Amosando publicacións coa etiqueta Casiodoro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Casiodoro. Amosar todas as publicacións

xoves, 14 de agosto de 2014

575

codex Amiantinus
Casiodoro
es.wikipedia.org
Leovixildo dirixe ataques contra zonas no NE do conventus bracarensis; anexiona a rexión dos montes Aregenses (na parte oriental da actual provincia de Ourense) baixo o poder do magnate local Aspidium, que seguramente apoia os suevos e resulta capturado.

morre Casiodoro: dedicara os últimos anos á vida monástica, fundamentalmente en Vivarium reunindo libros de toda especie e promovendo a súa copia; esta práctica é sistematizada polos beneditinos, e así se conservan moitos libros da antigüidade.

primavera: durante as negociacións cos bizantinos para ampliar a tregua de hostilidades, Cosroes I invade de súpeto a Armenia romana pero non pode tomar Teodosiópolis (Erzurum) e diríxese cara Capadocia, onde se atopa co xeneral bizantino Xustiniano e os armenios rebeldes, que lle infrinxen unha gran derrota en Melitene (Malatya). O exército de Cosroes I debe atravesar o Éufrates retirándose en desorde, despois de incendiar Melitene e Sebaste. Xustiniano reocupa a Armenia persa. Logo sufre varias derrotas debido á indisciplina dos auxiliares bárbaros

xuño, 2: Bieito I elixido novo bispo de Roma, logo de case un ano de ‘sé vacante’.

no sur de India únense varias tribos baixo Simhavisnú (dinastía Pallava, con dous séculos de historia) e algunhas dinastías veciñas, como os Pandya ou os Chalukya, tratan de contrarrestar o seu poder.

moitos nobres rexeitan que Leovixildo asociara a Recaredo e Hermenexildo porque os priva do seu tradicional dereito a elixir novo rei, pero o rei sabe contelos. Derroga a lei que prohibe casamentos entre godos e católicos e publica un código lexislativo (non conservado) que tendía a eliminar a dualidade existente e pola que godos e hispanorromanos se rexían por códigos distintos.

nace Heraclio o Novo, fillo de Heraclio o Vello e Epiphania, de orixe armenia.

o duque lombardo Ewin de Triente rexeita un ataque franco e casa coa filla de Garibaldo I, duque bávaro.

Xoán de Bíclaro regresa a Hispania desde Constantinopla, despois dunha estancia de 17 anos, o que o convertera en partidario de todo o bizantino. Tan pronto como regresa vese envolto en controversias relixiosas. Leovixildo promove a fe ariana e acaba chocando con Xoán, que resulta exiliado en Barcino durante dez anos.

o ghassánida al-Mundhir, reconciliado cos bizantinos, saquea e incendia al-Hira, capital dos lakhmidas.

Chilperico I renova unha alianza con Gontran e marcha cara Reims. Sixeberto I busca alianzas coas ‘nacións alén do Rhenus’ penetra nos dominios de Chilperico I, conquista Poitiers e Tournai e chega ata o mesmo París, onde se establece mentres os duques Gontran, Boson e Godexiselo derrotan as tropas de Neustria de Thiberto, fillo de Chilperico, en Angoumo e mátano. Chilperico refúxiase en Tournai mentres Sixeberto se proclama vencedor.

decembro: durante a súa proclamación como rei de Neustria polos nobres, dous asasinos pagados por Fredegunda conseguen matar a Sixeberto en Vitry, co que as súas tropas se retiran, sendo Brunequilda feita prisioneira.

Brunequilda resulta exiliada en Rouen. O duque Gondobaldo logra salvar a Childeberto II (5 anos), fillo de Sixeberto e Brunequilda.

decembro, 25: Chilperico non pode evitar que se proclame en Metz como rei de Austrasia a Childeberto II. Brunequilda actúa como rexente oficial do seu fillo pero realmente son os nobres que goberna Austrasia, principalmente Gogon.

convención de Druim Cett: os reis irlandeses discuten a relación a manter con Áedán mac Gabráin de Dál Riata: a colonia é confirmada.

East Anglia divídese nos condados ingleses de Norfolk e Suffolk e quizás a parte oriental dos Fens de Cambridgeshire.

Alexandre de Tralles, médico grego, escribe libri duodecim de re medica.

Qara-Churin Turk Bogiu, Tardu sucede a seu pai Istämi como yabgu do khaganato turco occidental. Seu irmán Bokhan Shad visita e pasa épocas no palacio de Constantinopla. Os turcos orientais son gobernados por Arslan Tobo-Khan, Taspar.

Zhiyi, monxe chinés, viaxa ao monte Tiantai para estudar; traballa cun grupo de discípulos na meditación hindú da śamatha e vipaśyanā.

Varaja Mijira publica Pañcha siddhāntikā (tratado das cinco conclusións [astronómicas]).

martes, 22 de xullo de 2014

550

catedral de Ourense
www.montanesa.es
segundo Gregorio de Tours (de uirtutibus sancti Martini, 11) Carrarico, rei suevo, ten un fillo leproso e envía unha embaixada ao sepulcro de Martiño de Tours para conseguir reliquias que o poidan curar; os enviados volven sen elas pero, ao relatar milagres por intervención do santo, o rei manda erixir unha igrexa (segundo a tradición a catedral de Ourense, baixo a advocación de Martiño de Tours) e envía outra embaixada para conseguir agora si as reliquias, prometendo a conversión do seu reino ao catolicismo se o santo opera a súa curación. Cando isto acontece o rei cumpre a súa palabra.

Totila envía unha flota a saquear as costas gregas.

abril: novos enfrontamentos no hipódromo de Constantinopla entre faccións.

Xustiniano nomea a Xermanus rexente de Italia e cásao co Mataswintha, viúva de Witixes, pero morre de camiño a Italia.

os isauros que defenden Roma abren as portas da cidade cando non reciben a súa paga. Totila invade e conquista Sicilia, Córcega e Cerdeña.

Chen-la (Cambodia), ata o momento tributaria de Fu-nan, rebélase.

Xordanes compón Getica ou de origine actibusque getarum; é un godo romanizado, comisionado por Casiodoro, quen lle manda resumir a súa de rebus geticis, escrita 20 anos antes. Seu avó fora secretario (notarius) dun caudillo alano (Candac), e seu pai Alanoviamut e el mesmo secretarios de Guntixis, xefe militar de orixe ostrogoda.

a perda do texto de Casiodoro fai da Getica un texto illado e difícil de interpretar: en parte loubanza cara o reino ostrogodo en Italia, incluso durante os ataques imperiais; en parte celebración da vitoria de Xustiniano; non é posible verificar ningunha destas dúas interpretacións.

a obra de Casiodoro sería unha mostra máis da produción literaria da Constantinopla de Xustiniano, na que tamén se escriben a Chronica de Marcelinus Comes, e as obras de Procopio de Cesárea, que neste ano escribe a Historia segreda.

xunio, 26: Vixilius reconcíliase con Xustiniano e inclúe o nome do emperador nas súas actas.

xunio, 28: consagración da igrexa do Apóstolos en Constantinopla.

Britannia está sumida no caos: os xutos asentados arredor de Kent; os saxóns con varios reinos: Essex (East Seaxe, saxóns do leste) con capital en Londinium, Sussex (South Seaxe, saxóns do sur) con capital en Chichester, e Wessex (West Seaxe, saxóns do oeste) con capital en Winchester; os anglos forman Anglia Oriental con capital en York, e Bernicia con capital en Bamburgh.

Cosroes I reorganiza a administración, dividíndoa en catro distritos. Establece un sistema de impostos baseado no censo de propietarios, restaura o sistema de canles de auga de Mesopotamia e protexe a cultura (hai un considerable intercambio comercial e cultural coa India, a literatura e os tratados médicos entran en Persia e difúndese o xadrez, de orixe hindú: a palabra persa para "rei" é Shah, de onde deriva "xaque" e a expresión xaque-mate tamén procede do persa (shah mat, morreu o rei).

o segredo da seda chega a Constantinopla. Xustiniano suborna uns monxes chineses que regresan a Ceilán coa misión de que traer uns ovos de vermes de seda.

aparece a cruz na imaxinería da arte cristián.

inicio da cultura Vendel en Escandinavia.

en Nampsis (noroeste do deserto Negev), a porta norte é destruída nun lume e o lugar é abandonado. Na Decápolis as cidades deterióranse con rapidez: Gerasa, Scythopolis, … En Asia Menor, asentamentos antes florecentes, coma Sagalassos e Anemurium son agora abandonados. As tres causas principais deste proceso son: o cambio climático, os desastres naturais e a praga da peste.

(ata ss. vii-viii) o nivel do mar Morto descende dende –400 ata –412 ms. O nivel máis baixo do que se teñen rexistros.

finaliza a dinastía Wei do leste e Wen Xuan Di convértese en emperador do norte Qi. Obriga a Xiao Jing Di a ceder o trono. Wen Xuan Di adopta unha política defensiva cara as tribos hostís do norte coa construción de mil millas de muros ao longo da fronteira.

cae o imperio Gupta e a India volven aparecer os reinos rexionais.

comeza a construción de Quiriguá (Guatemala).

última erupción coñecida do Chimborazo (Ecuador).

Os matemáticos hindús dan ao ‘cero’ (0) unha representación numérica no sistema de anotación posicional.

os rabinos Ravina e Ashi supervisan a redacción do Talmud babilónico.

en Hibernia fúndase a diocese de Tuam.

Corduba rebélase contra Axila, que encabeza unha expedición de castigo na que figura o seu primoxénito e o tesouro real, pero resulta derrotado polos rebeldes na proximidade da cidade e o primoxénito morre na propia batalla; tamén se perde parte do tesouro real.

Axila foxe a Emerita e Hispalis tamén se rebela con parte de nobres godos dirixidos por Atanaxildo para destronar a Axila pero este recibe reforzos e desátase unha guerra civil entre partidarios e rebeldes a Axila, chegando as hostilidades á Septimania.

os itzáes fundan a cidade maia de T’Hó.

mércores, 9 de xullo de 2014

540

Casiodoro traballando en Vivarium
codex Amiantinus
es.wikipedia.org
Iustinus, cónsul.

continxentes búlgaros logran penetrar ata Corinto e case Constantinopla.

Narsés regresa a Constantinopla. Witixes acepta rendirse, pero segundo a versión que Narsés leva ao emperador (no está claro que sexa certa), Witixes ofrece a súa rendición ante Belisarius, non ante Xustiniano. Por iso Xustiniano envía os seus propios negociadores e ofrece repartir Italia: o sur para o Imperio e o norte para os godos. Esténdense rumores de que os godos apoian a Belisarius como emperador.

maio: Belisarius non acepta estes termos, conquista Mediolanum e estreita o asedio de Ravenna, ata que os godos teñen que renderse incondicionalmente. Xustiniano outorga a Witixes o título de patricius e concédelle terras en Asia Menor, onde é trasladado con Mathaswinta. As tropas godas que o elixen poden engrosar as filas imperiais.

Belisarius consolida Italia e comeza operacións de limpeza, capturando fortificacións godas de menor rango. Ticinum e Verona, ao norte do Po, seguen en mans godas.

Cosroes I, consciente da debilidade de Xustiniano, ordena invadir Syria sen previo aviso e chega ata o mar. Na súa decisión inflúe unha embaixada goda que chega a Ctesiphonte. Os persas asedian Antioquía e ofrecen respectala a cambio dun tributo de media tonelada de ouro. A oferta é rexeitada e saquean a cidade: os persas levan de volta estatuas de mármore e mosaicos que quedaban na cidade; tamén os traballadores metalúrxicos.

grupos godos resistentes elixen a Hildebaldo como rei para seguir a loita contra os imperiais: este nomea a Totila, sobriño seu, como xefe militar. Os godos reconquistan Venecia e Liguria.

xuño: eclipse solar visible en Cerdeña, Roma, Dalmacia e Moesia.

Solomon volve a Africa e captura os montes Aurès dos mauros e fai chegar a autoridade imperial a Numidia e Mauretania Sitifensis. Theveste é restaurada e fortificada.

prosegue a política imperial de consolidar cidades e postos fortificados; por exemplo, Gafsa (Africa) e Nikopolis (Balcáns)

seguen as catástrofes naturais en Syria e Italia, onde se desborda o Po, que anega as rexións próximas.

en Xapón Soga no Iname logra imporse no clan Soga e é nomeado Ō-omi (primeiro ministro).

