reconstrución de Asturica Augusta www.asturica.com |
xaneiro,1: Aetius e Symmachus, cónsules. Merobaudes le un panexírico adicado a Aetius e os seus logros en Gallia.
Vitus, nomeado magister utriusque militiae,
está en Carthaginiensis e Baetica á cabeza dun continxente romano
e godo para, ao parecer, restablecer a autoridade imperial e castigar as forzas
locais que cooperan cos suevos. Cando chega Rechila e derrota as forzas
auxiliares godas, Vitus foxe. Debido a este estrepitoso fracaso os suevos
exercen a súa influencia sobre amplísimas zonas de Hispania sen ningún tipo de oposición.
Xermanus de Auxerre volve de Britannia e unha
delegación procedente do tractus
armoricanus solicita que interveña ante un xefe militar alano. Constantius de Lugdunum (Vita
Germani) describe o confronto: o alano
recibira o encargo de reprimir a bacauda pero Xermanus persuádeo para
que pospuxese a acción (securitas
fidelissima pacis) mentres obtiña confirmación de Ravenna.
cando Xermanus chega a Ravenna, Gala Placidia envíalle un presente
consistente nunha bandexa de prata chea de delicias gastronómicas en
consonancia coa estrita dieta vexetariana do bispo, quen apela tamén á
benevolencia do Senado.
a estabilidade rómpese cando a propia bacauda
reinicia hostilidades.
destacar que o mediador é un bispo con influencia tanto ante alanos coma Ravenna: goza por tanto de auctoritas.
Constantius identifica o xefe
alano coma Eochar, pero moitos
historiadores din que é Goar (que
aparece nalgunhas fontes coma “Gochar”)
de xeito que a carreira activa deste persoeiro duraría 40 anos, feito
improbable. Outro grupo alano na zona é o de Sambida, foederati, e participará na campaña contra os hunos
en 451.
(ata 448) Maioriano,
un novo oficial ás ordes de Aetius, defende Tours contra a bacauda.
xullo, 12: morre Proclus e
é sucedido por Flavianus coma bispo
de Constantinopla.
xullo, 27: reposta
de León I a Toribio de Asturica, que
constitúe un tratado dogmático contra os priscilianistas; nela tamén se
recomenda a organización dun sínodo para frear a influencia do priscilianismo e
a restauración da ortodoxia, reclamando incluso ao poder civil que sexan
executados. No entanto, Antoninus
captura a Pascentius, un dos
maniqueos fuxidos, e xúlgao en Emerita,
para posteriormente expulsalo de Lusitania.
Isto demostra a estreita relación entre Callaecia
e Lusitania, e destas co resto de
provincias hispanas: a correspondencia de León e Toribio demóstrao así como que
o diácono de Callaecia Pervincus sexa quen trae a carta dende
Roma ad Hispanienses episcopos no seu conxunto.
piratas
irlandeses destrúen (queiman) o Cor Tewdws (Colexio de Teodosio) en Llantwit
Major (Gales). Os britanos e mercenarios saxóns baixo Vortigern solicitan axuda militar a Aetius contra pictos e irlandeses.
Última vez que consta; en adiante, Britannia
tentara resolver os problemas por si mesma.
China envía unha expedición que termina os ataques do
reino de Shampa.
un edicto de Tuoba
Tao (dinastía Wei, norte de China) e do seu ministro Cui Hao decreta reprimir o budismo (anteriormente promovido) ao descubrir
armas no mosteiro Chang’an logo dunha revolta. Hai outros motivos: a escaseza
de man de obra e impostos que agora flúen cara os mosteiros ameaza a
administración secular e a reacción é feroz xa que monxes e monxas son
asasinadas, e os templos e iconas destruídos. Todos os homes menores de 50 anos
teñen prohibido profesar. Esta situación prolóngase ata 450, contribuíndo así a
que o confucianismo da dinastía Han adquira preeminencia sobre o budismo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario