Amosando publicacións coa etiqueta Yangdi. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Yangdi. Amosar todas as publicacións

xoves, 9 de outubro de 2014

618

emperador Tang Gaozu
www.ibiblio.org
abril: Li Yuan instala en Changan unha administración máis severa. Yangdi é asasinado polo xeneral da súa garda persoal, Yuwen Huaiji. O novo emperador é Yang Hao, sobriño de Yangdi, pero en Luoyang é proclamado emperador Yang You, que abdica cando Li Yuan toma a cidade, cedéndolle as insignias imperiais.

os avaros cruzan de novo o Danubio.

Sisebuto prosegue as campañas contra Spania (o que queda) e Heraclio debe pactar novamente para conservar unha porción minúscula de territorio.

ante as dificultades Heraclio sopesa refuxiarse en Carthago, pero Serxio consegue facerlle cambiar de opinión.

os persas asedian Alexandría, defendida por Nicetas, curmán de Heraclio. Pero o porto é bloqueado e os subministracións de gran á capital son cortados.

Máximo Confesor fai progresos na vida monacal, e xa conta cun discípulo, Anastasios, compañeiro polo resto da súa vida.

xuño, 18: Yang Hao carece de poder, así que Li Yuan proclámase emperador de toda China co nome de Tang Gaozu, o primeiro da dinastía Tang.

Tang Gaozu gaña a lealdade dos rivais con mostras de clemencia; dispón doce exércitos rodeando a capital; reorganiza a administración dividindo o imperio en dez grandes rexións, cada unha baixo o mando de inspectores de administración, finanzas e xustiza; crea escolas estatais e establece un sistema de exames estatais, de modo que co tempo a aristocracia tradicional é substituída parcialmente por funcionarios profesionais.

agosto: en Constantinopla supresión da gratuidade do pan para os cidadáns, dentro dun plan de austeridade.

novembro, 8: morre Adeodatus I, que tentara reverter as políticas dos seus predecesores, consistentes en favorecer os monxes por riba dos cregos seculares.

Jonas chega a Bobbio, tres anos despois da morte de Columba. A súa haxiografía basearase en ‘testemuñas de xente que o coñeceu de cerca’. O mosteiro leva camiño de ser un centro de irradiación cultural de primeira categoría, cunha biblioteca cada vez maior. Jonas pronto ten unha posición relevante, como secretario dos abades. Primeiro de Attala, e logo de Bertulfo.

fundación de Kufa.

Tong Yabghu Qaghan, novo khagan dos turcos occidentais, funda o khaganato Khazar; mantén relacións estreitas coa dinastía Tang e casa na familia imperial.

Songtsan Gampo, primeiro emperador de Tibet, logo do envelenamento de seu pai, Namri Songtsen; proponse expandirse alén de Lhasa e o vale do Yarlung.

617

Italia lombarda - bizantina, 590-636
es.wikipedia.org
Li Yuan, logo de derrotar os turcos e o rebelde Li Mi, decide derrocar a Yangdi.

setembro, 8: batalla de Huoyi, onde as tropas rebeldes de Li Yuan derrotan as imperiais cerca do río Fen e capturan a capital Chang’an. Li, medio turco, gaña a adhesión de Shibi, khagan dos turcos orientais, que asegura a súa fronteira norte e proporciónalle 2000 cabalos.

inverno: Li Yuan degrada a Yangdi á condición de taishang huang (emperador retirado), mentres asume a autoridade sobre os distritos Sui baixo o título de ‘príncipe de Tang’.

menciónase o uso de muíños de vento en Persia.

abril, 17: ataque picto contra a misión de Donnan en Eigg (Hébridas), que morre xunto con 52 compañeiros.

a ‘fórmula de compromiso’ (‘en Cristo só hai unha enerxía’) é usada por Constantinopla para pactar cos inimigos de Chalcedonia (Armenia, Syria, e Exipto) porque Heraclio necesita un amplo consenso contra os persas.

Justus, bispo de Rochester, é exiliado polo rei Eadbald.

Sexrede e Saeward morren loitando contra Wessex. Reina Sigeberht en solitario.

Shahin Vahmanzadegan conquista Chalcedonia e ameaza a propia Constantinopla. Heraclio comeza negociacións de paz coa promesa dun tributo anual de mil talentos de ouro e prata. Shahin retírase a Syria para centrarse na conquista de Exipto.

xuño, 5: os avaros envían embaixadores a Constantinopla. Heraclio é avisado dunha emboscada e foxe a refuxiarse tras os muros da cidade. Os avaros saquean Thracia e volven ao Danubio con 270000 prisioneiros.

