sábado, 20 de xullo de 2013

498

bautizo de Clodoveo
www.voyagesphotosmanu.com
Paulinus e Scytha, cónsules.

maio: Anastasius suprime a taxa chrysargyron e reforma os sistemas monetario e fiscal, usando numerais gregos en lugar de latinos. O follis de cobre adopta un valor fixo fronte ao solidus de ouro. A recadación de impostos é agora cousa da prefectura da corte en detrimento da curia.

os francos depredan Burdigala. O bispo de Tours Verus é exiliado por colaborar cos francos.

novembro, 16: morre Anastasius II logo de dous anos de bispado. Tentara conciliar os seguidores de Acacius, que fora excomungado por Fiz II.

novembro, 22: a sucesión é complicada: unha facción elixe a Simmacus (apoiado por Teodorico) no palacio Laterano e outra, en María a Maior, a Laurentius (apoiado polo senado encabezado por Festus), que promete asinar o henotikon de Zenón.

as diferenzas prolónganse anos. Celébranse ata tres concilios para tentar resolver a cuestión, que chega a adoptar formas moi violentas (Bower: “non se tiña en conta rango nin dignidade; e nin sequera as virxes consagradas eran respectadas pola multitude enfurecida”).

posiblemente Clodoveo I accede a ser bautizado por Remixio en Reims nunha cerimonia onde tamén se bautizan 3000 membros das súas tropas de elite. Remixio será o conselleiro e organizador eclesiástico no reino franco.

en realidade, só un reducido grupo de francos salios se converte, mentres que os ripuarios seguen a ser pagáns (co costume de martirizar a todos os misioneiros cristiáns que se aventuran nos territorios que controlan). Isto aumenta diferenzas e diverxencias entre os dous grupos: os salios teñen pouco inconveniente en mesturarse cos nativos e cedo a súa lingua pasa a ser o latín; pola contra, os ripuarios conservan a lingua xermánica e nunca perden o contacto cos xermanos máis ao oeste.

o clero católico dos territorios controlados por Alarico II celebran a conversión de Clodoveo. De súpeto, Alarico contempla o clero como potenciais traidores, un feito moi perigoso en vista da gran influencia que teñen sobre a poboación. Por isto, inicia unha dura represión, sendo expulsados moitos bispos. Por outra banda, a nobreza goda empeza a sentirse insegura en Gallia e boa parte dela ve como unha boa solución trasladarse a Hispania, onde poden requisar terras e instalarse con máis tranquilidade.

Buretsu (9 anos), sucede a seu pai Nenkin, e convértese no 25º emperador de Xapón.

Flavianus II, patriarca de Antioquía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario