Amosando publicacións coa etiqueta Alexandra Chavarría. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alexandra Chavarría. Amosar todas as publicacións

luns, 17 de outubro de 2016

adro vello

parte dun panel informativo no propio xacemento
fotografía propia
Adro Vello atópase ao pé da praia de O Carreiro, en O Grove. Cada certo tempo os temporais e o mar deixan á descuberta restos procedentes da xacemento. Como en marzo de 2016, cando apareceu a peza superior dunha mandíbula humana moi deteriorada, ao parecer feminina.

a forza do mar é un dos graves perigos que ameazan a conservación dos restos arqueolóxicos e o seu estudo. Mais non o único.

en capas superpostas os arqueólogos teñen identificado restos dunha villa romana (ocupada do s. I ata o s. IV, e quizás destruída por un lume) con elementos estruturais que evidencian a salga de peixe; unha necrópole por inhumación (que vai desde o s. V ata o XVIII), a planta dunha igrexa goda, ou sueva (s. VI ou VII); e elementos dunha fortificación, probablemente construída como protección ante posibles agresores chegados por mar.

todo o conxunto está bordeado cara o mar por unha serie de muros superpostos.

ata o s. XVIII a igrexa parroquial estaba situada alí mais debido aos temporais foi traslada cara ao interior, ao lugar no que hoxe se levanta. Este feito acredita que a necrópole fose abandonada e esquecida na memoria popular ata a súa 'redescuberta' na 2ª metade do s. XX.

o galego 'adro' nom equivale ao castelán 'atrio'; é un eufemismo por 'cemiterio' (E. Montero, el eufemismo en Galicia). Iso é precisamente o que se atopou en Adro Vello, o que anunciaba o microtopónimo: unha importante necrópole con tumbas que seguen os patróns imperantes nas diferentes épocas: romanas, cunha tégula en cabeceira e pé respectivamente, ou con cubertas pétreas a base de lousas encabalgadas; sarcófagos monolíticos, laudas altomedievais co que poderían ser marcas gremiais; ... unha sucesión de modas funerarias impresionante e nada frecuente pola potencia temporal do estrato, nada menos que 1700 anos.

parte do perímetro da igrexa
fotografía propia
foi a partir da construción dunha estrada de acceso a unha urbanización proxectada ao oeste do lugar (que nunca se chegou a construír) cando se detectou a presenza de muros e ósos humanos, descuberta que motivou as primeiras escavacións. É probable que tanto baixo a estrada como baixo unha vivenda levantada ao outro lado da estrada se atope unha área tan rica en restos arqueolóxicos coma a xa escavada.

a existencia da factoría de salgadura implicaría unha actividade pesqueira moi desenvolta na área e na época, nom sendo o único caso na ría de Arousa. As cubetas miden 1,5 m2, están soterradas e forradas co chamado opus signinum, un morteiro de cal e grava que impermeabiliza as paredes da cubeta para a boa conservación do peixe.

sobre a factoría construiríase villa, que destaca polo muro de contención contra o embate das mareas feito a base de grandes perpiaños almofadados (característicos da construción romana). Outros restos da villa son os diferentes muros, calzadas, e canalizacións de auga.

da igrexa consérvase a base dos muros perimetrais e restos dun altar. No interior da igrexa pero, sobre todo, ao seu redor, esténdese un gran número de enterramentos (entre 1600 e 4000) en varias capas superpostas. A gran maioría son moi simples, directamente na terra ou rodeados de varias pedras verticais, mais tamén hai sarcófagos labrados nunha única peza.

di Chavarría Arnau que en Callaecia, "o fenómeno das necrópoles instaladas sobre edificios rurais romanos é moi significativo e relaciónase coa existencia de edificios de culto (...); sen embargo, resulta moi complexo establecer a secuencia cronolóxica existente entre unha villa, necrópole e edificio de culto. É dicir, se as sepulturas se instalan debido á existencia dun edificio de culto ou se o edificio se constrúe con relación ás sepulturas preexistentes" (Villas tardoantiguas en el Mediterráneo Occidental). Pode que o estudo detido de Adro Vello responda esta incógnita.

unha construción anexa pode corresponder ás bases dunha torre de base cadrada que pertencería a unha posible fortificación altomedieval contra as incursións normandas e sarracenas documentadas na época.

nas proximidades existiu un pequeno poboado castrexo do que só quedan moi poucas pegadas; a principal na microtoponimia: O Castriño.

a antiga igrexa está documentada desde o s. X: et ecclesiam Sancti Uicentii de Ogrobe cum totis suis directuris et familia (...) et in concurrencia ipsius ecclesie uilla de Antas, cautata per petras erectas et scriptas (documentación de San Martiño Pinario, CODOLGA).

xa nas primeiras escavacións atopouse tamén unha moeda na que se representa a que quizás sexa a imaxe máis antiga da translación do apóstolo Santiago, e que hoxe se conserva no Museo das Peregrinacións, en Compostela. A peza mide 13 milímetros de diámetro e está feita dunha aliaxe de prata e cobre e data do reinado de Fernando II, impulsor da construción da catedral de Compostela e rexente en Galiza desde 1157 a 1188.

o estado actual do xacemento é de case total abandono, simplemente rodeado dunha valla perimetral e algúns carteis explicativos. Case todas as institucións (Concello de O Grove, Deputación de Pontevedra, e Xunta de Galicia) reivindican a súa recuperación mais o seu estado é o que é. Ata tal punto se considerou grave a situación que desde o Concello se falou de volver tapar o xacemento con area para evitar a súa deterioración.

parte da necrópole, con restos procedentes de épocas diversas
fotografía propia
a última tentativa de recuperación e posta en valor anunciouse en xaneiro de 2016 mais nom se fixo ren: "é certo que é un xacemento descoidado, invadido pola maleza e sen intervención ou musealización nos últimos tempos", son palabras de Mónica Rei Cabezudo, que desenvolveu o relatorio 'Perfumes e liturxia ... A cruz osculatoria de Adro Vello' no curso 'Arte, Historia, Xeografía, e Cultura no Salnés. Comercio, Intercambios, e Relacións exteriores' organizado pola USC. Esta peza da que se fala tamén é algo case único, de pequenas dimensións, cun remate en forma de aro que serviría na liturxia para mesturar os óleos sacros; un exemplar único porque só hai dous en toda Galiza e non existen referencias sobre a súa existencia no resto da península.

tamén se atopou un ara romana incrustada nos muros da igrexa coa inscrición fragmentaria 'DEO D EVER', sobre cuxo significado existen distintas especulacións e interpretacións pero que confirmaría a antigüidade do sitio como lugar de culto.

a pesar da súa importancia e singularidades, Adro Vello leva abandonado máis de 20 anos. En 1997, un grupo de xornalistas fixo un documental sobre a situación de abandono daquela, con ósos á intemperie; material humano que é moi difícil de atopar nos chans ácidos galegos e que se conservaron neste emprazamento por estar soterrados baixo area, un perfecto impermeabilizante. Uns restos, que debidamente analizados, darían información relevante sobre as poboacións que viviron no emprazamento.

FONTES:
'Adro Vello, un exemplo do abandono do patrimonio galego' historiadegalicia.gal, 17 xullo 2016
'investigan la aparición de una mandíbula humana junto a Adro Vello' Voz de Galicia, 10 marzo 2016
'adro vello' en arqueotoponimia, 01 xaneiro 2014
'el yacimiento de Adro Vello sufrirá un lavado de cara antes del verano' Diario de Arousa, 20 xaneiro 2013

