Amosando publicacións coa etiqueta Dionisio Exiguo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Dionisio Exiguo. Amosar todas as publicacións

martes, 15 de xullo de 2014

544

www.ancientillyrians.com
febreiro: Ly Bi é declarado emperador de Van Xuân (Vietnam). Os seus exércitos repelen ataques do reino Champa.

en Africa os mauros inician unha nova revolta baixo o mando de Antalas.

abril, 6: Arator declama en público o seu poema de actibus apostolorum na igrexa de Pedro de Liens en Roma.

abril, 11: conflito dos tres capítulos (un edicto imperial condena a tres teólogos do s. V: Ibas de Edessa, Theodoreto de Cyrros e Theodoro de Mopsuestia, nestorianos, para dar satisfacción aos monofisitas e reconciliarse cos ortodoxos, unha solución de compromiso que non é aceptada por occidente). Vixilius rexeita aprobar o edicto e excomunga o patriarca de Constantinopla. Xustiniano convócao a Constantinopla.

primavera: Totila divide as súas forzas en dous continxentes, cun asedia Otranto e con outro diríxese a Roma.

Totila toma Tibur, en conflito cos soldados imperiais que habitan nela, isauros que masacran a poboación local, incluído o bispo.

Xustiniano envía a Belisarius a Italia, pero con escasas tropas (4000 homes e 200 barcos).

Belisarius derrota os godos, que deben abandonar o sitio de Otranto.

morre Dionisio Exiguo en Roma, no seu mosteiro, membro da comunidade dos monxes escitas.

os búlgaros devastan Illyricum. Ao sabelo, os soldados ilirios que serven en Italia desertan e volven á casa para defender os seus.

Cosroes I ataca sen éxito Dara. O sitio de Edessa tamén fracasa e alcánzase un punto morto na ofensiva persa.

batallas de Theveste e Cillium: os exércitos imperiais en Africa ao mando de Solomon é derrotado polos mauros na fronteira de Numidia. O comandante morre logo de retirarse.

outubro: a dinastía Liang ataca Van Xuân cun exército (120000 homes) ao mando de Chen Baxian para reocupar a rexión.

a flota imperial reconquista Septem de mans dos visigodos.

Xustiniano da por concluída a peste en Constantinopla.

un tremor de terra arrasa Kyzikos no Mármara.

decembro: Belisarius chega a Ravenna, onde promete o perdón para os godos que se pasen ao bando imperial.

venres, 23 de maio de 2014

532

en.wikipedia.org
primeira mención da expresión ‘anno domini’ na numeración dos anos. Consecuencia dos cálculos de Dionisio Exiguo, que determina (aproximadamente) o ano do nacemento de Xesús.

segundo el, Xesús nace o 25 de decembro, e conclúe que a ‘Inmaculada Concepción’ é o 25 de marzo, así que propón considerar este día como o primeiro do ano. A data de inicio de ano xa é algo polémico, pois hai quen segue tradición de considerar como tal o 21 de marzo, mentres que outros seguen a proposta de Xulio César e toman como primeiro de ano o 1 de xaneiro. Agora hai unha terceira data en discordia.

xaneiro, 11-18: revolta Niké en Constantinopla: durante un festival no hipódromo os ‘verdes’ berran as súas queixas ao emperador, que permanece en silencio. Finalmente Xustiniano fai que un pregoeiro lles mande calar. Como non fan caso, manda que os insulten. Estes enfurécense inda máis e prodúcese un diálogo entre emperador e verdes que non queda moi digno para o emperador. Os verdes toman as rúas e comezan a incendiar a cidade ao berro de nika! (vitoria). Xustiniano refúxiase en palacio, unha fortaleza.

os verdes son monofisitas e o goberno católico. Ademais, algunhas personalidades da capital financian os seus alborotos por diversos fines. Por exemplo, dous sobriños de Anastasius están resentidos contra a usurpación de Xustino e agora tratan de derrocar a Xustiniano. Parece ser que tamén o xurista Triboniano ten intereses para apoiar as revoltas.

nas rúas, algúns cidadáns fan emperador a Hypatius, sobriño de Anastasius. O palacio ten unha saída ao Bósforo e o emperador decide embarcar todo o que pode para fuxir da cidade, pero seica Teodora di: “aí están as túas naves. Pola miña banda, adhírome á máxima dos tempos antigos de que o trono é un glorioso sepulcro”. Xustiniano, entón, decide quedar, consulta a Belisarius e este considera que pode facerse cargo da situación.

o magister militum per Orientem Belisarius e o magister militum per Illyrium Mundus introducen 3000 soldados no hipódromo, onde os verdes celebran a vitoria, matan entre 30000 e 40000 persoas; os sobriños de Anastasius (Flavius Hypatius e Flavius Pompeius) son executados e Triboniano deposto dos seus cargos.

Childeberto I e Clotario I reinician hostilidades contra o burgundo Gundemaro, a quen asedian en Augustodunum. Gundemaro é derrotado e morre en Zulpiacum, onde é trasladado.

Theuderico I rexeita aliarse con seus irmáns contra os burgundos e as súas tropas ameazan con abandonalo. Como contrapartida inicia unha campaña contra Auvernia, que ameazaban con independizarse; esta rexión resulta arrasada.

Clotario I fai asasinar os seus sobriños Teodebaldo e Guntaro (dez e sete anos), fillos de Clodomiro.

Isidoro de Mileto e Antemio de Tralles foron os encargados das tarefas de reconstrución da capital. A obra máis importante é a construción de ‘Hagia Sophia’. Tamén se comeza a construción do ‘pazo subterráneo’, unha enorme cisterna subterránea para subministrar auga ao pazo imperial.

outra obra destacada é a ‘porta Chalki’, entrada principal ao pazo imperial, coma o pórtico do Senado (entre Hagia Sophia e Magnaura). Ambas desenvólvense sobre o patrón da cruz da cúpula. Na Chalki a única bóveda descansaba sobre os arcos de catro bóvedas de canón. A leste e oeste, estes arcos arrancan de piares saíntes cara dentro; ao norte e sur da parte posterior doutras bóvedas de canón máis baixas e estreitas que ligaban os lados dos piares ao muros exteriores. No pórtico do Senado, que nos lembra a edificación de fondo do ‘Disco de Teodosio’, unha bóveda carga a esquerda e dereita sobre fondas bóvedas de canón; por diante, e polo lado da fachada propiamente dito, parecendo apoiarse só sobre os arcos. A diferenza dos sólidos muros que circundaban a Chalki, as bóvedas de canón e os pórticos do edificio do Senado, están sostidos no exterior por enormes columnas, hoxe desaparecidas.

nas obras imperiais chegan a traballar máis de 10000 persoas.

en Constantinopla hai hospitais gratuítos, beneficencia para pobres, brigadas contra incendios, alumeado público, subministro de auga, cisternas para reservas de auga e hórreas para grao, en caso de asedio.

outubro: asínase a ‘paz eterna’ con Persia que da por finalizada a guerra en Iberia. Ambos bandos acordan devolver os territorios ocupados e Xustiniano consente pagar 110 centenaria (11000 libras de ouro) como contribución para a defensa dos pasos do Cáucaso

Cosroes I planea un reorganización imperial e tamén lle convén a paz. Realiza un censo e establece un novo sistema de impostos. Cosroes ten sona de monarca culto, xusto e tolerante (é coñecido como ‘o Xusto’): a súa sona chega a oídos dos filósofos atenienses (Damaskios, Simplikios e outros), que se quedaran sen saber que facer logo de pechada a Academia e deciden emigrar a Persia, onde son ben recibidos.

liberado do frente persa, Xustiniano planea atacar Africa, onde Xelimer lle dera un bo pretexto ao derrocar a Hilderico, aliado imperial. Xustiniano esixe a entrega de Hilderico pero este é executado.

Septem e Baleares son puntos estratéxicos para Constantinopla na súa ‘reconquista’ da pars occidentis. Procopio narra (bellum vandalicum IV, v, 1-8) que Apolinar, un italiano criado en Africa e home de confianza de Belisarius, conquistou Ibiza, Mallorca e Menorca; podemos deducir que isto formaría parte dun plan de Belisarius –e de Xustiniano– xa que logo dunha serie de vitorias fronte os vándalos e antes de realizar o asalto de Cartago, ordena a conquista de territorios que lle facilitaran auxilio ao acosado rei vándalo, ou que, por rebelións indíxenas, puideran poñer en perigo ao corpo expedicionario oriental.

Xoán Asiacus, monxe fanático, dirixe unha cruzada contra os pagáns en Asia Menor.

outubro, 17: morre Bonifacio II. Celébrase un cónclave para elixir sucesor pero non se chega a ningunha decisión.

An Ding Wang suicídase e sucédeo Xiao Wu Di, como emperador Wei.

Silla conquista a cidade – estado de Geumgwa Gaya en Korea durante o período dos tres reinos.

venres, 20 de decembro de 2013

525

www.labrujulaverde.com
Probus e Philoxenus, cónsules.

tremor de terra en Constantinopla.

febreiro, 5: morre Avitus de Vienne.

febreiro, 5 &6: o concilio de Carthago reorganiza a igrexa de Africa, logo das últimas persecucións.

Teodorico envía a Xoán I a Constantinopla co obxectivo de negociar co emperador unha suavización da política relixiosa contra os arianos. Xustino recibe o papa con todos os honores e incluso fai que o coroe pero da política relixiosa non se trata.

os persas penetran en Iberia, que é conquistada, pese á oposición dun pequeno exército enviado por Xustino.

en Britannia (norleste) Bernicias cae en mans anglosaxonas.

Boethius e o seu sogro Quintus Aurelius Memmius Cassiodorus son axustizados en Ticinum, probablemente.

unha terrible inundación a causa do río Daisan, tributario do Éufrates, destrúe Edessa, en Syria, en dúas horas, excepto as partes altas. Durante os traballos de reconstrución da cidade atópase o máis tarde denominado ‘sudario de Turín’.

Dionisio o Exiguo, monxe escita residente en Roma, propón iniciar a conta dos anos co nacemento de Xesús (en realidade tería nacido en 7 a.C.). Iníciase a conta denominada a.D. tamén elabora as táboas para calcular o ‘cyclus paschalis’.

o arquitecto Antemio de Tralles ‘atopa’ o foco dunha parábola matemática.

tremor de terra en Cilicia: Anazarbus resulta destruída. Xustino I reconstrúe a que sería a súa cidade natal, que pasa a ser Xustinopolis. Antioquía, Seleucia en Syria e Constantinopla tamén se ven afectadas.

tropas de Clotario I atacan territorios burgundos.

Kaleb, rei de Aksum, reúne unha flota, coa colaboración de Constantinopla, e ataca Iemen, coa pretensión de establecer portos seguros no mar Vermello.

Cosmas Indicopleustes, explorador e xeógrafo de Alexandría explora o Nilo. Chega ata Sri Lanka, faise monxe e escribe Topographia Christiana para defender a historia bíblica do mundo.

en Iucatán, os itzáes fundan a cidade maia de Chichén Itzá.

mércores, 4 de setembro de 2013

500

arte-historia.com
interior de Apolinar o Novo
Patricius e Hypatius, cónsules.

batalla de Mons Badonicus: “os romanos” (unha coalición de britanos e celtas) vencen os anglosaxóns, contendo a penetración destes ás zonas interiores de Britannia. O ano é aproximado e o lugar pode ser a zona de Bath. O líder xermano podería ser Aelle de Sussex ou Cerdic de Wessex; o lider romano, segundo lendas posteriores, sería o que daría lugar á lenda de Artús.

Britannia estaría xa dividida en sete reinos (heptarquía).

ao parecer, un grupo de emigrantes escotos parte de Dál Riata (norte de Hibernia), conducidos por Fergus Mor, e aséntase nas costas occidentais de Caledonia, que tamén se considera parte do reino, polo que é coñecido tamén como Dál Riata. Non sendo os primeiros escotos no lugar si son os primeiros que logran unha organización alén do simplemente tribal. A existencia histórica de Mor é cuestionable (Anais de Tigernach)

o reino de Munster en Hibernia pasara xa o seu período de maior apoxeo e agora divídese en dúas partes (Desmond, norte e Thomond, sur) gobernadas por dúas ramas da familia real de Munster (os Eoghan Mor): os MacCarthy en Desmond e os O'Brien en Thomond.

constrúese o monumento coñecido como “pedras de Ale” en Suecia.

o imperio chinés está gobernado pola dinastía Qi. Ao norte, o reino bárbaro de Wei fai de protección frontes aos ataques de varios pobos, especialmente os Yuan-Yuan. Ao sur o imperio chinés apoia ao reino Fu-nan coa esperanza de que domine o reino de Shampa, pero os intentos resultan infrutuosos.

Xuan Wu Di, novo emperador do norte.

aparecen os primeiros teóricos da literatura: Liu Xie escribe o Dragón cravado no corazón da literatura, onde combate o preciosismo e defende que o obxectivo da literatura é describir situacións e sentimentos reais, á vez que proporciona criterios “obxectivos” para xulgar unha obra.

en Roma, e outros lados, xa non hai necesidade de esconderse e cesan de producirse máis enterramentos en catacumbas.

Trasamundo casa con Amalafrida, irmá viúva de Teodorico, que aporta unha gran dote e unha tropa goda de elite de 5000 homes.

mercadores árabes establécense no norte de Etiopía.

Persia e India están conmocionadas polos hunos, se ben Khavad está facéndose co control do imperio grazas á axuda dos propios hunos.

os cristiáns de Persia, Armenia e o reino árabe de Hira adoptan o nestorianismo. Os nestorianos difunden novamente a cultura grega a Persia, antes erradicada polos sasánidas.

aparece o mazdeísmo, creado por Mazdak, que propón unha doutrina semellante ao maniqueísmo, un modo de vida ascético e comunista. Denuncia os intereses da nobreza e o poderío dos sacerdotes, co que se gañou a animadversión de ambos sectores.

o declive huno en occidente tamén permite a expansión dos eslavos, que asimilan parte dos invasores asiáticos e deixan de ser os campesiños dóciles que foran baixo os cimerios, sármatas, godos e hunos. Mudan en guerreiros, pero sen deixar as prácticas campesiñas. Mentres os xermanos só eran guerreiros e escravizaban os traballadores dos territorios conquistados, os eslavos conquistan un territorio e forman familias, labran a terra e absorben os nativos.

colonizan lentamente o territorio dende os Balcáns ata as actuais Rusia e Ucraína, e a poboación desas zonas “eslavízase” completamente.

ocupan territorios xunto ao Danubio e son a nova ameaza bárbara para a pars orientis.

o clima, relativamente estable e favorable desde 300, empeza a cambiar no este do Mediterráneo cara circunstancias máis desfavorables. É un cambio gradual que cubre case un século. Secan as fontes e son cubertas por dunas de area.

este cambio produce un desastre económico, xa que o sistema se basea na agricultura, que comeza a colapsar en áreas que dependían da auga: as chuvias decrecen e o aumento de anos de seca leva ao empobrecemento das terras, a fame e o abandono de terras. A poboación volve a unha economía que se basea máis no pastoreo. Este proceso afecta primeiro e máis directamente aos grandes asentamentos. Os anos prolongados de seca e os factores políticos producen cambios que terminan por causar o abandono final de moitos asentamentos.

nunha carta a un tal Xerome de Elusa, amigo seu, Procopio de Cesarea describe como as raíces das viñas están expostas ao aire por culpa dunha combinación de seca e ventos inclementes en Gaza.

Roma non forma parte do imperio pero os seus habitantes seguen a denominarse romanos. Constantinopla é a nova Roma, o latín é a lingua administrativa inda que o poboación fala grego e as institucións eran as tradicionais, modificadas pola adopción do cristianismo como relixión oficial.

a polémica máis importante á que sen enfronta Anastasius é a pugna entre catolicismo e monofisismo. Exipto e Asia Menor, liderados polos patriarcas de Alexandría e Antioquía, mudaron monofisitas para oporse ao patriarca de Constantinopla, e na capital o clero estaba dividido. Desde un punto de vista político, o dilema era que apoiar o monofisismo supuña conseguir a lealdade das provincias, pero tamén a ruptura con occidente (totalmente católico) e, por conseguinte, cerraba as portas a unha posible reconstrución do Imperio; por outra parte, apoiar o catolicismo podía facilitar que a poboación occidental se puxera de parte dos exércitos imperiais se lograban ocupar un territorio, pero a costa de perigosas tensións internas. Esta alternativa non era moi prometedora, pois tamén estaba a rivalidade entre o papa de Roma e o patriarca de Alexandría, rivalidade que non se resolvía inda que ambas igrexas aceptaran a doutrina católica. Tal vez por iso Anastasius se decantou polo monofisismo.

alguén, no norte de Italia, escribe o codex argenteus, unha versión da Biblia traducida ao godo por Wulfila.

a polémica sobre as diferenzas teolóxicas vese multiplicada por un fenómeno sociolóxico: en Constantinopla popularizáranse as carreiras de carros. Ao inicio había dous equipos, que se distinguían polas cores das súas traxes: os vermellos e os brancos, pero a medida que se popularizaban máis creáronse dous equipos máis: os azuis e os verdes, que finalmente foron maioritarios e eclipsaron os outros dous. Pero a rivalidade medrou tanto que se estendeu á política e á relixión; os azuis eran católicos e os verdes monofisitas.

cando Anastasius apoia o monofisismo atopa media cidade descontenta, provocando motíns e disturbios, cada vez máis frecuentes.

os xudeus redactaron a Guemará babilónica, comentarios á Mishná que deron lugar a unha segunda versión do Talmud, polo que se distingue entre o Talmud de Xerusalem e o de Babilonia; este último o máis difundido e o que ten desempeñado un papel principal na teoloxía xudía.

francos e burgundos libran unha batalla en Aedunense: Gundobado, sen saber do pacto segredo, contaba con reforzos de seu irmán Godexiselo pero estes non chegan e é derrotado. Gundobado consegue fuxir e chegar a Avignon. Mentres Clodoveo toma Lugdunum e Vienne. Tropas de Teodorico móvense cara a Provenza para conter a Clodoveo.

onde e refuxia e consegue que Clodoveo acceda a recoñecelo rei a cambio de pagarlle tributos.

Gundobado, presionado polo acercamento dos bispos a Clodoveo, tamén se fai católico xunto co seu fillo Sexismundo. Pasan a gobernar xuntos.

Gundobado derrota a Godexiselo, que é axustizado.

Clodoveo lexisla (lei sálica: un artigo nega que as mulleres poidan herdar terras, con repercusións na historia posterior de Europa).

Bieito de Nursia, mozo da aristocracia, decide abandonar Roma, onde estudara retórica, filosofía e dereito, para retirarse ao deserto de Subiaco, en Italia, onde o monxe Román, lle impón os hábitos monásticos.

chega a Roma a vivir Dionisio Exiguo. Alí, como membro educado da curia romana, traduce do grego ao latín 401 canons eclesiásticos, incluíndo os canons apostólicos e os decretos dos concilios de Nicea, Constantinopla, Chalcedonia e Sardis, e tamén unha colección das decretais dos papas dende Siricius ata Anastasius II. Estas coleccións tiveron grande autoridade no oeste e inda guían as administracións eclesiásticas. Dionisio tamén escribe un tratado de matemáticas elementais. Beda e Félix fixeron del abade inda que Casiodoro, amigo seu, di nas Institutiones que todavía era monxe ao final da súa vida.

Fulxencio de Ruspe, de visita en Roma, di: “que marabillosa debe ter sido a Xerusalem do ceo, cando esta cidade terreal brilla como o fai.” A vida de Roma non sufre gran alteración: o senado reúnese regularmente e as grandes familias aristocráticas manteñen en todo o seu estatus e as súas enormes propiedades; celébranse os xogos no circo; o grao segue a ser distribuído coma sempre; florecen as escolas e hai unha brillante vida cultural e social.

en Ravenna construción do baptisterio ariano e de Apolinar o Novo.

setembro, fin: Teodorico I abandona Ravenna e chega a Roma, onde entra triunfalmente. Publica o edictum theodorici regis, tratando de impor a lei romana a todos os seus súbditos, independentemente da súa orixe étnica. Restaura a organización política e administrativa da cidade (senado, prefecto da cidade, gobernadores provinciais, e curias municipais).

o edictum theodorici regis era incluído pola maioría de autores dentro do dereito ostrogodo, inda que algúns din que sería visigodo. Consta dun prólogo, 155 capítulos e epílogo e contén disposicións tomadas do dereito romano tardoantiguo (códigos gregoriano, hermoxeniano e teodosiano).

xunto con outras leis da época xa se distancia do principio de personalidade e se aproxima ao de territorialidade en canto á súa aplicación, xa que debía ser observado tanto por “romanos” como “bárbaros”. Trata de regular problemas territoriais nos lugares onde conviven romanos e bárbaros e hai problemas de asentamento.

hai teorías distintas sobre a súa autoría. Ata 1953 supúñase que era obra de Teodorico pero a partir de aí italianos coma Piero Rasi e Giulio Vismara identifican ao rei coma Teodorico II. Álvaro d’Ors supón que é obra dun gobernador ou prefecto do pretorio das Galias durante Teodorico II; quizás Magno de Narbo, de quen se sabe que dictou normas xurídicas aos godos (segundo Sidonio) e inda que contén costumes xermánicos, está fondamente xermanizado.

expansión das culturas de Perú.

enorme erupción do volcán Barú (Centroamérica).

fundación de Uxmal, cidade maia.