sábado, 27 de setembro de 2014

614

Die Nibelungen (1924)
silentlondon.co.uk
marzo, 31: Spalato, palacio construído por Dioclecio, resulta danado polos avaros, que saquean Salona, nas súas proximidades. A poboación foxe ao palacio, que pode resistir.

Yangdi volve atacar Corea.

Shahrbaraz, ao mando de 26000 homes, conquista Xerusalem logo dun asedio de 20 días. Morren entre 57000 e 66500 persoas e outras 35000 son feitas escravos, entre elas o patriarca Zacharias. Moitas igrexas, incluíndo a do ‘santo sepulcro’ son incendiadas e numerosas reliquias (a ‘vera cruz’, a ‘lanza sagrada’, …) son levadas a Ctesiphonte.

case toda Anatolia está en mans do exército persa, que alcanza a ver Constantinopla desde a ribeira leste do Bósforo. Entre as causas deste avance tan fulminante está o credo monofisita da poboación, ao contrario do credo católico dos emperadores. Os persas son tolerantes con monofisitas e nestorianos.

coas súas prédicas en a Meca, Muhammad logra un círculo de adeptos fieis. Logo duns inicios complicados que o obrigan a refuxiarse no territorio de seu tío Abu Talib xunto coa súa muller, Zayd (fillo adoptivo), Alí (curmán) e Abu Bakr (parente). Ten unha vida precaria pero converte a al-Arqam, dunha das familias máis ricas e influíntes de a Meca, ata o momento un dos seus maiores inimigos.

os persas destrúen o reino árabe ghassanida, vasalo dos bizantinos.

concilio provincial de Egara (Terrasa), onde Eusebio de Tarraco aparece como primeiro asinante: “eusebius (sub)scripsi”

(entre … e 620) durísima carta de Sisebuto a Eusebio na que o reprende pola súa afección aos ludi theatrali, inclinación impropia dun home de igrexa e que lle leva a descoidar os seus deberes (por exemplo, nomeamento dun novo bispo para Barcino). coma consecuencia, o rei ordénalle abandonar a sé en mans do portador da carta antes da celebración da pascua seguinte.

outubro, 10: Clotario II reúne os nobres en asemblea e os cregos en concilio en París.

outubro, 18: Clotario II promulga o edito de París (edictum chlotacharii), unha especie de ‘carta magna’ franca que defende os dereitos dos nobres francos e a igrexa, e regula o nomeamento de condes (recadación de impostos e reunión de continxentes armados, entre outras cuestións) e exclúe os xudeus de todo emprego civil no reino franco.

Arnulfo de Metz e Pipino de Landen xogan un papel fundamental para a consolidación de Clotario II como rei de todos os francos.

a guerra civil deixa graves consecuencias: cerran escolas (excepto as dos mosteiros) polo que na práctica toda a poboación laica é analfabeta, as vías romanas están intransitables, as conducións de auga derruídas, e a falta de auga e alimentos favorece as enfermidades e o comercio de longa distancia tende a diminuír.

as guerras atopan eco na tradición popular coa escritura dunha lenda moito máis tarde: a canción dos Nibelungos (a historia de Sigfrido, (alias Sixeberto I) que se namora de Crimilda, (alias Fredegunda) irmá de Gunther (alias Gontrán), rei dos burgundios. Gunther infórmalle de que só lle concederá a man de súa irmá se lle axuda a conquistar a Brunilda (alias Brunequilda), que é unha valquiria e raíña virxe de Islandia. Sigfrido axuda a Gunther e derrota tres veces a Brunilda, casa con Crimilda, pero debe inda someter a Brunilda, pois, inda que casou con Gunther, négase a "cumprir co deber de cónxuxe". Finalmente consígueo cun artificio máxico. Pouco despois estala unha contenda entre Crimilda e Brunilda. Hagen, vasalo de Brunilda, logra matar a Sigfrido, e Crimilda, para vingar a súa morte, acepta casar co rei dos hunos Etzel (alias Atila). Logo logra atraer a Gunther e os seus guerreiros ao país de Etzel, onde son atacados polos hunos co apoio de Dietrich (alias Teodorico).

batalla de Bampton: Cynegils de Wessex e o seu fillo Cwichelm derrotan os britanos en Dumnonia, que usan a vía romana desde Exeter a Dorchester en dirección leste e son interceptados polos saxón do oeste que avanzan cara o sur.

outubro, 24: a ‘santa lanza’ chega a Constantinopla, devolta polos persas.

epidemia de peste en Syria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario