Amosando publicacións coa etiqueta Cynric. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cynric. Amosar todas as publicacións

domingo, 3 de agosto de 2014

560

representación de Alboino
gravado sobre madeira
Crónica de Nuremberg (1493)
pt.wikipedia.org
destruídos os hephtalitas, os turcos dominan a Sogdiana e son os novos veciños dos persas.

Britannia: Aella, rei de Deira; Ceawlin sucede a seu pai Cynric en Wessex; Elidyr de Strathclyde invade Gwynedd (Gales) e intenta derrocar a seu cuñado, o rei Rhun Hir ap Maelgwyn.

Columba pelexa con Finnian de Moville sobre a autoría dun salterio e isto ocasiona un enfrontamento militar ao ano seguinte.

xuño: Clotario I invade Dumnonia, ao norte de Armorica. O xefe bretón Chonoo morre e Clotario fai queimar ao seu fillo rebelde Chramno coa súa familia, que se atopan refuxiados alí.

Alboino sucede a Audoino como xefe lombardo.

Cunimundo sucede a seu pai Thorisindo como xefe xépido.

Fidel, bispo de Emerita, sucede a Paulo.

Pelaxio I escribe: “a causa das continuas devastacións produto da guerra, hai pouco rematada, é das illas e territorios alén do mar que a igrexa recibe o pouco do que dispón para as súa necesidades e os pobres”. A poboación de Roma víase obrigada a comer bellotas e algúns incluso recorreron ao canibalismo.

os italianos sofren tanto (ou máis) a mans dos “liberadores” coma dos godos. O logotheta Alexandre, de terrible reputación, é  enviado por Constantinopla para obter tributacións. Os comandantes bizantinos non eran mellores e abusan dos seus cargos; por exemplo, Conon é asasinado polos seus propios homes, famentos, porque este aproveitábase da xestión do grao no seu beneficio ata extremos inxustificables.

a guerra arruína Italia e a súa capital. Os tres asedios da cidade van acompañados de fames, epidemias e sufrimentos. Grandes zonas da cidade son destruídas en lumes e moitos cidadáns quedan arruinados. Moitos aristócratas trasládanse a Constantinopla para tentar recuperar a súa posición a carón do emperador. Os xogos non se celebrarán máis. O sistema educativo colapsa. O reparto de gran vólvese intermitente para logo cesar para sempre. O senado tamén morre pouco a pouco. Moitos dos máis famosos edificios da cidade están desertos en ruínas, e a cidade, despois de tantos anos de maltrato, cae vítima das epidemias, das cheas e das fames cíclicas.

Bieito de Nursia predixera que “Roma non será despoboada polos bárbaros, senón polas tempestades, os lóstregos, tormentas e tremores de terra“.

decembro: lume en Constantinopla.

xoves, 31 de xullo de 2014

556

Martiño de Dumio
Codex Albeldensis, 976
es.wikipedia.org
febreiro, 21: morre Maximianus de Ravenna.

abril, 5: Martiño, bispo de Dumio.

abril, 16: logo de nove meses de ‘sé vacante’ Xustiniano impón a Pelaxio I, apocrisiarius en Constantinopla, como bispo de Roma, quen, pese a ser romano, é moi mal aceptado na cidade, acusado incluso de ter envelenado a Vixilius. Pelaxius trata de aproximar posturas entre Roma e Constantinopla pero sen éxito.

Xustiniano ordena a Amancio que vaia a Antioquia para encontrar, arrestar, torturar e exterminar os últimos pagáns da cidade así como para queimar todas as bibliotecas privadas.

Clotario I ataca saxóns e turinxios e somete os bávaros, que pasan a depender de Austrasia. Impón un tributo anual de 500 vacas.

ante os rumores de que Clotario I morreu en campaña Childeberto I aproveita para devastar a rexión en torno a Reims.

Cynric e o seu fillo Ceawlin de Wessex loitan contra os britanos en Baranburh (Wiltshire).

Narsés derrota un exército de herulos que penetra en Italia.

guerra lázica: un continxente bizantino ao mando de Xustino retoma Archaeopolis e derrotan o exército persa. Tamén son derrotados polos bizantino que defenden Phasis.

Cosroes I decide abrir negociacións de paz con Xustiniano.

xoves, 24 de xullo de 2014

552

esquema da batalla de Taginae
weaponsandwarfare.com
febreiro, 9: Vixilius protesta nunha encíclica escrita en Calcedonia contra o trato dispensado por Xustiniano.

xullo, 1: Narsés cruza os Apeninos cun exército de 25000 homes e é bloqueado por Totila en Taginae (ou Busta Gallorum), un val de montaña estreito. Narsés dispón unha formación de cuña, desmonta os mercenarios de cabalería lombardos e herulos e colócaos coma falanxe no centro. Nos flancos coloca unha forza mixta de arqueiros a pe e a cabalo. Os godos abren a batalla cunha carga de cabalería pero son freados polos arqueiros que lles disparan desde ambos lados do desfiladeiro e obríganos a retirarse sobre a súa propia infantería. Nese momento os catafractos bizantinos toman a iniciativa e esmagan o continxente godo. Morren máis de 6000 godos, incluído Totila.

xullo, 9: ano I da era armenia.

os restos do exército godo foxe e Narsés diríxese cara Roma, que cae logo dun breve asedio.

os godos que logran reagruparse elixen a Teia en Ticinum, que trata de reconstruír o seu exército.

o continxente bizantino en Hispania ao mando de Liberius remata a conquista de Carthago Espartaria e outras cidades na costa sureste. Estes territorios serán a provincia Spania, dependente de Constantinopla.

chegan a Constantinopla os primeiros ovos de vermes de seda agochados en cañas de bambú.

batalla de Asfeld: os lombardos baixo Audoino, aliados dos bizantinos, derrotan os xépidos de Thorisindo en Pannonia.

Cynric, rei de Wessex, captura Old Sarum.

en Hibernia fúndase o bispado de Meath.

Yuan Di sucede a Yu Zhang como emperador da dinastía Liang.

Eutychius, novo patriarca de Constantinopla.

mércores, 2 de xullo de 2014

534

restos atopados nunha basílica paleocristián en Septem
es.wikipedia.org
Xustiniano e Decius Paulinus, cónsules: este o último cónsul nomeado para a pars occidentis.

marzo: Xelimer foxe ás montañas pero logo de pasar nelas todo o inverno entrégase finalmente a Belisarius no monte Papua. El e grandes cantidades de vándalos son trasladados a Constantinopla.

abril: Belisarius deixa Carthago ao mando de Archelaos, novo prefecto do pretorio e do xeneral Salomon, que dispón dunha pequena forza militar. Mentres, el segue a pacificar a provincia e logra someter tribos bereberes.

lei CI I, xxvii, 2, 2 do emperador a Belisarius onde se organizan administrativa e defensivamente os novos territorios; menciónanse os territorios nucleares de Africa e tamén a organización e cargo de gobernadores en Cerdeña e Septem. Non se mencionan Baleares e Córcega, o que pode indicar que a súa importancia estratéxica se considera menor.

abril: fortificación de Septem. Ao tribuno da cidade encoméndaselle vixiar os ‘movementos’ de Gallia e Hispania (“… et ipsium traiectum semper servare et omnia, quaecumque in partibus Hispaniae vel” 17 CI I, xxvii, 2, 2). Isto é lóxico para Hispania pero non tanto para Gallia.

Baleares sería importante para vixiar e controlar Gallia. Datos arqueolóxicos certificarían a presenza de tropas imperiais, un feito que non sería tampouco cómodo para os visigodos. De feito, datos de Dianium (Denia) revelan reformas nas fortificacións nesta época.

a presenza nas Baleares tamén aporta vantaxes económicas e sociais: sobre todo, o control do tráfico comercial na zona. Estas terras tamén serán utilizadas en ocasións como destino para personaxes que sofren exilios ou desterros. A autoridade sería exercida posiblemente por un tribunus, ao igual que en Córcega, dependente do gobernador de Cerdeña.

verán: Xustiniano permite a celebración dun gran triunfo en honor de Belisarius, o primeiro que non honra un emperador en 500 anos. Participan Xelimer e grandes cantidades de vándalos. Durante a cerimonia exhíbense elementos procedentes do Templo de Xerusalem e tamén o tesouro vándalo. Xelimer recibe unha pensión e é exiliado a Galatia coa súa familia. Moitos vándalos ingresan no exército imperial. Tómanse medidas para erradicar o arianismo da rexión.

Toletum é agora o centro desde o que opera de Teudis, que se esforza por controlar rexións da Baetica.

outubro, 2: Atalarico (18 anos), rei godo de Italia, morre de tuberculose, lodo dunha vida ‘consentida’ e ‘disipada’. A súa nai Amalasunta non pode seguir gobernando en solitario e casa cun curmán, Theohadad, sobriño de Teodorico, que se converte en rei.

Theodahad é o maior terratenente de Italia e o último herdeiro masculino da liña de Teodorico. O previsto é que sexa consorte sen participar no poder. Pero mantén conversas secretas cos imperiais prometendo a Toscana ao imperio a cambio de cartos, o rango de senador e permiso para residir en Constantinopla.

Clotario I, coa axuda de seu irmán Childeberto I, acaba con Gundemaro II, rei burgundio. Repártense o territorios burgundos, que se incorporan a Neustria.

Xustiniano restrinxe as liberdades da comunidade xudea.

Cynric, rei de Wessex logo da morte de Cerdic (segundo a Crónica anglo – saxona).

novembro, 16: publícase a segunda revisión, e final, do corpus iuris civilis (Código de Xustiniano).

en Arabia, fin da guerra de el Basous, logo de corenta anos de enfrontamentos, entre as tribos Tamim e Taghlib.

o reino Wei do norte divídese en Wei leste e Wei oeste: Ye, capital oriental e Chang’ an, capital occidental.

morren Marcellinus Comes (cronista) e Anthemius de Tralles (arquitecto e matemático).

venres, 20 de decembro de 2013

527

bennythomas.wordpress.com
Mavortius, cónsul único.

abril, 4: Xustino I enferma de gravidade e Sabbatius é nomeado augustus co nome de Xustiniano I.

maio, 17: II concilio de Toledo.

agosto, 1: morre o emperador (74 anos) e Xustiniano I sucédeo no trono.

Belisarius recibe a encomenda de dirixir as operacións militares no fronte persa.

os anglo-saxóns baixo Aescwine fundan o reino de Essex (territorios ao norte do Támesis).

Cerdic de Sussex e o seu fillo Cynric derrotan os britanos en Cerdicesleah.

Silla, un dos tres reinos de Korea adopta formalmente o budismo como relixión oficial.

morre Illan mac Dúnlainge, rei de Leinster (Hibernia).

a corte Yamamoto reúne un exército de 60000 homes para apoiar o reino koreano do sur (Mimana) contra o do norte (Silla) pero unha revolta en Kyushu retrasa os plans de intervención dous anos.

Liang-Wudi fai un primeiro retiro nun mosteiro budista durante tres días.

setembro, 15: autorízase o divorcio no imperio oriental.

outubro: o armenio Patricius é nomeado comes orientis e enviado a Palmyra para reordenar a cidade e as fronteiras da zona.

novembro, 6: concilio de Carpentras, presidido por Cesarius de Arelate.