Amosando publicacións coa etiqueta Belisarius. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Belisarius. Amosar todas as publicacións

martes, 5 de agosto de 2014

565

solidus coa efixie de Xustino II
de.wikipedia.org
xaneiro, 22: Eutychius é deposto como patriarca de Constantinopla ao rexeitar os criterios doutrinais de Xustiniano I.

abril, 12: Iohannes III Scholastikos é o novo patriarca de Constantinopla.

morre Belisarius.

Bayan, khan dos avaros.

maio, 2: Ahkal Mo’ Nahb II, soberano de Palenque, en sucesión de K’an Joy Chitam I (morto o 6 de febreiro).

novembro, 11: morre Xustiniano I, “o emperador que nunca dorme”. Dedicou toda a vida ao goberno e abstívose de toda clase de praceres. Non tivo fillos nin deixou designado sucesor. Ten sete sobriños pero so un está na capital cando morre o emperador; faise coroar polos gardas de palacio e corre ao Hipódromo a ser aclamado polo pobo, co nome de Xustino II, alcumado Curopalate; está casado con Sofía, sobriña de Teodora.

Gao Wei sucede a seu pai Wu Cheng Di como emperador Qi do norte.

os uigures son derrotados polos turcos, que se expanden por Asia central.

Agathias comeza unha crónica; relatando a partir de onde rematou Procopio.

a peste rebrota en Italia, onde Narsés goberna con man dura. Xustiniano non parara de recibir queixas sobre el pero sempre declinou actuar. Xustino quere asegurarse a lealdade de Italia cambiando a situación e destitúe o home de confianza de seu tío. Faino de xeito brutal, enviándolle unha mensaxe na que o insta a deixar a guerra en mans de homes e a que se una ás mulleres de palacio, limitándose a tecer, en alusión á súa condición de eunuco. Finalmente Narsés retírase cunha pensión a unhas propiedades en Neapolis, sen volver a Constantinopla.

Vaefar, líder alamano.

Carentinus, bispo de Colonia.

Columba de Iona visita as Orkneys.

Venancio Fortunato emprende unha peregrinación desde Italia cara a tumba de Martiño de Tours e fai altos no palacio de Sixeberto I e onde Sidonius, bispo de Mogontiacum; será futuro acompañante de Radegunda.

luns, 4 de agosto de 2014

563

Numidia
es.wikipedia.org
xaneiro: revolta en Numidia que obriga a traer tropas desde Constantinopla.

xullo, 19: Xustiniano perdoa a Belisarius e libérao de prisión. Devólvelle propiedades e honores e ordénalle vivir con discreción cunha pensión de ‘veterano’.

Narsés conquista Verona e Brescia. Italia enteira está xa en mans bizantinas.

Marius Aventicensis describe o tsunami que se orixina no lago de Xenebra por mor dun corremento de terras e que alcanza a cidade con máis de oito metros de altura causando gran destrución e mortalidade.

Columba recibe do rei de Dalriada unha pequena illa llamada Iona, na costa escocesa. Alí levanta unha igrexa e un mosteiro, desde onde se dedica a convertir ao cristianismo aos pictos.

562

ruínas de Tikal
www.imperioromano.com
o Yamato xaponés é expulsado de Corea. Desde entonces China e Xapón dispútanse influír na península. O reino de Paikche acepta a Xapón como aliado, mentres que Silla busca o apoio de China contra Kokuryo.

Silla, co rei Jinheung, ataca Gaya e conquístaa.

arrestos en masa, burlas, torturas e execucións dos pagáns helenos en Atenas, Antioquía, Palmira e Constantinopla.

primavera: Xiao Ming Di (20) sucede a seu pai Xuan Di como emperador da dinastía Liang.

abril: os kutrigures penetran en Thracia.

maio, 1: o estado maia de Caracol (Belize) derrota o rei Wak Chan K’awiil (dobre paxaro) de Tikal.

Belisarius é xulgado por corrupción en Constantinola, posiblemente con Procopio no papel de praefectus urbi; é declarado culpable e enviado a prisión.

decembro, 23: Xustiniano reconsagra Hagia Sophia logo da reconstrución da súa cúpula. Paulo o silenciario escribe un poema épico (Ekphrasis). A nova Hagia Sophia custa 20000 libras de ouro.

os avaros atacan Austrasia e Sixeberto I derrótaos cerca de Castra Regina (Regensburg); traslada a súa residencia de Reims a Metz.

