Amosando publicacións coa etiqueta Chlodius. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Chlodius. Amosar todas as publicacións

xoves, 18 de outubro de 2012

447

imaxe onde Vortigern selaría un pacto con Hengest e Horsa
www.ict.griffith.edu.au
Calepius e Ardaburius, cónsules.

a ampliación das murallas terrestres en Constantinopla para duplicar a súa consistencia está finalizada. Antemius, prefecto do pretorio, tomara unha decisión que resultou ser crucial. Primeiro hai un foxo de case vinte metros de anchura e sete de fondo; logo un primeiro muro, non moi alto, preparado para protexer arqueiros; a continuación unha segunda muralla de oito metros de altura e unha terceira inda máis elevada cun cento de torres de vinte metros de alto sobresaíndo da muralla, cadradas ou poligonais; finalmente hai sete portas principais de acceso. Esta terceira muralla nunca será atravesada durante unha acción militar nos mil anos seguintes. En total o murus novus ten 7 kilómetros de lonxitude e 60 metros de ancho.

o muro principal erixiuse en pouco máis dun ano con técnicas tamén usadas para o Hipódromo: formigón revestido de diminutos manpostos de caliza, reforzados a diversas alturas por medio de verdugadas de ladrillo –duns 15/30 cms de altura cada unha–, con leitos de morteiro do mesmo espesor. As torres, excepto a que flanquea a Porta Dourada, xunto ao castelo das Sete Torres, e as que daban ao mar de Mármara, están adornadas con enormes bloques de mármore. Os pasadizos e esqueiras do interior das mesmas están cubertos con bóvedas de canón, feitas de ladrillos de canto; as cúpulas das cámaras están feitas con aneis concéntricos de ladrillos.

xaneiro, 27: tremor de terra en Constantinopla e os territorios circundantes. O pánico xeneralizado fai que moita xente abandone a cidade. Deterioro importante das murallas da cidade: 57 torres son case destruídas. A ameaza de pragas e fames esténdese pola cidade e Teodosio II ordena a Constantino, prefecto do pretorio do leste, que supervise as reparacións e, empregando as faccións do circo (demoi), o traballo faise en 60 días. Hai novas de grandes desperfectos noutras zonas próximas á cidade.

León I tamén toma partido polos inimigos de Agrestius de Lucus. A oportunidade que representara, para a igrexa occidental, de presentar un frente unido coa visita de Agrestius a Gallia en 441, queda en nada.

en Toletum un sínodo tamén condena as doutrinas priscilianistas. Tenta engadir a cuestión do filioque ao credo de Nicea pero a igrexa oriental rexeita tal proposta.

Atila invade territorio romano e derrota as tropas orientais na batalla do río Utus. Os ataques hunos alcanzan as Termópilas e saquean Serdica, obrigando ao praefectus praetorio a repregarse dende Sirmium ata Tesalónica. As tropas romanas fan o que poden para hostigar a retagarda huna e así dar tempo a reparar as quebradas defensas de Constantinopla.

Valamiro, fillo de Vandalarius, xefe dos ostrogodos en Pannonia e os xépidos de Ardarico, entre outros, actúan baixo as directrices de Atila.

morre Chlodius e accede o seu fillo Meroveo á xefatura dos francos salios. Probablemente a maioría da información sobre este xefe é pura lenda para glorificar a posteriori aos reis “merovinxios”. Asenta o seu continxente nas proximidades do río Merwede, parte do delta Rhin-Meuse-Scheldt.

Maioriano segue defendendo Tours contra a bacauda. Participa baixo as ordes de Aetius en ataques aos francos na proximidade de vicus Helena (na rexión do Artois). Ao servizo de Aetius tamén se atopan xa o suevo Ricimer e o galo Aegidius.

Ricimero é ariano, fillo dun príncipe da casa real sueva (quizás Hermengario) e dunha filla de Walia. Pasara a xuventude na corte Valentiniano III, onde foi adquirindo rango ao servizo de Aetius.

procedentes de Xutlandia e norte da actual Alemaña os xutos, anglos e saxóns atacan Britannia en proporcións cada vez maiores. As lendas envolven os feitos: un caudillo britano chamado Vortigern, incapaz de resistir por si os inimigos do norte pide axuda aos xutos, gobernados por dous irmáns, Hengest e Horsa (dise que estes nomes significan "semental" e "cabalo", polo que non sería raro que toda a historia sexa ficticia).

