venres, 6 de setembro de 2013

506

incipit dun manuscrito medieval que recolle
o Breviario de Alarico
de.wikipedia.org
Messala e Dagalaiphus, cónsules.

febreiro, 5: Alarico II reprime os partidarios dos francos pero isto fai que a tensión creza. Ante a acusación de que non se estaba a respectar o sistema legal tradicional o rei vese forzado a promulgar o chamado breviario de Alarico, que especifica o marco legal aplicable á poboación non goda. As fontes son, por unha banda, a lexislación romana (código de Teodosio) e, por outra, os escritos de xuristas romanos.

Petrus, un hispano que pretendía nomearse augustus en contra da crecente dominación goda, é axustizado. Os visigodos capturan Dertosa e a cabeza de Petrus é enviada a Caesaraugusta coma trofeo.

setembro, 1 (ata 511) : Casiodoro é nomeado quaestor palatii baixo Teodorico. Sen dúbida, apoia o réxime godo e este primeiro cargo obtívoo logo dun panexírico do propio Teodorico.

setembro, 10: o clero católico reúnese en Agde, no I concilio xeral do reino godo de Tolosa, baixo a presidencia de Cesarius de Arelate.

cada cristián debe comungar tres veces ao ano cando menos: Nadal, Pascua e Pentecostés.

establécense medidas restritivas na relación entre xudeus e cristiáns coa finalidade de evitar que moitos se convertan por conveniencia, e outros sigan atraendo cristiáns á súa fe. O canon 34 require oito meses de catecumenado para comprobar que o xudeu renuncia definitivamente ás súas antigas prácticas. O 40 prohibe aos sacerdotes e leigos cristiáns comer cos xudeus, algo moi frecuente durante o sabbath.

prohíbense os mosteiros onde conviven homes e mulleres.

o asasinato de escravos castígase con dous anos de excomungación.

as dioceses católicas de Gallia baixo os godos adoptan un estrutura unitaria, independente do resto do territorio.

Cesarius de Arelate pacta con Alarico. Aproveita o acoso franco para intentar recuperar influencia. Promete o seu apoio a cambio de que o rei free coa súa lexislación civil a influenza xudía e a súa crecente captación de membros.

Teodorico trata de mediar entre Clodoveo e Alarico II aproveitando as relacións que mantiña con ambos: Alarico II estaba casado coa filla de Teodorico, e éste estaba casado cunha irmá de Clodoveo. Non obstante, as negociacións fracasan: Clodoveo quería guerra.

Clodoveo derrota por segunda vez, e definitivamente, os alamanes en Tolbiacum; os que sobreviven acóllense con Teodorico e os ostrogodos.

Anastasius prosegue consolidando posicións en Mesopotamia: reforza e mellora as fortificacións en Batnae, Edessa e Amida.

cálculos do astrónomo Varaja Mijira no seu libro paῆncha siddhᾱntikᾱ.

enfrontamentos en Dacia entre continxentes controlados polos ostrogodos e outros controlados por Constantinopla.

Ningún comentario:

Publicar un comentario