Taiyuan, capital secundaria de Qi norte, é reconstruída e convértese nun centro budista.

561

Ariamiro con Lucrecio, Andrés e Martiño
codex Vigilianus (s. X)
es.wikipedia.org
Xustiniano enferma e comezan as conspiracións entre os aspirantes á sucesión. Varios familiares de Belisarius están implicados nunha conxura; cando se recupera o emperador son torturados e executados.

marzo, 4: morre Pelaxio I e é elixido Catelino (xullo, 17), que é bispo co nome de Xoán III. Trata en vano de resolver o cisma de Aquilea, orixinado a raíz dos ‘tres capítulos’.

Clotsvinda, filla de Clotario I, casa con Alboino, rei lombardo.

maio, 1: I Concilio de Braga: asisten oito bispos da Callaecia: Lucrecio, Andrés, Martiño, Coto, Hilderico, Lucecio, Timoteo e Malioso. O rei que figura nas actas recibe o nome de Ariamiro.

Lucrecio, metropolitano de Bracara, levaba certo tempo desexando organizar o concilio pero non puidera ser debido á prohibición real, do mesmo xeito que fixeran os reis godos dende tempos de Axila, que introduciu a prohibición entre 549 e 555, como reacción á invasión bizantina de 552 para previr a posibilidade de que se usara o catolicismo contra os godos e instigar alianzas entre francos, suevos e os hispano-romanos católicos.

o concilio condena o priscilianismo.

Hibernia: batalla de Cúl Drebene entre os Uí Néill do norte e do sur.

inverno: Wu Cheng Di sucede a seu irmán Xiao Zhao Di como emperador chinés do Qi norte. Morre de feridas de caza.

Jnanagupta, un monxe budista de Gandhara comeza a traducir textos budistas ao chinés.

outubro, 12: lume en Constantinopla.

novembro, 29: Clotario I morre e deixa sete fillos de diferentes mulleres. Os catro maiores asasinan a dous e conseguen excluír da herdanza ao outro, Gramna. Dividen o reino en catro partes e sortéanas: Cariberto, o maior, queda coa parte oeste, con capital de París; Gontrán, o segundo, Borgoña, con capital en Orleáns; Chilperico I, con Neustria, con capital en Soissons; Sixeberto I herda Austrasia, con capital en Reims.

novembro: os verdes atacan os azuis no hipódromo de Constantinopla.

decembro: tratado de paz de cincuenta anos entre persas e bizantinos. Acórdase en Dara entre o magister militum Pedro e Izadh-Gouchnasp. Conclúe a guerra lazica. Xustiniano paga un tributo de 30000 pezas de ouro a Cosroes I a cambio da evacuación de Lazica e liberdade culto para os cristiáns.

Narsés ataca os francos inda instalados ao norte do Po.

os avaros aparecen na fronteira do Danubio. Invaden a Besarabia e executan ao xefe local, Mesamer.

revolta dos taifales ao oeste do Poitou contra as imposición do duque Austrapius. É a última vez as fontes os mencionan; darán nome ao país de Tiffauges.

domingo, 3 de agosto de 2014

559

www.fansshare.com
Teodemiro, rei suevo; probablemente con apoio católico, xa que adopta este credo.

inverno: os kutrigures e hunos baixo Zabergan cruzan o Danubio, xeado, e invaden Thracia e Macedonia pero son repelidos por Belisarius, quen os derrota nas proximidades de Constantinopla cos seus bucellarii e tropas recrutadas forzosamente e sen gran experiencia.

Glappa sucede a seu pai Ida como rei de Bernicia; durante o seu reinado, os anglos expanden o seu territorio cara Escocia.

primeiros voos humanos: unha cometa tripulada aterra nas proximidades de Ye, China. O emperador Wen Xuan Di está detrás do intento. O aviador forzado é un prisioneiro, de nome Yuan Huangtou., fillo do emperador Yuan Lang, do Wei oriental. El e outros foran obrigados a lanzarse en cometas de papel desde a Torre do Fénix e el foi o único que logro chegar salvo á ‘Vía Púrpura’ e aterrar. Yuan sobrevive aos voos inda que é executado posteriormente.

Wen Di (37) sucede a seu tío Chen Wu Di como emperador da dinastía Chen. Consolida o seu poder fronte aos señores da guerra rebeldes.

a cidade estado Ara Gaya, membro da confederación Gaya, réndese a Silla, na península coreana.

Anastasios I, patriarca de Antioquía.

peste en Istria e Ravenna.

fundación do reino naiarita de Xalisco.

domingo, 20 de xullo de 2014

548

Teudiselo
es.wikipedia.org
primavera: batalla dos campos de Calo: Xoán Troglita consegue controlar a situación en Byzacena.

xuño, 28: morre Teodora (48), quizás vítima dun cancro de peito (Vítor de Tununna).

Vixilius ratifica a condena de Xustiniano. Pero pouco despois un concilio en Carthago excomúngao. Asustado, Vixilius retráctase pero non evita que os bispos de Aquileia e Mediolanum se aparten da disciplina papal. A morte de Teodora detén momentaneamente o conflito.

Belisarius, falto de recursos, solicita volver a Constantinopla, onde se fai cargo da Garda Imperial.

tremor de terra en Constantinopla.

Teudis morre asasinado por man de Teudiselo, que se fai co trono godo en Hispania.

Guzabes II rebélase contra os persas e solicita axuda a Xustiniano, que envía 8000 homes a Lazica. Guzabes asedia Petra pero os persas baixo Mermeroes derrotan un pequeno continxente bizantino e liberan Petra. Mermeroes deixa 3000 homes na cidade e marcha cara Armenia.

abril, 13: o emperador Ly Nam De (Vietnam) é morto por tribos laosianas mentres se retira polas terras chas onde o río Hong. Sucédeo seu irmán maior, Ly Thien Bao.

Cosmas Indicopleustes, comerciante alexandrino, escribe ‘topografía cristián’: describe a importancia do comercio das especias (cravo e áloes) en Ceilán e a colleita da pementa en India.

os eslavos entran en Illyricum ata Dyrrachium.

fúndase o mosteiro de Catalina en Sinaí.

sábado, 19 de xullo de 2014

547

interior de Vitale de Ravenna
bibleartists.wordpress.com
abril–maio: Belisarius ocupa Roma cando marchan os godos e reconstrúe parte das fortificacións; pero as campañas que emprende non teñen éxito porque carece de recursos suficientes.

morre Bieito de Nursia, fundador dos beneditinos.

segue o ‘conflito dos tres capítulos’: en occidente enténdese que condenar a Theodoreto de Cyrros, que destacara en Calcedonia na súa oposición ao monofisismo, comprometía a resolución dese concilio. Xustiniano consegue que o patriarca de Constantinopla ratifique a súa resolución, pero Vixilius rexeita facelo.

Ravenna segue a ser centro da administración baixo os orientais. As igrexas arianas son ocupadas e a administración acaba os proxectos arquitectónicos iniciados polo godos. Vitale é consagrada por Maximianus.

Ravenna sofre menos que outras cidades a guerra e queda definitivamente en mans imperiais. Sen embargo, o rexistro arqueolóxico sinala empobrecemento progresivo: as casas novas son máis cativas e sinxelas e as domus antigas son divididas; o material máis usado pasa a ser a madeira en vez da pedra ou o ladrillo. Sen embargo, as igrexas son ben conservadas.

Teudebaldo, menor de idade, sucede a seu pai, Teodeberto I, como rei de Austrasia en Reims.

Ida funda Bernicia, e constrúe Bamburgh Castle como fortaleza que será a sé de moitos reis anglo-saxóns (Historia Brittonum).

batalla de Marta: Xoán Troglita é derrotado por tribos mauras en Tripolitania, foxe a Lunci e cara o norte á fortaleza de Laribus.

a dinastía chinesa Liang acaba coa revolta Tonkin (Vietnam) dirixida por Ly Nam De.

venres, 18 de xullo de 2014

546

representación de Teudis
ciudaddelastresculturastoledo.blogspot.com
Xoán Asiacus condena a morrer a centos de pagáns en Constantinopla.

marzo: o duque de Numidia Guntharitho, vándalo, fai asasinar a Areobindus, sobriño de Xustiniano. Tenta tomar Carthago co apoio dos mauros de Antalas.

maio: os godos conquistan Piacenza.

concilio provincial en Ilerda.

Xustiniano concede Pannonia aos lombardos en virtude dunha alianza contra os xépidos.

Walthario, rei lombardo, é destronado e sucédelle Audoino.

outubro, 14: Maximianus é consagrado bispo de Ravenna por Vixilius.

novembro, 21: en Toletum Teudis publica unha lei sobre costas e gastos dos litigantes.

Vixilius chega a Constantinopla para reunirse con Xustiniano I. Pelaxio é enviado por Totila para negociar co emperador.

os godos subornan o continxente imperial en Roma e Belisarius tenta liberar a cidade, pero a flota goda intercepta a imperial nas proximidades da boca do Tiber.

decembro, 17: Totila conquista Roma. Belisarius retírase da cidade que é saqueada durante corenta días polos godos.

Totila evita masacrar a poboación civil, que é reasentada en Campania. As murallas son derrubadas. Durante o asedio foron destruídos os acuedutos e a cidade queda sen auga corrente e sumidoiros públicos. As termae deixan de funcionar. As terras altas quedan sen auga e as baixas mudan en marismas arrasadas pola malaria.

Totila diríxese cara Apulia coas súas forzas.

establécese a diocese de Bangor en Gwynedd, Deiniol, primeiro bispo.

martes, 15 de xullo de 2014

544

www.ancientillyrians.com
febreiro: Ly Bi é declarado emperador de Van Xuân (Vietnam). Os seus exércitos repelen ataques do reino Champa.

en Africa os mauros inician unha nova revolta baixo o mando de Antalas.

abril, 6: Arator declama en público o seu poema de actibus apostolorum na igrexa de Pedro de Liens en Roma.

abril, 11: conflito dos tres capítulos (un edicto imperial condena a tres teólogos do s. V: Ibas de Edessa, Theodoreto de Cyrros e Theodoro de Mopsuestia, nestorianos, para dar satisfacción aos monofisitas e reconciliarse cos ortodoxos, unha solución de compromiso que non é aceptada por occidente). Vixilius rexeita aprobar o edicto e excomunga o patriarca de Constantinopla. Xustiniano convócao a Constantinopla.

primavera: Totila divide as súas forzas en dous continxentes, cun asedia Otranto e con outro diríxese a Roma.

Totila toma Tibur, en conflito cos soldados imperiais que habitan nela, isauros que masacran a poboación local, incluído o bispo.

Xustiniano envía a Belisarius a Italia, pero con escasas tropas (4000 homes e 200 barcos).

Belisarius derrota os godos, que deben abandonar o sitio de Otranto.

morre Dionisio Exiguo en Roma, no seu mosteiro, membro da comunidade dos monxes escitas.

os búlgaros devastan Illyricum. Ao sabelo, os soldados ilirios que serven en Italia desertan e volven á casa para defender os seus.

Cosroes I ataca sen éxito Dara. O sitio de Edessa tamén fracasa e alcánzase un punto morto na ofensiva persa.

batallas de Theveste e Cillium: os exércitos imperiais en Africa ao mando de Solomon é derrotado polos mauros na fronteira de Numidia. O comandante morre logo de retirarse.

outubro: a dinastía Liang ataca Van Xuân cun exército (120000 homes) ao mando de Chen Baxian para reocupar a rexión.

a flota imperial reconquista Septem de mans dos visigodos.

Xustiniano da por concluída a peste en Constantinopla.

un tremor de terra arrasa Kyzikos no Mármara.

decembro: Belisarius chega a Ravenna, onde promete o perdón para os godos que se pasen ao bando imperial.

sábado, 12 de xullo de 2014

543

Belisarius (quizás) nun mosaico
en Vitale de Ravenna
en.wikipedia.org/wiki/Belisarius
xaneiro: un sínodo en Constantinopla condena a doutrina do apocatástasis. Xustiniano publica un edicto condenando as doutrinas de Oríxenes.

o labor de Belisarius na fronte persa vese perturbado por novas tensións con Xustiniano. Debe volver a Constantinopla.

marzo, 21: Totila toma Cumas e Neapolis, onde o continxente militar se rende, presa da fame e desmoralizado polo fracaso de dúas tentativas de liberalos desde o exterior; Totila trátaos ben e déixaos marchar libremente pero as murallas da cidades son derrubadas en parte.

o cristianismo penetra lentamente en Nubia: un monofisita chamado Xulián converte ao rei de Nobatia, mentres o reino de Makuria (con capital en Dongola, na marxe do Nilo) non tarda en aceptar o credo de Calcedonia. Máis ao sur, en Alodia, trunfa o monofisismo. Constrúense igrexas.

verán: Cosroes I invade Syria novamente e asedia a fortaleza de Edessa.

Xacobe Baradaeus consagra a Serxio de Tella como patriarca de Alexandría, causando un cisma entre a igrexa ortodoxa siria e a igrexa ortodoxa. A partir del os bispos da cidade só permiten ensinar ao mestres cristiáns a lóxica aristotélica e os primeiros argumentos analíticos segundo figuran no tratado de al-Farabi (sobre os inicios da filosofía grega), Youhanna Ibn Hailan e Mohammed Ibn Sarriá ar-Razi.

Xoan o “Gramático”, malia ser amigo do Serxio, a quen dedica de oficio mundo e de arbitrio, fai caso omiso da medida. Comenta o Felón platónico e moitas obras do Estaxirita. Vai máis alá do organon aristotélico e transcende con moito os límites impostos por Serxio á docencia cristián alusiva a Aristóteles. Isto explícase porque a escola filosófica de Alexandría non depende da sé eclesiástica. Nos inicios do s.V os bispos impulsaran o traslado á localidade de Side en Panfilia do “Didaskaleion” ou escola catequética (que si lles estaba subordinada) polas súas vellas adherencias ás teses máis radicais da “Logostheologie”. A escola filosófica de Alexandría sostense coas axudas do municipio e os estipendios dos alumnos. Nisto diferénciase do conxunto das escolas de Constantinopla, que son financiadas polo erario público.

os hephtalitas ameazan Persia desde o leste; consolidan o seu dominio sobre Asia Central.

Anosazad rebélase contra seu pai Cosroes I.

o rei Pulakesi I establece a dinastía Chalukya (India): estende o seu domino conquistando Vakataka e a costa oeste de Karnataka, que lle da acceso ás rutas comerciais do mar Arábigo.

Gu Yewant edita o Yupian, diccionario chinés.

venres, 11 de xullo de 2014

542

a bacteria yersinia pestis causou a 'peste de Xustiniano'
www.teinteresa.es
primavera: a peste chega a Constantinopla, despois de pasar por Gaza e Syria e esténdese aos Balcáns de camiño ao oeste. Afecta principalmente a poboacións de costa e asentamentos ao longo das rutas comerciais.

as cidades resultan ser un caldo de cultivo óptimo para as ratas, portadoras da enfermidade, e as rutas comerciais locais e internacionais corredores ideais para o seu espallamento. Os centros comerciais medraran e o clima relativamente húmido contribuíra ao aumento da poboación. As rúas estreitáronse e as prazas públicas foron invadidas por construcións públicas e privadas, as augas fecais e o lixo están por todas partes. Os grandes centros comerciais e as cidades son agora unha trampa mortal durante a peste. Sen embargo, as cidades máis pequenas e as aldeas e facendas illadas son moito menos vulnerables.

as ratas viaxan nas sacas de trigo nos barcos e logo desde os portos en carretas ata o interior. Pola contra, o transporte de mercadorías a montañas máis distantes faise con bestas de carga. As estradas sen firme non eran apropiadas para o paso de carretas e así evítase que as ratas cheguen a zonas rurais remotas.

as poboacións do deserto sofren moito menos a peste que a poboación sedentaria. Os seus pastos non podían alimentar unha gran poboación. Os nómades decátanse do perigo de ser infectados polos enfermos, e ven as cidades coma fontes de contaminación e enfermidade.

as consecuencias máis inmediatas son a redución drástica da poboación (morren 230000 persoas na capital e quizás dous millóns no resto do imperio), abandono de terreos produtivos e de construcións e obras públicas, fames e depreciacións monetarias, e emigracións masivas ás cidades. Todo isto e as secas frecuentes anteriores colapsan a economía, baseada no comercio e nos servizos urbanos.

o exército tamén se ve seriamente afectado xa que se reducen moito os seus efectivos e non pode recrutar substitutos pola mortalidade entre os mozos. A consecuencia é que os bárbaros penetran en territorio imperial con máis facilidade: avaros, eslavos e árabes.

Xoán de Éfeso, de viaxe por Anatolia, Palestina e Syria, describe campos de trigo sen recoller e rabaños de bestas sen pastor. As fontes describen a peste e inclúen repetidos chamados ao arrepentimento xa que a enfermidade é considerada un castigo divino.

Xustiniano contrae a peste pero recupérase.

Xoán de Éfeso ten autorización imperial para converter pagáns en Phyrgia, Caria e Lidia (Asia Menor).

Teudis toma Septem, alarmado polas políticas agresivas de Xustiniano.

Belisarius consegue conter a Cosroes I.

primavera: batalla de Faventia, onde Totila, con 5000 efectivos, derrota as forzas orientais.

xuño: batalla de Mucellium: Totila progresa cara Toscana e derrota os imperiais en Florencia, no val de Mugello. O bo trato aos prisioneiros fai que moitos se unan a el.

Totila obvia Roma na súa expedición cara o sur de Italia. Captura Benevento e recibe a submisión de Apulia, Lucania e Bruttium.

asedio de Neapolis: unha forza de refresco imperial procedente de Sicilia resulta interceptada e case destruída polos barcos de guerra godos.

Brendan establece un mosteiro en Eileach an Naoimh (Escocia).

Gildas, monxe britano, escribe de excidio et conquestu britanniae.

xoves, 10 de xullo de 2014

541

Totila
italia-ostrogota.ilcannocchiale.i
Anicius Faustus Albinus Basilius, último cónsul.

xaneiro, 2: Laodicea é destruída por un tremor de terra.

maio: Xoán de Capadocia perde o seu cargo de prefecto do pretorio por unha conxura urdida por Teodora, confíscanlle as súas propiedades e é exiliado a Cyzicus.

maio: Hildebaldo é asasinado por un xépido durante un banquete e algúns elixen a Erarico, un rugo, que non é recoñecido por gran parte da nobreza goda. Xustiniano ofrécelle o título de patricius a cambio da súa rendición.

primavera: traslado de Belisarius ao fronte persa.

xuño, 21: Cosroes I intervén en Lazica en apoio de Gubazes II contra unha rebelión dos seus súbditos. Envía unha forza expedicionaria baixo Mermeroes, que captura Petra, na costa do mar Negro, proporcionando aos persas un porto estratéxico.

xullo: Belisarius marcha cara Nisibis, cidade que asedia.

setembro: asasinan o novo rei godo nun banquete; sucédeo Totila, que aproveita a ausencia de Belisarius para reagrupar as súas forzas: logra o apoio das clases populares ao liberar os escravos e repartir terras entre eles, ordena construír unha flota e diríxese cara o sur.

Xustiniano emprende reformas administrativas, unha delas a eliminación definitiva do consulado, que xa era algo simplemente honorífico, sen funcións reais.

o duque visigodo Teudiselo expulsa os francos que entraran en Hispania.

outubro: dous dos maiores éxitos do imperio (aumento de poboación e desenvolvemento de rutas comerciais) son dúas das condicións que facilitan a extensión da peste bubónica, da que aparecen os primeiros casos en Exipto, no porto de Pelusium, de onde progresa ata Alexandría.

inverno: Totila defende Verona fronte a un exército imperial numericamente superior. Obtén o control do val do Po e prepara unha ofensiva goda no centro de Italia.

o sistema cronolóxico elaborado por Victorius de Aquitania (ano 457), o cursus paschalis é adoptado como oficial.

Xustiniano asina un foedus cos lombardos de Audouino e instálaos en Pannonia para usalos como mercenarios na reconquista de Italia.

martes, 8 de xullo de 2014

539

moeda coa efixie de Teodeberto I
www.fotosimagenes.org/teodeberto-i
Strategius, cónsul único.

febreiro, 10: morre Senka; o seu irmán Kimmei, 29º emperador de Xapón.

marzo: Witixes recibe apoio de Teodeberto I, que envía 10000 burgundos e alamanos ao mando de Butilin e Leuthario I. Volve conquistar Mediolanum, presa da fame, logo de meses de asedio: o continxente militar imperial (1000 homes) é respectado pero Witixes derruba as murallas, mata a todos os varóns e concede mulleres e nenos aos burgundos. A cidade queda arrasada.

Belisarius atácao e Witixes ten que retirarse, sendo asediado en Ravenna.

Xustiniano restrinxe por lei a fabricación de armas ás fabricae estatais.

Teodeberto aproveita a guerra en Italia para invadila ao mando de 100000 homes; conquista Ticinum e derrota tanto a godos como a imperiais.

Xustiniano alármase cada vez máis a causa das repetidas incursión bárbaras no Danubio por parte de eslavos, búlgaros, xépidos e avaros.

Belisarius negocia un tratado con Teodeberto, cuxas tropas están morrendo de disentería e os francos volven a Gallia. A flota oriental controla o Adriático e bloquea o porto da capital, cortando as subministracións necesarias.

novembro, 29: terrible tremor de terra en Antioquía.

Walthari asasina ao seu tío Wacho e convértese en rei dos lombardos.

luns, 7 de xullo de 2014

538

cangosta da palha, braga
necrópole romana - alto/medieval
http://www.cm-braga.pt/resources/content/bracara_augusta
Iohannes, cónsul único.

Profuturo, metropolitano de Bracara, recibe resposta de Vixilius I á súa pregunta sobre o dogma, a disciplina do clero e o xeito católico apropiado para o bautismo. Na carta Vixilius I escribe que os reis suevos se comportan dun xeito correcto coa Igrexa.

a guerra causa unha terrible fame en Italia.

febreiro, 8: morre Severino, patriarca de Antioquía, monofisita.

marzo, 12: obrigado pola carencia de alimento para as súas propias tropas, Witixes remata un asedio de 374 días e abandona Roma pola via Flaminia. Belisarius ataca a retirada goda na ponte Milvia; logo de opor gran resistencia, moitos godos morren ou afogan no río.

Witixes reforza os continxente militares de varias cidades e asedia Ariminum.

forzas imperiais ao mando do eunuco armenio Narsés chegan a Picenum. Ten unha dobre misión, reforzar os imperiais e controlar o labor de Belisarius.

abril: Belisarius asegura Liguria, Mediolanum e Ariminum, pero desacordos, especialmente con Narsés, causan desunión no exército imperial.

Sittas acaba cunha revolta en Armenia en protesta contra a forte carga impositiva. Durante a campaña é morto por Artabanes, líder da revolta.

maio, 7: terceiro concilio de Orleáns: o consentimento episcopal é ‘necesario para que un crego poida aparecer nunha corte leiga como xuíz’, prohíbese o traballo dominical e que os cregos practiquen a usura.

o britano Xildosio, que predicara o cristianismo por Britannia e Hibernia, retírase á illa de Houat, onde atrae seguidores e funda o mosteiro de Rhuis.

Cynlas Goch de Rhos abandona a súa muller pola irmá desta, unha monxa a quen saca dun convento.

outono: Belisarius asedia e toma Urbino a pesar da retirada de Narsés; renuncia a atacar Osimo pola chegada do inverno.

outubro, 13: nova misión do rei de Baekje en Xapón; con el chegan imaxes de Buda e sutras dourados e de bronce. O budismo constitúese en relixión oficial de Xapón, inda que sobreviven restos animistas. Moitos aristócratas xaponeses ían a China a estudar, mentres que os monxes budistas coreanos se instalan na corte. Isto causa tensións sociais que se canalizan a través da rivalidade entre os clans Soga (budista e de cultura chinesa) e Mononobe (cultos indíxenas e illamento político do Yamato).

Gabrán mac Domangairt, rei de Dál Riata (en Escocia).

en Xapón remata a era Kofun e comeza o período Asuka, segunda parte do período Yamato.

domingo, 6 de xullo de 2014

537

murallas de Roma no s. VI
es.wikipedia.org
segundo ano logo do consulado de Belisarius.

xaneiro: Witixis asedia Roma (45000 unidades) e hai combates especialmente cruentos na porta Pinciana, próxima ao posto de mando de Belisarius, que tenta unha manobra de distracción saíndo pola porta Flaminia pero el e os seus bucellarii case son atrapados no medio dos godos.

Witixis instala sete campamentos, un por cada unha das portas e rutas de acceso principais á cidade coa finalidade de rendela por fame. Bloquea as conducións de auga, necesaria tanto para beber como para que funcionen os muíños.

marzo, 21: Witixis intenta asaltar as murallas no norte e no leste con catro torres de asedio pero é rexeitado na porta Praenestina (chamada Vivarium) por tropas dirixidas polos xenerais orientais Bessas e Peranius.

abril: os godos capturan o portus claudii en Ostia. Belisarius está agora obrigado a descargar as súas mercadorías en Antium e pide reforzos urxentes a Constantinopla.

abril, 9: Belisarius recibe reforzos (1600 unidades de cabalería, a maioría hunos ou eslavos e arqueiros expertos). Comeza, a pesar das restricións, a asaltar os campos godos e alcánzase un punto morto.

primavera: batalla de Scalas Veteres, onde Xermanus derrota a Stotzes, que ten que retirarse ás montañas cunha poutada de fieis.

xuño: a fame comeza a progresar en Roma e a poboación desespera. Belisarius envía a Procopio a Neapolis a por máis reforzos e subministracións. Witixis acorda un armisticio de tres meses para que enviados godos viaxen a Constantinopla.

a dinastía Yamato asimilara a cultura chinesa a través de Corea: a elaboración da seda, a escrita, o papel, a arquitectura, e algúns elementos da cultura confucianista e taoísta. Nun momento dado o soberano muda o título autóctono (miyatsuko) polo chinés de emperador (tenno) e lexitima a súa autoridade subvencionando a redacción de obras históricas: o imperio xaponés foi creado por Jimmu, neto de Amaterasu, deusa do Sol; así, Xapón sería o imperio máis antigo do mundo, cunha liña imperial ininterrompida que se remontaría aos primeiros pais, Izanagi e Izanami, por medio de Amaterasu, que creou o imperio por decreto divino e concedeu superioridade ao emperador por riba do resto dos homes.

novembro, 11: conflito entre Silverio e Vixilius I, un católico e o outro monofisita. Teodora quere que Silverius desautorice Calcedonia pero como se nega Xustiniano aprésao, destitúeo por alta traizón e exíliao a Patera (Asia Menor). Pouco despois autorízao a volver a Italia pero Vixilius confínao nunha illa próxima a Roma (Capri ou Ponza), onde morre (decembro, 2).

novembro: Belisarius obtén máis reforzos (3000 isauros e 1800 unidades de cabalería desembarcan en Ostia) xunto con subministracións. Os godos teñen que abandonar portus claudii.

publícanse as Variae de Casiodoro. Poderían ter varios sentidos: un sería a guerra en Italia na que os orientais levan as de gañar e serían, polo tanto, un balón de osíxeno aos godos; semella que inda era PPO cando as publicou: unha publicación literaria desempeñando un cargo oficial era signo de distinción. Pero quizás o contexto axeitado para ver o significado desta obra non é a guerra senón o alto medio administrativo que caracteriza o seu contexto familiar e a súa carreira pública.

decembro: Belisarius envía a Xoán o sanguinario con 2000 unidades cara Picenum para arrasar e saquear a costa leste de Italia. Este chega a Ariminum, onde é ben acollido pola poboación romana.

decembro, 27: en Constantinopla consagración de Hagia Sophia (sabedoría divina), construída sobre as ruínas da anterior pero sobre un perímetro maior. Os muros son de mármore pulido de varias cores, e as columnas talladas en pedras diversas (entre elas pórfido e serpentino). No aspecto decorativo destaca o uso do mosaico. O máis espectacular é a enorme cúpula, produto de corenta anos de experimentación; é hemisférica e apoiada sobre un soporte cadrado, de modo que a parte inferior da cúpula podía perforarse con moitas ventas sen perder estabilidade. É tan grande e ten tantas ventas que todo o interior da igrexa recibe a luz do sol e os mosaicos brillan nun sorprendente xogo de luces. Seica, ao vela, Xustiniano dixo: ‘Salomón, supereite!’.

batalla de Camlann: Arturo loita por última vez, esta vez contra o seu fillo (ou sobriño) Mordred, e é mortalmente ferido (Annales Cambriae, s. X).

o Wei oriental envía tres columnas a través do paso Tong para atacar o Wei occidental. O exército occidental comandado por Yu-Wen derrota unha das columnas mentres as outras retroceden. Yu-Wen segue avanzando pero atopa o exército oriental principal (200000 homes). Os occidentais son feitos atravesar o paso e invaden territorio inimigo. Pero, de súpeto, sofren a carga de 10000 unidades de cabalería occidentais sobre un flanco e morren 6000 e son capturados 70000.

Xoán Cottistis comeza unha rebelión contra Xustiniano, sendo declarado emperador en Dara, pero é asasinado catro días despois polos seus propios homes.