Amosando publicacións coa etiqueta Constantino V. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Constantino V. Amosar todas as publicacións

luns, 22 de xaneiro de 2018

775

wikipedia
abril, 25: batalla de Bagrevand, onde os abbasí poñen fin á rebelión armenia, consolidando o control musulmán sobre Transcaucasia, mentres as principais familias nakharar de Armenia, sobre todo os Mamikonian perden o seu poder e buscan refuxio no Imperio bizantino.

agosto, 23: data de redacción dun documento con sinatura de Silo; é unha doazón a cinco frades para que constrúan unha igrexa entre os ríos Iube (Eo) e Masma; máis concretamente entre o Alesancia (río Grande, en Ribadeo) e o Mera, no lugar Lucis (Celeiro de Mariñaos, no concello de Barreiros).

setembro, 14: morre Constantino V durante unha campaña contra os búlgaros. Sucédeo León IV, logo de derrotar a Cristóforo e Nicéforo, irmáns seus. Os tres foran nomeados césares polo seu pai.

León IV suaviza as medidas contra os iconódulos por influencia de Irene, a emperatriz, ateniense e iconódula en segredo.

Hadriano I recupera o control do exarcado de Ravenna.

Carlos convoca unha gran asemblea en Quierzy e dirixe un exército franco ao interior de Saxonia e recupera o castrum de Syburg, restaura e instala un novo continxente en Eresburg. Na beira do Weser atópase un continxente saxón disposto a plantar batalla, que é derrotado cando os francos cruzan o río.

Widukindo cruza o Weser con outro continxente e loita en Hlidbeck. Carlos non logra unha vitoria total. Debe reorganizar as súas tropas e atacar novamente, esta vez con éxito, mais Widukindo escapa.

Carlos recupera o Hellweg ao longo do val do Lippe, establecendo comunicacións entre Austrasia, Hesse e Turinxia. Promóvese o comercio nel. Fúndase a cidade de Giessen na zona.

mercadores de al-Andalus fundan unha colonia comercial en Tenes (Alxeria), evidencia do renacemento do comercio marítimo na zona occidental do Mediterráneo despois do caos de anos anteriores.

outubro, 7: morre al-Mansur, sucedido polo seu fillo al-Mahdi, que fai oficial a doutrina sunni. Os chiís, decisivos no ascenso ao poder dos abbasí, constitúense en oposición.

Baghdad é probablemente a maior cidade do mundo, logo dos problemas acontecidos na capital chinesa Chang'an e a súa consecuente despoboación.

Dhafmapala comeza o seu mandato no reino de Bengala.

Alpin II sucede a Ciniod como rei dos pictos.

Carlos é informado por Hadriano I de que Arichis de Benevento, o duque de Friuli, o duque Rexinaldo de Chiusi e Hildedrando de Spoleto planean unha insurrección en Italia. Adalxis pretende regresar cunha flota bizantina que ten intención de devolverlle o trono lombardo. Carlos fai campamento de inverno ao pé dos Alpes coa intención de atravesalos cara a península tan cedo como lle sexa posible.

domingo, 11 de decembro de 2016

774

representación do rei Silo
historalia
morre Aurelius, sucedido por Silo, un curmán e xenro de Afonso I.

abril, 6: Carlos confirma a 'doazón de Pipino' ao bispo de Roma.

maio: a flota bizantina remonta o Danubio.

xuño, 4: cae Ticinum en mans francas. Carlos proclámase rei dos francos e dos lombardos e leva presos a Desiderio e a Ansa a Gallia, onde son recluídos no mosteiro de Corbie. Tamén captura a Xerperga, da que non se volve saber.

o único territorio controlado por lombardos é o ducado de Benevento. Arechis II chámase 'príncipe dos lombardos'. Volturno cobra importancia como praza de fronteira.

numerosos nobres francos quedan en Italia para certificar a integración dos territorios lombardos baixo a autoridade de Carlos. En Ticinum, Venetia, Istria, Emilia, Toscana, e Corsica.

son sufocadas rebelións en Friuli. Hrodgaud é instalado como duque.

Carlos visita Roma e Hadriano I noméao 'patricius'.

o fracaso militar lombardo non indica debilidade estrutural do seu reino. O aparato administrativo funciona á perfección, por exemplo.

setembro, 1: Carlos inaugura a igrexa da abadía de Lorsch. Pasará o inverno en Ingelheim, onde fai construír un palacio real.

o gobernador abbasí Yazid ibn Hatim reconstrúe a gran mesquita de Kairouan.

espectacular aumento dun 1,2% da cantidade de carbono14, evidencia dalgún fenómeno cósmico excepcional, quizás unha enorme tormenta solar, visible no exame dos troncos de árbores para esta época.

outubro: batalla de Berzitia: o khaghan búlgaro Telerig envía unha pequena expedición (12000) para entrar no sudoeste de Macedonia e capturar Berzitia. Constantino V é informado por espías bizantinos en Pliska e reúne un enorme exército (80000) que sorprende e derrota os búlgaros.

Telerig envía unha mensaxe a Constantino V dicindo que ten que fuxir a Constantinopla a causa da derrota e pídelle a cambio que lle revele o nome dos espías en Pliska para protexelos. unha argucia que descubre e erradica a rede de espías bizantinos.

Alhred, rei de Northumbria, é expulsado de York, a súa capital, a instigación do clero do reino. Parte en barco desde Bamburgh ao exilio a terras de pictos, onde é recibido por Ciniod I. Substitúeo Aethelred I (11 anos), fillo do defunto rei Aethelwald Moll.

os saxóns atacan e incendian a abadía de Fritzlar e asasinan a todos os monxes. Carlos marcha precipitadamente a Austrasia e reúne tropas para contraatacar mais o inverno detén as operacións.

Offa de Mercia somete a Wessex e proclámase rei de 'Inglaterra'.

773

silabario manipuri
www.proel.com.org
paz entre o basileus e os búlgaros.

Paulo Diácono dedica á Adelperga, filla de Desiderio e Ansa, a súa historia romana, versión ampliada da de Eutropius, émula do seu home, ‘case o único príncipe do seu tempo que estimaba o saber’ e ela ‘amante da filosofía e da poesía, a historia e a esexese’. Inclúe historias sobre mulleres, case todas negativas, que poden ter sido un dos intereses coñecidos da dama ou porque Paulo consideraba que respondía ás súas necesidades, advertencia contra a frivolidade das mulleres. Paulo representa a Xustiniano como restaurador do estado. Quizás non é coincidencia que Arichis e Adalperga construíran en Benevento unha igrexa en evidente imitación de Hagia Sophia.

marzo: Hadriano I renova as peticións de axuda a Carlos ante as ameazas e os movementos de Desiderio.

verán: Carlos cruza os pasos alpinos (Mont Cenis) en dirección sur á cabeza dun importante exército franco. Bernardo, tío seu e irmán de Pipino, encabeza outro exército que entra polo Gran Bernardo.

no val de Susa o avance franco vese dificultado polas fortificacións lombardas. A información procedente dos exploradores francos localiza os seus puntos febles e os ataques francos fan retroceder aos lombardos cara Ticinum.

ata novembro Carlos negocia o pago de 14000 solidi a cambio do acordo de Roma e o prezo das dúas princesas lombardas. Desiderio rexeita o acordo.

Ticinum sofre escaseza de alimentos, mais o rei permanece na capital e ordena a seu fillo Adalxis defender Verona para protexer a Xerberga e os fillos de Carlomán.

logo dun asedio curto, Adalxis busca refuxio en Constantinopla.

os francos conquistan Verona e Mortara.

outubro: Ticinum é asediada.

al-Mansur, derrotados os chiies, centra a súa atención en al-Andalus, onde envía un exército que é derrotado por Abd al-Rahman I, que envolve a cabeza do xeneral enviado por Bagdad nunha das bandeiras negras que lles servía como símbolo. O outro único territorio dos que foran controlados polos ummayad que non controla al-Mansur é o territorio dominado por Abd al-Rahman ibn Rustum.

a datación establecida por Victorius de Aquitania aparece nunha carta enviada a Carlos.

os saxóns aproveitan a presenza de Carlos en Italia para recuperar Eresburg e Syburg. Tamén atacan, sen éxito, Büraburg, onde reside un bispo desde tempos de Bonifacio.

Alhred de Northumbria envía legados a Carlos.

o concepto de número '0' chega aos círculos de matemáticos árabes en Bagdad, que basearán os seus números no sistema hindú (os maias xa desenvolveran o concepto había tempo).

morre Khongtekcha de Manipur. Durante o seu mandato escribíronse textos co alfabeto Manipuri.

Yazid ibn Useid es Sulami, wali en Bagdad.

campaña de Constantino V contra os búlgaros, que deben retirarse desde Macedonia ata Lithosoria.

771

ruínas de Sycae
www.youtube.com
Offa de Mercia derrota os haestingas e incorpóraos a Sussex, tributario seu.

os musulmáns atacan e conquistan Sycae, en Anatolia e derrotan un exército de rescate bizantino enviado por Constantino V.

decembro, 4: morre Carlomán (21) a causa dunha hemorraxia nasal en Samoussy, nunha situación de total illamento político. Os seus fillos pequenos e Xerberga, a viúva, deben fuxir onde Desiderio porque Carlos se apodera dos territorios de seu irmán temeroso da influencia do lombardo. Xerperga, a irmá da viúva, é inmediatamente repudiada por Carlos e enviada onde seu pai, sufrindo damnatio memoriae (coa única excepción da mención do seu nome na vita adalhardi). A semellanza de nomes e destinos das súas irmás xustifican a confusión na documentación sobre elas.

Desiderio trata de facer valer os dereitos sucesorios dos seus netos francos ante o bispo de Roma, coa intención de socavar o poder de Carlos.

Carlos casa con Hildegarda, suaba, nun movemento estratéxico que busca consolidar a súa autoridade en territorios anteriormente pertencentes a seu irmán.

lombardos e francos entran en oposición directa e, contrario aos seus plans iniciais, Carlos terá que intervir directamente en Italia.

xoves, 17 de novembro de 2016

766

acueduto de Valente, estado actual
http://arquitecl.blogspot.com.es/
maio, 1: Pipino convoca os francos en Orleáns e invade Aquitania, derrotando definitivamente a Waifar.

Paulo I trata de mediar entre Desiderio e Pipino.

agosto, 21: no marco das persecucións iconoclastas, Constantino V obriga a monxes e monxas a casarse publicamente no Hipódromo.

agosto, 25: humillación pública de 19 altos funcionarios e magnates no Hipódromo logo de descubrirse e ser descabezado un golpe contra Constantino V. Os líderes, Constantino Podopagouros (logothetes tou dromou) e Strategios, irmáns, son executados. O resto cegados e exiliados.

agosto, 30: o patriarca Constantino II é deposto e decapitado por conivencia cos iconódulos sublevados e substituído por Nicetas I (novembro, 16).

outono: asedio de Kamacha, onde forzas abbasíes baixo al-Hasan ibn Qahtaba son derrotadas; un exército bizantino (12000 homes) acode e fai retroceder os musulmáns ao interior de Armenia.

turbulencias nas elites búlgaras: Subin, khaghan búlgaro, ten que fuxir e refúxiase na fortaleza bizantina de Mesembria, de onde escapa a Constantinopla; Constantino V logra que tamén escape a familia do khaghan. Umor é sucedido por Toktu como khaghan.

en Bagdad traballan 100000 persoas que completan a 'Cidade Redonda', un círculo amurallado cun diámetro de dous quilómetros, no que o centro está ocupado por un palacio para o califa. Esta cidade está rodeada por tres muros máis.

Constantino V ordena anovar o acueduto de Valente.

en Geisingen, nas proximidades de St. Gallen, un documento fala da elaboración da cervexa.

decembro, 25: Pipino celebra o Nadal en Samoussy.

domingo, 13 de novembro de 2016

761

castelo de Lunghezza, nas proximidades de Roma
www.wikiwand.com
batalla de Eildon: Aethelwald de Northumbria somete unha rebelión baixo Oswine, que morre logo dunha batalla que dura tres días.

Bridei V sucede a seu irmán Óengus I como rei picto.

Froila I consagra unha igrexa a Vicente de Lérins en Ovetao, fomentando o asentamento na 'nova' cidade.

finaliza a construción do castelo de Lunghezza, que inclúe 108 cuartos, nas proximidades de Roma.

o califato reconquista Kairouan, obrigando a 'Abd al-Rahman ibn Rustam a marchar cara o oeste, onde funda un estado autónomo con centro en Tihert.

Khurshid II, spāhbed de Tabaristán, suicídase con veleno ao saber que a súa familia foi capturada polos abbasíes.

o sacerdote Dōkyō 'cura' a emperatriz Kōken con oracións e pocións; converténdose no seu favorito, e provocando ciumes e suspicacias do emperador Junnin.

unha gran fame na área do Huai-Yangtze empurra á xente a episodios de canibalismo.

Telets, da liñaxe Ugain, khaghan búlgaro, en sucesión de Vinekh.

maio, 16: execución do monxe iconódulo Pedro o Calibita; Constanino V impón os canons do concilio de Hiéreia, e persegue os que non os aceptan.

xoves, 10 de novembro de 2016

760

Offa's Dyke
English Heritage
Constantino V volve invadir territorios controlados polos búlgaros.

Peredus, aristócrata e bispo de Lucca, consagra a catedral; documéntanse numerosas doazóns á igrexa.

Pipino conquista Carcassone, Tolosa, Rodez, e Albi. Waifer de Aquitania confisca as terras da igrexa e saquea Borgoña. Pipino resposta invadindo Berry e Auvernia e capturando Bourbon e Clermont. Os vascos que combaten con Waifer son aniquilados e os superviventes son deportados ao norte xunto coas súas familias.

abril: o duque Autchairo e o bispo Remedius, legados de Pipino, asinan un acordo con Desiderio. Paulo I renuncia ás súas reivindicacións territoriais, así como ás súas intencións de influencia Spoleto e Benevento.

maio, 20: os rexistros falan do cometa Halley.

batalla de Hereford: os britanos de Brycheiniog, Gwent, e Powys derrotan a tropas de Mercia baixo Offa, liberándose da súa influencia.

Offa ordena construír un dique (240 kms de lonxitude) de terra, que marca a fronteira entre anglo-saxóns e britanos.

Xuan Zong é arrestado polo oficial eunuco Li Fuguo, que segue ordes do emperador Su Zong e é nomeado comandante da garda imperial.

DosPilas é abandonada logo dunha sublevación vitoriosa de Tamarindito e Petexbatún.

Froila I derrota continxentes musulmáns en Callaecia.

Aethelred I, rei de East Anglia.

eruditos musulmáns adoptan a numeración hindú e desenvolven conceptos de álxebra e trigonometría.

luns, 26 de setembro de 2016

759

representación de Narbo Martius
www.jeanclaudegolvin.com
batalla do paso de Rishki: Constantino V envía tropas a Thracia novamente, mais sofren emboscadas e son derrotadas mentres cruzan o paso, nas proximidades de Stara Planina. Vinekh, khaghan búlgaro non aproveita a situación e inicia negociacións de paz.

asedio de Narbo: Pipino toma a cidade logo de sete anos de asedio; fai retroceder os musulmáns alén dos Pireneos. O comes godo Milo asume o goberno da cidade.

xullo, 24: Oswulf de Northumbria é asasinado por cortesáns en Weighton; Aethelwald Moll, patricio de Deira, probablemente instigador, é coroado rei.

outubro, 1: iníciase un inverno excepcionalmente intenso en occidente, con ríos xeados moi cedo. As baixas temperaturas duran ata febreiro.

al-Mansur inicia a conquista de Tabaristan, na costa sur do Caspio. Khurshid II, foxe ás montañas á fortaleza de Daylam.

forzas tang baixo Guo Ziyi asedian Yanjing, no norte; os combates acentúan a escaseza de comida e acaba por comerciarse con ratas, que alcanzan prezos desorbitados.

sábado, 3 de setembro de 2016

756

Abd al-Rahman I
www.pinterest.com
xaneiro: An Lushan, ao mando dun exército de 200000 homes conquista Luoyang, que Feng Changging non pode defender. Os rebeldes cruzan o río Amarelo e marchan para capturar as cidades de Chenliu e Yingyang.

batalla de Yonggiu, un continxente tang de 2000 homes baixo Zhang Xun defende con éxito a súa fortaleza contra o exército rebelde. Zhang logra unha vitoria logo dun asedio de catro meses e impide que os rebeldes se apoderen do territorio fértil ao sur do río Huai.

febreiro, 5: An Lushan proclámase emperador en Luoyang, establecendo o Gran Yan; avanza cara a capital tang, Chang'an, e decide apoderarse do sur para interromper o fluxo de reforzos leais aos tang. Mentres, numerosos soldados se unen á rebelión.

Constantino V constrúe fortificacións no limes do Danubio e comeza a instalar armenios e sirios no thema de Thracia. En resposta Kormisosh, khaghan do imperio búlgaro, demanda o pagamento de tributos. Constantino négase e os búlgaros chegan ata os muros de Anastasio, moi próximos á capital.

batalla de Marcellae: Constantino V envía unha forza expedicionaria (500 naves e 6000 soldados) a Thracia, que derrota os búlgaros, nas proximidades da fortaleza de Markeli, no delta do Danubio. Kormisosh é forzado a aceptar o tratado e confirma a fronteira existente.

as consecuencias no campo búlgaro son graves e o khaghan é deposto e substituído por Vinekh, do clan Vokil.

Aistulfo volve ameazar Roma, que pretende facer capital lombarda, mais Pipino intervén novamente, tamén coa presenza de Carlos e Carlomán, e establece os 'estados papais' (incluíndo Ravenna e a Pentapolis) en favor de Estevo II.

Galla Gaulo é deposto, cegado e exilado; sucédeo Domenico Monegario, como sexto dogo de Venecia.

batalla de Newanbirig: Óengus I, picto, e Eadberht de Northumbria atacan a Dumnagual III de Strathclyde no castelo de Dumbarton; sen embargo, son aniquilados posteriormente, probablemente por britanos.

Cuthred de Wessex morre logo de reinar 16 anos; sucedido por Sigeberht, parente.

maio, 15: Abd al-Rahman I captura Hispalis sen violenza. Derrota a Yusuf ibn 'Abd al-Rahman al-Fihri nunha batalla polo control de al-Andalus e establece un emirato independente, do que se proclama emir. Acaba coa autonomía de Teodomiro en Murcia.

maio: Xuan Zong contrata 4000 mercenarios musulmáns para contribuír á defensa de Chang'an contra os rebeldes. As forzas leais toman posicións defensivas nos pasos montañosos, mais o chanceler Yang Guozhong ordéalles abandonar as súas posicións. An Lushan aplasta as forzas tang, quedando a capital indefensa.

xullo, 14: Xuan Zong foxe coa corte imperial cara Sichuan ao avanzar os rebeldes polo paso de Tongguan cara a capital; An Lushan cae enfermo, quizás por causa dunha diabetes. Queda case cego e sofre de extrema irascibilidade.

xullo, 15: Xuan é obrigado pola Garda Imperial a executar a súa favorita Yang Guozhong; tamén consente que os eunucos estrangulen a Yang Guifei. An Lushan tamén ordena executar outros membros da familia imperial.

agosto, 12: Xuan Zong abdica do trono logo dun reinado de 44 anos; é sucedido polo seu fillo Su Zong como emperador da dinastía Tang, que contrata 22000 mercenarios musulmáns para reforzar o exército diezmado en Lingzhou.

Ibn al-Muqaffa', escritor e pensador musulmán, é torturado en Basra por orden de al-Mansur, sendo desmembrado e arroxado, inda vivo, a un forno aceso.

decembro: Aistulfo morre nun accidente de caza. Ratchis tenta volver ao trono.

martes, 16 de agosto de 2016

754

representación da coronación de Pipino o Breve
biblioteca Xenoveva, ms 782, fol. 107
www.fr.wikipedia.org
xaneiro, 7: Estevo II chega a Chalons, onde Pipino. Acode a recibilo ao camiño Carlos (12 anos), o seu fillo maior.

febreiro, 10: concilio de Hiereia, Constantino V, indignado pola actitude de Roma e a súa alianza cos francos, e perdida a esperanza de recuperar Ravenna, convoca un novo concilio onde se ratifican as teses iconoclastas. Roma négase a enviar representante. Só acoden bispos de territorios dominados polo imperio; establécese que as iconas son contrarias ás escrituras e simplifícase máis o culto. Xoán Damasceno é declarado herexe.

os monxes opóñense, mais o emperador toma medidas drásticas contra eles; péchanse mosteiros e confíscanse propiedades; obrígaos a levar traxes correntes, moitos son encerrados e outros obrigados a exiliarse; algúns son obrigados a casar e son obxecto de escarnio por parte da xente; incluso algúns son executados.

abril, 14: a reunión anual dos francos acepta loitar en Italia.

xuño, 5: Bonifacio atopa en Dokkum un grupo de frisios pagáns que o martirizan á vella usanza.

xuño, 10: morre o califa, sendo sucedido por al-Mansur, que rompe cos chiíes, temeroso do descontento sunní, o que ocasiona unha revolta baixo Muhammad, bisneto de Hassan, que aspira ao califato.

xullo, 28: Pipino é unxido e coroado novamente en Saint-Dennis, mais agora polo bispo de Roma.

Estevo tamén unxe a Carlos e a seu irmán Carlomán (3 anos); outorga a Pipino o título de patricius romanorum, igual que sucedera séculos antes con Clovis, coa intención de que se converta en protector de Roma.

agosto, 8: Constantino II (de Sylaeum) sucede a Anastasius como patriarca de Constantinopla.

outubro, 14: Pipino esixe a Aistulfo que lle entregue todos os territorios que pertencían ao exarcado. Aistulfo só garante o regreso seguro de Estevo II a Roma.

Aistulfo logra que Carlomán, irmán de Pipino, decida saír do seu retiro en Montecassino, para volver a territorio franco e alzarse contra o política de seu irmán; sen embargo, este é interceptado e encerrado nun mosteiro en Vienne, onde é executado (decembro, 4 - agosto, 17).

sábado, 23 de xullo de 2016

751

Childerico III é tonsurado, do libro
L'Histoire de France Populaire, Henri Martin, 1876.
Constantino V derrota os musulmáns en Melitene.

