Amosando publicacións coa etiqueta Anastasius II. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Anastasius II. Amosar todas as publicacións

sábado, 20 de xullo de 2013

498

bautizo de Clodoveo
www.voyagesphotosmanu.com
Paulinus e Scytha, cónsules.

maio: Anastasius suprime a taxa chrysargyron e reforma os sistemas monetario e fiscal, usando numerais gregos en lugar de latinos. O follis de cobre adopta un valor fixo fronte ao solidus de ouro. A recadación de impostos é agora cousa da prefectura da corte en detrimento da curia.

os francos depredan Burdigala. O bispo de Tours Verus é exiliado por colaborar cos francos.

novembro, 16: morre Anastasius II logo de dous anos de bispado. Tentara conciliar os seguidores de Acacius, que fora excomungado por Fiz II.

novembro, 22: a sucesión é complicada: unha facción elixe a Simmacus (apoiado por Teodorico) no palacio Laterano e outra, en María a Maior, a Laurentius (apoiado polo senado encabezado por Festus), que promete asinar o henotikon de Zenón.

as diferenzas prolónganse anos. Celébranse ata tres concilios para tentar resolver a cuestión, que chega a adoptar formas moi violentas (Bower: “non se tiña en conta rango nin dignidade; e nin sequera as virxes consagradas eran respectadas pola multitude enfurecida”).

posiblemente Clodoveo I accede a ser bautizado por Remixio en Reims nunha cerimonia onde tamén se bautizan 3000 membros das súas tropas de elite. Remixio será o conselleiro e organizador eclesiástico no reino franco.

en realidade, só un reducido grupo de francos salios se converte, mentres que os ripuarios seguen a ser pagáns (co costume de martirizar a todos os misioneiros cristiáns que se aventuran nos territorios que controlan). Isto aumenta diferenzas e diverxencias entre os dous grupos: os salios teñen pouco inconveniente en mesturarse cos nativos e cedo a súa lingua pasa a ser o latín; pola contra, os ripuarios conservan a lingua xermánica e nunca perden o contacto cos xermanos máis ao oeste.

o clero católico dos territorios controlados por Alarico II celebran a conversión de Clodoveo. De súpeto, Alarico contempla o clero como potenciais traidores, un feito moi perigoso en vista da gran influencia que teñen sobre a poboación. Por isto, inicia unha dura represión, sendo expulsados moitos bispos. Por outra banda, a nobreza goda empeza a sentirse insegura en Gallia e boa parte dela ve como unha boa solución trasladarse a Hispania, onde poden requisar terras e instalarse con máis tranquilidade.

Buretsu (9 anos), sucede a seu pai Nenkin, e convértese no 25º emperador de Xapón.

Flavianus II, patriarca de Antioquía.

venres, 19 de xullo de 2013

496

batalla de Tolbiacum
www.diomedia.com
Paulus, cónsul único.

febreiro, 14: Xelasio promove o día de Valentín na súa tentativa de abolir e prohibir as lupercalia.

os godos acaban cunha usurpación en Hispania: Burdunelus proclámase augustus; (podemos deducilo de “tyranidem assumit”: describíndose coma tyrannus, probablemente se autotitularía coma augustus) pero é abandonado polos seus partidarios e levado a Tolosa, onde o queiman vivo dentro dun boi de bronce.

morre Guntamundo (46 anos), sucedido por seu irmán Trasamundo, que casa pouco despois con Amalafrida, irmá de Teodorico o amalo. É culto, afeccionado á poesía e teólogo (ariano). Tivo problemas continuos cos mauros.

os francos depredan Saintes.

os alamanos séntense ameazados por Teodorico I e deciden penetrar en territorios francos e burgundos. Clodoveo usa o argumento da defensa propia para pasar ao ataque. Prodúcese unha encarnizada batalla en Tolbiacum (Zülpich), que gañan os francos con grandes perdas e a morte do líder alamano Xibuldo. A zona entre Neckar, Alb e Main pasa ao reino franco.

Khavad I é deposto, encarcerado e exiliado a Susiana logo de que fracasara no intento de quebrar o poder dos magnates. Sucédeo seu irmán máis novo Zamaspes.

novembro, 21: morre Xelasio I e elixen a Anastasius II, que decide restablecer os vínculos entre Roma e Constantinopla.

Anastasius depón e excomunga a Euphemius e envíao ao exilio. O seu sucesor como patriarca de Constantinopla é Makedonios II.

co decretum gelasiarum elabórase unha listaxe de libros prohibidos pola igrexa.