Amosando publicacións coa etiqueta Clotario II. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Clotario II. Amosar todas as publicacións

sábado, 1 de novembro de 2014

629

Heraclio recibindo embaixadores
www.elapasionado.com
febreiro, 2: Jomei, 34º emperador de Xapón, en sucesión de Suiko, tía avoa súa.

febreiro: umra (peregrinación) dos musulmáns á Meca, logo do ‘pacto de al-Hodaibijah’. Muhammad toca a ‘pedra negra’ e fai o tawaf, as sete voltas arredor de rigor.

Heraclio pacta con Sharhbaraz apoio para conseguir o trono persa.

marzo, 21: Heraclio autotitúlase ‘basileus’ e non ‘augustus’ nunha novella publicada en Constantinopla.

tratado de paz entre Bizancio e Persia, que debe devolver todos os territorios conquistados.

abril, 27: Ardashir III (nove anos) é asasinado. Shahrbaraz usurpa o trono.

Chorpan Tarkhan, xeneral dos jázaros, invade e devasta Armenia, derrotando unha forza de cabalería de 10000 homes enviados por Shahrbaraz para repeler a invasión.

verán: Muhammand consegue unificar as tribos nómades da península Arábiga, convérteos ao islam e prepara expedicións contra os xudeus.

xuño: acordos de Arabissos entre Heraclio e Shahrbaraz. Bizancio recupera os seus territorios. Logo de vinte anos de guerra Persia está totalmente desorganizada e o seu poder político quebrado. A guerra civil ábrese paso.

xuño, 9: Shahrbaraz é asasinado por unha conxura nobiliaria. Sucédeo a raíña Borandukht, irmá de Cosroes II. En parte do reino tamén exerce a súa autoridade o sasánida Cosroes III, e tras el Hormizdas V.

agosto: Xuanzang, monxe budista e cronista chinés, parte cara India desde a capital Tang, Chang’an, como peregrino. Atravesa Pamir en busca dos textos sagrados budistas. A súa historia é testemuña de que os reinos da conca do Tarim está plenamente influenciados polo budismo.

inicio do reinado de Songtsen Gampo, unificador de Tibet.

desbórdanse o Éufrates e o Tigris e os diques resultan afectados. Sumer resulta inundado.

batalla de Khaybar: Muhammad e os seus seguidores derrotan os xudeus no oasis fortificado de Khaybar, a 150 kms de distancia de Madinat.

batalla de Mu’tah: Muhammad fracasa no intento de apropiarse de terras ao este do Xordán, cerca de Mu’tah (mar Morto), é derrotado polos ghassánidas.

setembro: os bizantinos ocupan Xerusalem logo de quince anos ocupada polos persas. Iníciase unha ‘idade de ouro’ para Bizancio

setembro, 15: Heraclio entra triunfalmente en Constantinopla levando en persoa a ‘vera cruz’ e recíbeo o seu fillo Constantino III Heraclio.

outubro, 18: morre Clotario II. O seu fillo Cariberto II, presente en París, intenta apoderarse do trono co apoio de seu tío paterno Rodulfo. Dagoberto I reúne un exército en Austrasia e faise recoñecer rei en Soissons polos nobres e bispos de Borgoña e pola maioría de Neustria. Cariberto II recibe finalmente o título de rei de Aquitania.

Dagoberto establece capital en París aconsellado por Arnulfo de Metz e Pipino de Landen, mordomo de palacio. Cariberto II establécese en Tolosa.

os períodos de rexencia e o deterioro das comunicacións causan unha maior autonomía dos señores francos, que imparten xustiza baixo os seus criterios e incluso non pagan impostos. Gran parte da poboación prefire esta descentralización xa que os señores locais tenden a protexer os seus servos e procúralles un relativo benestar para mellorar as súas propias rendas, mentres un señor débil ao servizo do rei acostuma a esquilmar os súbditos obedecendo as esixencias dun monarca que non está no lugar para saber se esixe o debido ou non. O fenómeno é máis agudo en Austrasia, onde nunca tiveran peso o xeito de goberno romano e a igrexa e por ende a estrutura social está máis xermanizada.

Dagoberto I proponse frear o proceso de descentralización. Viaxa a Neustria e Borgoña (Langres, Dijon, Losne, Chalon, Autun, Auxerre e Sens), os seus novos dominios, para impartir xustiza, recuperar bens anexados por predecesores e trata de reavivar o extinto comercio mediante unha feira anual en Saint Dennis. Tenta restablecer a orde e asegurar as fronteiras e ordena que os xudeus se bauticen ou se exilien.

Heraclio ordena a construción de Nikopolis en Moesia, na ribeira do Danubio para tentar recuperar o control dos Balcáns contra os eslavos.

Eochaid I morre e sucédeo Connad Cerr en Dál Riata, que morre tres meses despois na batalla de Fid Eoin, derrotado por Dál nAraidi, soberano de Cruthin (Hibernia), sendo sucedido por seu irmán Domnall Brecc.

Tical funda a cidade ‘Dos Pilas’ baixo Balaj Chan K’awill (4 anos), irmán do rei. A intención é controlar os fluxos comerciais na zona.

Dido, bispo de Poitiers.

Arnulfo de Metz retírase ao mosteiro de Remiremont.

Taizong lanza unha campaña contra o khaganato turco oriental.

Muhammad coñece a al-Khansa, poetisa árabe, e convértea ao islam.

xoves, 30 de outubro de 2014

627

batalla de Nínive
Piero della Francesca, s. XV
es.wikipedia.org
primavera: Heraclio atravesa o sur de Armenia con 50000 homes e captura a maioría das fortalezas perdidas dez ou quince anos antes.

Shahrbaraz e o seu exército, inda en Anatolia, están completamente illados. Ao ter novas de que Cosroes II (cartas que lle mostran axentes bizantinos), descontento co seu fracaso á hora de capturar Constantinopla, planea executalo, negocia a súa rendición con Heraclio, pero rexeita unirse aos bizantinos.

marzo, 31 (ata abril, 15): os musulmáns continúan os seus ataques desde Madinat ata que os mecanos asedian a cidade coa intención de rematar con Muhammad e os seus seguidores. Pero os defensores usan un sistema defensivo de foxos e terrapléns, de inspiración persa, que frustra o ataque; é a chamada 'batalla dos foxos', onde os mecanos dirixidos por Abu Sufyan ibn Harb son derrotados.

abril, 20-22: Muhammad asedia e vence a tribo xudía Banu Quraiza; executa os homes e vende mulleres e nenos como escravos. Logo marcha á Meca cun gran continxente militar e obriga os mecanos a pactar unha tregua de dez anos.

constitución de Madinat: Muhammad crea unha confederacións de seguidores do Islam en a Meca e outros oito clans árabes da península Arábiga.

o rei de Wessex tenta matar a Edwin de Northumbria durante unha embaixada pero un servo interpón o seu corpo entre o rei e o asasino. Paullinus aproveita para dicir que o deus cristián salva a vida do rei para protexer a raíña. Edwin non da moito creto a isto pero afirma que se derrotan a Wessex e volve san e salvo si crerá estar protexido polo deus dos cristiáns e se bautizará.

abril, 12: Edwin vence a Wessex, Paullinus constrúe unha igrexa de madeira nos antigos cuarteis romanos de Eboracum e bautiza a Edwin de Northumbria como o primeiro rei cristián do norte de Britannia. Honorio I nomea a Paullinus bispo de York, que rivaliza con Canterbury.

Edwin é agora o rei máis poderoso de Britannia e goberna o territorio máis extenso. No extremo norte levanta un castelo para dirixir a loita contra os escotos, a ‘cidade de Edwin’; é dicir, Edinburgh.

maio, 26: na asemblea de Clichy, que reúne os notables de Neustria e Borgoña, Aegina, nobre saxón do Bessin, fai asasinar a Erminarius, mordomo de palacio de Cariberto II, segundo fillo de Clotario II. Para evitar ulteriores problemas, Clotario ordena que Aegina se retire a Montmartre. Cariberto e o seu tío Brodulfo, sen embargo, prepáranse para atacar a Aegina.

Cuniberto, sucesor de Remedius como bispo de Colonia, que impulsará o monaquismo en Austrasia.

Honorius sucede a Justus como arcebispo de Canterbury.

sínodo de Macon, que recoñece a regra de Columba.

o emperador chino morre e é sucedido polo seu fillo Li Shimin, (logo Taizong). O sur cobra gran importancia económica e cultural, florece o comercio, especialmente o do té, desenvólvese o uso da moeda e os impostos deixan de cobrarse en especie. Os comerciantes crean bancos e comeza a usarse unha especie de letra de cambio.

os turcos e os jázaros (40000 homes) acércanse ás ‘portas do Caspio’ e capturan a fortaleza persa de Derbent (o actual Dagestán).

Heraclio marcha cara o alto Tigris e invade o corazón de Persia deixando que Tong Yabghu Qaghan continúe o asedio de Tbilisi.

Berthoaldo, duque saxón, ataca Austrasia. Dagoberto I intervén pero é derrotado sobre o Wesser. Apela a Clotario II, que derrota e mata a Berthoaldo, e logo masacra os saxóns.

durante unha peregrinación a Roma, Amando, orixinario de Aquitania, ‘recibe a revelación da súa vocación apostólica dunha visión de Pedro’.

verán: o khan dos turco Yabghu atravesa o paso de Derbent cun exército e únese a Heraclio. Asedian Tbilisi. Heraclio promételle a súa filla Eudocia e acompañado de 40000 turcos e jázaros marcha cara Mesopotamia.

outubro, 9: Heraclio entre no val do gran Zab.

decembro, 1: as tropas de Heraclio cruzan o gran Zab.

decembro, 12: Heraclio finxe retirarse e desencadéase unha batalla cerca das ruínas de Nínive que se prolonga ata a posta de sol. Inda que ferido, Heraclio rexeita abandonar o campo de batalla e nunha carga de cabalería final mata el mesmo o xeneral persa Rhazates.

Heraclio avanza e devasta o territorio, como fixeran os persas no seu avance.

logo diríxese cara o NE, a Albania do Cáucaso para que descanse o exército. Cosroes II foxe ás montañas de Susiana para xuntar apoios na defensa da capital, Ctesiphonte.

decembro, 23: Heraclio está en Kirkouk. Logo de Nadal volverá cara Ctesiphonte para capturar a Cosroes II.

Eorpwald de East Anglia é asasinado e sucedido por Ricberht, membro da elite do reino, que restablece o paganismo.

os karlukos rebélanse contra os turcos.

fundación do convento de Debra-Egziabehèr no lago Haik, en l’Amhara (Etiopía).

xoves, 23 de outubro de 2014

626

sección das murallas de Constantinopla
elocasodebizancio.blogspot.com
os arianos logran envelenar a Adaloaldo, demente, e elixen rei a Ariwaldo, cuñado seu, que encerra a muller de Adaloaldo nun mosteiro acusándoa de tramar contra el xunto con Grasfulfo II de Friuli.

Ariwaldo fixa a corte en Ticinum e reorganiza a administración seguindo o exemplo bizantino.

o duque alamano Berohartus publica o ‘pactus alemannorum’, o primeiro código lexislativo alamano, coa pretensión de conter os feudos frecuentes entre a poboación.

Edwin de Northumbria derrota a Cynegils, rei de Wessex, que tentara quebrar a súa crecente fortaleza asasinándoo e obrígao a recoñecer a súa autoridade.

abril, 19: Eanflaed, filla de Edwin, nace na residencia real onde o río Derwent. Paullinus bautízaa.

abril, 20 (Pascua): Edwin de Northumbria escapa a un atentado e promete converterse ao cristianismo, cousa que se decide nunha asemblea de nobres (witan) reunida en Goodmanham.

Edwin invade a illa de Man e logo Anglesey. Cadawallon, o rei, é derrotado en batalla e asediado na illa Puffin.

maio, 14-15: motíns de soldados da garda imperial (scholae) en Constantinopla, furiosos pola supresión das distribucións de annona e o aumento do prezo do pan. O patriarca cálmaos sacrificando o tesoureiro Xoán Seismos.

xullo, 2: Li Shimin viaxa a Chang’an para despedir a seu irmán Li Yuanji, cunha encomenda militar contra os turcos orientais. Li ten noticia de que o queren matar e toma a entrada norte ao palacio imperial con varios fieis, tende unha emboscada e elimina os seus irmáns Li Yuanji e Ji Jiancheng, que están detrás do atentado, celosos do seu poder.

xullo, 29 (ata agosto, 7): Cosroes II acorda unha alianza cos avaros, que cruzan o Danubio e chegan a Constantinopla (arredor de 80000 homes, incluídos grandes continxentes de eslavos, búlgaros e outros ‘bárbaros’), atacando as murallas da cidade. Un pequeno continxente persa chega ao Bósforo. Úsanse as máquinas de asedio máis potentes e modernas, moitas delas cubertas con peles para protexelas dos defensores.

a defensa da cidade (12000 homes ben adestrados) está en mans de Serxio I e Bonus, magister militum.

xullo, 31: os avaros e os persas lanzan un ataque que cubre a totalidade dos ‘muros de Teodosio’ (uns 5,7 kms) concentrando esforzos na parte central, particularmente o mesoteichion, de menos altura. Logo de duros combates de infantería nos propios muros os bizantinos repelen moitos asaltos á cidade. Heraclio ordena a seu irmán Theodoro tratar de distraer os persas no O de Anatolia mentres el volve ao seu propio exército en Pontus.

agosto, 7: nas augas do ‘Corno de Ouro’ a flota persa é destruída mentres transporta reforzos. Os avaros, logo de sufrir terribles perdas e quedar sen comida e subministracións, queiman as súas propias máquinas de asedio e abandonan o sitio e retroceden aos Balcáns. Os bizantinos logran unha gran vitoria, decisiva, en Blaquernae ‘baixo a protección’ da Virxe María.

Heraclio, con menos de 30000 homes está á defensiva en Pontus. Simula deixar un continxente poderoso en Trapezus e retírase en dirección NE ao longo do Mar Negro ata Colchis, onde contén os persas mediante unha combinación de ataques e repregues ao longo do río Phasis.

Cosroes II planea un ataque definitivo contra Constantinopla, volve a Anatolia con dous exércitos – quizás máis de 50000 homes cada un, e un posiblemente mandado por el mesmo. Un debe conter a Heraclio en Pontus e outro baixo Shahin Vahmanzadegan é derrotado por Theodoro.

Heraclio convida os croatas, eslavos procedentes de Galitzia, Silesia e Bohemia a asentarse en Illyricum; dánselles terras entre o Drave e o Adriático para así facer contrapeso fronte ós avaros. Aos serbios permíteselles trasladarse desde as súas terras ao norte dos Cárpatos aos territorios ao leste dos croatas. Heraclio solicita a Honorio I que envíe misioneiros a ambos grupos.

Heraclio alíase con Tong Yabghu Qaghan, khagan dos turcos occidentais, para unha invasión conxunta contra os persas na primavera seguintes. Promete a súa filla Eudoxia Epiphania (15 anos) en matrimonio ao khagan e envíaa cunha forte escolta e numerosos agasallos.

Heraclio recupera Anatolia e Exipto para o imperio, e logo ataca directamente Mesopotamia previa alianza cos jázaros, nómades ao N do mar Negro e descendentes dos hunos desprazados polos turcos desde as fronteiras orientais de Persia.

os jázaros atacan os avaros.

os monxes de san Xurxo de Cyzicus, con eles Máximo Confesor, foxen cara o sur lonxe do exército persa e a devastación que está a causar.

Romanus, bispo de Rouen como sucesor de Hidulfo.

sínodo de Clichy: regulación da división de poder entre os reis merovinxios.

Godinus, fillo do mordomo Warnachar casa coa súa sogra Bertha, a raíz do que Clotario II inicia contra el preparativos militares. Godinus foxe con Bertha onde Dagoberto I pero Clotario atrápaos e mátao a el en Chartres.

Dagoberto I constrúe unha abadía (futura saint Denis) sobre a tumba de Dionysius.

setembro, 4: Gaozu abdica en Li Shimin, que reina co nome de Tang Taizong.

setembro, 23: os turcos orientais asedian Chang’an. Taizong sae da cidade á cabeza das súas tropas e proponlle un combate singular, á maneira das guerras da estepa. A paz asínase ao día seguinte.

Clotario II reúne en Troyes os grandes de Borgoña, que rexeitan nomear un novo mordomo de palacio.

625

Edwin de Northumbria
es.wikipedia.org
morre Teodelinda, nai de Adaloaldo, seriamente ameazado pola oposición ariana.

marzo, 19: os habitantes de a Meca, alarmados polas expedicións musulmás, contraatacan e derrotan os homes de Muhammad en Uhud.

Edwin de Northumbria casa con Ethelberga, filla do defunto Ethelbert de Kent, o que aumenta considerablemente o seu prestixio entre os anglos. Ela é cristiá e ten como conselleiro a Paullinus, un ancián que chegara a Britannia con Agostiño de Canterbury. Ambos propóñense converter a Edwin.

xullo, 21: Edwin de Northumbria, os reis de Kent, de East Anglia e de Wessex abrazan a causa papal en contra dos monxes escoceses e crean o arcebispado de York. Paullinus é consagrado arcebispo de York por Justus de Canterbury.

agosto: expulsión da tribo xudía dos Banu Nadir, que se refuxia no oasis de Khaybar, a 100 kms ao norte.

outubro, 25: morre Bonifacio V.

os escritores teñen agora vez unha conciencia estritamente ‘nacional’, en vista da debilidade progresiva do Imperio; pódese ser cristián sen ser romano. Os reis tampouco se ven coma irmáns e son apoiados sen problemas pola igrexa ‘nacional’ contra outros.

os bizantinos dominan as Baleares; ou as illas quizás gozan de semi-independencia. Ata a caída de Carthago estarán baixo un tribunus que depende de Cerdeña.

o único que queda en mans bizantinas nos Balcáns son castella illados e as cidades de Constantinopla e Thessalonica.

novembro, 3: Honorio I, novo bispo de Roma.

sínodo en Reims: trátanse cuestións relativas á alienación de bens eclesiásticos, á escravitude e ao dereito de asilo nas igrexas.

Heraclio marcha coas súas forzas cara o oeste a través das montañas de Corduene. En menos de sete días pasa o monte Ararat e captura, ao longo do río Arsanias, as fortalezas estratéxicas de Amida e Martyropolis no alto Tigris. O exército persa no norte de Mesopotamia retírase cara o oeste a través do Éufrates. Heraclio segue ata Cilicia, portando un gran botín.

batalla de Sarus: Heraclio cruza vitorioso o río e as forzas de Shahrbaraz, con moitos reforzos, son derrotadas cerca de Adana. Heraclio recupera Capadocia e Pontus e retorna a Trapezus para pasar o inverno. Shahrbaraz retrocede con orden e é capaz de seguir avanzando a través de Anatolia cara Constantinopla.

morre Cadfan de Gwynedd e é soterrado en Llangadwaladr, once inda se pode ver o seu memorial. Sucédeo o seu fillo Cadwallon.

Judicael ap Hoel, rei de Domnonée (norte de Britannia).

Pulakesi II de Chalukya recibe unha embaixada persa en Badami.

Dagoberto I casa con Gomatrude en Clichy. Dous días despois, apoiado polos bispos e nobres reclama a seu pai Clotario II unha asemblea do reino de Austrasia. Clotario cede a rexión ao oeste dos Vosgos e das Ardenas, mais conserva as zonas austrasianas de Aquitania e Provenza.

martes, 21 de outubro de 2014

623

Dagoberto I
marzo, 25-27: Heraclio sae de Constantinopla, onde deixa a Constantino III Heraclio e Bonus coa encomenda de defender a capital contra os persas inda en Chalcedonia. Pasa por Nicomedia, onde celebra a pascua cos seus fillos e a súa muller Martina. Logo da pascua, acompañado da emperatriz, desembarca en Trebisonda para invadir Armenia. Leva consigo 5000 homes de reforzo para unirse ás tropas en Trapezus, recruta máis tropas en Pontus e atravesa as montañas de Armenia e as rexións do Cáucaso.

abril, 7 (entre … e xaneiro, 20): baixo a presión da nobreza franca Clotario II nomea a Dagoberto I (20 anos) rei de Austrasia, mentres el se reserva Neustria e Borgoña, inda que conserva a rexión ao oeste das Ardenas e dos Vosgos e as partes de Aquitania baixo mando austrasiano. Dagoberto I é posto baixo a tutela de Arnulfo de Metz.

abril, 20: Heraclio penetra en Media Atropatena.

algúns grupos eslavos alcanzan as illas gregas, Creta entre elas.

codifícase, con autorización de Clotario II as leis dos francos do Rhenus (lex ribuaria) e dos alamanos (pactus legis alamannorum).

c., Isidoro publica as etimoloxías.

Samo, un comerciante franco, acaudilla tribos eslavas que se rebelan contra os avaros e funda un reino eslavo occidental no territorio da actual república Checa.

batalla de Gansu: os exércitos da dinastía Tang derrotan o reino Tuyuhun; segundo a tradición coa axuda dunha danza exótica.

Muhammad fai preparativos militares contras os mecanos e casa con Aischa bint Abi Bakr.

xuño, 21: vitoria de Heraclio sobre os persas en Ganzak. Cosroes II fuxe do país, que é arrasado por mercenarios isauros. Heraclio retírase con 50000 prisioneiros para invernar sobre o Koura, no Cáucaso, onde recruta tropas entre os cristiáns de Armenia e o Cáucaso.

a comunidade xudía en Madinat rexeita a Muhammad como líder xudeu. El e os seus seguidores deixan de mirar a Xerusalem durante as súas oracións e comezan a facelo cara a Kaaba. Muhammand abandona a celebración do ‘sabbath’.

622

Muhammad cando era novo
abril, 5: Heraclio sae de Constantinopla ao mando da flota imperial e cunha forza expedicionaria de quizás 50000 efectivos para iniciar unha ofensiva contra os persas. O seu fillo, Constantino III Heraclio, queda como rexente, baixo a protección de Serxio I, o patriarca, e o patricius Bonus. Poucos días despois desembarca entre Cilicia e Syria, cerca de Alexandreta e a antiga Issos.

batalla de Issos: os persas, dirixidos por Shahrbaraz, atópanse en Capadocia. Heraclio derrótaos e recupera Anatolia pero regresa a Constantinopla para ocuparse dos avaros, quedando o exército nos cuarteis de inverno en Pontus.

os turcos occidentais conquistan o val do Oxus e cooperan con Heraclio contra Persia, tomando Khorasan (actual Afganistán).

Xuanzang é ordenado como monxe budista.

Dagoberto I, fillo de Clotario II, funda o palacio real de Lutra.

xuño, 13: Muhammad, logo de ser avisado de que o queren asasinar, abandona a Meca e diríxese a Yatrib con Abu Bark; refúxianse na cova de Thawr, ao sur de a Meca durante tres días.

xuño, 23: pacto de Aqaba, no que os representantes dos clans de Yatrib prometen fidelidade e obediencia a Muhammad.

xuño, 27: Muhammad non entra en Yatrib directamente senón que se detén en Quba, nas proximidades. Alí establece unha mesquita, a primeira do islam.

xullo, 1: visita por primeira vez Yatrib para a oración dos venres.

xullo, 11: logo de catorce días en Quba, Muhammad trasládase a Yatrib, onde é ben recibido. Alí establece formalmente a primeira ummah musulmá.

xullo, 16: venres, 1 da muharram, punto de partida do calendario musulmán.

setembro, 9: comezo da ‘Héxira’.

setembro, 24: Muhammad entra en Yatrib, onde é aclamado como líder polos sectores leais, que dominan a cidade e convértese en árbitro das disputas entre tribos, acabando por implantar un réxime teocrático no que é a autoridade suprema. A cidade cambia de nome (Madinat al Nabi, a cidade do profeta). A maior oposición ven dos clans xudeus pero expulsa os propiamente xudeus e aos árabes xudaizados trata de convencelos que está a seguir a obra de Abraham, o primeiro musulmán, pai da relixión pura que eles traizoaran.

desenvolve a súa propia doutrina (islam, submisión a Allah); os seus principais dogmas son: monoteísmo – fatalismo ou predestinación – anxos bos e malos – o inferno e o paraíso – xuízo final.

recoñece como profetas a Abraham, Moisés e Xesús, pero as lendas que sobre eles se elaboran defiren moito dos textos bíblicos. Muhammad é analfabeto e o seu coñecemento do xudaísmo é rudimentario. O que sabe provén das tradicións orais. O musulmán está obrigado a cumprir varios preceptos: recitar e aceptar o precepto básico (‘non hai máis deus que Allah e Muhammad é o seu profeta’) – rezar obrigatoriamente cinco veces ao día (amencer, mediodía, logo do mediodía, á posta do solo e pola noite) logo de lavar pés e mans con auga ou area – institúese o costume de que o muecín convocara á oración ao pobo desde o minarete – a oración é cos pés descalzos e mirando a Xerusalem (logo de que os xudeus de Madinat se burlaran da doutrina islámica, Muhammad rectifica e estipula que se rece mirando cara a Meca (cara á Kaaba, que consideraba obra de Abraham) – dar esmola – non comer no Ramadán (o calendario árabe consta de doce meses lunares que suman 354/5 días – nótase que non era agricultores, e o Ramadán é o noveno e nel desde o amencer ata a posta de sol hai que absterse de comer, beber, usar perfumes, ou manter relacións sexuais) – prohíbense representacións de seres vivos (por influencia quizás da fobia xudía aos ídolos) – prohibición de comer porco ou beber alcohol (algo nada saudable nos desertos de Arabia).

Heraclio casa coa súa sobriña Martina.

xoves, 9 de outubro de 2014

620

Pulakesi II recibe unha embaixada dos persas
en.wikipedia.org
durante a festa de peregrinación á Meca, Muhammad mantén contactos con xente de Yatrib (500 kms ao N), onde viven tribos xudías, árabes xudaizadas e árabes pagáns que loitan polo dominio da cidade. Pensan que Muhammad pode pacificar a cidade e tratan de atraelo, pero rexeita a oferta.

os eslavos atacan Thesalonicca pero non logran conquistar a cidade, que se converte nun enclave bizantino rodeado por territorio eslavo. A vida urbana desaparece como tal e moitas vilas da península dos Balcáns mudan en aldeas.

Clotario II establece o ducado de Turinxia baixo a autoridade de Radulfo.

terminan de escribirse Tennoki e Kokki, libros que recollen a historia de Xapón.

Cosroes II conquista Ancyra (Ankara), en Anatolia central. O imperio persa ten agora a mesma extensión que en tempos de Darío I.

os anglos baixo Edwin de Northumbria invaden Rheged (‘o vello norte’) e expulsan o rei Llywarch Hen, que foxe a Powys e faise un bardo famoso. Os exércitos de Edwin loitan contra Gododdin e Strathclyde.

Pulakesi II derrota o exército de Harsha nas ribeiras do río Narmada. Harsha perde unha parte substancial da súa forza de elefantes e retrocede. Un armisticio establece Narmada como o límite norte do reino Chalukya.

agosto: Li Shimin asedia Luoyang, a segunda capital de China, defendida polo resto de pretendentes ao trono, Dou Jiande e Wang Shichong.

615

Pakal de Palenque
granmisterio.org
morre Columba (as súas discrepancias coa xerarquía romana non diminúen o seu prestixio e influencia).

o poder da aristocracia sobre os reis francos é cada vez maior. Clotario II nomea mordomo a Pipino de Landen, que obtén un decreto do rei polo que o seu cargo se fai hereditario.

os exércitos chineses son derrotados en Corea.

mentres realizaba unha inspección á muralla chinesa, Yangdi resulta bloqueado polos turcos en Yenmin. É rescatado polo xeneral Li Shimin.

para tentar superar a crise, Heraclio prepara unha reorganización total do imperio divide o territorio en temas (termo militar grego) seguindo o modelo empregado para o exarcado de Ravenna, que funciona relativamente ben contra a presión lombarda, e no que todas as decisións as toma un gobernador militar.

concédense terras e granxas ás familias coa condición de formar militarmente ou entregar fillos ao exército; preténdese unha poboación de labregos–soldados. Cos fondos aportados por Serxio, Heraclio constrúe unha flota.

Heraclio obriga a Priscus a profesar nun convento, por temor a que tentara dar un golpe de estado aproveitando o descontento xerado pola crecente inestabilidade.

os eslavos entran en gran número nos Balcáns e aséntanse nos territorios das actuais Bulgaria, Serbia, Macedonia e partes de Grecia; destrúen Justiniana Prima e conquistan Naissus e Serdica.

os avaros atacan e aséntanse en Bosnia, Croacia e Dalmacia.

os eslavos baixo Chatzon atacan en embarcacións lixeiras as costas de Thessalia, o oeste de Anatolia e varias illas gregas. Asedian Thessalonica nun ataque por mar e por terra, acampando coas súas familias diante dos muros da cidade.

Epidaurus (en Dalmacia) é destruída por avaros e eslavos e os refuxiados foxen cara a illa de Laus, onde fundan Dubrovnik (Ragusa). As illas Rab, Krk e Cres constitúense en enormes celeiros para a poboación de terra firme.

Xoán Lemigius, exarca de Ravenna, é asasinado nunha revolta xunto con outros maxistrados.

masacre de Bangor: Aethelfrith, coa conquista de Powys, chega á punta leste de Britannia e masacra 1200 monxes cristiáns no mosteiro de Bangor.

Edwin de Deira refúxiase en East Anglia, e casa con Cwenburga, filla de Cearl de Mercia.

maio, 25: morre Bonifacio IV.

xullo, 29: a raíña Sak K’uk’ é sucedida polo seu fillo Pacal (12 anos) como soberano da cidade maia de Palenque, Mexico. Comeza un programa de construcións na capital que producirá algúns dos maiores fitos arquitectónicos da civilización maia.

setembro: os hashemitas, clan de Muhammad, son sometidos a un severo bloqueo comercial.

outubro, 19: Adeodatus I, elixido bispo de Roma.

Eleutherius, novo exarca de Ravenna, persegue os implicados no asasinato do seu antecesor. Logo de facer unha visita de cortesía ao Adeodatus I en Roma, conquista Neapolis e mata o líder rebelde Xoán de Conza.

Muhammad e os seus seguidores (denomínanse musulmáns) comezan a emigrar ao imperio aksumita, onde fundan unha pequena colonia baixo a protección dos emperador etíope cristián Ashama ibn Abjar.

os persas chegan a Chalcedonia e ameazan Constantinopla.

Sisebuto toma Málaga aos bizantinos.

reconstrución de Cremona, capital dun ducado lombardo.

sábado, 27 de setembro de 2014

614

Die Nibelungen (1924)
silentlondon.co.uk
marzo, 31: Spalato, palacio construído por Dioclecio, resulta danado polos avaros, que saquean Salona, nas súas proximidades. A poboación foxe ao palacio, que pode resistir.

Yangdi volve atacar Corea.

Shahrbaraz, ao mando de 26000 homes, conquista Xerusalem logo dun asedio de 20 días. Morren entre 57000 e 66500 persoas e outras 35000 son feitas escravos, entre elas o patriarca Zacharias. Moitas igrexas, incluíndo a do ‘santo sepulcro’ son incendiadas e numerosas reliquias (a ‘vera cruz’, a ‘lanza sagrada’, …) son levadas a Ctesiphonte.

case toda Anatolia está en mans do exército persa, que alcanza a ver Constantinopla desde a ribeira leste do Bósforo. Entre as causas deste avance tan fulminante está o credo monofisita da poboación, ao contrario do credo católico dos emperadores. Os persas son tolerantes con monofisitas e nestorianos.

coas súas prédicas en a Meca, Muhammad logra un círculo de adeptos fieis. Logo duns inicios complicados que o obrigan a refuxiarse no territorio de seu tío Abu Talib xunto coa súa muller, Zayd (fillo adoptivo), Alí (curmán) e Abu Bakr (parente). Ten unha vida precaria pero converte a al-Arqam, dunha das familias máis ricas e influíntes de a Meca, ata o momento un dos seus maiores inimigos.

os persas destrúen o reino árabe ghassanida, vasalo dos bizantinos.

concilio provincial de Egara (Terrasa), onde Eusebio de Tarraco aparece como primeiro asinante: “eusebius (sub)scripsi”

(entre … e 620) durísima carta de Sisebuto a Eusebio na que o reprende pola súa afección aos ludi theatrali, inclinación impropia dun home de igrexa e que lle leva a descoidar os seus deberes (por exemplo, nomeamento dun novo bispo para Barcino). coma consecuencia, o rei ordénalle abandonar a sé en mans do portador da carta antes da celebración da pascua seguinte.

outubro, 10: Clotario II reúne os nobres en asemblea e os cregos en concilio en París.

outubro, 18: Clotario II promulga o edito de París (edictum chlotacharii), unha especie de ‘carta magna’ franca que defende os dereitos dos nobres francos e a igrexa, e regula o nomeamento de condes (recadación de impostos e reunión de continxentes armados, entre outras cuestións) e exclúe os xudeus de todo emprego civil no reino franco.

Arnulfo de Metz e Pipino de Landen xogan un papel fundamental para a consolidación de Clotario II como rei de todos os francos.

a guerra civil deixa graves consecuencias: cerran escolas (excepto as dos mosteiros) polo que na práctica toda a poboación laica é analfabeta, as vías romanas están intransitables, as conducións de auga derruídas, e a falta de auga e alimentos favorece as enfermidades e o comercio de longa distancia tende a diminuír.

as guerras atopan eco na tradición popular coa escritura dunha lenda moito máis tarde: a canción dos Nibelungos (a historia de Sigfrido, (alias Sixeberto I) que se namora de Crimilda, (alias Fredegunda) irmá de Gunther (alias Gontrán), rei dos burgundios. Gunther infórmalle de que só lle concederá a man de súa irmá se lle axuda a conquistar a Brunilda (alias Brunequilda), que é unha valquiria e raíña virxe de Islandia. Sigfrido axuda a Gunther e derrota tres veces a Brunilda, casa con Crimilda, pero debe inda someter a Brunilda, pois, inda que casou con Gunther, négase a "cumprir co deber de cónxuxe". Finalmente consígueo cun artificio máxico. Pouco despois estala unha contenda entre Crimilda e Brunilda. Hagen, vasalo de Brunilda, logra matar a Sigfrido, e Crimilda, para vingar a súa morte, acepta casar co rei dos hunos Etzel (alias Atila). Logo logra atraer a Gunther e os seus guerreiros ao país de Etzel, onde son atacados polos hunos co apoio de Dietrich (alias Teodorico).

batalla de Bampton: Cynegils de Wessex e o seu fillo Cwichelm derrotan os britanos en Dumnonia, que usan a vía romana desde Exeter a Dorchester en dirección leste e son interceptados polos saxón do oeste que avanzan cara o sur.

outubro, 24: a ‘santa lanza’ chega a Constantinopla, devolta polos persas.

epidemia de peste en Syria.