Vixilius rexeita o monofisismo en carta a Xustiniano e Mennas.

Xermanus, bispo de Lutecia.

Casiodoro funda un mosteiro nas súas propiedades: a escola de Vivarium atende a homes de gran cultura que copian todo tipo de manuscritos, ao que se dedican en exclusiva.

o cambio climático continúa coa baixada das temperaturas (obsérvase unha diminución do crecemento das árbores nestes anos), incrementado quizás polo impacto dun cometa, o que aumentaría os efectos causados pola nube de cinza procedente da erupción do Krakatoa.

Himyar de Iemen emprende unha expedición militar contra a Meca.

continxentes francos penetran en Tarraconensis ao mando de Childeberto I e Clotario I, que toman Pampilona e proseguen cara o sur, asediando Caesaraugusta.

domingo, 6 de xullo de 2014

537

murallas de Roma no s. VI
es.wikipedia.org
segundo ano logo do consulado de Belisarius.

xaneiro: Witixis asedia Roma (45000 unidades) e hai combates especialmente cruentos na porta Pinciana, próxima ao posto de mando de Belisarius, que tenta unha manobra de distracción saíndo pola porta Flaminia pero el e os seus bucellarii case son atrapados no medio dos godos.

Witixis instala sete campamentos, un por cada unha das portas e rutas de acceso principais á cidade coa finalidade de rendela por fame. Bloquea as conducións de auga, necesaria tanto para beber como para que funcionen os muíños.

marzo, 21: Witixis intenta asaltar as murallas no norte e no leste con catro torres de asedio pero é rexeitado na porta Praenestina (chamada Vivarium) por tropas dirixidas polos xenerais orientais Bessas e Peranius.

abril: os godos capturan o portus claudii en Ostia. Belisarius está agora obrigado a descargar as súas mercadorías en Antium e pide reforzos urxentes a Constantinopla.

abril, 9: Belisarius recibe reforzos (1600 unidades de cabalería, a maioría hunos ou eslavos e arqueiros expertos). Comeza, a pesar das restricións, a asaltar os campos godos e alcánzase un punto morto.

primavera: batalla de Scalas Veteres, onde Xermanus derrota a Stotzes, que ten que retirarse ás montañas cunha poutada de fieis.

xuño: a fame comeza a progresar en Roma e a poboación desespera. Belisarius envía a Procopio a Neapolis a por máis reforzos e subministracións. Witixis acorda un armisticio de tres meses para que enviados godos viaxen a Constantinopla.

a dinastía Yamato asimilara a cultura chinesa a través de Corea: a elaboración da seda, a escrita, o papel, a arquitectura, e algúns elementos da cultura confucianista e taoísta. Nun momento dado o soberano muda o título autóctono (miyatsuko) polo chinés de emperador (tenno) e lexitima a súa autoridade subvencionando a redacción de obras históricas: o imperio xaponés foi creado por Jimmu, neto de Amaterasu, deusa do Sol; así, Xapón sería o imperio máis antigo do mundo, cunha liña imperial ininterrompida que se remontaría aos primeiros pais, Izanagi e Izanami, por medio de Amaterasu, que creou o imperio por decreto divino e concedeu superioridade ao emperador por riba do resto dos homes.

novembro, 11: conflito entre Silverio e Vixilius I, un católico e o outro monofisita. Teodora quere que Silverius desautorice Calcedonia pero como se nega Xustiniano aprésao, destitúeo por alta traizón e exíliao a Patera (Asia Menor). Pouco despois autorízao a volver a Italia pero Vixilius confínao nunha illa próxima a Roma (Capri ou Ponza), onde morre (decembro, 2).

novembro: Belisarius obtén máis reforzos (3000 isauros e 1800 unidades de cabalería desembarcan en Ostia) xunto con subministracións. Os godos teñen que abandonar portus claudii.

publícanse as Variae de Casiodoro. Poderían ter varios sentidos: un sería a guerra en Italia na que os orientais levan as de gañar e serían, polo tanto, un balón de osíxeno aos godos; semella que inda era PPO cando as publicou: unha publicación literaria desempeñando un cargo oficial era signo de distinción. Pero quizás o contexto axeitado para ver o significado desta obra non é a guerra senón o alto medio administrativo que caracteriza o seu contexto familiar e a súa carreira pública.

decembro: Belisarius envía a Xoán o sanguinario con 2000 unidades cara Picenum para arrasar e saquear a costa leste de Italia. Este chega a Ariminum, onde é ben acollido pola poboación romana.

decembro, 27: en Constantinopla consagración de Hagia Sophia (sabedoría divina), construída sobre as ruínas da anterior pero sobre un perímetro maior. Os muros son de mármore pulido de varias cores, e as columnas talladas en pedras diversas (entre elas pórfido e serpentino). No aspecto decorativo destaca o uso do mosaico. O máis espectacular é a enorme cúpula, produto de corenta anos de experimentación; é hemisférica e apoiada sobre un soporte cadrado, de modo que a parte inferior da cúpula podía perforarse con moitas ventas sen perder estabilidade. É tan grande e ten tantas ventas que todo o interior da igrexa recibe a luz do sol e os mosaicos brillan nun sorprendente xogo de luces. Seica, ao vela, Xustiniano dixo: ‘Salomón, supereite!’.

batalla de Camlann: Arturo loita por última vez, esta vez contra o seu fillo (ou sobriño) Mordred, e é mortalmente ferido (Annales Cambriae, s. X).

o Wei oriental envía tres columnas a través do paso Tong para atacar o Wei occidental. O exército occidental comandado por Yu-Wen derrota unha das columnas mentres as outras retroceden. Yu-Wen segue avanzando pero atopa o exército oriental principal (200000 homes). Os occidentais son feitos atravesar o paso e invaden territorio inimigo. Pero, de súpeto, sofren a carga de 10000 unidades de cabalería occidentais sobre un flanco e morren 6000 e son capturados 70000.

Xoán Cottistis comeza unha rebelión contra Xustiniano, sendo declarado emperador en Dara, pero é asasinado catro días despois polos seus propios homes.

venres, 20 de decembro de 2013

523

es.wikipedia.org
Flavius Anicius Maximus, cónsul único.

o Coliseo presenza os últimos xogos con animais organizados por Flavius Anicius Maximus, en celebración do seu consulado, prohibidos posteriormente por Teodorico.

Casiodoro sucede a Boethius coma magister officiorum: “para o monarca ti [Casiodoro] fuches un bo xuíz e un íntimo ao que honrou. Pois cando se liberaba dos seus deberes oficiais buscaba a túa conversa para saber os preceptos dos sabios, para emular os grandes homes do pasado. Sempre curioso, quería saber sobre o curso das estrelas, as mareas do mar, e fontes lendarias, para que o seu estudo da ciencia natural lle fixera parecer un auténtico filósofo purpurado (Variae, 9.24.8).

Clotario I, Chlodomiro e Childeberto I aproveitan a ameaza que supoñen os preparativos de Teodorico e invaden territorio burgundo, derrotando a Sexismundo e seu irmán Gundemaro II.

Sexismundo é traizoado, capturado e trasladado a Aurelianum por Chlodomiro. Teodorico queda con algúns territorios e recupera o tesouro visigodo que capturara Gundobado, e retírase da guerra, que continúa entre francos e burgundos.

Sabbatius casa con Teodora.

maio, 6: morre Trasamundo, sucedido por Hilderico (probablemente 60 anos), fillo de Hunerico e Eudocia; pasara ata os corenta en Constantinopla e era romano culturalmente. Decreta a liberdade de culto para católicos e establece boas relacións Oriente.

agosto, 13: Xoán I sucede a Hormisdas.

continxentes bereberes saquean Lepcis Magna, que quedara sen defensas; Gaiserico ordenara derrubar as murallas das cidades para evitar rebelións dos romanos.

unha revolta estalla nas seis cidades fronteira no norte do reino Wei: fortes tensións entre a elite e clan Tuoba desestabilizan moito o estado.

a pagoda Songyue complétase durante a era Wei.

Seong, rei de Baekje, un dos tres reinos de Korea.

venres, 22 de novembro de 2013

520

Boethius
www.wikipedia.de
Rusticus e Vitalianus, cónsules.

Teodorico nomea a Boethius magister officiorum; é un home de ciencia, un helenista que traduce obras de Aristóteles ao latín e trata de atopar vías de comunicación entre este autor e Platón.

Teodorico ordena a construción en Ravenna do templo de Vital e do que se denominará ‘mausoleo de Teodorico’.

morre a filla de Teodorico casada con Sexismundo, rei burgundo, que casa coa filla de Theuderico de Austrasia. Esta muller intriga contra Sixerico, fillo da primeira muller e acúsao de conspirar contra seu pai. Sexismundo estrangúlao. Teodorico decide vingar a morte de seu neto e forxa unha alianza co resto de fillos de Clodoveo.

febreiro, 20: Epifanio, patriarca de Constantinopla.

morre Hormisdas, sucedido por Xoán I.

xullo: Vitalianus é asasinado. Sabbatius xa cansara das súas continuas exixencias.
                                                
tropas de Trasamundo, rei vándalo, son derrotadas por un tal Cabaon, xefe de cameleiros.

polo que se pode deducir de Casiodoro (Variae III, 35) Rómulus Augústulus inda vive no seu retiro.

Prisciano, gramático latino, escribe institutiones grammaticae en Constantinopla. codifica este manuscrito en 18 volumes, que serán amplamente usados posteriormente. Será a base da gramática especulativa.

Sana’a, capital dos himjaritas.

Pabo Post Prydain, rei dos Pennies (norte de Britannia), abdica e divide o reino entre dous fillos. Retira a Anglesey coma ermitán.

East Anglia xorde como configuración política (actuais condados de Norfolk e Suffolk e quizás a parte leste dos Fens)

Budicca II retorna a Cornualles e reclama a xefatura britana.

Bodhidharma, monxe budista, chega a Luoyang e viaxa ao reino Wei do norte, ao mosteiro shaolin.

519

Casiodoro
www.wikipedia.es
Xustino e Eutarico, cónsules.

Casiodoro compón unha oración en honra de Eutarico, nomeado sucesor de Teodorico. Escribe tamén a historia gothica, parece que a petición de Teodorico, na que originem gothicam historiam fecit esse romanam. Este tipo de documentos non mostra necesariamente a súa aposta política polos godos; formaba parte do seu ‘traballo’ como funcionario. Outros, como Enodio ou Boethius, non partidarios dos godos, compuxeron escritos que os deixan quedar en bo lugar.

as igrexas de Roma e Constantinopla chegan a un acordo: papa e patriarca asinan o ‘formulario de Hormisdas’, que recoñece a unidade da igrexa. O emperador concordaba e teoricamente tamén Teodorico; sen embargo, o rei comezaba a inquietarse pola actitude cada vez máis hostil de Oriente e a poboación italiana contra o arianismo godo.

unha multitude queima a sinagoga de Ravenna, pero Teodorico ordena á cidade a súa reconstrución cos seus propios fondos.

Xacobe de Serugh faise bispo de Batnan.

en Hibernia, créase a diocese de Kildare.

aparece o gaoseng zhuan, compilación de biografías de monxes budistas.

luns, 21 de outubro de 2013

514

Hormisdas
es.wikipedia.org
Casiodoro, cónsul.

Vitalianus asedia novamente Constantinopla, esta vez con tropas búlgaras e unha flota de 200 naves. Anastasius transixe e noméao magister militum per Thracias.

morre Simmacus, sucedido por Hormisdas, casado, e inimigo declarado do monofisismo e por tanto crítico e esixente con Constantinopla.

Enodio, elixido bispo de Pavía: gobernará a súa diócese co celo e autoridade dun discípulo de Epifanio. Hormisdas enviouno dúas veces a Constantinopla, onde Anastasius favorecía os monofisitas. Ambas misións fracasaron. Ao fin da segunda embaixada, o santo viuse obrigado a facerse á mar un vello navío destartalado, con grave perigo de naufragar, e co veto para desembarcar nalgún porto de oriente. A pesar de todo, chegou san e salvo a Italia e regresou a Pavía.

pertencía a unha ilustre familia establecida en Gallia e nacera en Arelate; en todo caso, pasara os primeiros anos en Italia e Mediolanum, baixo a tutela dunha tía. Despois da morte desta, casou pero moi cedo sentiuse chamado ás sagradas escrituras. A súa esposa, moi rica, que o tiña sacado da pobreza, accedeu á separación e ela mesma ingresou nun convento.

xa era un bo orador, ordenouno Epifanio de Pavía e, desde entón, consagrouse ao estudo das ciencias sagradas e o ensino; escribiu daquela unha apoloxía de Símaco e do sínodo que condenara o cisma dos partidarios de Laurentius: "Deus quere certamente que os homes xulguen os homes; pero tense reservado para si mesmo o xuízo do Pontífice da Sé Suprema." Enodio foi elixido para pronunciar o panexírico de Teodorico, a quen só alabou polas súas vitorias e éxitos temporais.

Enodio escribiu a vida de Epifanio de Pavía (finado en 496) e a de Antonio de Lerins. Foi un dos últimos representantes da antiga retórica: inda que os seus escritos non carecen de valor histórico, tenden á verbosidade, son inintelixibles por momentos e están cheos dos convencionalismos da literatura mitolóxica da Roma pagá. Segundo el mesmo, durante una violenta febre da que os médicos dérono por morto, recorreu a Deus e recobrou a saúde. Por iso escribiu eucharisticon ("acción de grazas"), na que conta brevemente a súa vida e, sobre todo, a súa conversión.

Rudravarman comeza o seu período á fronte do reino Funan.

Cissa sucede, segundo a lenda, ao seu pai Aelle, como rei de Sussex.

venres, 6 de setembro de 2013

506

incipit dun manuscrito medieval que recolle
o Breviario de Alarico
de.wikipedia.org
Messala e Dagalaiphus, cónsules.

febreiro, 5: Alarico II reprime os partidarios dos francos pero isto fai que a tensión creza. Ante a acusación de que non se estaba a respectar o sistema legal tradicional o rei vese forzado a promulgar o chamado breviario de Alarico, que especifica o marco legal aplicable á poboación non goda. As fontes son, por unha banda, a lexislación romana (código de Teodosio) e, por outra, os escritos de xuristas romanos.

Petrus, un hispano que pretendía nomearse augustus en contra da crecente dominación goda, é axustizado. Os visigodos capturan Dertosa e a cabeza de Petrus é enviada a Caesaraugusta coma trofeo.

setembro, 1 (ata 511) : Casiodoro é nomeado quaestor palatii baixo Teodorico. Sen dúbida, apoia o réxime godo e este primeiro cargo obtívoo logo dun panexírico do propio Teodorico.

setembro, 10: o clero católico reúnese en Agde, no I concilio xeral do reino godo de Tolosa, baixo a presidencia de Cesarius de Arelate.

cada cristián debe comungar tres veces ao ano cando menos: Nadal, Pascua e Pentecostés.

establécense medidas restritivas na relación entre xudeus e cristiáns coa finalidade de evitar que moitos se convertan por conveniencia, e outros sigan atraendo cristiáns á súa fe. O canon 34 require oito meses de catecumenado para comprobar que o xudeu renuncia definitivamente ás súas antigas prácticas. O 40 prohibe aos sacerdotes e leigos cristiáns comer cos xudeus, algo moi frecuente durante o sabbath.

prohíbense os mosteiros onde conviven homes e mulleres.

o asasinato de escravos castígase con dous anos de excomungación.

as dioceses católicas de Gallia baixo os godos adoptan un estrutura unitaria, independente do resto do territorio.

Cesarius de Arelate pacta con Alarico. Aproveita o acoso franco para intentar recuperar influencia. Promete o seu apoio a cambio de que o rei free coa súa lexislación civil a influenza xudía e a súa crecente captación de membros.

Teodorico trata de mediar entre Clodoveo e Alarico II aproveitando as relacións que mantiña con ambos: Alarico II estaba casado coa filla de Teodorico, e éste estaba casado cunha irmá de Clodoveo. Non obstante, as negociacións fracasan: Clodoveo quería guerra.

Clodoveo derrota por segunda vez, e definitivamente, os alamanes en Tolbiacum; os que sobreviven acóllense con Teodorico e os ostrogodos.

Anastasius prosegue consolidando posicións en Mesopotamia: reforza e mellora as fortificacións en Batnae, Edessa e Amida.

cálculos do astrónomo Varaja Mijira no seu libro paῆncha siddhᾱntikᾱ.

enfrontamentos en Dacia entre continxentes controlados polos ostrogodos e outros controlados por Constantinopla.