Grasulfo II, duque de Friuli, logo do asasinato dos seus sobriños Tasso e Kakko en Oderzo.

Edwin de Northumbria invade e anexa o pequeno reino britano de Elmet.

o clan Banu Hashim, ao que pertence Muhammad, é boicoteado polos cidadáns de a Meca. Refúxiase onde seu tío Abu Talib. Morre un discípulo, Yasir, o primeiro mártir do Islam.

batalla de Bu’ath: comeza unha guerra civil en Medina e os árabes derrotan á tribo xudía de Banu Qurayza, cerca do oasis da cidade.

os persas desembarcan en Chipre.

616

representación de Adaloaldo, con súa nai
Teodelinda
commons.wikipedia.org
Isanavarman, rei de Chen-la, conquista e asimila Fu-nan; a potencia económica da zona pasa a ser Shampa.

Sisebuto conquista Septem, derrota os bizantinos e obrígaos a asinar unha tratado que restrinxe as posesións romanas ao Algarve. Heraclio pon como condición a expulsión dos xudeus de Hispania. Sen embargo, Sisebuto, da a opción de bautizarse no prazo dun ano baixo penas de exilio e confiscación dos seus bens. 90000 convértense e moitos outros refúxianse en Gallia.

Isidoro de Sevilla censura a medida de Sisebuto contra os xudeus porque "vai contra a liberdade duns súbditos".

morre Axilulfo e sucédelle Adaloado (14 anos), baixo a rexencia de Teodelinda e o xeneral Sundrarito.

Yangdi, escarmentado, traslada a capital máis ao sur, o que aumenta a súa impopularidade entre un importante sector da corte. A recente unificación de China non está consolidada: o norte ten a supremacía política e militar, pero o sur ten a superioridade cultural, e considera os ‘Sui’ uns bárbaros.

no norte estalla una revolta dirixida por Li Mi.

Cadfan ap Iago sucede a seu pai Iago ap Beli como rei de Gwynedd.

morre Aethelberht de Kent. Publicara un código legal que establecía un sistema de multas por cada delito cometido; e que substituía o código de honor e vinganza. Aethelberht tiña influencia sobre os seus veciños e a súa ausencia xera unha espiral de violencia.

febreiro: Eadbald sucede a Aethelberht, seu pai, como rei de Kent; é pagán e casa coa súa madrastra, Emma, seguindo o costume pagán; Laurentius de Canterbury fai por bautizalo de novo.

batalla do río Idle: Aethelfrith de Northumbria decide marchar cara o sur cunha pequena forza para apoderarse de algúns territorios de East Anglia, pero Raedwald ten todo o seu exército reunido para invadir Northumbria. Aethelfrith dase conta tarde da superioridade numérica do inimigo pero entra igualmente en combate, sendo derrotado e morto. Raedwald corona a Edwin rei de Northumbria.

os fillos de Aethelfrith corren sorte dispar: Eanfrith (26) foxe onde a familia de súa nai, e Gododdin intérnase en territorio picto. Oswald (12), Oswiu (4) e outros escapan á corte de Eochaid Buide de Dál Riata, onde son bautizados polos monxes de Iona.

morre Saeberht, primeiro rei cristián de Essex, e os seus fillos Sexred, Saeward e Sigeberht sucédeno e reinan xuntos. Volven ao paganismo.

Mellitus, bispo de Londinium, é exilado por Sexred a Gallia.

batalla de Chester, que ocasiona a separación definitiva da poboación britana en Gales e Cumbria.

os xudeus de Xerusalem toman o control da cidade e o templo é reconstruído por Nehemiah ben Hushiel (exilarca de Xerusalem), que establece un alto sacerdocio. Gran parte de Xudea e Galilea constitúen unha provincia autónoma dentro do imperio persa.

Shahin Vahmanzadegan destrúe Sardis, incluída a sinagoga; a súa importancia débese a unha vía que leva desde o interior á costa do Exeo. Shahin atravesa Anatolia, derrotando os bizantinos en numerosas ocasións.

615

Pakal de Palenque
granmisterio.org
morre Columba (as súas discrepancias coa xerarquía romana non diminúen o seu prestixio e influencia).

o poder da aristocracia sobre os reis francos é cada vez maior. Clotario II nomea mordomo a Pipino de Landen, que obtén un decreto do rei polo que o seu cargo se fai hereditario.

os exércitos chineses son derrotados en Corea.

mentres realizaba unha inspección á muralla chinesa, Yangdi resulta bloqueado polos turcos en Yenmin. É rescatado polo xeneral Li Shimin.

para tentar superar a crise, Heraclio prepara unha reorganización total do imperio divide o territorio en temas (termo militar grego) seguindo o modelo empregado para o exarcado de Ravenna, que funciona relativamente ben contra a presión lombarda, e no que todas as decisións as toma un gobernador militar.

concédense terras e granxas ás familias coa condición de formar militarmente ou entregar fillos ao exército; preténdese unha poboación de labregos–soldados. Cos fondos aportados por Serxio, Heraclio constrúe unha flota.

Heraclio obriga a Priscus a profesar nun convento, por temor a que tentara dar un golpe de estado aproveitando o descontento xerado pola crecente inestabilidade.

os eslavos entran en gran número nos Balcáns e aséntanse nos territorios das actuais Bulgaria, Serbia, Macedonia e partes de Grecia; destrúen Justiniana Prima e conquistan Naissus e Serdica.

os avaros atacan e aséntanse en Bosnia, Croacia e Dalmacia.

os eslavos baixo Chatzon atacan en embarcacións lixeiras as costas de Thessalia, o oeste de Anatolia e varias illas gregas. Asedian Thessalonica nun ataque por mar e por terra, acampando coas súas familias diante dos muros da cidade.

Epidaurus (en Dalmacia) é destruída por avaros e eslavos e os refuxiados foxen cara a illa de Laus, onde fundan Dubrovnik (Ragusa). As illas Rab, Krk e Cres constitúense en enormes celeiros para a poboación de terra firme.

Xoán Lemigius, exarca de Ravenna, é asasinado nunha revolta xunto con outros maxistrados.

masacre de Bangor: Aethelfrith, coa conquista de Powys, chega á punta leste de Britannia e masacra 1200 monxes cristiáns no mosteiro de Bangor.

Edwin de Deira refúxiase en East Anglia, e casa con Cwenburga, filla de Cearl de Mercia.

maio, 25: morre Bonifacio IV.

xullo, 29: a raíña Sak K’uk’ é sucedida polo seu fillo Pacal (12 anos) como soberano da cidade maia de Palenque, Mexico. Comeza un programa de construcións na capital que producirá algúns dos maiores fitos arquitectónicos da civilización maia.

setembro: os hashemitas, clan de Muhammad, son sometidos a un severo bloqueo comercial.

outubro, 19: Adeodatus I, elixido bispo de Roma.

Eleutherius, novo exarca de Ravenna, persegue os implicados no asasinato do seu antecesor. Logo de facer unha visita de cortesía ao Adeodatus I en Roma, conquista Neapolis e mata o líder rebelde Xoán de Conza.

Muhammad e os seus seguidores (denomínanse musulmáns) comezan a emigrar ao imperio aksumita, onde fundan unha pequena colonia baixo a protección dos emperador etíope cristián Ashama ibn Abjar.

os persas chegan a Chalcedonia e ameazan Constantinopla.

Sisebuto toma Málaga aos bizantinos.

reconstrución de Cremona, capital dun ducado lombardo.

sábado, 27 de setembro de 2014

614

Die Nibelungen (1924)
silentlondon.co.uk
marzo, 31: Spalato, palacio construído por Dioclecio, resulta danado polos avaros, que saquean Salona, nas súas proximidades. A poboación foxe ao palacio, que pode resistir.

Yangdi volve atacar Corea.

Shahrbaraz, ao mando de 26000 homes, conquista Xerusalem logo dun asedio de 20 días. Morren entre 57000 e 66500 persoas e outras 35000 son feitas escravos, entre elas o patriarca Zacharias. Moitas igrexas, incluíndo a do ‘santo sepulcro’ son incendiadas e numerosas reliquias (a ‘vera cruz’, a ‘lanza sagrada’, …) son levadas a Ctesiphonte.

case toda Anatolia está en mans do exército persa, que alcanza a ver Constantinopla desde a ribeira leste do Bósforo. Entre as causas deste avance tan fulminante está o credo monofisita da poboación, ao contrario do credo católico dos emperadores. Os persas son tolerantes con monofisitas e nestorianos.

coas súas prédicas en a Meca, Muhammad logra un círculo de adeptos fieis. Logo duns inicios complicados que o obrigan a refuxiarse no territorio de seu tío Abu Talib xunto coa súa muller, Zayd (fillo adoptivo), Alí (curmán) e Abu Bakr (parente). Ten unha vida precaria pero converte a al-Arqam, dunha das familias máis ricas e influíntes de a Meca, ata o momento un dos seus maiores inimigos.

os persas destrúen o reino árabe ghassanida, vasalo dos bizantinos.

concilio provincial de Egara (Terrasa), onde Eusebio de Tarraco aparece como primeiro asinante: “eusebius (sub)scripsi”

(entre … e 620) durísima carta de Sisebuto a Eusebio na que o reprende pola súa afección aos ludi theatrali, inclinación impropia dun home de igrexa e que lle leva a descoidar os seus deberes (por exemplo, nomeamento dun novo bispo para Barcino). coma consecuencia, o rei ordénalle abandonar a sé en mans do portador da carta antes da celebración da pascua seguinte.

outubro, 10: Clotario II reúne os nobres en asemblea e os cregos en concilio en París.

outubro, 18: Clotario II promulga o edito de París (edictum chlotacharii), unha especie de ‘carta magna’ franca que defende os dereitos dos nobres francos e a igrexa, e regula o nomeamento de condes (recadación de impostos e reunión de continxentes armados, entre outras cuestións) e exclúe os xudeus de todo emprego civil no reino franco.

Arnulfo de Metz e Pipino de Landen xogan un papel fundamental para a consolidación de Clotario II como rei de todos os francos.

a guerra civil deixa graves consecuencias: cerran escolas (excepto as dos mosteiros) polo que na práctica toda a poboación laica é analfabeta, as vías romanas están intransitables, as conducións de auga derruídas, e a falta de auga e alimentos favorece as enfermidades e o comercio de longa distancia tende a diminuír.

as guerras atopan eco na tradición popular coa escritura dunha lenda moito máis tarde: a canción dos Nibelungos (a historia de Sigfrido, (alias Sixeberto I) que se namora de Crimilda, (alias Fredegunda) irmá de Gunther (alias Gontrán), rei dos burgundios. Gunther infórmalle de que só lle concederá a man de súa irmá se lle axuda a conquistar a Brunilda (alias Brunequilda), que é unha valquiria e raíña virxe de Islandia. Sigfrido axuda a Gunther e derrota tres veces a Brunilda, casa con Crimilda, pero debe inda someter a Brunilda, pois, inda que casou con Gunther, négase a "cumprir co deber de cónxuxe". Finalmente consígueo cun artificio máxico. Pouco despois estala unha contenda entre Crimilda e Brunilda. Hagen, vasalo de Brunilda, logra matar a Sigfrido, e Crimilda, para vingar a súa morte, acepta casar co rei dos hunos Etzel (alias Atila). Logo logra atraer a Gunther e os seus guerreiros ao país de Etzel, onde son atacados polos hunos co apoio de Dietrich (alias Teodorico).

batalla de Bampton: Cynegils de Wessex e o seu fillo Cwichelm derrotan os britanos en Dumnonia, que usan a vía romana desde Exeter a Dorchester en dirección leste e son interceptados polos saxón do oeste que avanzan cara o sur.

outubro, 24: a ‘santa lanza’ chega a Constantinopla, devolta polos persas.

epidemia de peste en Syria.

613

Bobbio visto desde o banco dereito do Trebbia
bangortobobbio.blogspot.com
xaneiro, 22: Constantino (8 meses) é asociado ao trono por Heraclio, seu pai, e pouco despois é prometido a súa curmá Gregoria, filla de Nicetas. Son xestos que queren representar a consolidación dunha nova dinastía no trono imperial.

Heraclio noméase comandante supremo do exército bizantino xunto con seu irmán Theodoro (curopalates) para consolidar o mando do exército.

Shahrbaraz toma Damasco e Emesa.

Aethelfrith, rei de Northumbria, invade Gwynedd (NO de Gales) para quebrar o poder de Edwin de Deira. Unha forza combinada de britanos (guerreiros de Gwynedd, Powys, Pengwern e Dumnonian) son derrotados nas proximidades de Chester. Edwin refúxiase en East Anglia, na corte de Raedwald.

Heraclio casa con Martina, sobriña súa. O casamento ten que ser autorizado pola xerarquía eclesiástica, ao estar dentro dos ‘graos prohibidos de consanguinidade’.

primavera: batalla de Antioquía: Heraclio mobiliza unha forza expedicionaria ata a cidade pero é completamente derrotado polos persas. Shahin Vahmanzadegan penetra inda máis no centro e oeste de Anatolia.

segundo Isidoro, Sisebuto encomenda unha campaña militar contra os astures ao seu xeneral Requila, que os somete.

xullo, 24: Axilulfo asina unha disposición autorizando a fundación de Bobbio por Columba en territorio lombardo.

morre Theuderico II de disentería en Metz mentres prepara unha campaña contra Clotario II, e deixa catro fillos menores de idade. Brunequilda pretende ser rexente do maior, Sixeberto II, ilexítimo (10 anos).

primavera/ verán: Clotario II, aconsellado por Pipino de Landen e Arnulfo de Metz ataca os territorios de Brunequilda, reina de Austrasia e Burgundia. O exército de Austrasia, baixo o mordomo Warnachar II, decide pasarse ao lado de Clotario II antes de plantar batalla en Andernach.

Clotario II avanza, apresa a Brunequilda e os catro fillos de Theuderico II. Warnachar II é confirmado no seu cargo de mordomo.

outono: os fillos de Theuderico corren destinos distintos: Sixeberto II e Corbus son asasinados; Meroveo sálvase por ser afillado de Clotario e é enviado a Neustria en segredo; e Childeberto escapa sen que se saiba quen é. Clotario II acusa a Brunequilda (70 anos) de ter asasinado ata dez reis francos. Ordena atala a un cabalo e deixa que morra arrastrada polo animal.

Clotario II, rei de todos os francos.

Brunequilda é vítima dunha masiva damnatio memoriae dirixida contra ela por Clotario II. Luxeuil é un dos epicentros desta damnatio, xa que Theuderico II expulsara de alí a Columba e logo este negárase a bendicir os seus bastardos cando llo pide Brunequilda. Ademais, Clotario apoia deliberadamente o mosteiro.

Muhammad comeza a súa prédica pública en a Meca.

Yangdi cruza o río Liao e asedia Manchuria. Durante a campaña, Yang Xuangan, oficial da dinastía Sui, rebélase cerca de Luoyang; temendo ser atrapado entres dúas frontes, Yangdi retira o seu exército.

os eslavos conquistan Novae, importante posesión bizantina nos Balcáns.

venres, 26 de setembro de 2014

612

Sisebuto
febreiro, 19 (entre ... e marzo, 15): morre Gundemaro, sucedido por Sisebuto, unha persoa con certo interese pola cultura (escribe Vida de san Desiderio e Astronomico: sesenta hexámetros dedicados á influencia dos astros sobre as persoas).

Harsa, rei de Thaneshwar, unifica varios reinos do N de India, formando un estado poderoso no que florecen a cultura e a tolerancia relixiosa; atribúenselle tres obras de teatro en sánscrito.

Theuderico II, logo de asegurarse a neutralidade de Clotario II coa promesa de cederlle o ducado de Dentelin, reúne un exército en Langres e avanza cara Toul contra seu irmán Teodeberto II de Austrasia.

primavera: Priscus recupera Cesarea de Capadocia dos persas.

xuño: Teodeberto II é derrotado na batalla de Toul e refúxiase, primeiro en Metz e logo en Colonia, ata onde é perseguido por Theuderico. Teodeberto consegue reunir un novo exército composto por alamanos, turinxios e saxóns.

xullo: nova derrota de Teodeberto II na batalla de Zulpich; ten que fuxir alén do Rhenus mentres Theuderico II entra en Colonia.

Teodeberto II é apresado polo chambelán Berthairo, trasladado a Colonia e desprovisto dos símbolos reais, sendo encerrado nun convento en Chalón por Brunequilda, onde morre pouco despois de xeito violento. Meroveo, fillo de Teodeberto II, inda un bebé, é esmagado contra unha pedra. Theuderico II, rei de Austrasia e Burgundia.

agosto, 13: Eudocia, emperatriz, morre de epilepsia. Deixa dous nenos e é soterrada nos ‘Santos Apóstolos’.

outubro, 19: inicio do reino de Muwaan Mat, en Palenque; sucede a Aien Yohl Mat (morto agosto, 6).

outono: a doutrina celta de Columba difería da romana nalgúns aspectos: unha asemblea de bispos condénao e decide cruzar os Alpes, chamado por Axilulfo. Gallus, enfermo, non pode seguilo e permanece nos Alpes, onde constrúe unha cela e un hospicio en Steinachtal, futuro mosteiro de St. Gall.

a publicación do ‘manifesto do corán’ provoca unha controversia teolóxica entre monofisitas, nestorianos e ortodoxos, o que contribúe ao éxito do islam.

decembro, 5: Priscus é relevado por Philippicus.

peste en Alexandría.

Leudegasius, bispo de Mogontiacum.

avaros e eslavos reinician as súas incursións nos Balcáns. Os bizantinos, acosados moi seriamente no leste polos persas, son totalmente incapaces de detelos.

Yangdi invade Goguryeo cos chamados ’24 exércitos’ pero na batalla de Salsu unha forza chinesa de 305.000 homes é derrotada polo xeneral Eulji Mundeok onde o río Yalu. Só sobreviven 2700 homes. 

Arnulfo, conselleiro de Teodeberto II, bispo de Metz.

611

www.asienreisender.de
maio: o exército persa baixo Shahrbaraz conquista Apamea, Antioquía e a maioría das restantes fortalezas bizantinas en Syria e Mesopotamia. Os bizantinos son incapaces de ofrecer unha oposición consistente.

Teodeberto II casa con Teudechilda.

Yangdi contén un levantamento popular dirixido por Wang Pu, que protesta polas duras condicións de traballo nas obras imperiais.

os avaros entran en territorios francos e son combatidos por Teodeberto II.

Cynegils, sucede a Ceolwulf, tío seu, como rei de Wessex.

complétase a ‘pagoda das catro portas’ na provincia Shandong, no leste de China.

vitoria de varias tribos árabes contra os persas na batalla de Dhou Qar, entre Basora e Kufa.

inicio do reinado de Icanavarman, rei de Zhen-la (capital en Isanapura), que se converte na forza hexemónica da rexión (actual Cambodja). 

martes, 23 de setembro de 2014

609

gran canal baixo as dinastías Sui & Tang
en.wikipedia.org
Teodeberto II nomea a Berohartus dux alamannorum.

maio, 13: o ‘Panteón’ de Agripa transfórmase en igrexa (consagrada a María e tódolos mártires, logo coñecida como ‘María Rotonda’) con cambios estruturais mínimos: un altar na ábsida principal presidido por unha icona da ‘virxe co neno’.

os persas conquistan Edessa.

Teodeberto II de Austrasia arrasa Alsacia, territorio central de seu irmán e rival Theuderico II. Convócase unha asemblea xeral en Slez, que debe fixar os límites territoriais de ambos reinos. Theuderico II acorda ceder Alsacia, xunto con Thurgau e parte de Champaña.

batalla de Dhi Qar: tribos árabes baixo Bark ibn Wa’il derrotan un exército persa cerca de Kufa.

Yangdi conclúe o ‘gran canal’, que proporciona transporte por barco entre os ríos Amarelo e Yangtze: a rede fluvial suma 1776 kms en total, vinculando cinco sistemas fluviais, e vai desde Pekín ata Hangzhou.

o censo fiscal da dinastía Sui en China recolle 9 millóns de fogares no imperio chinés, cunha poboación de aproximadamente 50 millóns de persoas.

Shibi Khan, noveno khagan do estado turco oriental.

608

beowulfmedieval.wordpress.com
Cosroes II asedia Antioquía e en Constantinopla a poboación está aterrada. Phocas demostra ser un inepto e reacciona de xeito violento ante calquera problema; isto faino impopular pero dispón da garda de palacio, coa que somete a cidade a un réxime de terror que mantén á raia os cidadáns.

Heraclio o Vello, exarca de Africa, e o seu fillo, tamén Heraclio, rebélanse contra Phocas. Proclámanse cónsules, e reclaman a púrpura. Acuñan moeda cos dous levando a coroa consular. Syria e Palaestina Prima tamén se rebelan.

verán: Heraclio o Vello, a petición de Crispos, xenro de Phocas, envía un exército a Exipto ao mando do seu sobriño Nicetas, que entra en Alexandría e controla gran parte do Baixo Exipto. Reteñen tamén a flota annonaria que debía transportar o gran a Constantinopla. Bonosus, enviado por Phocas, non logra volver a controlar a provincia.

loitas civís en Syria con partidarios e opositores aos edictos de Phocas contra o monofisismo.

Cosroes II invade Armenia e penetra en Anatolia atravesando Cappadocia, Phrygia, Galatia e Bithynia.

agosto, 1: en Roma dedícaselle unha columna corintia de 44 pés de altura (13,6 mts.) a Phocas por orden do exarca.

setembro, 25: Bonifacio IV, novo bispo de Roma logo de case outro ano de ‘sé vacante’.

Phocas cede o uso do Panteón, no campo de Marte, a Bonifacio IV.

Yangdi continúa a campaña de obra pública emprendida por seu pai, e manda abrir un gran canal que una Luoyang e Pekin (‘gran canal de Hebei’); tentara diminuír o número de traballadores forzados, pero as necesidades das obras obrígano a rectificar e son recrutados grandes continxentes de traballadores, dos que a metade morre no traballo; por exemplo, un millón de persoas participan na construción do ‘gran canal’.

Yangdi ve recoñecida á súa autoridade por parte dos oasis na conca do Tarim, o que lle abre as portas ao comercio con Persia e India

unha expedición chinesa destrúe a capital do reino de Shampa. Tamén se inicia outra expedición a Taiwan.

Eochaid Buide sucede a seu pai Áedán mac Gabráin como rei de Dál Riata.

a igrexa de Xeorxia volve á ortodoxia de Chalcedonia.

Halloween mencionado por primeira vez como ‘festividade’ cristián.

c., posible data de composición de Beowulf.

martes, 16 de setembro de 2014

607

manuscrito Wandalgarius
ano 793
www.pankraz-fried.de
Ceolwulf de Wessex ataca Sussex.

febreiro, 19: Bonifacio III, logo de case un ano de ‘sé vacante’, novo bispo de Roma.

marzo, 15: é visible o cometa Halley.

Brunequilda fai que mutilen un pé de Uncelenus, duque alamano, o que segundo a lex alamannorum non lle permite ostentar ningún cargo ao non poder montar a cabalo sen axuda.

agosto, 1: Suiko, a iniciativa de Shōtoku, envía unha embaixada a China encabezada por Ono no Imoko: o inicio dunha longa tradición de intercambios políticos, culturais e relixiosas entre os dous estados. Ono leva o encargo de pagar tributo a Yangdi e leva unha carta do rexente que comeza “O Fillo do Ceo onde nace o sol, ao Fillo do Ceo onde se pon.” Isto irrita o emperador chinés que non ve recoñecida a súa superioridade na carta.

Suiko e Shōtoku contemplan terminado o templo ‘Hōryū-ji’ en Ikaruga, o máis antigo dos construídos con madeira conservado. Tamén doan unha estatua de Buda, co que cumpren o desexo do emperador Yōmei, pai de Shōtoku.

os godos, Austrasia, Neustria, e os lombardos forman unha alianza contra Theuderico II de Burgundia, cuxa avoa e irmán asasinaran a súa muller, Ermenberga, filla de Witerico, rei godo. Prodúcense combates no entorno de Narbonna.

o xeneral chinés Gao Jiong ofende o emperador Yangdi con comentarios críticos sobre certas políticas imperiais; é executado e os seus fillos exiliados a provincias de fronteira no norte.

Phocas concede o título de ‘bispo universal’ a Bonifacio III, nun intento de mellorar relacións con Roma.

outubro, 11: Tomas I, patriarca de Constantinopla.

un exército persa baixo Shahin Vahmanzadegan invade a Armenia bizantina, captura Teodiosopolis. Outro baixo Schahrbaraz somete Mesopotamia.

novembro, 12: morre Bonifacio III.

luns, 15 de setembro de 2014

605

ponte Zhaozhou
www.futuropasado.com
xaneiro, 1: Ajen Yohl Mat, sucesor de Yohl Ik’nal (morto dous meses antes), no trono de Palenque.

o mordomo de Burgundia Protadius e Brunequilda inflúen para que Theuderico II declare a guerra a seu irmán Teodeberto II. Os exércitos de Theuderico II congréganse en Quierzy, pero os nobres dirixidos polo duque alamano Uncelenus néganse a combater, asasinan o mordomo e forzan unha paz entre os irmáns.

Phocas recoñece a Axilulfo e asina un tratado de paz: paga un tributo e cede varias cidades, entre elas Orvieto.

xuño, 7: Phocas arresta a Constantina, viúva de Mauricio, e as tres fillas; acusadas de conspiración e executadas en Chalcedonia. A conxura quería colocar no trono a Germanus, tamén depurado, xunto con moitos altos funcionarios implicados.

un conflito entre os lahkmidas e Cosroes II fai que a fronteira persa con Arabia quede desmantelada e desprotexida.

os iugures volven independizarse dos turcos co liderado de Shigan-Sygin.

Yangdi ordena trasladar a capital desde Chang’an a Luoyang. Comeza a construción do ‘gran canal’ que unirá as vías fluviais existentes coa nova capital; empregará un millón de traballadores.

Yangdi introduce o sistema de ‘oposicións’ para elixir os mellores funcionarios estatais.

remátase a ponte Zhaozhou, (tamén Anji), aponte de pedra construída con arco segmentario máis antiga de China; sobre o río Xiao (provincia de Hopei) e coa traza de Li Chun. Quizás a ‘ponte de Traxano’ incluía este sistema construtivo.

Amshuvarma, rei de Licchavi, en Nepal. Atribúeselle a apertura de rutas comerciais cara Tibet. O seu período é coñecido como o ‘período dourado’.

