Amosando publicacións coa etiqueta Theuderico I. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Theuderico I. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de maio de 2014

533

Triboniano e Xustiniano presentando as Pandecta
www.painting-palace.com
Xustiniano, cónsul único.

xaneiro, 2: Xoán II elixido bispo de Roma. O seu verdadeiro nome era Mercurius, pagán, pero múdao, inaugurando un costume que se consolidará co tempo. Conta co consentimento das autoridades godas.

primavera: revolta anti-vándala en Tripolitania e Sardinia. O groso da flota (120 naves e 5000 homes) son desprazados a Sardinia ao mando de Tzazo, irmán do rei. As forzas bizantinas da Cyrenaica ocupan Lepcis Magna e Tripoli.

xuño, 21: a pesar da opinión contraria de, entre outros, Xoán de Capadocia, Xustiniano envía a Belisarius a Africa para conquistar o reino vándalo. Reúnese unha flota de 500 naves de transporte (10000 infantes e 5000 de cabalería: 3000 romanos, 1000 hunos e herulos e os bucellarii de Belisarius) cos subministros necesarios. Unha forza moito menor que a enviada por León I. Na nave insignia acompañan a Belisarius o seu secretario militar Procopio e a súa dona Antonina.

a oposición dos conselleiros imperiais baséase en que a tesouraría imperial se vería seriamente minguada.

Belisarius toma todas as precaucións para que a poboación católica de Africa se poña do seu lado. Ademais as forzas vándalas están divididas: unha parte está en Sardinia cando Belisarius desembarca nas proximidades de Carthago.

setembro: Belisarius chega a Sicilia, que usa como punto de apoio, co permiso de Amalasunta. Os ostrogodos aportan subministros e a flota é preparada para o ataque final.

setembro, 9: os romanos tocan terra en Caput Vada. Belisarius marcha cara Carthago, no norte, seguindo a costa, acompañado pola flota e vixiado por Xelimer. As cidades polas que pasan caen sen resistencia.

setembro, 14: na batalla de ad decimum (no miliario décimo) Belisarius case é derrotado por Xelimer, que tenta unha emboscada nun desfiladeiro, pero logra a vitoria despois de matar a Ammatas, segundo irmán do rei. Carthago cae ao día seguinte baixo orde expresa de respectar a vida da poboación. A flota romana é estacionada no lago Tunis.

novembro, 29: tremor de terra en Syria, nas proximidades de Aleppo, onde morren 10000, 130000 aproximadamente en toda a rexión.

Xelimer recibe a axuda do seu outro irmán Tzazo en Bulla Regia e tamén logra a axuda dos mauretanos. Xunta un continxente de 50000 e avanza cara Carthago.

decembro, 15: segunda batalla en Tricamarum, pese á superioridade vándala en número, e logo dunha carga da cabalería romana, cae Tzazo e escapa Xelimer, mentres Belisarius captura moitos civís vándalos e o tesouro real. Xelimer refúxiase cos mauretanos, pero finalmente entrégase coa condición de que se lle respecte a súa vida e a da súa familia.

as novas autoridades orientais estimulan agora a volta da elite rexional, reconstrúense e edifícanse moitas igrexas e rehabilítanse as murallas. Por exemplo, é reconstruída a vella basílica do s. II no cumio de Birsa baixo o esquema dos mosteiros fortificados. Tamén se rehabilita parcialmente o porto militar circular. Segue en servizo o porto comercial rectangular. Os baños antoninos tamén son restaurados parcialmente, e faise necesario construír novas cisternas que substitúan o acueducto de Zaghuan, que xa non leva auga á cidade.

coa vitoria romana, Lepcis Magna volve ser capital provincial pero xa non é máis que un pequeno núcleo urbano rodeado de deserto e ruínas. A nova muralla delimita un pequeno espazo arredor do porto e os foros que non albergan máis de 4 ou 5000 persoas. Algunhas vellas edificacións, sen embargo, gozan de novo esplendor, como a basílica dos Severos, agora igrexa. Outras igrexas máis pequenas ocupan o foro e parte das antigas rúas.

Sabrata ocupa agora pouco máis de 16–18 hectáreas, un terzo da súa máxima extensión, con non máis de 4000 habitantes, protexidos por unha forte muralla arredor do vello centro monumental, o porto e algúns barrios próximos.

morre Remigius, bispo de Reims que conseguira bautizar a Clodoveo I.

morre Theuderico I, sucedido polo seu fillo Teodeberto I.

II concilio de Orleáns: prohibición de matrimonios mixtos entre cristiáns e xudeos.

decreto de Xustiniano, que coloca o bispo de Roma á cabeza de toda a cristiandade.

tremor de terra en Constantinopla.

(ata 537) Casiodoro asume o cargo de praefectus praetorio Italiae.

decembro, 16: finalmente complétanse as digesta ou pandectae. Triboniano fora readmitido nas súas funcións, pois deixara a medias estes traballos e resultaba pouco menos que indispensable para a súa finalización. Son 50 tomos de opinións legais de xuristas prestixiosos dos ss. II e III, destinadas a orientar os xuíces na interpretación das leis. Tamén redactou un manual para estudantes.

Ursicinus, arcebispo de Ravenna.

532

en.wikipedia.org
primeira mención da expresión ‘anno domini’ na numeración dos anos. Consecuencia dos cálculos de Dionisio Exiguo, que determina (aproximadamente) o ano do nacemento de Xesús.

segundo el, Xesús nace o 25 de decembro, e conclúe que a ‘Inmaculada Concepción’ é o 25 de marzo, así que propón considerar este día como o primeiro do ano. A data de inicio de ano xa é algo polémico, pois hai quen segue tradición de considerar como tal o 21 de marzo, mentres que outros seguen a proposta de Xulio César e toman como primeiro de ano o 1 de xaneiro. Agora hai unha terceira data en discordia.

xaneiro, 11-18: revolta Niké en Constantinopla: durante un festival no hipódromo os ‘verdes’ berran as súas queixas ao emperador, que permanece en silencio. Finalmente Xustiniano fai que un pregoeiro lles mande calar. Como non fan caso, manda que os insulten. Estes enfurécense inda máis e prodúcese un diálogo entre emperador e verdes que non queda moi digno para o emperador. Os verdes toman as rúas e comezan a incendiar a cidade ao berro de nika! (vitoria). Xustiniano refúxiase en palacio, unha fortaleza.

os verdes son monofisitas e o goberno católico. Ademais, algunhas personalidades da capital financian os seus alborotos por diversos fines. Por exemplo, dous sobriños de Anastasius están resentidos contra a usurpación de Xustino e agora tratan de derrocar a Xustiniano. Parece ser que tamén o xurista Triboniano ten intereses para apoiar as revoltas.

nas rúas, algúns cidadáns fan emperador a Hypatius, sobriño de Anastasius. O palacio ten unha saída ao Bósforo e o emperador decide embarcar todo o que pode para fuxir da cidade, pero seica Teodora di: “aí están as túas naves. Pola miña banda, adhírome á máxima dos tempos antigos de que o trono é un glorioso sepulcro”. Xustiniano, entón, decide quedar, consulta a Belisarius e este considera que pode facerse cargo da situación.

o magister militum per Orientem Belisarius e o magister militum per Illyrium Mundus introducen 3000 soldados no hipódromo, onde os verdes celebran a vitoria, matan entre 30000 e 40000 persoas; os sobriños de Anastasius (Flavius Hypatius e Flavius Pompeius) son executados e Triboniano deposto dos seus cargos.

Childeberto I e Clotario I reinician hostilidades contra o burgundo Gundemaro, a quen asedian en Augustodunum. Gundemaro é derrotado e morre en Zulpiacum, onde é trasladado.

Theuderico I rexeita aliarse con seus irmáns contra os burgundos e as súas tropas ameazan con abandonalo. Como contrapartida inicia unha campaña contra Auvernia, que ameazaban con independizarse; esta rexión resulta arrasada.

Clotario I fai asasinar os seus sobriños Teodebaldo e Guntaro (dez e sete anos), fillos de Clodomiro.

Isidoro de Mileto e Antemio de Tralles foron os encargados das tarefas de reconstrución da capital. A obra máis importante é a construción de ‘Hagia Sophia’. Tamén se comeza a construción do ‘pazo subterráneo’, unha enorme cisterna subterránea para subministrar auga ao pazo imperial.

outra obra destacada é a ‘porta Chalki’, entrada principal ao pazo imperial, coma o pórtico do Senado (entre Hagia Sophia e Magnaura). Ambas desenvólvense sobre o patrón da cruz da cúpula. Na Chalki a única bóveda descansaba sobre os arcos de catro bóvedas de canón. A leste e oeste, estes arcos arrancan de piares saíntes cara dentro; ao norte e sur da parte posterior doutras bóvedas de canón máis baixas e estreitas que ligaban os lados dos piares ao muros exteriores. No pórtico do Senado, que nos lembra a edificación de fondo do ‘Disco de Teodosio’, unha bóveda carga a esquerda e dereita sobre fondas bóvedas de canón; por diante, e polo lado da fachada propiamente dito, parecendo apoiarse só sobre os arcos. A diferenza dos sólidos muros que circundaban a Chalki, as bóvedas de canón e os pórticos do edificio do Senado, están sostidos no exterior por enormes columnas, hoxe desaparecidas.

nas obras imperiais chegan a traballar máis de 10000 persoas.

en Constantinopla hai hospitais gratuítos, beneficencia para pobres, brigadas contra incendios, alumeado público, subministro de auga, cisternas para reservas de auga e hórreas para grao, en caso de asedio.

outubro: asínase a ‘paz eterna’ con Persia que da por finalizada a guerra en Iberia. Ambos bandos acordan devolver os territorios ocupados e Xustiniano consente pagar 110 centenaria (11000 libras de ouro) como contribución para a defensa dos pasos do Cáucaso

Cosroes I planea un reorganización imperial e tamén lle convén a paz. Realiza un censo e establece un novo sistema de impostos. Cosroes ten sona de monarca culto, xusto e tolerante (é coñecido como ‘o Xusto’): a súa sona chega a oídos dos filósofos atenienses (Damaskios, Simplikios e outros), que se quedaran sen saber que facer logo de pechada a Academia e deciden emigrar a Persia, onde son ben recibidos.

liberado do frente persa, Xustiniano planea atacar Africa, onde Xelimer lle dera un bo pretexto ao derrocar a Hilderico, aliado imperial. Xustiniano esixe a entrega de Hilderico pero este é executado.

Septem e Baleares son puntos estratéxicos para Constantinopla na súa ‘reconquista’ da pars occidentis. Procopio narra (bellum vandalicum IV, v, 1-8) que Apolinar, un italiano criado en Africa e home de confianza de Belisarius, conquistou Ibiza, Mallorca e Menorca; podemos deducir que isto formaría parte dun plan de Belisarius –e de Xustiniano– xa que logo dunha serie de vitorias fronte os vándalos e antes de realizar o asalto de Cartago, ordena a conquista de territorios que lle facilitaran auxilio ao acosado rei vándalo, ou que, por rebelións indíxenas, puideran poñer en perigo ao corpo expedicionario oriental.

Xoán Asiacus, monxe fanático, dirixe unha cruzada contra os pagáns en Asia Menor.

outubro, 17: morre Bonifacio II. Celébrase un cónclave para elixir sucesor pero non se chega a ningunha decisión.

An Ding Wang suicídase e sucédeo Xiao Wu Di, como emperador Wei.

Silla conquista a cidade – estado de Geumgwa Gaya en Korea durante o período dos tres reinos.

530

denario de Xelimer
commons.wikimedia.org
Lampadius e Orestes, cónsules.

primavera: na batalla de Dara (norte de Mesopotamia) Belisarius (26 anos) e Hermóxenes (magister officiorum), cun continxente moito menor, derrotan un exército de persas e árabes (50000 homes) dirixidos por Firouz tras dirixir varios ataques sorpresa en Armenia.

en Constantinopla unha seca causa restricións severas no abastecemento de auga.

verán: batalla de Satala: unha forza de cabalería bizantina (30000) ao mando de Sittas rexeita unha gran invasión persa na Armenia romana.

Hilderico tratara ben a comunidade católica, feito que non gustara en sectores arianos. Xelimer, curmán do rei, encabeza unha rebelión dos mauros, derroca a Hilderico e encérrao en prisión e noméase rei. Restaura o arianismo como credo oficial. Xustiniano non recoñece a autoridade de Xelimer pero envía unha embaixada a negociar; a resposta vándala é: ‘nada é máis desexable que un monarca se ocupe do seu’.

conclúese anthologia latina  en Africa; posiblemente unha compilación do poeta Luxorius.

o emperador Xiao Zhuang Di é arrestado e encerrado nun templo budista en Jinyang (Shanxi). Sucédeo Chang Guang no imperio Wei do norte.

setembro, 22: morre Fiz IV; condenara o semipelaxianismo. Bonifacio II, archidiácono e de orixe goda, sucédeo como bispo de Roma.

setembro, 27: vese o cometa Halley.

outrubro, 14: Dioscorus disputa o nomeamento de Bonifacio II e é elixido no pazo Laterano. Acúsanse mutuamente de simonía, pero Dioscorus morre ao mes. Bonifacio excomunga o seu competidor, unha vez morto e cando non se pode defender.

no tempo de Bonifacio comeza a circular a primeira parte do Liber Pontificalis, unha compilación anónima de biografías dos bispos de Roma desde Pedro ata Fiz III. Son biografías noveladas e cheas de anacronismos. Sobre os primeiros bispos as novas incluídas son escasamente fiables. A propia presenza de Pedro en Roma é dubidosa. En calquera caso, o certo é que o Liber Pontificalis determina a numeración oficial dos bispos de Roma.

Brendan, bispo irlandés, supostamente sube ao cumio do monte Brandon para albiscar as Américas.

Paulo, bispo de Emerita.

unha nova dinastía no reino de Shampa recoñece a soberanía chinesa pero isto non é tolerado pola poboación. O reino Fu-nan está no seu apoxeo, unha talasocracia que une poderes locais unificados pola cultura budista e que mediaba no comercio entre China e India.

Godomaro II, rei burgundo establece unha alianza con Amalasunta, para protexerse mutuamente dos francos.

Xustiniano encarga a Narsés a clausura do templo de Isis en Philaé (Exipto).

no Illyricum fúndase Iustiniana Prima.

Theuderico I, rei de Austrasia, ataca Turinxia.

os reis francos seguen expulsando a miles de godos que deben cruzar os Pirineos e asentarse en Hispania.

Constantinopla conta con aproximadamente 500000 habitantes; Roma con aproximadamente 100000.

continxentes saxóns alcanzan o Rhin.

c., peri strategikes, de autor anónimo, trata no capítulo 17 do xeito de empregar a ‘falanxe de cabalería’, indicando que todos os xinetes deben ir protexidos por armadura de metal, e que, no caso de non ser posible, si deben portala as primeiras liñas do frente, de retagarda e nos flancos, podendo o corazón da falanxe ir provisto só de proteccións de coiro ou pano; e isto porque no centro so se temería a caída de proxectís mentres as liñas exteriores tería que sufrir ademais o corpo a corpo. Non se debe esquecer, sen embargo, o valor psicolóxico desta disposición, pois ao inimigo en batalla lle parecería que toda a falanxe estaría protexida con ferro e presentaba liñas máis sólidas do que en realidade era certo.

decembro, 15: Xustiniano selecciona unha comisión para seleccionar os textos xurídicos esenciais. Esta obra denominarase Digestus (Pandecto). Triboniano é nomeado quaestor sacri palatii e editor xefe da compilación de textos xurídicos romanos.

venres, 25 de outubro de 2013

517

localización do paso das Termópilas
www.unizar.es/hant/atlas/termopilas.html
Agapitus e Paulus, cónsules.

os búlgaros chegan nas súas incursión ata as Termópilas.

Sixismundo busca acercarse a Constantinopla pero provoca deste xeito a desconfianza de Teodorico. Tamén se rebela o seu propio fillo Sixerico. Sixismundo ordenará estrangúlalo. Arrepentido, fará penitencia no mosteiro de Mauricio.

Yusuf As’ar Yath’ar, rei dos himjaritas en Iemen.

Sixismundo tamén busca aliarse cos francos co casamento dunha filla co rei franco Theuderico I.

Sixismundo perdoa o delito dunha viúva, Aunexilda, novamente prometida a un tal Fredexisclo, co visto bo de seus pais e o seu propio. Agora ben, “acendida nun abrasador desexo (libido), quebrantou a fidelidade prometida á asemblea, e correu a levar a Baltamond non tanto os seus desexos canto a súa ofensa”. Tería merecido a morte se a graza real, que se concedía pola festa de pascua, non a tivera salvado.

febreiro, 15: Hormisdas menciona nunha carta a Avitus de Vienne, que os bispos de Dardania e Illyricum piden a súa volta á xurisdición occidental.

Thimotheos IV, patriarca de Alexandría.

Wu di, emperador da dinastía Liang, profesa o budismo e introduce a doutrina na China central. Esixe que os sacrificios feitos aos antepasados imperiais se muden e sexan a base de carne desecada, en lugar dos animais tradicionais (carneiros, porcos e vacas).

abril, 2: Hormisdas dirixe unha dura carta ao clero hispano, anoxado polos informes que lle chegan de Hispania. Recomendaba coidado cos bispos que elixían, que o fixeran na persoa de homes de carácter forte. Non debían elixir leigos nin consagrados. Non se debe ofrecer ou aceptar cartos por un bispado: a decisión do pobo e o clero dará fe do xuízo de Deus. Concede tamén permiso para reunirse en concilio só unha vez por ano, en vez das dúas establecidas. Envía o vicario Salustio a Betica e Lusitania coa misión de vixiar o cumprimento dos decretos conciliares, mediar nas disputas e convocar sínodos en caso necesario. Posteriormente escribirá unha carta mostrando ledicia pola resolución das diferenzas por medio de Salustio.

concilio provincial en Girona.

setembro, 6: concilio de Epaona: os bispos do sur de Gallia reúnense en territorio burgundo por iniciativa de Avitus de Vienne. O sínodo promove a primeira lexislación contra os altares de madeira, prohibindo erixir ningún a non ser que sexan de pedra e con crisma (unha mestura de aceite e especias).

xoves, 24 de outubro de 2013

515

lume grego
wikipedia.org
Florentius e Anthemius, cónsules.

xaneiro, 12 & maio, 14: baixo presión de Vitalianus, Anastasius envía dúas cartas a Hormisdas, quen lle convida a presidir un concilio en Heraclea para acabar co cisma de Acacius.

agosto, 11: parte unha embaixada de Hormisdas a Constantinopla encabezada por Enodio de Pavía e Fortunatus de Catania para tentar reconciliar as igrexas occidental e oriental. Hormisdas exixe que os bispos de oriente recoñezan Calcedonia e o tomus de León I. As negociacións fracasan polo rexeitamento imperial de condenar a Acacius.

setembro, 22: Avitus de Vienne consagra un mosteiro a Mauricio fundado por Sexismundo, rei burgundo.

outono: Anastasius non cumpre o pactado e Vitalianus asedia a capital por terceira vez. Captura o barrio de Sycae (Gálata) e acampa alí.

Anastasius concede a Marinus, anterior prefecto do pretorio do leste, a xefatura do exército e este derrota a flota rebelde co ‘lume grego’. Vitalianus tamén é derrotado en terra e vaise agochar na area de Dobruja.

Anastasius celebra e encabeza unha procesión, como signo da súa vitoria, cara ao Sosthenion e asiste un servizo de acción de grazas na igrexa local, adicada ao arcanxo Miguel.

morre a emperatriz Ariadna, soterrada nos Santos Apóstolos, e que influía en Anastasius a favor do monofisismo. Agora Anastasius muda o seu parecer e así tamén calma os ánimos na capital e mellora as relación con occidente, iniciando contactos co bispo de Roma e outros aristócratas italianos.

Teodorico casa a súa filla Amalasunta con Eutarico, que morre pouco despois, sen poder así conectar dinasticamente ostrogodos e visigodos.

Teodorico detén os ataques vándalos sobre os seus territorios ameazando con invadir Africa.

o bautismo é obrigado incluso para os que xa din ser cristiáns.

Os francos de Theuderico I de Austrasia frean incursións dos getas de Escandinavia dirixidos por Hygelac.

Anastasius ordena a masacre dos pagáns da cidade árabe de Zoara e a demolición do templo do deus local Theandrites.

Olympiodorus escoita unha conferencia de Ammonius Hermiae en Alexandría sobre o Gorxias de Platón.

luns, 21 de outubro de 2013

511

austrasia - wikipedia.org
Félix e Secundinus, cónsules.

Trasamundo (tamén inimigo de Teodorico) apoia a Xesaleico economicamente para que reemprenda a súa campaña en Hispania pero este é traizoado e abandonado polos seus partidarios en Barcino cando ía ser atacado polos ostrogodos ao mando de Ibbas. Tenta fuxir cara os burgundos pero é capturado e morto.

revoltas e enfrontamentos nas rúas de Antioquía entre partidarios do patriarca Flaviano II e o emperador Anastasius, monofisita.

agosto, 7: o emperador destitúe a Makedonios II como patriarca de Constantinopla e substitúeo por Thimotheos I, monofisita. Isto provoca tamén revoltas na capital, onde a residencia do prefecto do pretorio Marinos de Apamea é saqueada.

concilio en Orleáns convocado por Clodoveo ao que acoden bispos de toda Gallia. Regúlase o credo e a organización da igrexa no ámbito franco logo das novas anexións. Estréitanse vínculos entre monarquía e igrexa; o rei terá gran influencia á hora de nomear bispos.

o termo Gallia vai quedando en desuso: chaman Neustria (terra nova) aos últimos territorios conquistados, mentres os antigos denominaranse Austrasia (terra do leste). En Neustria distínguese a parte norte, propiamente franca, da parte sur, a que fora goda, onde os costumes romanos estaban moito máis enraizados. Esta parte conservou o nome romano de Aquitania.

Neustria e o norte de Austrasia seguirían dominadas polos francos salios, que adoptaron o latín como lingua, o mesmo que os burgundos; pola contra, alamanos e ripuarios conservaron a lingua xermánica.

Clodoveo reforza a súa posición coa axuda de Anastasius, que lle concede títulos oficiais romanos. En realidade, Constantinopla pretende contrarrestar a influencia de Teodorico. Clodoveo é católico inda que sexa ambicioso, traizoeiro, bárbaro, despótico e belicoso; Teodorico é ariano inda que leal, ilustrado e bo gobernante.

novembro, 11: morre Clodoveo (46). Divide os territorios entre os fillos seguindo o uso xermánico: Theuderico, primoxénito pero bastardo, reina en Remensis (Reims) e Metensis (Metz), onde habitan ripuarios e alamanos; Chlodomiro en Aurelianum (Orleáns), a parte central de Neustria; Childeberto en Parisiensis, a parte sur de Neustria; e Clotario Noviodunum (Soissons).

o reino burgundio segue en mans de Gundobado.

os reis apóianse nas cidades para recadar impostos, recrutar exércitos e manter a lei e o orde. O imposto sobre as terras faise cada vez menos relevante, como noutros reinos xermánicos. O representante real é o comes civitatis, que colabora co bispo. As cidades conservan a súa importancia e o rei mantén contacto viaxando e visitando permanentemente as diversas rexións que controla de xeito itinerante. Tamén van xurdindo residencias reais pouco a pouco. Polo tanto, non hai unha capital como tal.

Teodorico pon en circulación uns novos tremises de ouro de excelente peso e calidade para o pago do tributo dos visigodos, pronto imitados por burgundos e francos.

Amalarico reina baixo a rexencia de Teodorico; casa coa filla de Clodoveo.

en Arelate Cesarius funda as primeiras comunidades relixiosas femininas de occidente.

un monde chamado Euxipio escribe dunha comunidade no Monte Titano. Outro monxe que vive alí xa o denomina ‘San Marino’. É a primeira evidencia histórica da existencia da república.

domingo, 8 de setembro de 2013

507

Buda pequeno de Bamiyan
commons.wikipedia.org
Anastasius e Venantius, cónsules.

Clodoveo, xunto con francos do Rhenus baixo Chloderico, armoricanos e tamén continxentes galo-romanos da Auvernia ás ordes de Apollinaris, derrota os visigodos baixo Alarico II en Vouillé, nas proximidades do décimo miliario desde Pictavia.

Alarico II morre en combate, dise que atravesado pola espada do propio Clodoveo, pero o seu fillo Amalarico consegue fuxir cara Hispania. Os godos elixen a Xesaleico, bastardo do rei.

ante o avance dos francos e os burgundos, Xesaleico retírase cara o sur e refúxiase primeiro en Narbo e logo en Barcino. Clodoveo e Gundobado repártense áreas de influencia nos territorios godos en Gallia.

Clodoveo envía ao seu fillo Theuderico a capturar todo o territorio limítrofe cos burgundos ata Clermont-Ferrand, mentres el conquista Burdigala, onde pasa o inverno.

Anastasius ordena que unha flota bizantina composta por 100 naves ataque a costa sur de Italia.

Hermanafrido, rei turingo, casa con Amalaberga. É correxente con seus irmáns Baderico e Bertachar.

os alamanos usan cadaleitos e utensilios de madeira nos seus enterramentos.

ante a alarma que crean as depredacións eslavas e búlgaras en Thracia constrúese o denominado ‘muro de Anastasius’ dende o Mar Negro á Propontis.

Keitai, 26º emperador de Xapón.

eríxese o ‘Buda pequeno de Bamiyan’.