Amosando publicacións coa etiqueta Sixto III. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sixto III. Amosar todas as publicacións

luns, 17 de setembro de 2012

440

representación de dúas persoas xogando shatranj

Valentiniano III e Anatolius, cónsules.

xaneiro: arresto e deportación a Caesarea de Paulinus, magister officiorum e amigo de Teodosio II, por un suposto affair coa emperatriz Eudocia (na Epifanía esta envíalle un agasallo e Teodosio II monta en cólera); Chrysaphius estaría detrás da instigación. Paulinus será finalmente executado por orde imperial.

consagración de María a Maior en Roma (mosaico da ‘separación de Lot e Abraham’) e construción do baptisterio Laterano.

Aetius, magister militum, regresa (triumphator) a Roma logo de anos loitando en Gallia. O Senado, por orde imperial, eríxelle unha estatua. A súa posición é agora máis sólida: por unha banda, traballa coa familia aristocrática máis destacada, os Anicii e, por outra, favorece a familias de Gallia (encárgalles importantes postos administrativos e incluso lles da acceso ao consulado, a praefectura urbi Romae, ou a praefectura praetorio Italiae). Co seu apoio conseguirá controlar as finanzas públicas. Porén, todo isto cáusalle problemas coa aristocracia italiana, que ve perigar o seu predominio.

agosto, 19: morre Sixto, bispo de Roma.

os vándalos (xunto con alanos, mouros, e algúns godos) atacan Sicilia, agora o principal subministrador de cereal para Italia, e asedian Palermo. Saquean as cidades costeiras e regresan cargados de botín.

Aetius trata de facer fronte en Italia a ameaza vándala.

os francos saquean Treverorum.

(ata 450) nova vaga de demolición de monumentos, altares e tempos en Atenas, Olimpia e outras cidades gregas.

os hunos (Atila) reaparecen nas fronteiras occidentais. Atacan mercadores na beira norte do Danubio e cidades do Illyricum, incluída Viminacium, en Moesia.

os hephtlitas móvense cara o sur dende o Altai e entran en Transoxiana, Bactria, Khorasan e o leste de Persia.

inaugúrase un centro de estudos budista en Nalanda (Bihar) nas chairas do Ganxes.

o chaturanga (un xogo indio de guerra e predecesor do xadrez) vai evolucionando por medio do xogo persa do shatranj no val do Indo.

setembro, 29: entronización de León I como bispo de Roma.

Próspero de Aquitania está en Roma e actúa en calidade de secretario ou notario de León I. Procede de Massilia, onde pode que ambos se coñeceran, xa que sendo diácono o bispo realizara viaxes a Gallia, algúns en misións imperiais.

León I condena a Eutychius, quen propón unha forma de monofisismo polo que a natureza humana de Cristo é absorbida pola divina. Segundo Gennadius de Massilia (de viris illustribus, lxxxiv, 89) Próspero é quen dita as cartas do bispo de Roma.

Valentiniano III ameaza con penas severas aos comerciantes que non se axusten aos prezos oficiais, sinal dunha inflación desbocada.

mércores, 22 de agosto de 2012

437

nummus de Valentiniano III

Aetius e Sixisvulto, cónsules.

en Constantinopla a influencia de Melania é reforzada pola conversión de Volusianus no leito de morte: se algo era necesario para convencer á piadosa corte oriental do desexable do casamento proposto, a conversión aclara todas as dúbidas. Logo do loito, Melania abandona Constantinopla: coa súa reputación e devoción persoais conseguiu o propósito público da súa misión e reafirma os vínculos entre a corte cristiá e os santos lugares: antes de marchar insiste ante o emperador na conveniencia de que a emperatriz emprendera unha peregrinación.

Melania e o seu home manteñen coas súas doazóns as conexións iniciadas Melania a Vella (avoa súa) e o seu círculo: a igrexa de Xerusalem beneficiárase da liquidacións dos seus bens. Había en Constantinopla persoas agradecidas, coma o presbítero Tigrius, leal apoio de Xoán Crisóstomo, que padecera tortura e exilio en Mesopotamia logo da caída do bispo.

a viaxe de regreso de Melania ao seu mosteiro durou seis semanas. O seu biógrafo pon especial énfase na ansia da protagonista por volver a tempo para as liturxias de semana santa, a pesar das pésimas condicións dos camiños durante a invernía.

mentres Aetius está atuado loitando contra os xermanos en Belgica, o seu xeral Litorius derrota a bacauda en Armorica, matando a Tibatto e outros líderes. Logo marcha ás presas a Narbo para liberala do asedio de Teodorico I, que se aproveita dos problemas no norte. No continxente romano hai unha ampla presenza huna.

maio, 26: morre Xermanus en Roma, viaxara alí para interceder polos rebeldes de Armorica. Outros, porén, retrasan a súa morte a 448 e din que volveu visitar Britannia.

xullo, 2: Valentiniano III cumpre 18 anos e remata a rexencia de Gala Placidia, inda que segue a ter influencia considerable.

en Britannia (segundo a historia brittonum) Ambrosius Aurelianus, líder romano-britano, derrota os anglo-saxóns baixo Vortigern en Wallop. Domina o oeste da illa.

K’inich Yax K’uk’ Mo’, fundador da civilización maia de Copán, morre logo de reinar once anos.

un sínodo en Constantinopla cuestiona os dereitos de Roma sobre Illyricum. Proclus tenta materializar a decisión pero Sixto III lembra aos bispos da zona as súas obrigas cara o vicario en Thessaloniki.

outubro, 29: casan Valentiniano III a filla de Teodosio II, Licinia Eudoxia en Constantinopla. Fan inverno en Thessaloniki antes de volver a occidente.

os vándalos operan en Sicilia.

morre Syrianus en Atenas e Proclus (nado c. 410 en Constantinopla, dato deducido polo seu discípulo Marinus en base a un horóscopo) accede á cabeza da Academia.

mércores, 15 de agosto de 2012

435

crismón, un dos símbolos
cristiáns por excelencia

novo consulado conxunto de Teodosio II e Valentiniano III.

febreiro, 11: logo de tratar de contelos nos límites da Proconsularis Ravenna negocia cos vándalos e asina un tratado non que se lles recoñece como foederati e nesa calidade recoñece tamén as súas conquistas: Mauretania e parte de Numidia. O imperio controla Carthago e as provincias orientais de Africa. No tradicional intercambio de reféns, Hunerico, fillo maior de Gaiserico, é enviado a Ravenna.

febreiro, 19: acordo secreto entre Aspar e Gaiserico para concluír a campaña oriental en Africa; Carthago é abandonada á súa sorte.

Hippo Regius constitúese en base de operacións navais para os vándalos. Gaiserico establece unha ruta comercial entre Italia e Africa; aproveita a paz para fortalecerse.

Ibas convértese en bispo de Edessa, en sucesión de Rabbalu; aproximarase aos nestorianos (predica “herexías” en público) e sendo a súa cabeza en Mesopotamia.

os burgundios de Gondicaro entran en Belgica, de onde son desaloxados por Aetius.

agosto: Xoán de Antioquía quéixase a Teodosio II de disturbios ocasionados polos nestorianos. Teodosio prohibe a prédica de doutrinas nestorianas.

agosto, 3:  a petición de Pulcheria, Teodosio II ordena o exilio contra Nestorio dende o seu retiro no mosteiro de Antiochia, onde se encontraba libre e activo logo da súa renuncia ao bispado, a Petra en Palestina Tertia.

agosto, 9: Casper II acada o trono da cidade de Palenque.

setembro, 5: Aetius recibe o título de patricius en Ravenna.

novembro, 14: lei de Teodosio II (dirixida a Leoncio, prefecto de Constantinopla) contra heréticos e pagáns e sobre os templos antigos.

nela pódense diferenciar tres partes. Na primeira, despois de evocar como fundamento a condena de Nestorio –damnatus–, descualificar a súa teoloxía como unha superstición propia de monstros –o adxectivo portentuosus pretende connotar a deformidade animal dos seus seguidores, a súa separación da racionalidade humana– e execrar o seu nome coa nota de infamia, ordénase que os seus seguidores deixen de chamarse cristiáns e que sexan chamados simonianos, por ter imitado o crime de Simón desertando de Deus.

sería o reflexo legal de considerar a cristoloxía de Nestorio como una herexía e o acto formal de incorporación do nestorianismo ao catálogo de herexías prohibidas e perseguidas. Pero sobre todo, a lei fai pública a condena ao silencio de Nestorio e a súa estigmatización social por parte de Teodosio II, que desexa manter a alianza con Alexandría tras non poder alcanzar unha verdadeira reconciliación.

decreta a pena de morte para todos os heréticos e pagáns. Aparte da ortodoxia, só o xudaísmo ten carácter legal.

tamén se ordena expresamente a destrución dos templos ou que sexan purificados mediante a colocación do signo da cruz, que “se cristianicen” transformándoos así en edificios que, inda que manteñan o seu aspecto anterior, estean desprovistos de toda connotación pagán; é dicir, purificalos e cristianizalos sen necesidade de transformalos en igrexas: venerandae christianae religionis signi expiari praecipimus.

nunha columna do templo de Concordia (r/Holguín) de Emerita hai un crismón. M. Alba di: “cun sentido claramente purificador foi repicado un crismón con lenda de factura improvisada e considerable tamaño, nunha moldura do templo”. A tentación de asociar este signo coa lei anterior é bastante razoable e teríamos aquí un exemplo do seu cumprimento.

decembro, 10: mención de celebracións con motivo da fin dun período katun segundo o calendario maia (9.0.0.0.0).

tratado de paz de Margus: Bleda e Atila arrancan condicións moi vantaxosas aos negociadores de Constantinopla, o quaestor Epixenes e Plinthas. Entre outras, os romanos non buscarán aliarse con outros bárbaros contra os hunos; duplícase o pago anual (de 350 a 700 libras de ouro) a cambio de paz.

decembro, 20: concédense poderes á comisión que estuda a lexislación para concluír o estudo e formar o codex legal.

Tibatto dirixe unha sublevación da bacauda na Armorica, que se retroalimenta cunha alta taxa de delincuencia e asaltos na zona do noroeste de Gallia.

