Amosando publicacións coa etiqueta Alboino. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alboino. Amosar todas as publicacións

luns, 11 de agosto de 2014

572

Bracara Augusta
plano da cidade romana sobre a actual
arqueolugares.blogspot.com.es
xuño, 1: II concilio de Bracara (baixo Miro): confírmanse once comitatus ou condados na diócese de Lucus, sendo un deles o comitatus dezensis, con capital nun indefinido lugar de nome Dezam, e que tiña as súas lindes entre o monte Sumio (Farelo), o río Arnoia (Arnego), Foxo e monte Carrio; o seu primeiro conde foi un tal Sinefredo.

o topónimo Deza pode deberse ao xeneral Xunio Bruto, que inicia a incorporación de Callaecia ao Imperio a mediados do s. II a.C.; ou ao substantivo DECIUS, que significa 'dono de terras'. A de presenza ‘romana’ no territorio testemúñana, entre outros, o altar descuberto en Moimenta en 1916 e dedicado á deusa Diana, e as tres estelas funerarias de Bermés, desenterradas en 1978 xunto á igrexa parroquial, dedicadas aos deuses manes. Aos romanos tamén se atribúen as explotacións mineiras (Losón, Zobra, Vilatuxe, Cercio e Sello, con A Cova da Xila) e varias pontes (Cadrón, Taboada, Alemparte e a ponte de Os Cabalos en Parada) situadas na vía de Bracara a Lucus, inda que algunhas poderían ser posteriores.

os lombardos toman Ticinum logo dun asedio de tres anos e Alboino adóptaa como capital dos seus dominios.

os dominios bizantinos en Italia son agora unha franxa transversal que une Ravenna con Roma, o estremo sur da península e as illas: Sicilia, Córcega e Cerdeña.

xuño, 28: Rosamunda envelena a Alboino en Ticinum; dise que durante as celebracións pola entrada na cidade a obrigou a beber do cranio de seu pai Cunimundo e ela decidiu asasinalo. Logo, co seu servo Helmechis, busca refuxio en Ravenna. A Alboino sucédelle Clef, parente seu.

Theodric sucede a seu irmán Aethelric como rei de Bernicia.

morre Liuva I, Leovixildo rei único dos godos.

Leovixildo conquista Corduba.

Gregorio, futuro bispo de Roma, praefectus urbis.

Taspar Qaghan sucede a seu irmán Mugan Qaghan como khagan turco.

Bidatsu, 30 emperador de Xapón.

venres, 8 de agosto de 2014

569

Chilperico I e Fredegunda
por Jean de Tillet
it.wikipedia.org
xaneiro, 1: concilio en Lucus contra o arianismo, sendo bispo Nitixio.

outubro, 3: os lombardos entran en Mediolanum. Moitas cidades réndense sen ofrecer resistencia. Ticinum resiste. Alboino establécese en Verona.

os lombardos van baixando cara Tuscia e na Emilia. Os bizantinos seguen fortalecendo as súas posicións en torno a Ravenna.

novembro, 19: cántase o himno vexilla regis en Poitiers por primeira vez con motivo do traslado dunha reliquia da cruz ao mosteiro da ‘santa cruz’. O mosteiro fora fundado por Radegunda e as reliquias enviadas polos propios emperadores de Constantinopla, Xustino II e Sofía.

o reino nubio de Alodia faise cristián monofisita por influencia de misioneiros bizantinos (Xoán de Éfeso). Makuria faise tamén cristián, pero melquita, por influencia de misioneiros coptos.

o reino Garamantian (Lybia) asina un tratado de paz con Constantinopla. A capital, Garama, cristianízase.

al-Munhir III sucede a seu pai al-Harith V como rei dos ghassanidas.

Xoán de Éfeso completa a súa biografías de santos orientais.

Sixeberto I e Gontran sitian Arelate, en mans godas.

o príncipe bereber Garmul rebélase contra os bizantinos en Mauretania e derrótaos. Repetirá en 570 e 571, antes de ser derrotado e morto polo patricio Gennadius.

os lombardos atacan tamén Provenza. O patricio Amatus é derrotado e morto pero son rexeitados polos francos. Esta situación provoca acercamentos entre francos e bizantinos.

xoves, 7 de agosto de 2014

568

casco lombardo
Fornovo San Giovanni
Bergamo, museo civico archeologico
www.pinterest.com
inicios de ano: Xustino II substitúe o goberno militar por un goberno civil en Italia. O patricio Flavius Longinus, enviado para suceder a Narsés, chega a Ravenna.

abril, 1: os lombardos (uns 100000 en total, incluídos 20000 saxóns, bávaros, taifales e sármatas que se van unindo ao continxente) dirixidos por Alboino cruzan os Alpes Xulianos e invaden Italia.

maio, 20: os lombardos ocupan Aquileia e o Véneto. As escasas unidades bizantinas que están no val do Po non lles poden facer fronte; abandonan grandes zonas do noreste e establecen unha marca fronteiriza nas cuíñas ao sur de Ravenna (inda coñecida como ‘il marche’).

Paulinus I, patriarca de Aquileia, fuxe cos tesouros da súa igrexa e trasládaos á illa de Grado.

Xisulfo, sobriño de Alboino, é o primeiro duque lombardo de Friul.

o avance lombardo vese favorecido pola indiferenza civil, produto da dureza da ocupación bizantina.

as zonas que desaloxan os lombardos en Pannonia son ocupadas por avaros, búlgaros e eslavos.

Sixeberto I, rei de Austrasia, rexeita un novo ataque avaro.

Chilperico I estrangula a Galswintha por instigación de Fredegunda, con quen ten unha relación e con quen casa a continuación.

Aethelric sucede a seu irmán Adda como rei de Bernicia (Escocia).

agosto: o strategos bizantino Zemarchos parte ao encontro do khan turco coa intención de pactar unha alianza contra os persas.

Xustino II e Sofía envían a ‘cruz de Xustino II’ (logo chamada ‘cruz vaticana’) a Roma como mostra da súa vontade de mellorar relacións entre occidente e oriente.

batalla de Wibbandun: Ceawlin de Wessex (anglo) derrota a Aethelberht de Kent (xuto) (crónica anglo-saxona); o primeiro enfrontamento entre os ‘invasores’ de Britannia.

Liuva I asocia a seu irmán Leovixildo ao trono. Leovixildo casara con Golsvinta, viúva de Atanaxildo, e reclama o trono. Ten unha gran personalidade e moitos partidarios. Liuva I non se enfronta a el e decide repartirse o trono conservando a parte NO dos dominios godos.

morre Narsés, no seu retiro de Neapolis.

Clodoveo, fillo de Chilperico I, é expulsado de Tours por Eunius Mummolus, por orden de Gontran.

ofensiva avara contra Sirmium.

Corippo escribe un panexírico en honra do emperador Xustino II.

mércores, 6 de agosto de 2014

567

Liuva I
en.wikipedia.org
marzo, 5: morre Cariberto en París sen descendencia lexítima. Casara con Ingeborga, e as súas servas Merofleda, e Marcowefa. Teutechilda, outra esposa, é excomungada dos seus bens por Xermán, bispo de París, por poligamia do rei e Gontran retírallos. Como consecuencia Gontran, Chilperico e Sixeberto repártense as terras do irmán maior.

Alboino mata a Cunimundo e casa coa súa filla Rosamunda, co que se converte en rei dos xépidos; parece que Alboino usa o cranio de Cunimundo como copa para beber. Alboino recea dos avaros e fai plans para entrar en Italia.

Atanaxildo pretende recuperar Corduba, pero fracasa no seu intento.

xuño, 20 (ante quem): morre Atanaxildo de morte natural en Toletum.

logo de cinco meses sen rei os magnates godos decídense por Liuva I, duque de Septimania.

novembro, 17: II concilio de Tours: os cregos atopados coa súa muller na cama serán excomungados; tamén os xuíces que non cumpran as amoestacións dos bispos.

Iohannes III, patriarca de Constantinopla, organiza un compromiso entre partidarios de Calcedonia e monofisitas.

Chilperico I envía ao seu fillo Clodoveo a Aquitania para facerse coas cidades de Poitiers e Tours, en poder de Sixeberto I. 

566

Sixeberto I de Austrasia
Recueil des rois de France
(FR 2848, f° 150)
gl.wikipedia.org
primavera:  Sixeberto I casa coa goda Brunequilda, filla de Atanaxildo, en Metz.

a causa da precaria situación da tesouraría pública, Xustino II comeza o seu goberno negando o tributo pactado aos avaros, que emprenden varios ataques de longo alcance nos Balcáns como represalia.

Xustino II chama a Xustinus, curmán seu e pretendente ao trono, a Constantinopla, e tras facerlle varias acusacións é posto baixo arresto domiciliario; finalmente é instalado en Alexandría como prefecto de Exipto pero alí é asasinado mentres durme e decapitado; a súa cabeza acaba en Constantinopla, probablemente o crime é un encargo da emperatriz Sofía.

Xustino II envía ao seu xenro Baduarius (magister militum) en apoio dos xépidos na súa guerra contra os lombardos. Os bizantinos vencen nunha batalla en Moesia pero Cunimundo, xefe xépido, rexeita entregar Sirmium, como pactara co emperador.

medra a tensión cos lombardos de Alboino, que acorda unha alianza cos avaros de Bayan I a cambio de duras condicións: unha décima parte do gando vacún dos lombardos e a metade do botín de guerra.

outubro, 3: o médico do emperador e o prefecto de Constantinopla son acusados de traizón e decapitados.

Ainmuire mac Sétnai, soberado de toda Hibernia (libro de Leinster).

Fei Di (12 anos) sucede a seu pai Wen Di como emperador da dinastía Chen; honra a súa tía-avoa  Zhang Yao’er co título de emperatriz e este convértese en rexente.

outono: os avaros atacan as fronteiras orientais francas; Sixiberto I acude a frealos pero é derrotado e feito prisioneiro onde o Elba; é liberado a cambio dun algo rescate.

Kirtivarman I sucede a seu pai Pulakesi I como soberano da dinastía Chalukya (India); conseguirá dominar os Kadambas e anexar o porto de Goa.

inverno: os turcos occidentais cruzan o Volga, xeado, coa intención de aniquilar os avaros.

finais de ano: Chilperico I contrarresta o movemento de Sixeberto I casando en Rouen coa irmá maior de Brunequilda, Gailswintha. Obtén os territorios godos entre o Garona e os Pirineos.

luns, 4 de agosto de 2014

561

Ariamiro con Lucrecio, Andrés e Martiño
codex Vigilianus (s. X)
es.wikipedia.org
Xustiniano enferma e comezan as conspiracións entre os aspirantes á sucesión. Varios familiares de Belisarius están implicados nunha conxura; cando se recupera o emperador son torturados e executados.

marzo, 4: morre Pelaxio I e é elixido Catelino (xullo, 17), que é bispo co nome de Xoán III. Trata en vano de resolver o cisma de Aquilea, orixinado a raíz dos ‘tres capítulos’.

Clotsvinda, filla de Clotario I, casa con Alboino, rei lombardo.

maio, 1: I Concilio de Braga: asisten oito bispos da Callaecia: Lucrecio, Andrés, Martiño, Coto, Hilderico, Lucecio, Timoteo e Malioso. O rei que figura nas actas recibe o nome de Ariamiro.

Lucrecio, metropolitano de Bracara, levaba certo tempo desexando organizar o concilio pero non puidera ser debido á prohibición real, do mesmo xeito que fixeran os reis godos dende tempos de Axila, que introduciu a prohibición entre 549 e 555, como reacción á invasión bizantina de 552 para previr a posibilidade de que se usara o catolicismo contra os godos e instigar alianzas entre francos, suevos e os hispano-romanos católicos.

o concilio condena o priscilianismo.

Hibernia: batalla de Cúl Drebene entre os Uí Néill do norte e do sur.

inverno: Wu Cheng Di sucede a seu irmán Xiao Zhao Di como emperador chinés do Qi norte. Morre de feridas de caza.

