Amosando publicacións coa etiqueta Merobaudes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Merobaudes. Amosar todas as publicacións

venres, 12 de outubro de 2012

446

reconstrución de Asturica Augusta
www.asturica.com

xaneiro,1: Aetius e Symmachus, cónsules. Merobaudes le un panexírico adicado a Aetius e os seus logros en Gallia.

Vitus, nomeado magister utriusque militiae, está en Carthaginiensis e Baetica á cabeza dun continxente romano e godo para, ao parecer, restablecer a autoridade imperial e castigar as forzas locais que cooperan cos suevos. Cando chega Rechila e derrota as forzas auxiliares godas, Vitus foxe. Debido a este estrepitoso fracaso os suevos exercen a súa influencia sobre amplísimas zonas de Hispania sen ningún tipo de oposición.

Xermanus de Auxerre volve de Britannia e unha delegación procedente do tractus armoricanus solicita que interveña ante un xefe militar alano. Constantius de Lugdunum (Vita Germani) describe o confronto: o alano recibira o encargo de reprimir a bacauda pero Xermanus persuádeo para que pospuxese a acción (securitas fidelissima pacis) mentres obtiña confirmación de Ravenna.

cando Xermanus chega a Ravenna, Gala Placidia envíalle un presente consistente nunha bandexa de prata chea de delicias gastronómicas en consonancia coa estrita dieta vexetariana do bispo, quen apela tamén á benevolencia do Senado.

a estabilidade rómpese cando a propia bacauda reinicia hostilidades.

destacar que o mediador é un bispo con influencia tanto ante alanos coma Ravenna: goza por tanto de auctoritas.

Constantius identifica o xefe alano coma Eochar, pero moitos historiadores din que é Goar (que aparece nalgunhas fontes coma “Gochar”) de xeito que a carreira activa deste persoeiro duraría 40 anos, feito improbable. Outro grupo alano na zona é o de Sambida, foederati, e participará na campaña contra os hunos en 451.

(ata 448) Maioriano, un novo oficial ás ordes de Aetius, defende Tours contra a bacauda.

xullo, 12: morre Proclus e é sucedido por Flavianus coma bispo de Constantinopla.

xullo, 27: reposta de León I a Toribio de Asturica, que constitúe un tratado dogmático contra os priscilianistas; nela tamén se recomenda a organización dun sínodo para frear a influencia do priscilianismo e a restauración da ortodoxia, reclamando incluso ao poder civil que sexan executados. No entanto, Antoninus captura a Pascentius, un dos maniqueos fuxidos, e xúlgao en Emerita, para posteriormente expulsalo de Lusitania. Isto demostra a estreita relación entre Callaecia e Lusitania, e destas co resto de provincias hispanas: a correspondencia de León e Toribio demóstrao así como que o diácono de Callaecia Pervincus sexa quen trae a carta dende Roma ad Hispanienses episcopos no seu conxunto.

piratas irlandeses destrúen (queiman) o Cor Tewdws (Colexio de Teodosio) en Llantwit Major (Gales). Os britanos e mercenarios saxóns baixo Vortigern solicitan axuda militar a Aetius contra pictos e irlandeses. Última vez que consta; en adiante, Britannia tentara resolver os problemas por si mesma.

China envía unha expedición que termina os ataques do reino de Shampa.

un edicto de Tuoba Tao (dinastía Wei, norte de China) e do seu ministro Cui Hao decreta reprimir o budismo (anteriormente promovido) ao descubrir armas no mosteiro Chang’an logo dunha revolta. Hai outros motivos: a escaseza de man de obra e impostos que agora flúen cara os mosteiros ameaza a administración secular e a reacción é feroz xa que monxes e monxas son asasinadas, e os templos e iconas destruídos. Todos os homes menores de 50 anos teñen prohibido profesar. Esta situación prolóngase ata 450, contribuíndo así a que o confucianismo da dinastía Han adquira preeminencia sobre o budismo.

luns, 24 de setembro de 2012

443

representación dunha típica manobra de combate huna
pablo-romanempire.blogspot.com

Petronio Maximus e Flavius Paterius, cónsules.

a bacauda hispana ataca Arecilium. Quen forma estes grupos?: a, nativos de zonas pouco romanizadas que se erixen en forza independente; b, colonos e escravos que rebelan e enfrontan contra terratenentes e exército; c, simple bandoleiros.

Asturio (probablemente hispano) é relevado polo seu xenro Merobaudes, indicio do interese da aristocracia hispanorromana en destruír a bacauda, que pon en perigo as súas bases de prepotencia socioeco­nómica, así como do influxo que esta, cando menos a da Tarraconensis, seguía tendo no goberno imperial. A actividade de tales xenerais romanos debeu de restablecer a situación polo momento.

León I ataca os maniqueos de Roma: un debate público no que queima os seus libros e advirte aos romanos na súa contra.

os burgundios asinan un foedus con Roma e adquiren o status de foederati. Son asentados en Sapaudia e Sequania, con capital en Maxima Sequanorum (Xenebra); vanse estendendo polas concas do Saona e Ródano cara o Mediterráneo. O rei chámase Gundioco.

agosto: tratado de paz entre os hunos e o imperio (1ª de Anatolia): Teodosio II entrega 6000 libras de outro en concepto de rescate dos prisioneiros e acorda un tributo de 2100 libras de ouro por ano. Algúns príncipes hunos cativos en Constantinopla rexeitan volver cos seus e son os propios cidadáns da capital quen os obriga (algúns mátanos) ao ver perigar a paz.

os habitantes da pequena aldea de Asimus, que foran quen de rexeitar os ataques hunos, néganse a liberar os prisioneiros hunos feitos a pesar da intervención imperial. Ao parecer matáranos, excepto dous, e responden que os liberarán a cambio de dous nenos en poder dos hunos. Atila ameaza con non respectar a paz se non se castiga a aldea pero debe retirarse cando se fai o intercambio solicitado pola aldea (?).

a campaña de desprestixio contra a emperatriz Eudocia finalmente consegue que Teodosio II decrete o seu exilio a Palestina.

en Britannia, a causa dos conflitos entre os diversos núcleos de poder, esténdese a fame. Medran as diferenzas entre pelaxianos e ortodoxos; moitos destes emigran a Gallia.

Gunabhadra, monxe budista indio, é convidado polo emperador de Liu Song. Traduce o Lankavatara Sutra do sánscrito ao chinés.