'Cacabelos: "Sin apoyo, habrá que volver a enterrar el yacimiento de Adro Vello"' Faro de Vigo, 07 outubro 2010

martes, 15 de outubro de 2013

aldeas e castella

www.raco.cat
esquema da necrópole de 'La Morterona'
nas cidades e campos houbo transformacións que hoxe, lendo os arqueólogos especializados nos rexistros tardoantigos e altomedievais, apuntan claramente ao s. V como o punto de arranque dos grandes cambios. Recentemente, nun libro que trata de integrar a historia narrativa coa evidencia arqueolóxica, Neil Christie destacou o indubidable avance no coñecemento do rexistro material, grazas aos arqueólogos especializados en Antigüidade Tardía e Alta Idade Media, ao tempo que lembraba algunhas das enormes lagoas que inda temos ao respecto. Queda moito por facer, é certo. Pero os novos rexistros materiais que os arqueólogos presentan permiten reflexionar sobre os cambios. De entre todos eles, semella que os catro máis importantes son as alteración na topografía das cidades; o final das villae como expresión aristocrática; a aparición de castella ou asentamentos en altura, e a aparición de aldeas. Todos eles están, creo, conectados entre si e, polo momento, poden ser situados en numerosas rexións a partir do s. V.

tanto no final das villae na súa función anterior, como na aparición de castella e de aldeas, en especial o segundo, a tipoloxía é variadísima. A fin das villae en Occidente non foi un proceso repentino, e de feito houbo excepcións á norma xeral. Esta podería resumirse así: o s. V foi o punto final das mesmas como sistema operativo da produción e ostentación da aristocracia romana, cronoloxía que ten sido recentemente estudada por Alexandra Chavarría. Os espazos das villae seguiron en uso en non poucos casos, pero xa non coas mesmas funcións que tiveran no s. IV e incluso no inicio do s. V. Nas cidades producíronse amortizacións de materiais e de espazos centrais, aproveitamento de estruturas anteriores e cambios de función (a produción, a almacenamento, a vivendas menos aparentes) deses antigos espazos centrais e tamén de algunhas zonas de vivendas anteriores. Algo semellante sucede nas villae. O paralelismo xa foi tirado por Tamara Lewit, que insistiu, e creo que con acerto, en que todo respondía a fenómenos semellantes de base social e cultural. Cambiaron esas estruturas materiais (cidades e villae) porque o estaban a facer as que, á súa vez, as sustentaban.

Non se trata, polo tanto, dunha lectura decadente, senón dun achegamento a un cambio, cal era a transferencia de investimento de antigos lugares de poder (foros, templos, e villae) a outros (aquí permitome destacar a igrexas). O final da edilicia das villae non pode ser entendido como unha decadencia, senón como un indicador de cambio, perceptible na ocupación do espazo, que se vai destinando a outras cousas, entre as que prima o almacenamento, as vivendas modestas, as actividades produtivas agrarias e artesanais e os aproveitamentos funerarios. Tratouse dun cambio nos patróns de referencia na ocupación do espazo, que respondía a procesos de transferencia de tales patróns a novos receptores dos mesmos, en particular, as igrexas. As elites seguían existindo, pero os seus indicadores materiais, a xulgar polo rexistro arqueolóxico recollido polos especialistas, tíñanse transformado precisamente no s. V, o do cercenamento tributario, o da instalación (impactante ou non, esa é a discusión) dos bárbaros, o do final do imperio como sistema.

a arqueoloxía actual semella detectar en numerosas rexións de Occidente un proceso de aparición de castella, de lugares habitados en altura, normalmente fortificados, proceso datable precisamente a partir do s. V, e non antes, como se pensou durante bastante tempo. Naturalmente isto coñécese mellor nunhas zonas que outras, en función non só da evidencia empírica estudada, senón tamén dos avatares da investigación. Destacarei algúns exemplos mellor coñecidos. En Italia, as fortalezas son moi visibles no s. V nas rexións do arco alpino, e xa para o século seguinte aumentarán en función das dinámicas políticas, en especial da tensión entre ‘bizantinos’ e lombardos. As interpretacións de Brogiolo e Chavarría apuntan a un forte impulso político na aparición deses castella, ás veces, supoñen, con finalidades de recadación fiscal. Os xacementos coñecidos como castella, chamados así un pouco polas referencias nos textos e outro pouco por comodidade e simplificación, tamén se rexistran a partir de contextos do s. V en Gallia e Hispania.

en Francia, como noutros lugares, hai unha avaliación nova das cronoloxías e da entidade destes asentamentos en altura. Coñécense xacementos que exemplifican o inicio do s. V, especialmente na zona central e meridional. No norte ten habido un aporte de nova evidencia empírica pola investigación sobre centenares de xacementos sacados á luz como consecuencia do trazado de infraestruturas ou da construción de parques temáticos. Cabe sinalar que non é infrecuente que se trate de lugares conectados coas vías de distribución comercial, o que explica a presenza de materiais de importación, como se ve ben, por exemplo, en Roc-de-Pampelune, no Languedoc, entre outros. En Hispania detéctanse en numerosos puntos. Son máis coñecidos os de Callaecia, seguramente pola referencia do cronista Hydacio á resistencia que os suevos atoparon na primeira metade do s. V entre a poboación local, acantonada neses puntos, plebem quae castella tutiora retinebat. A arqueoloxía, en efecto, detecta algúns deses castella no NO, pero tamén noutros lugares. Por exemplo, na Meseta aparecen xacementos de altura, entre outros a Yecla (Burgos), La Morterona (Palencia), El Cristo de San  Esteban (Zamora), La Cabeza de Navasangil (Ávila) o el Castillo de Bernardos (Segovia). A diferenza do que se ten proposto nalgún caso para Italia , para os exemplos da Península Ibérica manéxanse máis ben hipóteses que poñen a estes lugares como referencias do poder, non necesariamente central, inda que tampouco exclusivamente aristocrático. Máis ben a posibilidade coa que se traballa é que nalgúns casos e durante un tempo puideron estar á calor de poderes locais desconectados, que noutros ritmos puideron formar parte de mallas políticas, dentro de sistemas como o suevo, inda no s. V (e logo no VI) ou visigodo (xa a partir de finais do VI).

ata non hai moito o panorama historiográfico contemplaba as aldeas coma un ingrediente do Occidente medieval, sendo frecuente que se situara a súa aparición nas sociedades do s. X. As excavacións dos últimos anos están mostrando que, en rexións diversas de Occidente, o fenómeno comezou non s. V, e que se foi estendendo a partir de entón. Tanto desde o plano empírico como desde o teórico, o fenómeno da aparición das aldeas campesiñas debe ser introducido nos parámetros explicativos das sociedades occidentais a partir do s. V. En Gran Bretaña, España, Italia ou Francia, entre outros grandes espazos, foron localizándose e estudando xacementos que presentan as características de asentamentos de campesiños, aldeas, sendo o s. V a orixe cronolóxica do fenómeno, o que non quere dicir nin moito menos que todos eles comezaran entón, pero o relevante é que ese século é tomado polos arqueólogos como o punto de inicio do fenómeno. É dicir, que no mesmo século no que a maioría das villae de Occidente terminaron como tales villae, inda que continuarán como centros de produción, como almacéns ou como vivendas dos campesiños da zona, estábase producindo outro fenómeno de enorme calado, cal foi a consolidación de formas de asentamento campesiño ás que chamamos aldeas.

nos estudos pormenorizados do tema que se levan feito por rexións de Occidente, acostuma relacionarse a aparición das aldeas campesiñas do s. V coa desarticulación da paisaxe romana. Tal parece ser o caso do centro e do NO de Hispania, espazos nos que se teñen detectado tales aldeas e se teñen relacionado cos indicadores do colapso romano, que na conca do Douro e no NO ten sido un proceso particularmente estudado nos últimos anos. E paréceme difícil de discutir que, á súa vez, este foi un fenómeno ligado ao colapso das estruturas sociais, económicas e ideolóxicas do imperio romano. Con moita razón, Margarita Fenández Mier ten chamado a atención sobre a indefinición na que nos movemos neste mundo de aldeas de campesiños, dos cales non sabemos nada en moitos casos, salvo que en datas máis antigas do que se pensaba estaban xa organizados en aldeas. Se as aldeas de campesiños en Occidente teñen hoxe a súa visibilidade arqueolóxica bastante clara desde o s. V, pero nalgúns casos hai datacións que arrancan desde ese século, creo que debemos integrar este asunto no discurso explicativo desta centuria. Igualmente desde o rexistro arqueolóxico dísenos, por exemplo, que existen datacións do s. V para unha verdadeira transformación da paisaxe agraria, como sería o caso dalgunhas comarcas do NO de Hispania. A posta en valor de socalcos, por exemplo, como moi agudamente acaba de anotar Paula  Ballesteros, supón unha “estratexia”, un “deseño” e unha “planificación” das novas paisaxes.

Alfonso Vigil-Escalera ten posto negro sobre branco unha serie de potentes evidencias empíricas para o centro da Península Ibérica, que apuntan unha vez máis cara esa panoplia de cambios nos indicadores principais da ocupación do espazo rural a partir do s. V. Os cambios consolídanse xa posteriormente, pero algúns deles inícianse neste século. A aparición das aldeas, dos castella, a interrupción dos grandes circuítos de distribución, o auxe das producións locais e as necrópoles antes chamadas “do Douro” como expresión dos cambios entre os campesiños son eses indicadores. Vigil-Escalera ten proposto un cadro teórico e empírico, nun enorme esforzo por proporcionan non só novas evidencias e datacións, senón tamén explicacións coherentes. Entre os seus argumentos quixera destacar aquí as conexións que observa entre o final das villae e a aparición de aldeas e castella, como novas formas de ocupación rural, sendo as necrópoles (ata agora coñecidas como “do Douro”) unha expresión de tales comunidades. Propón para esas “necrópoles do Douro” o concepto de “necrópoles rurais postimperiais”, e as valora como o rexistro material funerario que apunta ás formas sociais da paisaxe rural das aldeas. En fin, o que era coñecido como “as necrópoles do Douro”, e que tanta bibliografía ten merecido no último medio século, puidera comezar a ser visto como o uso funerario dos campesiños das aldeas.

e, en xeral en Occidente, a arqueoloxía, que nos vai informando da existencia destas aldeas como expresión campesiña, como forma de asentamento de comunidades locais que ocupaban o espazo rural, conecta invariablemente tal proceso cos cambios do s. V. Aquí xorden discrepancias. A maioría dos arqueólogos, insisto, conectan o fenómeno cos cambios do s. V, pero non todos coinciden, por exemplo, en que unha parte significativa desas novas aldeas sexan ou non produto do asentamento bárbaro. En Italia estase a defender esta idea, en especial a conta das aldeas de cabanas, Grubenhäuser, que teñen sido interpretadas por algúns como un trasunto do asentamento dos godos a finais do s. V, e logo dos lombardos, na segunda metade do VI. En xeral, este tipo de rexistros con cabanas, que en ocasións se seguen grazas a restos tales como os buracos de postes e chans refundidos, forman parte dun contexto xeral de simplificación material. Debe ser entendido dentro dos cambios do s. V, en particular o retroceso do imperio na maior parte dos espazos occidentais e o xiro dos intereses inversores, conectados á súa vez cos esquemas culturais de signo elitista que conducirán á emerxencia doutros focos de atracción inversora, en particular as ecclesiae. No caso de Francia, as persistencias dos modelos romanos de ocupación do espazo son visibles entrado o s. V, pero desde mediados do século aprécianse cambios significativos. Un deles, como noutros lugares, era o da transformación das villae, que ou ben foron abandonadas ou ben continuaron en usos produtivos, como almacéns, como vivendas ou necrópoles, e o outro foi a aparición de castella e de aldeas. Así que a paisaxe rural de Gallia desde mediados do século V tería experimentado procesos moi semellantes aos coñecidos noutras zonas de Occidente.

tradución e deturpación por @xindiriz
Santiago CASTELLANOS En el final de Roma (ca. 455-480), 2013; pp. 72-80