Amosando publicacións coa etiqueta Gregorio III. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Gregorio III. Amosar todas as publicacións

sábado, 7 de novembro de 2015

741

sólido de Constantino V
www.bisanzioit.blogspot.com.es
xuño, 18: morre León III o Isauro de hidropisía en Constantinopla. Sucédeo Constantino V Copronimo, que invade Syria e continúa a súa política iconoclasta. Mais ten que enfrontarse á oposición interna.

o seu cuñado Artabasdos, strategos do thema armenio e iconódulo, faise co control de Constantinopla, e coróase basileus. Asegúrase os themas de Thracia e Opsikion. Constantino apóiase en Anatolia.

Shomu constrúe templos budistas nas provincias para 'pregar' por unha futura prosperidade. Os xefes dos clans deben participar nos gastos, co que se reduce a súa autonomía financeira.

outubro, 22: morre Carlos Martelo; os territorios francos repártense entre os seus fillos: Carloman (27), mordomo de Austrasia e os territorios alamanos co control de Baviera; Pipino o Breve (pola súa baixa estatura, 23), mordomo de Neustria e Burgundia con Aquitania como vasalo; e Griffo, o menor, cunha franxa de terra entre Neustria e Austrasia.

Pipino o Breve casa con Bertrada de Laon, filla do conde Cariberto.

a gran revolta bérber continúa: Hisham ibn Abd al-Malik nomea a Kulthum ibn Iyad al-Qasi wali de Ifriqiya. Envíase unha cuarta expedición dende Syria para sufocar a rebelión na rexión do Atlas, mais é derrotada na batalla de Bagdoura, na chaira de Ghrab. Sen embargo, os rebeldes kharijitas non son quen de conquistar Kairouan dos umayyad nun primeiro momento. Algo máis tarde, unha rama radical dos kharijitas, os sufristas, consegue tomar a cidade.

novembro, 28: morre Gregorio III.

decembro, 3: Zacarías elixido novo bispo de Roma.

decembro, 10: Zacarías é consagrado sen esperar autorización imperial de Constantinopla ou Ravenna, sumidas nas súas propias crises e debilidades.

moitos monxes gregos refúxianse en Roma, expulsados por Constantino e exasperados contra el.

venres, 6 de novembro de 2015

740

representación de Gregorio III
webs.ono.com
Zayd ibn Alí encabeza unha revolta xiíta que tenta derrocar a Hisham sen éxito. Zayd morre en Kufa e deixa partidarios (zaydíes). Outra revolta en Syria obriga o califa a trasladarse a Rusafa, unha cidade situada no deserto. O califato inicia un período de anarquía.

outubro, 26: un tremor de terra causa graves danos en Constantinopla.

Cuthred, rei de Wessex, en sucesión a Aethelheard.

Trasamundo recupera o ducado de Spoleto e mata a Hilderico con axuda de Roma e Benevento; non respecta os tratados asinados con Gregorio III e este racha a súa alianza con el.

Eadberht de Northumbria marcha co seu exército cara o norte contra os pictos. O rei Aethelbald de Mercia aprovéitase da súa ausencia para arrasar Eboracum. Reaparecen as loitas internas en Northumbria co asasinato de Eardwine, probablemente fillo do defunto usurpador Eadwulf I.

batalla dos nobres: os rebeldes bérberes baixo Khalid ibn Hamid al-Zanati derrotan as forzas umayyad de Khalid ibn Habib al-Fihri, minando a dominación islámica en Ifriqiya. A rebelión espállase a al-Andalus, facendo que o gobernador Ubayd Allah ibn al-Habhab retire tropas de moitas posicións ao norte dos Pireneos.

na submeseta norte en Hispania, a ausencia de poder central non significa nin retroceso das forzas produtivas nin ausencia de poboación. Nestas rexións, a produción está xestionada dende comunidades rurais, con xefes que adquiren o seu rango grazas á súa capacidade como homes de armas. Non existe unha autoridade forte abondo como para centralizar a captación de tributos e dotarse dunha lexitimación eficaz para abarcar amplos territorios.

para deleite dos habitantes de Chang'an, os Tang ordenan plantar froiteiras ao longo da avenida principal da cidade.

rebelión Fujiwara no Hirotsuqu: o clan Fujiwara recruta un exército en Dazaifa (Kyushu) pero é derrotado por forzas imperiais.

os xázaros convértense ao xudaísmo, sen ser etnicamente xudeus.

venres, 28 de agosto de 2015

735

Abkhazia
en.wikipedia.org
Carlos Martelo invade Burgundia novamente.

Hunald de Aquitania rexeita recoñecer a autoridade dos francos e Carlos decide atravesar o Loira, capturando Burdigalia e Blaye.

Liutprando enferma e fai correxente ao seu sobriño Hildeprando.

iníciase unha tremenda epidemia de varíola en Xapón.

maio, 26: morre Beda.

Eboracum recibe o pallium de Gregorio III, sendo dende agora sé arcebispal, con Ecgbert como primeiro arcebispo.

o xeneral Okba logra vencer os francos en Arelate, Avignon e Lugdunum pero logo é feito retroceder por Carlos Martelo.

o xeneral Marwan derrota os xázaros.

León I é o primeiro monarca dunha Abkhazia independente do que se ten testemuña escrita.

Silla logra expulsar as últimas tropas chinesas asentadas no seu territorio.

o gobernador de Narbo, Jussef ibn Abd al-Rahman apodérase de Arelate aproveitando complicidades internas; tamén ameaza Burgundia.

expedición musulmá contra Sardeña.

sábado, 4 de xullo de 2015

731

venerabilis Beda
venerabilisbeda.plgo.org
febreiro, 11: morre Gregorio II.

marzo, 18: Gregorio III, de orixe siria, novo bispo de Roma.

Gregorio III xoga a dúas bandas con lombardos e bizantinos: logra que Roma non sexa ocupada polos lombardos. Tamén tenta que os francos interveñan en Italia no seu favor, facendo de contrapeso contra lombardos e bizantinos.

Beda escribe en Northumbria a historia eclesiástica da nación inglesa. Vive no mosteiro de Jarrow, fundado por Bieito Biscop; rexeitara o cargo de abade para dedicarse por completo aos seus libros e estudos.

a súa historia é notable por datar os acontecementos dende o nacemento de Cristo. É crítico coas lendas e envía monxes a Roma buscar documentación nos arquivos pontificios. Presena a Aethelbald como rei de toda a illa ao sur de Northumbria inda que este só era rei de Mercia e descendía dun irmán do vello rei Penda. Tamén resume os escasos coñecementos científicos da época: a terra é unha esfera e as mareas son causadas pola Lúa; tamén investiga o xeito de calcular a data da Pascua, e descubre que a data dos equinoccios variara a respecto da prevista no calendario xuliano.

Munuza é derrotado e executado por forzas de Abd al-Rhaman al Ghafiqi en Urxel. A continuación son saquedas as cidades Millau e Arelate.

Tatwin, arcebispo de Canterbury, en sucesión de Bertwald.

Gregorio III prohibe ritos pagáns como predicións baseadas no comportamento das fontes.

Ragenfrido, antigo mordomo de Neustria, reúnese con Eudes de Aquitania para aceptar a súa soberanía e independencia do reino franco. Temeroso dunha alianza na súa contra, Carlos Martelo exila a Wandon, partidario de Ragenfrido e mete na cadea ao bispo Aimar de Auxerre.

Carlos Martelo dirixe dous ataques alén do Loira na rexión de Berry, que conseguen tomar e saquear Bourges; mais a cidade é inmediatamente reconquistada por Eudes de Aquitania.

outono: Ceolwulf de Northumbria é deposto por oponentes e forzado a profesar nun mosteiro.

Abd al-Rahman invade Burgundia e saquea o mosteiro e abadía de Luxeuil, no alto Saona, mascrando a maioría da comunidade.

Aethelbald de Mercia logra apropiarse de Somerset e detraelo da soberanía de Wessex.

batalla do desfiladeiro: un exército umayyad de refresco (28000 homes) é enviado a Samarcanda, asediada polos turgesh. Os musulmáns caén nunha emboscada nos montes Zarafshan no paso de Tashtakaracha. A loita acaba en vitoria pírrica, con moitas baixas musulmás, detendo a expansión en Asia central por unha tempada.

novembro, 1: Gregorio III convoca un concilio no que excomunga a todos os iconoclastas, incluído o emperador León III.

decembro: o rei Yaśovarman de Kanauj envía unha embaixada a China. O seu reino florece e protexe ao poeta Bhavabhuti.

os jázaros atravesan o Cáucaso e chegan a Mesopotamia, onde son freados polo gobernador Maslama ben Abd al-Malik en Mosul. Posteriormente Maslama ataca os jázaros, que se retiran.

o rei Pallava Parameswaravarman morre en combate, derrotado por unha alianza de Chalujya e Ganga.