venres, 23 de maio de 2014

533

Triboniano e Xustiniano presentando as Pandecta
www.painting-palace.com
Xustiniano, cónsul único.

xaneiro, 2: Xoán II elixido bispo de Roma. O seu verdadeiro nome era Mercurius, pagán, pero múdao, inaugurando un costume que se consolidará co tempo. Conta co consentimento das autoridades godas.

primavera: revolta anti-vándala en Tripolitania e Sardinia. O groso da flota (120 naves e 5000 homes) son desprazados a Sardinia ao mando de Tzazo, irmán do rei. As forzas bizantinas da Cyrenaica ocupan Lepcis Magna e Tripoli.

xuño, 21: a pesar da opinión contraria de, entre outros, Xoán de Capadocia, Xustiniano envía a Belisarius a Africa para conquistar o reino vándalo. Reúnese unha flota de 500 naves de transporte (10000 infantes e 5000 de cabalería: 3000 romanos, 1000 hunos e herulos e os bucellarii de Belisarius) cos subministros necesarios. Unha forza moito menor que a enviada por León I. Na nave insignia acompañan a Belisarius o seu secretario militar Procopio e a súa dona Antonina.

a oposición dos conselleiros imperiais baséase en que a tesouraría imperial se vería seriamente minguada.

Belisarius toma todas as precaucións para que a poboación católica de Africa se poña do seu lado. Ademais as forzas vándalas están divididas: unha parte está en Sardinia cando Belisarius desembarca nas proximidades de Carthago.

setembro: Belisarius chega a Sicilia, que usa como punto de apoio, co permiso de Amalasunta. Os ostrogodos aportan subministros e a flota é preparada para o ataque final.

setembro, 9: os romanos tocan terra en Caput Vada. Belisarius marcha cara Carthago, no norte, seguindo a costa, acompañado pola flota e vixiado por Xelimer. As cidades polas que pasan caen sen resistencia.

setembro, 14: na batalla de ad decimum (no miliario décimo) Belisarius case é derrotado por Xelimer, que tenta unha emboscada nun desfiladeiro, pero logra a vitoria despois de matar a Ammatas, segundo irmán do rei. Carthago cae ao día seguinte baixo orde expresa de respectar a vida da poboación. A flota romana é estacionada no lago Tunis.

novembro, 29: tremor de terra en Syria, nas proximidades de Aleppo, onde morren 10000, 130000 aproximadamente en toda a rexión.

Xelimer recibe a axuda do seu outro irmán Tzazo en Bulla Regia e tamén logra a axuda dos mauretanos. Xunta un continxente de 50000 e avanza cara Carthago.

decembro, 15: segunda batalla en Tricamarum, pese á superioridade vándala en número, e logo dunha carga da cabalería romana, cae Tzazo e escapa Xelimer, mentres Belisarius captura moitos civís vándalos e o tesouro real. Xelimer refúxiase cos mauretanos, pero finalmente entrégase coa condición de que se lle respecte a súa vida e a da súa familia.

as novas autoridades orientais estimulan agora a volta da elite rexional, reconstrúense e edifícanse moitas igrexas e rehabilítanse as murallas. Por exemplo, é reconstruída a vella basílica do s. II no cumio de Birsa baixo o esquema dos mosteiros fortificados. Tamén se rehabilita parcialmente o porto militar circular. Segue en servizo o porto comercial rectangular. Os baños antoninos tamén son restaurados parcialmente, e faise necesario construír novas cisternas que substitúan o acueducto de Zaghuan, que xa non leva auga á cidade.

coa vitoria romana, Lepcis Magna volve ser capital provincial pero xa non é máis que un pequeno núcleo urbano rodeado de deserto e ruínas. A nova muralla delimita un pequeno espazo arredor do porto e os foros que non albergan máis de 4 ou 5000 persoas. Algunhas vellas edificacións, sen embargo, gozan de novo esplendor, como a basílica dos Severos, agora igrexa. Outras igrexas máis pequenas ocupan o foro e parte das antigas rúas.

Sabrata ocupa agora pouco máis de 16–18 hectáreas, un terzo da súa máxima extensión, con non máis de 4000 habitantes, protexidos por unha forte muralla arredor do vello centro monumental, o porto e algúns barrios próximos.

morre Remigius, bispo de Reims que conseguira bautizar a Clodoveo I.

morre Theuderico I, sucedido polo seu fillo Teodeberto I.

II concilio de Orleáns: prohibición de matrimonios mixtos entre cristiáns e xudeos.

decreto de Xustiniano, que coloca o bispo de Roma á cabeza de toda a cristiandade.

tremor de terra en Constantinopla.

(ata 537) Casiodoro asume o cargo de praefectus praetorio Italiae.

decembro, 16: finalmente complétanse as digesta ou pandectae. Triboniano fora readmitido nas súas funcións, pois deixara a medias estes traballos e resultaba pouco menos que indispensable para a súa finalización. Son 50 tomos de opinións legais de xuristas prestixiosos dos ss. II e III, destinadas a orientar os xuíces na interpretación das leis. Tamén redactou un manual para estudantes.

Ursicinus, arcebispo de Ravenna.

Ningún comentario:

Publicar un comentario