Aistulfo toma Ravenna, final do exarcado. Aistulfo centra agora a súa atención sobre Roma, que volve pedir axuda a Constantinopla, sen éxito.

unha embaixada franca chega a Roma. Formulan unha pregunta: é xusto que unha persoa sen autoridade sexa chamado 'rei'? non será mellor que leve o título quen realmente goberna?'. Zacarías resposta, coa debida cerimonia, afirmativamente.

xuño, 6: o fillo de Constantino V é coronado basileus como León IV; pouco despois morre María, segunda muller de Constantino.

xullo/agosto: os chineses, baixo Gao Xianzhi, son derrotados polos árabes, axudados por tribos turcas coaligadas, onde o río Talas.

é posible que os prisioneiros chineses feitos difundan no ámbito musulmán o uso do papel, que comeza a producirse en Samarcanda.

concilio en Constantinopla (o sétimo xeral segundo os ortodoxos): confirmación das teses iconoclastas.

novembro: Childerico III é tonsurado, desposto e recluído nun mosteiro.

morre Xisulfo, duque de Benevento, sucedido por Liutprando, fillo seu; Scauniperga, súa nai, exerce a rexencia.

unha terrible tormenta destrúe máis de mil barcos no Yangzhou.

750

as-Saffah proclamado califa
en.wikipedia.org
xaneiro, 25: Marwan II é derrotado xunto ao río Zab. Á batalla segue a persecución e matanza sistemática de toda a familia umayyad. Marwan foxe cara Exipto, coa intención de chegar a al-Andalus, onde inda hai grandes continxentes militares leais. Tamén logra escapar Abd al-Rahman, neto de Hisham, que se oculta en Ifriqiya.

Kufa pasa a ser capital. Os abasí non recoñecen os umayyad como califas; só lles outorgan o rango de reis.

o emir de al-Andalus Yusuf nomea a Sumayl gobernador de Caesaraugusta. No norte declárase unha enorme peste e moitos bérberes emigran cara o sur, o que ocasiona despoboamentos na Meseta.

Afonso I, secundado por Fruela, un irmán, ataca as cidades do norte matando musulmáns e levando consigo poboación cristiá. Isto agrava o despoboamento na zona.

Aistulfo ataca o exarcado de Ravenna. Zacarías revive a situación de emerxencia de tempos de Gregorio III anos antes: a iconoclastia afástao de Constantino V. Busca o auxilio franco.

Pipino acepta negociar con Zacarías.

os toltecas saquean Teotihuacan, reducida a ruínas.

agosto, 5: Marwan II é capturado e asasinado en Fostat por partidarios de Adbullah ibn Muhammad as-Saffah. O seu corpo é mutilado polo populacho.

sublevación copta en Exipto en contra dos impostos.

fúndase o imperio de Ghana.

Eadberht de Northumbria encerra a Cynewulf, bispo de Lindisfarne, no castelo de Bamburgh. Asedia o príncipe Offa, fillo do rei Aldfrith, tamén en Lindisfarne, quen finalmente, case morto de fame, decide renderse, sendo inmediatamente executado.

batalla de Mugdock: os britanos de Strathclyde baixo Teudebur derrotan os pictos baixo o príncipe Talorgan. Este feito inicia o comezo do rei Oengus I.

martes, 19 de xullo de 2016

747

capa do libro 'Odoario o Lugo no século VIII'
www.tococolección.net
Odoario de Lucus funda o mosteiro de Estevo de Atán (en Pantón) e morre logo de testar.

supostamente, regresara do cativerio en Ifriqiyya grazas a Afonso I, que o rescatara a cambio de numerosos reféns. Reinstalado na súa sé, reedifica a cidade, arrasada polos musulmás e entrega villae a compañeiros e 'familiares' (Guntín por Guntino, Destriz por Desterigo, Vila Cendoy por Sendón, Mazoy e Macedon por Macedonio, Vilamarce por Marco, Framil por Framiro, Ramil por Ramiro e Agari por Agarico; tamén se ten deducido Lalín por Lalinus, quizás sen fundamento).

deixa á igrexa o señorío de Lucus, “que restaurei dende as súas raíces ... e as vilas que agora direi e adquirín por dereito de ocupación e poboei con parentes e familiares meus” e nomea, entre outras, “en Ventosa a igrexa de Mamede de Trabancas e Andrés de Orrea; en Deza Xoán de Palmou, María de Bermés e Xoán de Botos; a igrexa de María de Trasdeza, que chaman Pedre”.

o documento está refrendado por Afonso I e é un título 'dotal' (scriptura dotis), requisito previo para fundar ou restaurar unha igrexa.

