leereluniverso.blogspot JUAN GOYTISOLO |
Guillermo García Pérez establece un
sorprendente paralelo entre o episodio fundador da nación española (Covadonga)
e o relato da derrota dos persas ao pé do Parnaso e o templo de Apolo en
Delfos. As coincidencias entre o primeiro, referido na Crónica de Afonso III (866-910), e a obra do chamado ‘pai da
historia’ que data do s. V aC eran demasiado rechamantes como para ser produto
da casualidade. A fazaña de ‘Pelayo’, primeiro ‘resistente’ á invasión
sarracena de 711, tiña un alcance moito máis vasto que a do mero ámbito
historiográfico. Século tras século, mediante xenealoxías que trazan unha
suposta continuidade cos ancestrais godos, revestía o carácter dun fito simbólico
no marco do relato historiográfico do nacional – catolicismo hispano. Como dixo
un representante do mesmo, Covadonga ‘es un hecho que tiene para los genuinos
españoles un doble valor, uno real y otro representativo. Real, porque fue el
comienzo de aquella gloriosa epopeya que duró siete siglos y representativo
porque pone de manifiesto las cualidades más características de nuestra raza, a
saber: su amor a la religión, su indomable energía y su patriotismo’.
logo da invasión árabe – berber e
derrota de Roderico, as forzas musulmáns alcanzaron moi axiña, dinnos, o norte
da península, onde unha man de patriotas atopou refuxio nas montañas astures,
xunto a unha cova consagrada á Virxe. Conforme á mencionada crónica, o bispo
traidor Oppas tratou de convencer a Pelayo de que se rendera, pero Pelayo dixo non.
Os invasores intentaron entón asaltar a montaña, mais, por obra de milagres, as
frechas dirixidas contra o inimigo volvéronse contra eles mentres que unha
inxente sacudida telúrica os esmagaba cunha masa de rochas. Segundo o reconto
da crónica, tan veraz como o de Quevedo a propósito das batallas do apóstolo
Santiago, os patriotas godos terían matado 124000 infieis e outros 63000 tería
perecido a consecuencia do portentoso ‘accidente’. Pese a tal acumulación de
prodixios, a lenda mantívose en pé sen que case ningún historiador a puxera en
tela de xuízo ata o século pasado. A índole épico – novelesca do relato seduciu
os románticos e, inda que discutiu as cifras, Claudio Sánchez Albornoz
prestoulle o seu aval en Orígenes de la
nación española (1974), pese ao lapso de máis de século e medio
transcorrido entre Covadonga e as primeiras testemuñas escritas sobre o inicio
da chamada Reconquista recollidos nos manuscritos latinos dos mosteiros Albelda
e de Roda.
se retrocedemos ao s. V aC, o texto
de Heródoto sobre a invasión de Grecia polos persas bríndanos unha serie de
elementos semellante aos que acabamos de evocar: a vitoria dos exércitos de
Xerxes nas Termópilas a pesar da resistencia tenaz dos espartanos, o avance
imparable de aqueles cara o Parnaso e o templo sagrado de Delfos. Aquí tamén
abondan os episodios miríficos: oráculos divinos, caída de rochas sobre os
invasores, pánico e desbandada destes. O paralelo é manifesto, pero como
apuntan Guillermo García Pérez e outros (Juan Gil, Moralejo Laso), non resolve
os enigmas da transmisión e, conforme adiantan as investigacións na materia, o
seu número multiplícase.
Covadonga grandesbatallas.es |
un ensaio máis recente, From the Persians to Pelayo: some Classical
Complications in the Covadonga Complex de David Hook, tras analizar
minuciosamente a lenda délfica, engade outra posible fonte aos milagres de
Covadonga: a da crónica de Xustino, no seu epítome da obra de Pompeyo Troyo,
que relata o saqueo de Roma polo caudillo galo Breno (autor do célebre Vae victis!) o ano 274 aC. Como no caso
precedente, asistimos a unha serie ben trabada de prodixios: tempestade
furibunda, caída de rochas, preservación do templo, … Pero, por desgraza, esta
diversidade de antecedentes non se sustenta en probas fiables de transmisión
escrita. Na bibliografía consagrada ao reino godo da península non figura referencia
algunha aos anais de Heródoto nin a Xustino. Como observa o hispanista inglés,
a polixénese da ‘epopeya de Pelayo’ a clásica ‘dificultade de resolver a
eventual influencia das fontes literarias ou de tradicións orais en casos onde
a evidencia é tan fragmentaria e o vínculo común aos textos corresponde a áreas
xeográficas, lingüísticas e cronolóxicas tan separadas como as dos episodios de
Delfos e Covadonga’.
á súa ben fundada exposición das
converxencias e diverxencias do relato histórico hispano cos seus predecesores
grego e romano podería engadirse o feito de que na busca dunha lexitimidade
relixiosa de orixe divina os textos fundacionais dunha nación transmítense de
xeración en xeración mediante cantos e lendas heroicos ao servizo do ardor
patriótico e dunha causa embebida de sentimentos e valores que determinan o
suposto destino do seu pobo.
ningún nexo une por
exemplo os mitos fundacionais orixinais de España e Serbia. Sen embargo,
durante a guerra subseguinte á implosión da Federación Iugoslava puiden
observar un sorprendente parentesco entre eles: entre os da Reconquista
elaborada polo nacionalcatolicismo hispano e as dos inspiradores literarios de
Milosevic, Karadzic e os seus: acá, a España sagrada e alá, a Serbia Celeste;
nun caso invasores árabes e noutro turcos; derrota do Guadalete e do campo dos
Mirlos; rei Roderico e príncipe Lazar; traidor Xulián e xenro do príncipe; ‘romancero’
e pesme … Para os voceiros de dito
relato, a moral e o pensamento nacionais son produto en ambos casos dunha
tradición ancestral e determinan de xeito imperativo a conduta gloriosa e
unánime do pobo enteiro. Os personaxes e accións de dito relato reproducen
cabalmente o esquema da morfoloxía do conto estudada por Propp e outros membros
da escola formalista rusa. Iso non despexa as incógnitas da relación entre
Delfos e Covadonga pero axúdanos a entendela mellor. Para saber o que somos e
aliviar a nosa carga ‘heterodística’, nada mellor que unha mirada curiosa ao
que nos din que fomos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario