Amosando publicacións coa etiqueta Abd al-Rahman III. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Abd al-Rahman III. Amosar todas as publicacións

domingo, 21 de xullo de 2013

xiii. monarquía de león

Ordoño II
100. Orixe do reino de León. A monarquía de Asturias tiña ampliado considerablemente as súas fronteiras, e trasladou a súa corte a León, a fin de que a capital do seu reino estivese máis no centro dos seus dominios.

O reino de León é, polo tanto, o mesmo reino de Asturias: só ten mudado de nome. O primeiro soberano que se titulou Rei de León foi García I, que só reinou tres anos, fillo de Afonso III o Grande de Asturias. (A monarquía de León comprende dende o ano 914 ao 1037).

101. Reis máis notábeis. Os reis de León máis notábeis son: Ordoño II, Ramiro II e Afonso V o Nobre.

Ordoño II batallou con sorte e valentía contra os moros, fortificou boa parte da ribeira do Douro e edificou a nova Catedral de León, cedendo para iso o seu propio palacio.

Ramiro II
Ramiro II derrotou a Abderramán III en varios encontros, apoderouse da praza de Madrid e levou as súas armas vitoriosas ata Toledo.

Afonso V o Nobre dedicouse a reparar os danos causados polas correrías de Almanzor e emprendeu a conquista de Portugal, morrendo no sitio de Viseu.

102. Importancia da monarquía de León. Os reis de León traballaron sen descanso na santa obra da Reconquista, e no período máis difícil da mesma, por canto o Califato de Córdoba era poderoso: Abderramán III e Almanzor semellaba que ían acabar cos reinos cristiáns, e, a pesar de todo isto, o Califato esborrállase cando a monarquía de León se estende uníndose a Castela.

Afonso V o Nobre
103. Progresos notábeis daquela época. Durante o goberno dos reis de León, celebráronse Cortes; concedéronse foros e privilexios aos pobos; creáronse os municipios; as riquezas e as artes tiveron prosperidade, e aumentou a riqueza pública.

104. Xuízo moi honroso. Di un historiador notable, que, se ben é verdade que a monarquía de Asturias creou a Patria, a de León creou a nacionalidade.

105. O Condado de Castela.  O terreo situado na prolongación oriental do reino asturiano – leonés, tomou o nome de Castela polos moitos castelos e fortalezas que nel se ergueron ao iniciarse a Reconquista, para impedir as correrías dos moros, e este territorio, dependente do reino de León, foi gobernado por Condes, xefes militares de autoridade case soberana. Un destes condes foi Fernán González, que rompeu completamente os vínculos que lle unían con León, erixíndose en Condado Independente.


a "súa" historia de España

venres, 19 de xullo de 2013

x. califato de córdoba

078. Creación do Califato. Unha revolución expulsou do trono de Damasco a dinastía dos Omeias, cuxos individuos foron perseguidos e exterminados; só se salvou o mozo Abderramán, de 21 anos, que fuxiu a África e despois pasou á Península para aceptar o trono dun Califato independente do de Damasco.

A desmoralización dos Emires de España había moito tempo que creara desgusto xeral, e os moros notables de Córdoba déronse presa a chamar ao fuxitivo Abderramán para ofrecerlle a representación dun Califato independente. Aceptou o mozo Omeia; dominou as rebelións da Península; venceu as forzas que viñeron de Damasco para sometelo, e a creación do Califato de Córdoba foi un feito consumado. Abderramán era poeta, home de ilustración e protexeu as ciencias e as letras; morreu en Mérida o ano 788, e tendo tratado aos cristiáns con moita consideración.
Abderramán I

079. Califas principais. Nos 275 anos que durou o Califato de Córdoba, houbo vintecatro califas, sendo os principais Abderramán I, Abderramán III e Alhakén II.

Abderramán III
080. Abderramán III. O máis notable dos reis moros ou Califas españois foi Abderramán III, en cuxo tempo e no do seu fillo Alhakén II, o Califato de Córdoba chegou a un grao supremo de cultura e esplendor.

Abderramán III foi un monarca sabio, bo e de corazón nobilísimo; fixo moito pola ilustración dos moros; levantou soberbios edificios; foi moi tolerante cos cristiáns, a quen dou cargos públicos, e no seu tempo prosperaron a agricultura, as letras, as ciencias e as artes.

Almanzor
081. Alhakén II. Sucedeu a seu pai Abderramán III, a quen tratou de imitar; foi moi tolerante cos cristiáns e protexeu en gran maneira a agricultura, as letras, as ciencias e as artes.

082. Almanzor. Ao morrer Alhakén II, sucedeulle o seu fillo de once anos Hixén II, baixo a tutela de Almanzor, o caudillo mahometano máis famoso, que foi, de feito, o verdadeiro Califa; pelexou en 52 campañas contra africanos e españois, levando a devastación por todos os reinos cristiáns. Á fin, unidos os reis de Castela, León e Navarra, derrotárono en Calatañazor, e, ferido e avergoñado, morreu en Medinaceli.

083. Fin do Califato. Morto Almanzor comezou a decadencia do Califato de Córdoba, que á fin caeu en mans dos berberiscos, hordas salvaxes e refractarias a toda cultura, e, esnaquizado pola anarquía e a guerra civil, as provincias constituíronse en reinos independentes.


a "súa" historia de España