Jnanagupta, un monxe budista de Gandhara comeza a traducir textos budistas ao chinés.

outubro, 12: lume en Constantinopla.

novembro, 29: Clotario I morre e deixa sete fillos de diferentes mulleres. Os catro maiores asasinan a dous e conseguen excluír da herdanza ao outro, Gramna. Dividen o reino en catro partes e sortéanas: Cariberto, o maior, queda coa parte oeste, con capital de París; Gontrán, o segundo, Borgoña, con capital en Orleáns; Chilperico I, con Neustria, con capital en Soissons; Sixeberto I herda Austrasia, con capital en Reims.

novembro: os verdes atacan os azuis no hipódromo de Constantinopla.

decembro: tratado de paz de cincuenta anos entre persas e bizantinos. Acórdase en Dara entre o magister militum Pedro e Izadh-Gouchnasp. Conclúe a guerra lazica. Xustiniano paga un tributo de 30000 pezas de ouro a Cosroes I a cambio da evacuación de Lazica e liberdade culto para os cristiáns.

Narsés ataca os francos inda instalados ao norte do Po.

os avaros aparecen na fronteira do Danubio. Invaden a Besarabia e executan ao xefe local, Mesamer.

revolta dos taifales ao oeste do Poitou contra as imposición do duque Austrapius. É a última vez as fontes os mencionan; darán nome ao país de Tiffauges.

domingo, 3 de agosto de 2014

560

representación de Alboino
gravado sobre madeira
Crónica de Nuremberg (1493)
pt.wikipedia.org
destruídos os hephtalitas, os turcos dominan a Sogdiana e son os novos veciños dos persas.

Britannia: Aella, rei de Deira; Ceawlin sucede a seu pai Cynric en Wessex; Elidyr de Strathclyde invade Gwynedd (Gales) e intenta derrocar a seu cuñado, o rei Rhun Hir ap Maelgwyn.

Columba pelexa con Finnian de Moville sobre a autoría dun salterio e isto ocasiona un enfrontamento militar ao ano seguinte.

xuño: Clotario I invade Dumnonia, ao norte de Armorica. O xefe bretón Chonoo morre e Clotario fai queimar ao seu fillo rebelde Chramno coa súa familia, que se atopan refuxiados alí.

Alboino sucede a Audoino como xefe lombardo.

Cunimundo sucede a seu pai Thorisindo como xefe xépido.

Fidel, bispo de Emerita, sucede a Paulo.

Pelaxio I escribe: “a causa das continuas devastacións produto da guerra, hai pouco rematada, é das illas e territorios alén do mar que a igrexa recibe o pouco do que dispón para as súa necesidades e os pobres”. A poboación de Roma víase obrigada a comer bellotas e algúns incluso recorreron ao canibalismo.

os italianos sofren tanto (ou máis) a mans dos “liberadores” coma dos godos. O logotheta Alexandre, de terrible reputación, é  enviado por Constantinopla para obter tributacións. Os comandantes bizantinos non eran mellores e abusan dos seus cargos; por exemplo, Conon é asasinado polos seus propios homes, famentos, porque este aproveitábase da xestión do grao no seu beneficio ata extremos inxustificables.

a guerra arruína Italia e a súa capital. Os tres asedios da cidade van acompañados de fames, epidemias e sufrimentos. Grandes zonas da cidade son destruídas en lumes e moitos cidadáns quedan arruinados. Moitos aristócratas trasládanse a Constantinopla para tentar recuperar a súa posición a carón do emperador. Os xogos non se celebrarán máis. O sistema educativo colapsa. O reparto de gran vólvese intermitente para logo cesar para sempre. O senado tamén morre pouco a pouco. Moitos dos máis famosos edificios da cidade están desertos en ruínas, e a cidade, despois de tantos anos de maltrato, cae vítima das epidemias, das cheas e das fames cíclicas.

Bieito de Nursia predixera que “Roma non será despoboada polos bárbaros, senón polas tempestades, os lóstregos, tormentas e tremores de terra“.

decembro: lume en Constantinopla.