari asasina ao seu tío Wacho e convértese en rei dos lombardos.

sábado, 5 de xullo de 2014

536

moeda de Witixis
usna.edu
coñecido como ano despois do consulado de Belisarius.

marzo, 13: durante a súa estancia en Constantinopla, Agapito I logra que Anthimus I, monofisita, sexa deposto e substituído por Mennas.

continúan as catástrofes relacionadas co cambio climático: segundo os anais gaélicos de Hibernia prodúcese unha perditio panis (escaseza de pan); en China neva en xullo e agosto; en Eurasia rexístrase unha ‘néboa densa e seca’ (probablemente a nube de po nos estratos superiores da atmosfera); en Perú comeza unha seca que durará varios anos e afectará fondamente a ‘cultura moche’; en Persia sofren unha seca moi severa.

Theohadad cede Provenza e as zonas alamanas baixo control godo aos francos para que o apoien contra os imperiais. Estas zonas intégranse en Neustria. Teodeberto I é agora soberano de todas as tribos alamanas e nomea condes para elas: Butilin e Leuthario I.

Theohadad envía un gran exército a Dalmacia, que derrota os imperiais. Incluso cae Mundus en Salona e os imperiais retíranse.

marzo: Belisarius zarpa desde Sicilia cara Carthago con 1000 homes para atallar un motín dirixido por Stotzas, que dispón de 9000 homes e numerosos vándalos. Solomon deféndese ata que Belisarius derrota os sublevados, que se retiran, e volve a Sicilia. Xustiniano nomea ao seu curmán Xermanus como magister militum para resolver esta crise. Envía un continxente de comitatenses e gardas de elite. Solomon regresa provisionalmente a Constantinopla.

abril, 22: morre Agapito I en Constantinopla.

maio, 2 – xuño, 4: nun sínodo convocado por Mennas e reunido en Constantinopla os monofisitas son novamente condenados e como consecuencia prodúcese unha forte represión dos monofisitas en Exipto. Os bispos reunidos certifican a supremacía imperial en cuestións eclesiásticas.

verán: Constantianus, magister militum per Illyricum, reconquista Dalmacia, os godos abandonan Salona e retíranse ao norte.

Witixes depón a Theohadad en Ravenna e casa con Mataswintha (filla de Amalasunta). Convoca un exército para loitar contra Belisarius, que atravesa o estreito de Mesina e desembarca no sur de Italia, conquista Rhegium e marcha cara o norte.

xuño, 8: Teodora propón a Vixilius, monofisita, como bispo de Roma. Este viaxa á cidade para facerse cargo da sé episcopal pero alí o clero romano elixira a Silverio, fillo de Hormisdas, quen contaba co apoio de Theohadad.

agosto, 6: rescriptus de Xustiniano confirmando a deposición de Anthimus I.

outubro: Belisarius conquista Neapolis, a pesar da defensa da cidade por parte da poboación xudía. Logo dun mes de asedio as tropas entran por un acueduto abandonado.

Witixis non pode frear o avance de Belisarius, que segue cara o norte e entra en Roma (decembro, 9) pola porta Asinaria sen oposición xa que o continxente godo (4000 homes) foxe.

a primeira medida que toma Belisarius é solicitar reforzos ao emperador mentres prepara a cidade para un asedio recollendo e almacenando grandes cantidades de comida e outras subministracións. Instala o seu posto de mando na cuíña Pincia e repara as murallas. O seu continxente conta 5000 homes, dos que a metade son bucellarii. Recruta 20000 mozos romanos para defender as murallas.

Silverio é acusado de entregar a cidade aos godos e tamén é expulsado.

Radegunda casa con Clotario I.

Senka, 28 emperador de Xapón.

venres, 23 de maio de 2014

533

Triboniano e Xustiniano presentando as Pandecta
www.painting-palace.com
Xustiniano, cónsul único.

xaneiro, 2: Xoán II elixido bispo de Roma. O seu verdadeiro nome era Mercurius, pagán, pero múdao, inaugurando un costume que se consolidará co tempo. Conta co consentimento das autoridades godas.

primavera: revolta anti-vándala en Tripolitania e Sardinia. O groso da flota (120 naves e 5000 homes) son desprazados a Sardinia ao mando de Tzazo, irmán do rei. As forzas bizantinas da Cyrenaica ocupan Lepcis Magna e Tripoli.

xuño, 21: a pesar da opinión contraria de, entre outros, Xoán de Capadocia, Xustiniano envía a Belisarius a Africa para conquistar o reino vándalo. Reúnese unha flota de 500 naves de transporte (10000 infantes e 5000 de cabalería: 3000 romanos, 1000 hunos e herulos e os bucellarii de Belisarius) cos subministros necesarios. Unha forza moito menor que a enviada por León I. Na nave insignia acompañan a Belisarius o seu secretario militar Procopio e a súa dona Antonina.

a oposición dos conselleiros imperiais baséase en que a tesouraría imperial se vería seriamente minguada.

Belisarius toma todas as precaucións para que a poboación católica de Africa se poña do seu lado. Ademais as forzas vándalas están divididas: unha parte está en Sardinia cando Belisarius desembarca nas proximidades de Carthago.

setembro: Belisarius chega a Sicilia, que usa como punto de apoio, co permiso de Amalasunta. Os ostrogodos aportan subministros e a flota é preparada para o ataque final.

setembro, 9: os romanos tocan terra en Caput Vada. Belisarius marcha cara Carthago, no norte, seguindo a costa, acompañado pola flota e vixiado por Xelimer. As cidades polas que pasan caen sen resistencia.

setembro, 14: na batalla de ad decimum (no miliario décimo) Belisarius case é derrotado por Xelimer, que tenta unha emboscada nun desfiladeiro, pero logra a vitoria despois de matar a Ammatas, segundo irmán do rei. Carthago cae ao día seguinte baixo orde expresa de respectar a vida da poboación. A flota romana é estacionada no lago Tunis.

novembro, 29: tremor de terra en Syria, nas proximidades de Aleppo, onde morren 10000, 130000 aproximadamente en toda a rexión.

Xelimer recibe a axuda do seu outro irmán Tzazo en Bulla Regia e tamén logra a axuda dos mauretanos. Xunta un continxente de 50000 e avanza cara Carthago.

decembro, 15: segunda batalla en Tricamarum, pese á superioridade vándala en número, e logo dunha carga da cabalería romana, cae Tzazo e escapa Xelimer, mentres Belisarius captura moitos civís vándalos e o tesouro real. Xelimer refúxiase cos mauretanos, pero finalmente entrégase coa condición de que se lle respecte a súa vida e a da súa familia.

as novas autoridades orientais estimulan agora a volta da elite rexional, reconstrúense e edifícanse moitas igrexas e rehabilítanse as murallas. Por exemplo, é reconstruída a vella basílica do s. II no cumio de Birsa baixo o esquema dos mosteiros fortificados. Tamén se rehabilita parcialmente o porto militar circular. Segue en servizo o porto comercial rectangular. Os baños antoninos tamén son restaurados parcialmente, e faise necesario construír novas cisternas que substitúan o acueducto de Zaghuan, que xa non leva auga á cidade.

coa vitoria romana, Lepcis Magna volve ser capital provincial pero xa non é máis que un pequeno núcleo urbano rodeado de deserto e ruínas. A nova muralla delimita un pequeno espazo arredor do porto e os foros que non albergan máis de 4 ou 5000 persoas. Algunhas vellas edificacións, sen embargo, gozan de novo esplendor, como a basílica dos Severos, agora igrexa. Outras igrexas máis pequenas ocupan o foro e parte das antigas rúas.

Sabrata ocupa agora pouco máis de 16–18 hectáreas, un terzo da súa máxima extensión, con non máis de 4000 habitantes, protexidos por unha forte muralla arredor do vello centro monumental, o porto e algúns barrios próximos.

morre Remigius, bispo de Reims que conseguira bautizar a Clodoveo I.

morre Theuderico I, sucedido polo seu fillo Teodeberto I.

II concilio de Orleáns: prohibición de matrimonios mixtos entre cristiáns e xudeos.

decreto de Xustiniano, que coloca o bispo de Roma á cabeza de toda a cristiandade.

tremor de terra en Constantinopla.

(ata 537) Casiodoro asume o cargo de praefectus praetorio Italiae.

decembro, 16: finalmente complétanse as digesta ou pandectae. Triboniano fora readmitido nas súas funcións, pois deixara a medias estes traballos e resultaba pouco menos que indispensable para a súa finalización. Son 50 tomos de opinións legais de xuristas prestixiosos dos ss. II e III, destinadas a orientar os xuíces na interpretación das leis. Tamén redactou un manual para estudantes.

Ursicinus, arcebispo de Ravenna.