Amosando publicacións coa etiqueta Carlos Martelo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Carlos Martelo. Amosar todas as publicacións

sábado, 7 de novembro de 2015

741

sólido de Constantino V
www.bisanzioit.blogspot.com.es
xuño, 18: morre León III o Isauro de hidropisía en Constantinopla. Sucédeo Constantino V Copronimo, que invade Syria e continúa a súa política iconoclasta. Mais ten que enfrontarse á oposición interna.

o seu cuñado Artabasdos, strategos do thema armenio e iconódulo, faise co control de Constantinopla, e coróase basileus. Asegúrase os themas de Thracia e Opsikion. Constantino apóiase en Anatolia.

Shomu constrúe templos budistas nas provincias para 'pregar' por unha futura prosperidade. Os xefes dos clans deben participar nos gastos, co que se reduce a súa autonomía financeira.

outubro, 22: morre Carlos Martelo; os territorios francos repártense entre os seus fillos: Carloman (27), mordomo de Austrasia e os territorios alamanos co control de Baviera; Pipino o Breve (pola súa baixa estatura, 23), mordomo de Neustria e Burgundia con Aquitania como vasalo; e Griffo, o menor, cunha franxa de terra entre Neustria e Austrasia.

Pipino o Breve casa con Bertrada de Laon, filla do conde Cariberto.

a gran revolta bérber continúa: Hisham ibn Abd al-Malik nomea a Kulthum ibn Iyad al-Qasi wali de Ifriqiya. Envíase unha cuarta expedición dende Syria para sufocar a rebelión na rexión do Atlas, mais é derrotada na batalla de Bagdoura, na chaira de Ghrab. Sen embargo, os rebeldes kharijitas non son quen de conquistar Kairouan dos umayyad nun primeiro momento. Algo máis tarde, unha rama radical dos kharijitas, os sufristas, consegue tomar a cidade.

novembro, 28: morre Gregorio III.

decembro, 3: Zacarías elixido novo bispo de Roma.

decembro, 10: Zacarías é consagrado sen esperar autorización imperial de Constantinopla ou Ravenna, sumidas nas súas propias crises e debilidades.

moitos monxes gregos refúxianse en Roma, expulsados por Constantino e exasperados contra el.

xoves, 17 de setembro de 2015

739

representación de Afonso I
el.tesorodeoviedo.es
Fafila morre atacado por un oso durante unha cacería. É sucedido por Afonso I, cuñado seu, quen é citado coma rei da Gallaecia nas crónicas musulmás.

Hisham ibn Abd al-Malik reúne unha gran forza expedicionaria baixo o seu fillo Sulayman ibn Hisham. Unha parte do exército, baixo Abdallah al-Battal (20000 homes), é derrotado en Akroinon polo propio emperador León III e o seu fillo Constantino. Uns 6800 musulmás logran retirarse ordenadamente e chegar a Synnada (Phrygia).

Carlos Martelo ataca a Maurontus de Provenza e os seus aliados musulmáns. Seu irmán Childebrando captura Marsella, en mans musulmás. Maurontus refúxiase nos Alpes.

xuño, 16: Liutprando instala en Spoleto a Hilderico. Trasamundo foxe a Roma, onde Gregorio III.

Liutprando saquea o exarcado e logo asedia Roma. Gregorio III solicita a axuda franca (tamén envía embaixadas a bizantinos e musulmáns): entre outras cousas, ofrece a Carlos o título de cónsul durante as negociacións mais petición e oferta son rexeitadas.

Gregorio asina un pacto cos lombardos e Liutprando regresa a Ticinum.

estallan revoltas no califato ummayad ante o descontento pola presión fiscal: Khorassan (na fronteira coa Sogdiana), Berbería (norte de Ifriqiya), Arabia e Mesopotamia.

Ato, abade do mosteiro de Volturno.

morre Willibrord en Echternach.

Ratchis, duque de Friuli, logo da deposición de Pemmo por Liutprando.

Aed sucede a Eogans como rei de Dál Riata.

Godescalcus sucede a Gregorius como duque de Benevento, mais non logra o recoñecemento real.

domingo, 6 de setembro de 2015

738

ruínas de Quiriguá
www.trifiniotours.com
Carlos Martelo comeza unha campaña na fronteira NE, na zona do Wesel, contra os saxóns onde moitos son executados ou subxugados e sometidos a tributación.

Carlos ataca, xunto con Liutprando, as posicións musulmás en Provenza.

derrota musulmá en Narbo.

Kormesiy, khagan búlgaro, é deposto pola nobreza; é substituído no trono por seu fillo Sevar; descenden do clan Dulo.

abril, 29: a cidade-estado maia de Xukpi (Copán) é derrotada por Quiriguá, baixo a dirección de Butz' Tiliw; o xefe xukpi Uaxaclajuun Ub'aah K'awiil ('18 coellos') é deposto e feito prisioneiro acto seguido.

Felice Cornicola é nomeado hypatos (cónsul bizantino) e magister militum de Venecia.

Swaefberht de Essex morre logo de reinar 23 anos, sendo sucedido por Saelred, un membro menor da familia real.


Bonifacio visita Roma, sendo nomeado legado papal para o reino franco. Establece moitos bispados en Baviera.

venres, 4 de setembro de 2015

737

www.snipview.com
danevirke
batalla de Avignon: Carlos Martelo envía a seu irmán Childebrando I, duque de Burgundia, a asediar a cidade; cando chega, Carlos mesmo participa no asalto aos muros usando esqueiras de cordas e arietes.

batalla de Narbo: Carlos é incapaz de tomar a cidade. Un exército lombardo baixo Liutprando cruza os Alpes para axudar os francos e expulsar os musulmáns de Septimania. Mentres, Maurontus, duque de Provenza, rebélase dende Marsella, ameazando a retagarda franca.

Carlos Martelo derrota os musulmáns en Arelate.

batalla do Berre: forzas francas baixo Carlos Martelo interceptan un enorme exército musulmán provinte de al-Andalus dirixido por Uqba ibn al-Hajjaj para liberar Narbo. Os francos derrótano na boca do río Berre, ao NO de Marsella, e conducen aos superviventes cara unhas marismas, facendo numerosos prisioneiros. A expansión umayyad en Gallia sofre un golpe definitivo.

Orso Ipato é asasinado a instigación de Eutychius, exarca de Ravenna; sendo sucedido por Domenico Leoni, cuarto dogo de Venecia.

Ongendus, rei dos daneses, reforza o danevirke, fortificación en Schleswig-Holstein.

morre Theuderico IV pero Carlos Martelo non considera preciso nomear sucesor, e impide que reine o fillo de Theuderico, Childerico III, a quen fai profesar nun mosteiro. Tampouco asume el o trono, nun xesto de prudencia.

morre Paio, sucedido por Fafila.

Walprando, bispo de Lucca; é fillo de Walperto, duque da cidade. Cada cidade lombarda, co seu goberno e tribunais locais, e tamén coas súas estruturas episcopais, é o centro da actividade política da elite do seu territorium. Tamén son centro da identidade militar local (como en Sienna, 730, no caso do exercitus Senensium civitatis).

Trasamundo II de Spoleto ocupa Gallese, cortando o paso entre Roma e Ravenna. Gregorio III ofrece unha forte suma ao duque de Spoleto para recuperar a praza. O duque de Benevento, que tamén pretende independizarse do seu rei, únese á alianza. Liutprando reacciona declarando traidor a Trasamundo.

Ceolwulf de Northumbria profesa nun mosteiro e é sucedido por Eadberht.

os cristiáns invaden Exipto dende o sur coa finalidade de protexer o patriarca de Alexandría.

Theodobald é duque dos alamanos.

os xázaros dirixidos por Hazer Tarkhan derrotan os musulmáns nas proximidades do río Volga e obríganos a retroceder.

setembro, 30: os turgesh fan retroceder os musulmáns dende Khuttal, fanos cruzar o río Oxus cara o sur e capturan o seu tren de subministracións. En inverno, os turgesh e os seus aliados en Transoxiana lanzan unha gran contraofensiva pero son detidos.

Xuan Zong amplía o período de estancia dos homes no exército para que a maior experiencia faga máis eficientes as tropas.

amaina a epidemia de varíola en Xapón, que durou tres anos e reduciu a poboación nun terzo.

en China, na actual Yunnan, Piluoge unifica o reino de Nanzhao coa axuda dos Tang.

os musulmáns do Sind fundan unha nova capital, Mansura.

sábado, 29 de agosto de 2015

736

diploma Ismere
en.wikipedia.org
primavera: Carlos Martelo invade Aquitania pero atopa gran resistencia. Hunaldo acepta xurar fidelidade a cambio do seu recoñecemento como duque de Aquitania.

Carlos Martelo regresa de Aquitania para pacificar Provenza e Burgundia, que se rebelan coa axuda musulmá da Septimania. Somete o val do Ródano ata Marsella, e Arelate.

agosto, 6: Carlos derrota os musulmáns en Sernhac, cerca de Beaucaire.

Aethelbald de Mercia é descrito no diploma ismere como rexente (bretwalda) de Mercia e todos os territorios no sur de Britannia; tamén se lle denomina rex britanniae.

Óengus I, xefe picto, invade Dál Riata e toma a fortaleza de Dunadd, establecendo o seu dominio en Escocia.

Rōben, erudito budista, convida a Shinshō, a impartir conferencias sobre o avatamsaka sutra en Kinshōsen-ji; este acontecemento é considerado como a orixe da escola Kegon de budismo fundada en Xapón.

Yik'in Chan K'awiil, ajaw de Tikal, conquista Calakmul.

documentado por primeira vez o cultivo do lúpulo en Hallertau, Alemaña.

Odilo, dos axilolfingos, duque de Baviera.

venres, 28 de agosto de 2015

735

Abkhazia
en.wikipedia.org
Carlos Martelo invade Burgundia novamente.

Hunald de Aquitania rexeita recoñecer a autoridade dos francos e Carlos decide atravesar o Loira, capturando Burdigalia e Blaye.

Liutprando enferma e fai correxente ao seu sobriño Hildeprando.

iníciase unha tremenda epidemia de varíola en Xapón.

maio, 26: morre Beda.

Eboracum recibe o pallium de Gregorio III, sendo dende agora sé arcebispal, con Ecgbert como primeiro arcebispo.

o xeneral Okba logra vencer os francos en Arelate, Avignon e Lugdunum pero logo é feito retroceder por Carlos Martelo.

o xeneral Marwan derrota os xázaros.

León I é o primeiro monarca dunha Abkhazia independente do que se ten testemuña escrita.

Silla logra expulsar as últimas tropas chinesas asentadas no seu territorio.

o gobernador de Narbo, Jussef ibn Abd al-Rahman apodérase de Arelate aproveitando complicidades internas; tamén ameaza Burgundia.

expedición musulmá contra Sardeña.

xoves, 27 de agosto de 2015

734

mesquita Zitouna
sobretunez.com
os musulmáns ocupan Pampilona.

marzo, 23: tremor de terra en Tianshui, provincia de Gansu.

abril - maio: Obeid Allah ibn el-Habhab é nomeado gobernador de Ifriqiya e ordena construír a mesquita Zitouna en Tunis e o arsenal da Marina.

novembro, 25: Bilge Kaghan morre envelenado; sucédeo o seu fillo Izhan Kaghan.

Carlos Martelo vence novamente os frisios no Boorne ao final dunha expedición terrestre e naval, e mata o duque. Abandona precipitadamente Frisia para intervir en Burgundia e Aquitania.

o gobernador de Narbo, Jussef ibn Abd al-Rahman conclúe un tratado co duque de Provenza Mauronte, que lle cede Arelate e Avignon para defenderse das incursión dos francos no val do Ródano.

expedición musulmá contra Sicilia.

Jasaw Chan K'awiil I, ajaw de Tikal morre logo de reinar durante 52 anos; é sucedido polo seu fillo Yik'in Chan K'awiil.

martes, 25 de agosto de 2015

733

ruínas en Damasco, Syria
foroparalelo.com
Eochaid III de Dál Riata sucedido por Alpin I, que é deposto por Muiredach.

Eudes, case oitenta anos, profesa nun mosteiro. As súas terras son divididas entre os seus fillos Hunald e Hatton, que continúan a súa oposición a Carlos Martelo; producíndose batallas en Beneste (Charente) e La Rouchefoucauld (próximo a Anguleme), onde son derrotados.

Carlos tamén derrota os burgundos e distribúe dominios e ben eclesiásticos entre compañeiros de armas.

Abd al-Malik ibn Katan al-Fihri, wali de al-Andalus, cruza os Pireneos, e arrasa os territorios a ambos lados, en Gallia e Hispania; establecendo colonias ao longo do val do Ebro e na actual Euskadi e consolidando as bases militares xa existentes.

Liutprando depón a Audelais de Benevento e o seu fillo menor Xisulfo e fai que os suceda Gregorius.

o filósofo e xurista Ghaylan al-Dimashqi é condenado a morte e executado en Damasco por orde do califa a causa da súa defensa da doutrina do libre albedrío.

xuño, 26: unha flota bizantina enviada por León III para someter a rebelión no exarcado de Ravenna contra os decretos iconoclastas é dispersada pola tempestade ante o porto de Classis; as tropas que sobreviven o naufraxio son reducidas.

Eucherius, bispo de Orleans, é deposto e exiliado por Carlos Martelo, debido á oposición do bispo a que a igrexa sexa espoliada dos seus bens.

Poppon, sucesor de Radbod, arrasa a fronteira cos francos. Intervén Carlos e o frisio debe pedir a paz e liberar os prisioneiros feitos.

Aethelbald fai conquistas ao sur do Humber, invade Wessex e captura Somerton.

xoves, 20 de agosto de 2015

732

batalla de Poitiers
tabla de Charles de Steuben, 1837
www.fr.wikipedia.org
marzo, 2: Abd al-Rahman emprende unha expedición contra os francos; parte de Pampilona, pasa Roncesvalles, derrota a Eudes en Burdigalia e logo segue cara o norte.

verán:  Eudes diríxese a Reims para advertir a Carlos Martelo e solicitar o seu apoio contra os invasores. Reúnense en París e Carlos promulga un bando para organizar un exército, que inclúe austrasianos, neustrios e burgundos. Mentres, os musulmáns fanse con moitas cidades ao seu paso e diríxense a Poitiers.

xuño, 26: Venus oculta a Xúpiter.

setembro: Carlos dirixe o seu exército a Orleans e cruza o Loira, probablemente acompañado por Eudes e as tropas que lle quedan. Acampa cerca de Tours, ao suroeste da fortaleza de Ballan-Miré, para protexer a abadía de Martiño. Derrota avanzadas musulmás e fainas retroceder. Abd al-Rahman fixa a súa posición no río Vienne.

outubro: os francos cruzan o río Vienne e establecen un campo na mansio romana abandonada de ‘Vieux-Poitiers’, quizás usando o teatro romano e as súas torres como fortificacións. Carlos forma unha posición defensiva que intercepta a vía romana e rexeita ataques musulmás durante sete días.

outubro, 18/25: as forzas de Carlos derrotan un enorme exército comandado por Abd al-Rahman, nas proximidades de Poitiers. As cargas dos musulmáns fracasan unha e outra vez contra as liñas francas, Abd al-Rahman morre en combate, cae a noite e ao amencer os francos comproban a retirada musulmá.

os musulmás retíranse en dous continxentes, un ata Septimania e outro retrocede cara al-Andalus a través de Roncesvalles. Eudes persegue os vencidos antes de regresar a Burdigalia. Carlos retírase a territorio franco por Orleans e Auxerre, promovendo novos homes para bispados chave.

Abd al-Malik ibn Katan al-Fihri é novo wali de al-Andalus.

unha forza musulmá chega ata o Ródano.

dúas consecuencias desta vitoria de Carlos Martel son o seu alcume (carolus martellum), e a submisión de Eudes de Aquitania, aparte de frenar definitivamente a expansión musulmá en Gallia.

na parte central da illa de Java desenvólvese un estado baixo o rei Sanjava.

formulario de Marculfo.

Constantino, fillo de León III, casa cunha princesa xázara, que recibe o nome de Irene.

León III impón a xurisdicción do patriarca sobre os territorios de Sicilia, Calabria e o Ilírico.

Egbert, irmán do rei Eadberht de Northumbria, nomeado arcebispo de Eboracum, logo de viaxar a Roma.

Bonifacio, arcebispo, obtén do bispo de Roma a autorización de nomear bispos nos novos territorios que ‘evanxeliza’ en Xermania.

Theudebald, duque alamano, por odio a Carlos Martel, depón ao bispo Heddo e confínao no mosteiro de Reichenau.

sábado, 4 de xullo de 2015

731

venerabilis Beda
venerabilisbeda.plgo.org
febreiro, 11: morre Gregorio II.

marzo, 18: Gregorio III, de orixe siria, novo bispo de Roma.

Gregorio III xoga a dúas bandas con lombardos e bizantinos: logra que Roma non sexa ocupada polos lombardos. Tamén tenta que os francos interveñan en Italia no seu favor, facendo de contrapeso contra lombardos e bizantinos.

Beda escribe en Northumbria a historia eclesiástica da nación inglesa. Vive no mosteiro de Jarrow, fundado por Bieito Biscop; rexeitara o cargo de abade para dedicarse por completo aos seus libros e estudos.

a súa historia é notable por datar os acontecementos dende o nacemento de Cristo. É crítico coas lendas e envía monxes a Roma buscar documentación nos arquivos pontificios. Presena a Aethelbald como rei de toda a illa ao sur de Northumbria inda que este só era rei de Mercia e descendía dun irmán do vello rei Penda. Tamén resume os escasos coñecementos científicos da época: a terra é unha esfera e as mareas son causadas pola Lúa; tamén investiga o xeito de calcular a data da Pascua, e descubre que a data dos equinoccios variara a respecto da prevista no calendario xuliano.

Munuza é derrotado e executado por forzas de Abd al-Rhaman al Ghafiqi en Urxel. A continuación son saquedas as cidades Millau e Arelate.

Tatwin, arcebispo de Canterbury, en sucesión de Bertwald.

Gregorio III prohibe ritos pagáns como predicións baseadas no comportamento das fontes.

Ragenfrido, antigo mordomo de Neustria, reúnese con Eudes de Aquitania para aceptar a súa soberanía e independencia do reino franco. Temeroso dunha alianza na súa contra, Carlos Martelo exila a Wandon, partidario de Ragenfrido e mete na cadea ao bispo Aimar de Auxerre.

Carlos Martelo dirixe dous ataques alén do Loira na rexión de Berry, que conseguen tomar e saquear Bourges; mais a cidade é inmediatamente reconquistada por Eudes de Aquitania.

outono: Ceolwulf de Northumbria é deposto por oponentes e forzado a profesar nun mosteiro.

Abd al-Rahman invade Burgundia e saquea o mosteiro e abadía de Luxeuil, no alto Saona, mascrando a maioría da comunidade.

Aethelbald de Mercia logra apropiarse de Somerset e detraelo da soberanía de Wessex.

batalla do desfiladeiro: un exército umayyad de refresco (28000 homes) é enviado a Samarcanda, asediada polos turgesh. Os musulmáns caén nunha emboscada nos montes Zarafshan no paso de Tashtakaracha. A loita acaba en vitoria pírrica, con moitas baixas musulmás, detendo a expansión en Asia central por unha tempada.

novembro, 1: Gregorio III convoca un concilio no que excomunga a todos os iconoclastas, incluído o emperador León III.

decembro: o rei Yaśovarman de Kanauj envía unha embaixada a China. O seu reino florece e protexe ao poeta Bhavabhuti.

os jázaros atravesan o Cáucaso e chegan a Mesopotamia, onde son freados polo gobernador Maslama ben Abd al-Malik en Mosul. Posteriormente Maslama ataca os jázaros, que se retiran.

o rei Pallava Parameswaravarman morre en combate, derrotado por unha alianza de Chalujya e Ganga.

luns, 29 de xuño de 2015

730

Xoán Damasceno
xaneiro, 17: León III reitera a destrución das iconas. Germanos, patriarca de Constantinopla, é deposto por negarse a refrendar os edictos imperiais e retírase a un mosteiro. As escolas eclesiásticas son clausuradas e os bens da igrexa romana confiscados. Xoán Damasceno, oposto a que o basileus decida cuestións teolóxicas, é reducido ao silenzo. Moitos monxes foxen a Grecia e Italia, e ás covas de Capadocia levando agochadas pequenas iconas.

Carlos Martelo anula a autonomía do ducado alamano, vencendo a Lantfrido.

Abd al-Rahman, emir efémero de al-Andalus logo da morte de al-Samh, volve selo.

Gregorio II solicita axuda franca contra os lombardos pero Carlos Martelo declina inmiscirse.

a igrexa prohibe as peregrinacións femininas; supostamente por haber moitos casos de prostitución encuberta.

a etnia lolo, ao SO de China, ameaza coa secesión, o que obriga a Xuan Zong a intervir.

Liutprando alíase con Eutychius, exarca de Ravenna, e concorda en atacar Roma e restar autonomía aos ducados de Benevento e Spoleto. Os exércitos de Eutychius e Liutprando marchan sobre Roma pero Gregorio convence a Liutprando para abandonar o asedio. O exarca entra en Roma e restablece a legalidade imperial. O bispo, sen embargo, segue opóndose á iconoclastia.

Tiberius Petasius proclámase emperador en Tuscia, mais é derrotado por Eutychius, co apoio de Gregorio II en Monterano, sendo enviada a súa cabeza a León III.

setembro/ outubro: tropas umayyad saquean a fortaleza de Charsianon, en Anatolia.

decembro, 9: batalla de Marj Ardabil, onde os jázaros baixo Barjik invaden as provincias de Jibal e Adharbaydijian e derrotan a 25000 homes en Ardabil (Persia), matando a al-Jarrah ibn Abdallah.

León III demanda unha princesa jázara para o seu fillo Constantino.

luns, 15 de xuño de 2015

728

cidade de Sutri
gl.wikipedia.org
Liutprando ocupa o exarcado de Ravenna e avanza cara Roma pola vía Casia, atopando a Gregorio II en Sutri. Liutprando asina a ‘doazón de Sutri’, pola que partes de Latium (embrión dos ‘estados pontificios’) pasan a mans do bispo de Roma.

en Sicilia os musulmáns tentan entrar en Siracusa pero deben deterse ante un brote de peste e retirarse.

Carlos Martelo non é capaz de someter totalmente Baviera, que queda baixo a autoridade de Hugbert, que debe aceptar a soberanía franca sobre Ingolstadt e Lauterhofen e a parte occidental do Nordgau.

Yahyá, emir de al-Andalus, é substituído por Hudayfa, á súa vez substituído pouco despois por Utmán.

León III nomea novo exarca de Ravenna a Eutychius para pacificar Italia coa propia Ravenna en mans lombardas. Chega a Neapolis pero non dispón de tropas. Fracasa un complot seu para asasinar a Gregorio II mediante un sicario.

Thrasamundo II de Spoleto e Romualdo II de Benevento están en aberta rebelión contra Liutprando.

Wasil ibn Ata, discípulo de Hasan al-Basri, funda o mutazilismo, rompendo co islam ortodoxo: nega a concepción divina do Corán e condea como politeísmo o dogma da trindade. Defende o libre albedrío en contraposición á crenza divina na providencia.

domingo, 14 de xuño de 2015

727

tremises de Liutprando
www.datuopinion.com
revolta en Grecia que remata coa proclamación de Cosmas como basileus. Parte unha flota cara Constantinopla ao mando de Agallianos Kontoskeles, mais o exército imperial odia os monxes e é maioritariamente partidario da iconoclastia. A marina imperial e o lume grego acaban de xeito doado coa flota rebelde e León III redobla o impulso da reforma en Grecia e Asia Menor; de paso, confisca moitas riquezas dos mosteiros, derrogando os seus privilexios.

Theudebaldo acosa a Pirmin, por odio a Carlos Martelo, protector seu.

asedio musulmán de Nicaea: forzas baixo Mu'awiya ibn Hisham, fillo do califa, penetran en Asia Menor e saquean a cidade fortaleza de Gangra, mais non poden con Nicaea.

tamén se producen revoltas en Italia contra a iconoclastia. O resultado é a independencia do exarcado, logo de que unha forza imperial se perde nunha tormenta no Adriático e o resto das forzas son vencidas.

Liutprando aproveita os problemas imperiais para conquistar Bologna e outras cidades no val do Po, incluso Classis, porto de Ravenna, e saquea a Pentapolis.

os jázaros rexeitan a invasión musulmá de Maslama ibn Abd al-Malik en Mesopotamia; mais reforzado por tropas sirias, Maslama contraataca e toma Xeorxia, establecendo a fronteira norte no Cáucaso.

Gregorio II condea a iconoclastia, e Italia rompe co imperio, converténdose no gobernante temporal da maioría das posesións bizantinas.

inicio de ataques musulmás contra Sicilia.

sábado, 13 de xuño de 2015

725

Beda o Venerable
www.
Carlos Martelo inicia unha campaña contra Baviera: mata o duque Grimoaldo en batalla e o fillo deste, Hugbert, sométese á soberanía franca. Carlos captura a princesa axilolfinga Swanachild, que se converte nunha das súas concubinas.

Anbasa ibn Suhaym al-Kalbi, emir de al-Andalus, inicia unha campaña contra os francos. Apodérase de Carcassona e Nimes.

sublevación abásida no califato umayyad.

morre Wihtred de Kent, sucedido polos seus fillos Aethelberht II, Eadberht I, e Ealric.

verán: Anbasa penetra nos vales do Ródano e do Saona, arrasando Lugdunum e saqueando Autun.

os coptos rebélanse contra os musulmáns en Exipto a causa da jizya (impostos).

Eudes de Aquitania busca unha alianza con Munuza, gobernador de Sardeña, en rebelión contra os umayyad.

Liutprando pon Córsega, nominalmente bizantina, baixo a súa autoridade e deféndea contra os ataques musulmáns.

Ealdbert, príncipe de Wessex e sobriño de rei Ine, busca refuxio en Sussex, mais é vencido e morto.

Beda, monxe de Northumbria, escribe de temporum ratione, explicando como calcular a pascua medieval.

xoves, 11 de xuño de 2015

724

Mittelzell, Reichenau
www.fahrrad-tour.de
xaneiro, 26: morre Yazid II de tuberculose; sucedido por seu irmán Hisham ibn Abd al-Malik, que nomea a Khalid al-Qasri gobernador de Irak.

marzo, 3: Genshō, emperatriz, abdica en favor dun sobriño Shōmu (23 anos), fillo do antigo emperador Monmu, sendo o 45º emperador de Xapón.

Carlos Martelo dirixe unha terceira campaña contra os saxóns, que terminan aceptando a soberanía franca.

Ragenfrido rebélase pero é sometido, tendo que aceptar que os seus fillos sexan reféns se desexa conservar as súas terras en Anjou.

o khaganato turgesh vence os musulmáns no ‘día da sede’, preto de Khujan (moderno Tajikistán).

os musulmáns atacan Baleares, Sardeña, e Córsega; en mans bizantinas.

K'ak' Tiliw Chan Yopaat, ajaw de cidade maia de Quiriguá.

abril, 25: Pirmin, monxe godo, é nomeado abade de Mittelzell, na illa de Reichenau, que contribuíra a fundar.

inicio do reinado de Lalitâditya Muktâpȋda, rei de Cachemira.

segunda campaña de reconstrución da grande mesquita de Kairouan, ordenada por Hisham e supervisada polo gobernador Bichr ibn Safwan.

Nechton, líder picto, abdica e profesa nun mosteiro. Iníciase a guerra entre os seus sucesores.

723

ruínas da cidade maia de Tonina
lajoyahotelsancristobal.com
o islam herda do xudaísmo a prohibición de representar imaxes de animais ou persoas, o segundo mandamento transmitido por Yahveh a Moisés; unha medida contra o politeísmo israelita. Ao contrario que os cristiáns, os xudeus nunca deixaran de acatalo. Yazid II ordena, seguindo este mandato, a destrución das imaxes relixiosas das igrexas e enemístase coa poboación siria, tendo que sufocar unha importante revolta.

bávaros e alamanos rebélanse contra Carlos Martelo.

Dungal sucede a Selbach no reino de Dál Riata.

K’inich Ich’aak Chapat, soberano da cidade maia de Toniná.

Bonifacio tala un carballo sagrado (Donareiche) en Fritzlar, Hesse, iniciando así a ‘cristianización’ de zonas saxonas. Fai de Büraburg, un asentamento franco fortificado, a súa base relixiosa temporal.

Carlos Martel apresa a dous dos seus sobriños, Arnulfo e Pipino, fillos de Drogon de Champana, e permite que morran na cadea. O outro, Hugues, élle fiel e recibe a cambio bispados (Rouen, Paris, Bayeux, Avranches, Lisieux) e abadías (Jumièges e Fontenelle).

luns, 8 de xuño de 2015

722

Bonifacio tala o 'Donareiche'
Bernhard Rode, 1781
www.de.wikipedia.org
Carlos Martelo volve atacar os saxóns.

Radbod expulsa a Bonifacio de Frisia, que viaxa onde Gregorio II.

febreiro – marzo: os jázaros penetran en Armenia e derrotan tropas umayyad.

agosto, 21: al-Jarrah al-Hakami arrasa a capital jázara. O groso das tropas jázaras agóchase na estepa e al-Jarrah retrocede a Warthan, ao sur do Cáucaso.

novembro, 30: Bonifacio é consagrado bispo en Roma e regresa ao norte para proseguir a reorganización eclesiástica da zona. Traballa baixo a protección de Carlos Martel en Hesse e Turinxia.

o duque Luitfrido I de Alsacia conquista os territorios ao leste do Rhin.

