Amosando publicacións coa etiqueta Radegunda. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Radegunda. Amosar todas as publicacións

venres, 8 de agosto de 2014

569

Chilperico I e Fredegunda
por Jean de Tillet
it.wikipedia.org
xaneiro, 1: concilio en Lucus contra o arianismo, sendo bispo Nitixio.

outubro, 3: os lombardos entran en Mediolanum. Moitas cidades réndense sen ofrecer resistencia. Ticinum resiste. Alboino establécese en Verona.

os lombardos van baixando cara Tuscia e na Emilia. Os bizantinos seguen fortalecendo as súas posicións en torno a Ravenna.

novembro, 19: cántase o himno vexilla regis en Poitiers por primeira vez con motivo do traslado dunha reliquia da cruz ao mosteiro da ‘santa cruz’. O mosteiro fora fundado por Radegunda e as reliquias enviadas polos propios emperadores de Constantinopla, Xustino II e Sofía.

o reino nubio de Alodia faise cristián monofisita por influencia de misioneiros bizantinos (Xoán de Éfeso). Makuria faise tamén cristián, pero melquita, por influencia de misioneiros coptos.

o reino Garamantian (Lybia) asina un tratado de paz con Constantinopla. A capital, Garama, cristianízase.

al-Munhir III sucede a seu pai al-Harith V como rei dos ghassanidas.

Xoán de Éfeso completa a súa biografías de santos orientais.

Sixeberto I e Gontran sitian Arelate, en mans godas.

o príncipe bereber Garmul rebélase contra os bizantinos en Mauretania e derrótaos. Repetirá en 570 e 571, antes de ser derrotado e morto polo patricio Gennadius.

os lombardos atacan tamén Provenza. O patricio Amatus é derrotado e morto pero son rexeitados polos francos. Esta situación provoca acercamentos entre francos e bizantinos.

martes, 5 de agosto de 2014

565

solidus coa efixie de Xustino II
de.wikipedia.org
xaneiro, 22: Eutychius é deposto como patriarca de Constantinopla ao rexeitar os criterios doutrinais de Xustiniano I.

abril, 12: Iohannes III Scholastikos é o novo patriarca de Constantinopla.

morre Belisarius.

Bayan, khan dos avaros.

maio, 2: Ahkal Mo’ Nahb II, soberano de Palenque, en sucesión de K’an Joy Chitam I (morto o 6 de febreiro).

novembro, 11: morre Xustiniano I, “o emperador que nunca dorme”. Dedicou toda a vida ao goberno e abstívose de toda clase de praceres. Non tivo fillos nin deixou designado sucesor. Ten sete sobriños pero so un está na capital cando morre o emperador; faise coroar polos gardas de palacio e corre ao Hipódromo a ser aclamado polo pobo, co nome de Xustino II, alcumado Curopalate; está casado con Sofía, sobriña de Teodora.

Gao Wei sucede a seu pai Wu Cheng Di como emperador Qi do norte.

os uigures son derrotados polos turcos, que se expanden por Asia central.

Agathias comeza unha crónica; relatando a partir de onde rematou Procopio.

a peste rebrota en Italia, onde Narsés goberna con man dura. Xustiniano non parara de recibir queixas sobre el pero sempre declinou actuar. Xustino quere asegurarse a lealdade de Italia cambiando a situación e destitúe o home de confianza de seu tío. Faino de xeito brutal, enviándolle unha mensaxe na que o insta a deixar a guerra en mans de homes e a que se una ás mulleres de palacio, limitándose a tecer, en alusión á súa condición de eunuco. Finalmente Narsés retírase cunha pensión a unhas propiedades en Neapolis, sen volver a Constantinopla.

Vaefar, líder alamano.

Carentinus, bispo de Colonia.

Columba de Iona visita as Orkneys.

Venancio Fortunato emprende unha peregrinación desde Italia cara a tumba de Martiño de Tours e fai altos no palacio de Sixeberto I e onde Sidonius, bispo de Mogontiacum; será futuro acompañante de Radegunda.

sábado, 5 de xullo de 2014

536

moeda de Witixis
usna.edu
coñecido como ano despois do consulado de Belisarius.

marzo, 13: durante a súa estancia en Constantinopla, Agapito I logra que Anthimus I, monofisita, sexa deposto e substituído por Mennas.

continúan as catástrofes relacionadas co cambio climático: segundo os anais gaélicos de Hibernia prodúcese unha perditio panis (escaseza de pan); en China neva en xullo e agosto; en Eurasia rexístrase unha ‘néboa densa e seca’ (probablemente a nube de po nos estratos superiores da atmosfera); en Perú comeza unha seca que durará varios anos e afectará fondamente a ‘cultura moche’; en Persia sofren unha seca moi severa.

Theohadad cede Provenza e as zonas alamanas baixo control godo aos francos para que o apoien contra os imperiais. Estas zonas intégranse en Neustria. Teodeberto I é agora soberano de todas as tribos alamanas e nomea condes para elas: Butilin e Leuthario I.

Theohadad envía un gran exército a Dalmacia, que derrota os imperiais. Incluso cae Mundus en Salona e os imperiais retíranse.

marzo: Belisarius zarpa desde Sicilia cara Carthago con 1000 homes para atallar un motín dirixido por Stotzas, que dispón de 9000 homes e numerosos vándalos. Solomon deféndese ata que Belisarius derrota os sublevados, que se retiran, e volve a Sicilia. Xustiniano nomea ao seu curmán Xermanus como magister militum para resolver esta crise. Envía un continxente de comitatenses e gardas de elite. Solomon regresa provisionalmente a Constantinopla.

abril, 22: morre Agapito I en Constantinopla.

maio, 2 – xuño, 4: nun sínodo convocado por Mennas e reunido en Constantinopla os monofisitas son novamente condenados e como consecuencia prodúcese unha forte represión dos monofisitas en Exipto. Os bispos reunidos certifican a supremacía imperial en cuestións eclesiásticas.

verán: Constantianus, magister militum per Illyricum, reconquista Dalmacia, os godos abandonan Salona e retíranse ao norte.

Witixes depón a Theohadad en Ravenna e casa con Mataswintha (filla de Amalasunta). Convoca un exército para loitar contra Belisarius, que atravesa o estreito de Mesina e desembarca no sur de Italia, conquista Rhegium e marcha cara o norte.

xuño, 8: Teodora propón a Vixilius, monofisita, como bispo de Roma. Este viaxa á cidade para facerse cargo da sé episcopal pero alí o clero romano elixira a Silverio, fillo de Hormisdas, quen contaba co apoio de Theohadad.

agosto, 6: rescriptus de Xustiniano confirmando a deposición de Anthimus I.

outubro: Belisarius conquista Neapolis, a pesar da defensa da cidade por parte da poboación xudía. Logo dun mes de asedio as tropas entran por un acueduto abandonado.

Witixis non pode frear o avance de Belisarius, que segue cara o norte e entra en Roma (decembro, 9) pola porta Asinaria sen oposición xa que o continxente godo (4000 homes) foxe.

a primeira medida que toma Belisarius é solicitar reforzos ao emperador mentres prepara a cidade para un asedio recollendo e almacenando grandes cantidades de comida e outras subministracións. Instala o seu posto de mando na cuíña Pincia e repara as murallas. O seu continxente conta 5000 homes, dos que a metade son bucellarii. Recruta 20000 mozos romanos para defender as murallas.

Silverio é acusado de entregar a cidade aos godos e tamén é expulsado.

Radegunda casa con Clotario I.

Senka, 28 emperador de Xapón.

venres, 23 de maio de 2014

531

ordorenascendi.blogspot.com
abril, 19: batalla de Callinicum: Belisarius (ao mando de 20000 homes) é derrotado polos persas sasánidas baixo Spahbod Azarethes, Éufrates, nas proximidades da actual ar-Raqqa. Xustiniano inicia negociacións de paz.

febreiro, 20 – abril, 30: Xoán de Capadocia é nomeado prefecto do pretorio de Oriente. Xunto con Triboniano promove medidas impopulares que buscan aumentar os ingresos imperiais.

setembro, 13: morre Khavad I morre e sucédeo Khosrau I Anushrivan ‘o Xusto’ (Cosroes I). Sabíase que o fillo maior era partidario de Mazdak polo que foi relegado a favor de Cosroes, que fixo executar ao propio Mazdak, para que no se dubidara da súa relixiosidade.

a herexía, de carácter comunitario e colectivista, sen embargo, non desaparece de inmediato, pero xa nunca volve ser relevante. Tamén hai matanza na familia real para evitar unha guerra civil, case unha tradición ineludible.

batalla de onde o río Unstrut: a familia dirixente turinxia é prácticamente destruída polos francos; só sobreviven Radegunda e seu irmán, que son capturados. Amalberga, tía deles, e Amalfredo, curmán, escapan cara Constantinopla. É posible que tamén participaran saxóns.

os turinxios eran unha confederación de tribos na zona das actuais Hesse, Thuringia e Sachsen. Semella que falaban un dialecto común.

Radegunda e seu irmán son levados a corte de Clotario I, na proximidade de Soissons. Semella que foron separados: Radegunda a unha propiedade real próxima a Athies, onde estivo ata que tivo idade de casar. Aprendeu a ler e escribir en latín e recibiu instrución na fe católica. Co tempo ensinou e coidou dos nenos e nenas da propiedade.

en Constantinopla, por causa de certos disturbios, algúns ‘azuis’ e ‘verdes’ son apresados.

Amalarico destitúe ao prefecto de Hispania, Estevo, e non nomea substituto.

Amalarico casara con Clotilde, filla de Clodoveo I, para mellorar as relacións cos francos, pero é católica e obrígaa a adoptar o arianismo. Clotilde queixouse ante Clotario I e Childeberto I, que derrotan a Amalarico nas proximidades de Narbo. Os exércitos francos penetran en Hispania perseguindo a Amalarico, que se refuxia en Barcino, onde morre asasinado.

primeiras incursión dos antos nos Balcáns. Xustiniano constrúe liñas fortificadas para protexer o Danubio.

carta do bispo de Toletum, Montanus ao magnate Turribius.

a sección norte de Septimania, en torno a Albi, pasa a control franco.

os visigodos elixen a Teudis, rexente de Amalarico. Os francos saquean o NE de Hispania e Teudis tenta expulsalos.

Bonifacio II busca regular a sucesión no bispado de Roma a favor de Vixilius pero ten que ceder nas súas pretensións ante as presións do clero romano.

remata o tempo de Chang Guang Wang en Wei (norte de China). O xeneral Gao Huan inicia unha rebelión e declara emperador a outro membro do clan imperial, An Ding Wang.

Ankan (66) sucede a seu pai Keitai, como emperador de Xapón.

o xefe iemení Esymphaios sufre un golpe do clan Habachan que o substitúen por Abraham, un cristián orixinario de Adoulis, que entón Kaleb de Axum pasa a recoñecer como vicerrei, logo de fracasar no intento de derrotalo.

venres, 22 de novembro de 2013

518

www.cgbfr.es
Paulo, cónsul único.

abril, 17: Xoán II de Capadocia, patriarca de Constantinopla.

xullo, 8 (de noite): morre Anastasius (88 anos), que ten abolido a venda de maxistraturas, reformado os impostos e o sistema monetario; e deixa a tesouraría imperial en excelente estado.

xullo, 9: Flavius Xustino, comes excubitorum (300 homes de elite) é proposto polos oficiais cortesáns e elixido emperador co apoio do senado; provén dunha familia de campesiños macedonios, soldado rufo e sen instrución. Theocritus, outro aspirante, é arrestado por conspiración e executado.

o cerebro é o sobriño do novo emperador, Flavius Petrus Sabbatius (logo Xustiniano), que sabe eliminar todos os posibles rivais e facer popular a seu tío.

xullo, 20: concilio en Constantinopla no que, por consello de Sabbatius, se promove unha reconciliación con Hormisdas e o catolicismo e se persegue o monofisismo e calquera outra herexía. Pese a iso, Vitalianus rebélase novamente, pero é aplacado con máis concesións.

setembro, 29: Severus, patriarca de Antioquía, é deposto polas súas crenzas monofisitas e é substituído por Paulo o Xudeo.

hai evidencias de cregos gregos en Hispania: Hormisdas escribe aos bispos explicando que facer se os gregos desexaran comungar nas igrexas locais e se adherirán ás ensinanzas de Acacius. Tamén aconsella a celebración dun concilio anual.

durante un período de rivalidade entre francos e turinxios nace Radegunda, filla de Berthar, un dos tres reis turinxios.

Un tremor de terra destrúe Scupi en Illyricum na anterior Moesia Superior.

Jabalah IV, novo rei ghassanida, invade Palestina pero é derrotado por forzas bizantinas dirixidas polo dux Romanus.