Yusuf é nomeado emir de al-Andalus, que ten que combater contra rivais nas mesmas portas de Córdoba.

a peste chega a Constantinopla por Monemvasia. Constantino V destrúe a flota árabe fronte a Chipre coa axuda das cidades italianas, poñendo fin á supremacía naval musulmá.

xuño, 9: revolución abásida: Abu Muslim Khorasani, lider militar que ten como símbolo un estandarte negro, inicia en Marv (Turcomenistán) unha revolta contra os umayyad. Ten ás súas ordes case 10000 homes.

agosto,15: abdica Carlomán, quizás inducido por Bonifacio, á súa vez influído por Pipino. Peregrina a Roma e profesa alí nun mosteiro, sendo tonsurado por Zacarías, e logo en Montecassino. Confía as tarefas de goberno ao seu fillo Drogón baixo a rexencia de Pipino. Griffon é liberado a petición de Carlomán.

Gao Xianzhi, un coreano ao servizo dos Tang, derrota os musulmáns e tibetanos con rápidas incursións militares a través do Pamir e o Hindu Kush. Arredor de 72 pequenos principados hindús e na Sogdiana fanse vasalos dos Tang.

Xuang Zong elimina a pena de morte en China.

746

Tegernsee, vista da abadía bieita dende o lago
en.wikipedia.org
xaneiro, 18: tremor de terra en Galilea, que destrúe Capharnaum.

Constantino V invade Syria aproveitando os enfrontamentos no califato e toma Germanikeia. Organiza o reasentamento de poboación cristiá en Thracia.

os alamanos volven a rebelarse e Pipino vólveos derrotar.

concilio de Cannstatt, onde Carlomán convoca os nobres alamanos, arresta a maioría e execútaos por traidores; isto supón o final da independencia do ducado, dende agora dirixido por condes e duques nomeados polos francos.

Ratchis codifica as leis lombardas, en latín.

morre Saelred de Essex, sendo sucedido por Swithred, neto de Sigeheard; coma os seus predecesores está sometido a Mercia.

batalla de Kafartuta: Marwan II derrota e mata a al-Dahhak ibn Qays al-Shaybani, lider dos khariitas, ao norte de Mesopotamia; os rebeldes que sobreviven refúxianse alén do Tigris.

Jayshikhari Chavda establece a dinastía Chayda en Gujarat.

o mosteiro bieito de Tegernsee comeza a elaborar a súa propia cervexa.

o sacerdote zoroastriano Bihafarid subleva Khorassan contra os musulmáns.

a peste cébase en Sicilia e o sur de Italia.

domingo, 13 de decembro de 2015

743

representación de Childerico III
www.datuopinion.com
febreiro, 6: Hisham ibn Abd al-Malik morre; sucédeo o seu fillo al-Walid II, que mete preso a Khalid al-Qasri, anterior gobernador de Iraq; faino torturar polas súas crenzas contrarias ao islam.

marzo, 1: concilium germanicum de Leptines: primeiro gran sínodo celebrado no leste dos territorios francos, organizado por Carlomán e presidido por Bonifacio, xa consolidado na súa posición de líder da igrexa franca. Son prohibidas as prácticas máxicas e astrolóxicas; institúese a precaria verbo regis, que regula a práctica da confiscación de bens eclesiásticos; condena de crenzas e cerimonias como a vince luna ('lúa, túa é a vitoria'): o clero apóiase no opúsculo natura rerum (Isidoro) para explicar 'cientificamente' os eclipses lunares, e debe loitar para que se asente a noción da muller como ser humano e non cósmico; precísase que algúns cren que 'as mulleres entréganse á lúa para facerse co corazón dos homes igual que facían os pagáns'. A muller segue a ser 'considerada' como misterio, ora benéfica ora maléfica, orixe de pracer e desgrazas, pureza terrorífica mais tamén impureza destrutiva.

marzo, 3: para lexitimar a súa posición Pipino saca dun mosteiro a Childerico III 'o estúpido', suposto 'fillo' de Chilperico II e faino rei.

abril, 1: Zacarías responde a Bonifacio, que se queixa do estado 'deplorable' dos cregos, que non coñecen o latín e viven en concubinato.

a poesía chinesa pasa por unha idade dourada; destacan Li Bo e Du Fu.

morre Teodomiro, o godo que inda conservaba a súa autonomía no SE de al-Andalus, sendo sucedido polo seu fillo Atanaxildo.

o sistema de anotación de Victorius de Aquitania inda funciona en Britannia, onde se elabora unha listaxe dos reis de East-Anglia, con dobre datación: a de Victorius e a de Dionisio.

primavera: Pipino e Carlomán atacan os eslavos, saxóns e alamanos baixo os duques bávaro Odilo e alamano Theudebald, que foxen logo de ser derrotados en Lech.

Aethelbald de Mercia e Ceolred de Wessex atacan xuntos os reinos britanos de Gwent e Powys.

nova revolta en Kufa.

verán: Artabasdos é novamente derrotado por Constantino V, agora recoñecido como basileus. O usurpador e o seu fillo Niketas son cegados en público e encerrados no mosteiro de Chora.

Constantino prosegue a súa política iconoclasta. Tamén reforma a 'Garda Imperial' e converte os efectivos en unidades de elite de cabalería e infantería chamadas tagmata; usa estas tropas en campañas contra unha rebelión interna no NO de Anatolia e para campañas ofensivas contra atacantes musulmáns e búlgaros.

xuño, 29: entrevista de Ticinum entre Zacarías e Liutprando, quen se ten beneficiado das disensións entre Roma e os bizantinos. Mais o bispo de Roma apoia, a petición do exarca, que o lombardo acorde unha paz co imperio.

Odilo de Baviera axuda a Boruth, knyaz dos carantanios, contra os ataques avaros. A cambio, Boruth acepta a súa soberanía e faise cristián.

Shōmu muda a lei da 'propiedade perpetua das terras de cultivo', o cal permite que aristócratas e cregos cultiven a terra: as novas terras chámanse shoin.

Pipino e Carlomán emprenden unha reforma eclesiástica reflectida nas 'capitularia': cada cidade debe posuír un bispo e todos os cregos da diocese deben prestarlle obediencia; monxes e monxas deben ter autorización para vivir fóra das súas congregacións; deben retornarse as posesións detraídas á Igrexa; os metropolitanos son restaurados nas súas funcións; os cregos deben acudir aos sínodos provinciais; os cregos fornicadores e os adúlteros deben cumprir penitencia.

martes, 8 de decembro de 2015

742

reconstrución de Chang'an
www.city-data.com
Liutprando segue ameazando Roma pero Zacarías pacta con el e ofrécelle a súa axuda contra os duques de Spoleto e Benevento.

a situación de Pipino en Neustria é precaria debido á súa orixe austrasiana.

marzo: Hunald I, duque de Aquitania e Vasconia, en rebeldía dende a morte de Carlos, é atacado por Pipino e Carlomán en Bourges; destrúen tamén o castelo de Loches. Hunald non se somete mais non é quen de evitar que arrasen o país.

derrotado Hunald, Pipino e Carlomán atacan e someten os alamanos, dirixidos polo duque Theudebald.

abril - maio: o gobernador de Exipto Handhala ben Safwan intervén no Maghreb contra os bérberes kharidjitas rebeldes e derrótaos en dúas batallas en al-Qarn e el-Asnam (Chlef en Alxeria) despois de ser atacada a propia Kairouan polos rebeldes.

maio: vitoria de Constantino V sobre Artabasdos, que se refuxia en Constantinopla.

agosto: tratado de Terni entre Zacarías e Liutprando, polo que o lombardo retorna posicións conquistadas en 739.

outubro, 1: Chrodegang, vello chanceler de Carlos Martelo, é nomeado bispo de Metz.

Teodato Ipato, dogo de Venecia, logo da morte de seu pai Orso, transfire a sé ducal de Eraclea a Malamocco.

os eslavos combaten os francos, aliados cos bávaros.

Trasamundo é desposuído por Liutprando e recluído nun mosteiro.

Xisulfo II, duque de Benevento.

Hisham permite ocupar a sé de Antioquía logo de corenta anos vacante; o elixido leva o nome de Estevo IV.

Abd al-Malik ibn Katan al-Fihri, wali de al-Andalus, suprime a rebelión bérber na rexión de Mértola.

Xuan Xong comeza a favorecer o taoísmo en detrimento do budismo, adoptando o título de tianbao ('tesouros celestiais'); o número total de homes alistados no exército medra ata medio millón debido ás reformas militares efectuadas.

o censo conservado para Chang'an e a súa área metropolitana de Jingzhou indica 362921 familias rexistradas cun total de 1960188 persoas.