pero cedo xorden disensións na alianza entre os britanos dirixidos por Vortigern e os mercenarios (Vortigern concedéralles a illa de Thanet, Kent): estes fundan os seus propios dominios e rexeitan a autoridade britana que os trouxera á illa para facer frente aos pictos e irlandeses.


unha versión dos feitos conta que Vortigern casa con Rowena, a filla de Hengest, pero durante a festa posterior á voda emborrachan os britanos, matan a Vortigern e fanse co mando. É posible que os xutos foran realmente chamados polos britanos, pero tamén poderían ter inventado a historia para lexitimar a invasión. Logo do primeiro asentamento xuto, os anglos non tardan en asentarse ao norte do Támesis, mentres que os saxóns ocupan a parte sur da illa, rodeando os xutos. Grupos de britanos foxen e aséntanse en Gallia.

outra versión dos feito conta que Vortimer se rebela contra seu pai Vortigern e “usurpa” o seu título e autoridade provisionalmente; quizás en desacordo coas alianzas paternas.

os hunos parecen imparables en todas partes: penetran no imperio persa por Sogdiana, chegan a India e fan incursións no imperio gupta. as fontes indias falan dun rei huno chamado Toramana


Xermanus volve a Britannia con Severus de Treves co propósito de combater o pelaxianismo e apoiar os britanos contra pictos e saxóns na batalla de “Alleluia”. Expulsa os irlandeses de Powys (Gales).

inverno: Teodosio II decide cambiar de estratexia en relación á cuestión huna (pasa da agresividade ao esforzos por pacificar a situación) e destitúe a Aspar e Aerobindus.

morre Aerobindus (magister militum).

decembro, 23: eclipse total de sol (constancia escrita en fontes hispanas e galas).

os annales cambriae comezan cunha referencia a este ano. Narran os acontecementos en Gales ata o ano 954.

venres, 5 de outubro de 2012

445

representación de Leon I, bispo de Roma

Valentiniano III e Nonus, cónsules.

Petronio Máximo nomeado patricius. Vai adquirindo poder e convértese en rival de Aetius.

León I busca estender a súa autoridade a Hispania e Gallia. Emite escritos contradicindo a autoridade de Hilario de Arelate, que semella controlar a igrexa gala.

Hydacio e Toribio tratan de erradicar os maniqueos en Asturica, xulgándoos e informando a Antoninus de Emerita. Toribio escribe a León I pedindo consello.

Hydacio nunca menciona o bispo de Bracara, sé metropolitana de Callaecia. Debe haber unha causa política: ou interferencia e colaboración sueva co bispo ou hostilidade de Hydacio cara el.

Chlodio amplía o seu territorio dende Toxandria ata o Somme. É derrotado por Aetius, que acorda un tratado con el.

Bleda morre nun accidente de caza, quizás instigado por Atila, que se converte no único rei dos hunos. Bleda, ao parecer exercía unha influencia moderadora sobre Atila. Verdade ou mentira, Atila inicia movementos máis agresivos.

edicto de Valentiniano III confirmando o primado de Roma sobre occidente (Italia, sur de Gallia, Hispania, norte de Africa, Britannia). Os bispos de Roma, en canto sucesores do apóstolo Pedro, son vicarius christi, quedándolles reservada a máis alta xurisdición, a administración suprema e o sumo maxisterio.

en Narendrasena (India) o rei Vakatak inicia o seu mandato. Sepárase do imperio Gupta e logra expulsar os invasores Nala, matando a Arthapati, o seu rei, e apoderándose do seu territorio (Mekala). Ocupa a Malwa.

Flavio Orestes, un aristócrata de Savia ofrece os seus servizos a Atila e instálase na corte coa súa dona, filla do dux de Noricum, Romulus. Faise o máis influínte dos catro secretarios romanos que ten Atila.

xuño, 19: outro edicto de Valentiniano III condena os maniqueos.

Domnus II, patriarca de Antioquía, convoca un sínodo de bispos sirios para confirmar a deposición de Athanasius de Perrha.

aumento da actividade da bacauda no tractus armoricanus.

sábado, 11 de agosto de 2012

431

representación das sesións do
Concilio de Éfeso

Bassus e Antiochus, cónsules.

Flavius Aetius loita en Rhaetia e Noricum. Hai testemuña da súa presenza en Vindelicia (Augsburg), restablecendo o control romano na liña do Danubio.

Aetius empurra os francos salios alén do Somme. Chlodius asina un tratado de paz e convértese en foederati do imperio.

marzo, 11: K’uk‘ B’ahlam I comeza o seu reinado en Palenque..

fame en Constantinopla: os ánimos están tan exaltados que o propio Teodosio II recibe pedradas nunha revolta popular.

xuño, 7 (ata xullo, 31) concilio de Éfeso, convocado por Teodosio II e presidido polo comes Candidiano, representante imperial: Cirilo de Alexandría, inda que Candidiano insiste en esperar para esperar a chegada de Xoán de Antioquía, probable apoio de Nestorio, abre as sesións. Nestorio boicotea o sínodo.

xuño, 22: Nestorio é condenado en ausencia. Cando chega Xoán propón outro sínodo que se celebra baixo a presidencia de Candidiano e que condena tanto a Cirilo coma ao seu aliado Memnon de Éfeso. Pulcheria apoia a Cirilo.

xullo, 11: chegan os legados de Roma e declaran válida a primeira decisión, cun amplo respaldo; porén, a arrogancia de Cirilo ao desprezar a decisión adoptada polo segundo sínodo, coa asistencia do representante imperial, provocan que Teodosio II o depoña oficialmente, feito que Cirilo non acepta e ignora.

coma consecuencia do concilio de Éfeso moitos nestorianos refúxianse en Persia e non recoñecen a autoridade de Constantinopla

xullo-agosto: logo de 14 meses de asedio, vencida por fame e enfermidades, os vándalos entran en Hippo Regius. Unha flota comandada polo magister militum oriental Aspar desembarca en Africa para apoiar a Bonifacio. Porén, os romanos son duramente derrotados e retíranse a Carthago. Flavio Marciano, futuro emperador, é capturado durante os combates e negóciase un tratado de paz que mantén a autoridade imperial en Carthago. Bonifacio é chamado por Gala Placidia, que precisa apoio contra Aetius.

unha lei regula a extensión que podía reclamar un santuario eclesiástico: ía alén da propia igrexa e incluía “as primeiras portas logo dos lugares públicos”. Isto confirmaría que, por exemplo en referencia a Xerusalem, o recinto debe ser visto como un complexo único sen distinción dos diferentes tipos de edificios: casas, xardín, pórticos, baños, … - os requisitos dun viaxeiro mediterráneo; proveer isto era unha obriga do bispo, e debeu influír no carácter dos edificios incluídos en complexos con afluencia de visitantes ou peregrinos.

unha flota procedente do reino de Shampa ataca o sur de China.

morre Paulino de Nola, que nacera nunha familia aristócrata de Aquitania.

outubro, 25: Maximiano, novo patriarca de Constantinopla, logo da defenestración de Nestorio e o rexeitamento das súas teses. Nestorio é exiliado ao seu mosteiro de Euprepios, próximo a Antioquía.

outubro, 30: Cirilo é recibido en Alexandría coma un heroe pola súa participación en Efeso. A cidade considérase capital da cristiandade.

Hydacio encabeza unha legación diplomática de galaico-romanos que visita a Aetius en Galia para solicitar axuda contra os suevos. O protagonismo de Hydacio, bispo, sinala unha muda de tendencia. A xerarquía eclesiástica xa ten un papel importante en representación da sociedade. Un terceiro poder que compite co estatal romano (en decadencia progresiva) e co militar xermánico (en ascenso progresivo).

ata 460 Hydacio, que mostra un especial interese pola cuestión, rexistra un enorme número de embaixadas, dende e cara Callaecia: godas, imperiais e “romanas” en xeral, para tratar asuntos cos dirixentes suevos.

este tipo de diplomacia era común na época e mantiña o funcionamento da maquinaria administrativa: existía comunicación entre as rexións do imperio e co centro imperial. Os diversos grupos de poder, suevos e godos, imperiais e provinciais, sabían máis ou menos o que facía o resto. O que cambia a respecto do pasado é que os grupos provinciais ou “bárbaros” eran agora capaces, cada vez máis, de enfrontar as autoridades imperiais. Inda que sen dúbida eran moi importantes a nivel local, non o eran tanto como para ser mencionadas na maioría das fontes históricas que no teñen chegado.

a estrutura na que as embaixadas se producen, porén, é a mesma que no pasado. Ao adaptarse a ela, tanto godos coma suevos, expresan a súa intención de vivir no imperio. As embaixadas que describe Hydacio, polo tanto, non son símbolos da decadencia da autoridade romana.

Próspero de Aquitania está en Roma para entrevistarse con Celestino I en relación ás ensinanzas de Agostiño.

instálase unha estatua do senador Virius Nicomachus Flavianus no foro Traxano en Roma. Na súa base inscríbese unha carta imperial que rehabilitaba a reputación do senador. Flavianus suicidárase logo da deposición de Euxenio, a quen apoiara (algúns afirman que fora decisivo), en 394. Como consecuencia o senador sufrira damnatio memoriae. Ao facer fincapé nalgúns aspectos da súa peripecia e ignorar outros, a inscrición representa a renegociación dun episodio comprometido do recente pasado do Senado.

Proclus, famoso filósofo neoplatónico, comeza estudos na Academia de Atenas con Plutarco de Atenas, Syrianus e AsclepixeniaProclus era de familia aristocrática procedente de Lycia e criado en Xanthus. Seu pai, Patricius, fora un importante xurista na corte oriental. Estudou retórica, filosofía e matemáticas en Alexandría coa intención de seguir os pasos de seu pai. Antes de finalizar regresou a Constantinopla por causa da decisión de Leonas, o seu principal instrutor de atender asuntos na capital. Fíxose avogado de éxito inda que se decatou de que prefería a especulación filosófica. Por iso volveu a Alexandría para estudar Aristóteles baixo Olympiodorus o Vello e matemáticas baixo un tal Heron.

martes, 31 de xullo de 2012

428

moeda vándala acuñada durante Gaiserico

Flavius Felix e Flavius Taurus, cónsules. Consérvase unha peza dos dípticos consulares de Felix.

Bahram V conquista a Armenia persa e depón a Artaxias IV (fin da dinastía Arshakuni): o territorio convértese nunha simple provincia do imperio sasánida.

os vándalos volven controlar Hispalis (xa o fixeran en 425). A importancia da igrexa explica os frecuentes ataques que sofren as súas posesións (Hydacio menciona o ataque en Hispalis). Gunderico (49 anos) morre en Hispalis e sucédeo Gaiserico, medio-irmán, ao fronte de vándalos e alanos. Un exército romano ataca os vándalos pero é derrotado.

salvo en Callaecia e Baetica non semella haber presenza bárbara. Incluso en Baetica os vándalos non reteñen o control das cidades logo de saquealas, e en Callaecia é probable que os romanos seguen dominando moitas posicións.

Chlodius, (fillo de Pharamond?), caudillo dos francos salios. Invade Gallia e derrota un exército romano en torno a Cambrai. Estende a súa autoridade ata o Somme e fai de Tournai a súa residencia. Recibe o recoñecemento de Valentiniano III.

abril, 10: Nestorio (de orixe siria), patriarca de Constantinopla. Predica unha nova doutrina (nestorianismo) que distingue as naturezas humana e divina de Xesús.

salvo os arianos (cada vez máis illados), xa non se dúbida que Cristo tiña tanto unha natureza divina coma unha natureza humana. Sen embargo, Nestorio pensou como se relacionaban entre si ambas naturezas. Concluíu que eran independentes, de xeito que María era nai da parte humana de Xesús, pero non da parte divina. Así, Cristo era un ser humano no que enraizara unha natureza divina, da cal era instrumento.

estas teorías non gustan a Pulcheria, que atopa apoio en Cirilo, patriarca de Alexandría (calquera motivo era bo para contradicir o Patriarca de Constantinopla, especialmente se se contaba co apoio do emperador). Cirilo consegue que Celestino I lle autorice a depor a Nestorio da sede patriarcal. A demora de Cirilo en cumprir o autorizado por Roma, facilita as manobras de Nestorio, que impulsa a Teodosio II a convocar os bispos de oriente a un concilio en Éfeso.

Xoán sucede a Theodotus coma patriarca de Antioquía, e apoia a Nestorio.

Euthymius o grande funda un mosteiro en Palestina, próximo ao Mar Morto.

Bonifacio busca o apoio vándalo para defenderse contra Ravenna.

Vortigern busca apoio de mercenarios saxóns para consolidar a súa autoridade en Britannia (historia brittonum): probablemente se asentan en Kent para loitar contra pictos e escotos alén do muro de Adriano.

outubro, 26: Venus oculta Xúpiter.

novembro, 22: prédica de Anastios, capelán de Nestorio, que nega a María a condición de theotokos (nai de deus); só sería christotokos (nai de Cristo).

Agostiño defende publicamente a ortodoxia en contra do arianismo, defendido por Maximino.

Aetius vence un grupo de francos ripuarios, obrigándoo a volver cruzar o Rhin.