604

Shōtoku Taisi
flanqueado por Eguri (irmán)
e Yamashiro (primoxénito)
en.wikipedia.org
marzo: morre Gregorio I, o primeiro bispo de Roma enérxico desde Xelasio I. Os  beneditinos aumentan o seu poder fronte os bispos. Non é un gran teólogo pero inflúe na doutrina en anos posteriores: anxos e demos, purgatorio, penitencia, milagres, reliquias, …; regula o canto nos mosteiros (‘canto gregoriano’, inda que non se refire ao desta época, chamado realmente ‘romano antigo’, que caeu en desuso no s. XIV mentres o ‘canto gregoriano’ aparece realmente un século despois de Gregorio I.

Gregorio I reorganiza a administración eclesiástica partindo de que a Igrexa é a maior forza económica de Italia: pode recrutar tropas, restaurar os acuedutos da cidade e repartir comida entre a poboación de Roma, co que se converte no verdadeiro xefe da cidade, inda recoñecendo a autoridade teórica do exarca.

os xuízos sobre el son diversos – Jortin: ‘destacable por moitas cousas – por exaltar a súa autoridade, desprezar a cultura humanística e a literatura, queimar obras clásicas, protexer a ignorancia e a estupidez, perseguir herexes, bailarlle a auga a príncipes execrables, relatar unha manchea de mentiras absurdas, monstruosas e ridículas (os milagres); un prelado ambicioso e insolente baixo a máscara da humildade’; Draper: non só prohibe o estudo dos clásicos, mutila estatuas e destrúe templos, senón que ‘queimou a biblioteca Palatina, fundada por Augustus’; Gibbon: ‘mestura de simplicidade e astucia, de orgullo e humildade, sentido común e superstición’, dubida que fora responsable deste feito.

Gregorio non parece ter sido afeccionado ao viño e as mulleres, como outros papas pero era moi orgulloso e ambicioso. Exemplo son as felicitacións a Phocas, logo de que este masacrara a familia de Mauricio, simplemente porque o usurpador beneficiaba a súa política. Isto demostra a súa falta de escrúpulos.

abril, 7: o príncipe Shōtoku Taisi, rexente, promulga a "constitución dos dezasete artigos", que vincula o budismo coa ética confucianista, e demanda harmonía nas relacións humanas; tamén manda construír numerosos templos budistas e favorece a chegada de numerosos libros e ideas de China. O rexente tamén constrúe vías de comunicación postais e fai que se escriban importantes crónicas.

Xapón inicia un proceso de transformación nunha monarquía de vasalaxe: creación do título de tennō.

maio, 26: morre Agostiño de Canterbury e Laurencio sucédeo como arcebispo de Canterbury.

os avaros reagrúpanse logo de ser case destruídos e a guerra persa fai que Phocas poida destinar poucas tropas a conter o problema nos Balcáns.

agosto, 13: Sui Yangdi asasina e sucede a Sui Wendi, seu pai, (63 anos) como emperador.

Cosroes II logra tomar posicións bizantinas ao leste do Éufrates e destruír, entre outras, a fortaleza de Dara.

Aethelfirth de Northumbria invade Deira e mata a Aethelric. O príncipe, fillo do rei Aella de Deira, quizás sobriño de Aethelric, foxe á corte do rei Iago de Gwynedd (NO de Gales).

Saeberht, sucesor de Sledda, pai seu, como rei de Essex. Aethelberht de Kent, tío seu, logra que se bautice. Fúndanse os bispados de Londres (o primeiro bispo é Mellitus) e Rochester (Justus, primeiro bispo).

setembro, 13: Sabinianus, novo bispo de Roma, recoñecido por Phocas. Caracterízao a avaricia e a crueldade cos pobres, tanto que ten problemas nas súas aparicións públicas. Chega a subir os presos do gran durante unha fame. Acusa a Gregorio I, logo de morto, de simonía.

novembro, 11: o ‘mordomo’ de Neustria Landerico vence as tropas do ‘mordomo’ de Burgundia Bertoaldo en Aurelianum (Orleáns). Austrasia, baixo Theuderico II mantense á marxe do conflito, o que constitúe a primeira disensión con seu irmán Teodeberto II.

Theuderico II asina unha paz con Clotario II en Compiegne.

decembro, 24: na batalla de Stampae (cerca de París) o exército de Theuderico II, coa axuda de Bertoaldo, vence ao de Neustria baixo Clotario II e logra entrar en París.


decembro, 25: Brunequilda argalla a morte do mordomo Bertoaldo para o que convence a Theuderico de que o mande a inspeccionar as villae reais ao longo do Sena. Logo fai que tamén arresten e maten ao encargado de matar o mordomo.