Ine de Wessex tenta apoderarse de Dumnonia pero ten que retroceder. A raíña Aethelburg, muller de Ine, destrúe o castelo real para que non sexa tomado polos rebeldes comandados por Ealdbert.

batalla de Allen: en Hibernia entre os Laigin, dirixidos polo rei Murchad mac Brain Mut, e as forzas de Fergal mac Máele Dúin, rei maior de Hibernia.

batalla de Hehil: os saxóns do oeste son derrotados por un exército combinado de viquingos e britanos en Cornovii en Cornwall.

domingo, 7 de xuño de 2015

721

Theuderico IV
en.wikipedia.org
febrero, 13: morre Chilperico II en Attigny e Carlos Martelo atopa a un presunto fillo de Dagoberto III, que coloca no trono co nome Theuderico IV.

xuño, 9: al-Samh more no asedio de Tolosa en loita contra Eudes de Aquitania. É sucedido interinamente por Abd al-Rahman al-Ghafiqi, mais o wali de Ifriqiya nomea emir de al-Andalus a Anbasa.

as tropas de Abd al-Rahman retíranse a Narbo e o duque godo Amrus, da zona de Lleida, recoñece a soberanía umayyad.

China asina un tratado de paz cos turcos no que se compromete a pagar un pesado tributo.

os britanos de Cornwall derrotan forzas de Wessex onde o río Hehil.

Kormesij, khan búlgaro, en sucesión de Tervel, pai seu.

K’inich Ahkal Mo’ Nahb III, señor de Palenque.

Alduíno, arcebispo de Colonia.

a princesa Libuše e o seu home Přemysl, pais da dinastía Přemyslid, fundan a cidade de Praga.

Ine de Wessex derrota a Cynewulf, un parente, que desexaba acceder ao trono.

as intensas chuvias e tormentas na proximidade do porto sureño de Yangzhou destrúen máis de 1000 barcos no Gran Canal durante a dinastía Tang.

Bertrada, filla de Theuderico III, e o seu fillo Cariberto, conde de Laón, fundan a abadía de Prum.

xullo: edicto iconoclasta de Yazid II, prohibindo toda representación de criaturas nas disciplinas artísticas. O edicto afecta tanto a cristiáns como musulmáns baixo a súa xurisdicción.

León III decreta a conversión obrigada dos xudeus e monatistas no imperio bizantino.

venres, 5 de xuño de 2015

719

arrecaballo.es/ xinetes musulmáns contra francos
paz entre Carlos Martelo e Eudes de Aquitania, que domina todos os territorios ao sur e leste do Loira, a excepción de Turena. Eudes recoñece a soberanía de Carlos sobre Neustria e Austrasia e entrégalle a Chilperico II, que é feito prisioneiro.

marzo - abril: al-Samh, gobernador de Corduba e al-Andalus logo do asasinato de al-Hurr. Reconstrúe a vella ponte romana e os muros da cidade. Non presta atención aos 'rebeldes asturianos', emprendendo expedicións alén dos Pireneos, en Septimania. Conquista Narbo (Arbouna para os musulmáns), antes de atacar Tolosa, onde morren moitos defensores e civís.

maio: morre Clotario IV e Carlos Martel decide sacar da cadea a Chilperico II, facéndoo rei de todos os territorios francos. Inda así, moitos nobres francos non recoñecen a autoridade central e gobernan territorios independentes.

cae Lisboa en mans musulmás.

os cristiáns nubios pasan da obediencia ortodoxa á copta.

Anastasius II inicia unha revolta contra León III cun gran exército, incluíndo auxiliares búlgaros aportados por un pacto con Tervel, pero o seu ataque á capital fracasa, sendo capturado e decapitado por orde do basileus.

Carlos Martelo derrota a Radbod, rei frisio: penetra alén do Rhin, ata as marxes do río Vlie.

Grimoaldo é duque único de Baviera, logo das mortes dos irmáns Theodberto, Theodaldo, e Tassilo II; reunifica o ducado logo da guerra civil e fai de Salzburgo a súa capital.

en Exipto prodúcense conversión masivas ao islam coa consecuencia da diminución drástica de ingresos. O wail solicita ao califa que os musulmáns se sometan tamén ás cargas impositivas, pero este négase.