Próspero de Aquitania escribe capitulla, unha listaxe de dez puntos doutrinais que defende a eficacia e necesidade da graza de Deus, cadanseu defendidos separadamente por declaracións papais. Defende a Agostiño e a súa doutrina sen nomealo. Outras obras compostas no período de Sixto III: sententiae (colección de 92 máximas que corren paralelos a escritos de Agostiño) e epigrammata (compilación de 106 epigramas de florilegium) – ambos concibidas coma libros de texto para os fieis cristiáns discutindo as doutrinas da encarnación e da graza. As florilexia mostran influencia monástica, urxindo ao lector a ser paciente na adversidade, acompañándose da virtude e intentando constantemente alcanzar a perfección. liber contra collatorem, opinión final de Próspero no problema da necesidade da graza, escrito en resposta á conferencia XIII das colationes de Xoan Casiano. carmen de providentia Divina, no que o problema da providencia se discute no contexto da creación do mundo por Deus e en relación á invasión da Gallia por vándalos e godos.

comezo da construción de Chichén Itzá.

morre Xoán Casiano. Tamén o historiador Philostorxio.

luns, 13 de agosto de 2012

433

moeda sueva
século V probablemente

Teodosio II e Petronius Maximus, cónsules.

primavera: a instancias de Teodosio II, Sixto III media na controversia cristolóxica entre Cirilo e Xoán de Antioquía. Alcanzan un acordo (Fórmula de reunión) en nome da concordia, a paz nas igrexas e a estabilidade do imperio. O prezo, como di Nestorio no seu Libro das Heráclidas, é a confirmación da súa deposición e condena definitiva. Cirilo pronuncia un discurso (23 abril) que anuncia a nova situación.

outono: Aetius regresa a Italia con novos mercenarios hunos. A posición de Sebastianus é feble e rexeita enfrontarse abertamente, decide abandonar Ravenna e buscar refuxio en Constantinopla. Aetius consegue ser nomeado novo magister peditum por Placidia, quen teme os seus buccellarii. Tamén é proclamado protector de Valentiniano III (14 anos). A partir de agora el decide as políticas imperiais. É posible que os hunos de Ruga conseguiran novas concesións no Danubio, quizás a consideración de foederati.

os bucelarios son típicos da tardoantigüidade: tropas privadas pagadas por militares e persoeiros de alto rango para a súa protección persoal; tiveron gran influencia no acceso ao poder de xeneralísimos coma Aetius ou Ricimero. A carreira do primeiro corroboraría este feito. Casou coa viúva de Bonifacio e herdou o séquito deste. Ernst Stein sospeita que o número de bucelarios de Aetius igualaría en número ás tropas regulares: inda sendo rexeitado por Gala Placidia e Valentiniano III, non podían desfacerse del. Cando lles foi posible, o estado xa non podía reverter a situación: non existía posibilidade de exercer autoridade algunha prescindindo de bucellarii.

outono: Constantinopla busca crea alianzas contra os hunos entablando contacto con tribos coma Amilzur, Itimar, Tonsur e Boïsque. Ruga protesta en Constantinopla mediante embaixadores.

os tamiles establécense en Ceilán.

a aristocracia local de Gallaecia ten que negociar directamente con Hermerico, o xefe suevo. O principal punto de conflito é o intento suevo de controlar as zonas sur e centro da provincia, posiblemente na contorna de Ourense. Probablemente os bispos están presentes nas negociacións e subscribirían os acordos.

Hermerico ten pésima reputación: un suevo pérfido que incumpre todo canto queda en cumprir. As fontes non dirían tanto: primeiro, non se sabe que actuara fóra de Callaecia e en 19 anos de mandato só hai ataques aos nativos en catro: non sería o salvaxe que pinta Hydacio, pero inda así o conflito existe.

Hermerico envía unha embaixada, presidida polo bispo Symphosius, a Ravenna. A presenza do bispo indicaría certos sectores galegos apoiarían ou estarían dispostos a convivir cos suevos.

432

Próspero de Aquitania

Aetius e Valerius, cónsules.

Teodosio II cede e permite oficialmente que Cirilo volva ocupar o seu cargo.

xaneiro-febreiro: desátanse as tensións entre Aetius e Placidia. O xeral é destituído das súas funcións, que pasan a mans de Bonifacio.

marzo, 15: Celestino I aproba a substitución de Nestorio por Maximiano.

Próspero de Aquitania publica de gratia dei et libero arbitrio contra a collatio de Xoán Casiano. Induce a que Celestino I publique epistola ad episcopos gallorum contra algúns membros da igrexa gala. Próspero e Hilario (non o bispo de Arelate) mantiveran correspondencia con Agostiño sen chegar a coñecelo persoalmente: o seu entusiasmo por el lévao a resumir o comentario sobre os salmos e compilar fragmentos de obras; tamén compón epigramas (106) cos dicta teolóxicos.

xullo, 27: morre Celestino I.

xullo, 31: elección de Sixto III (Xystus) para suceder a Celestino I.

segundo Baronius e Platina, Sixto foi acusado de deitarse cunha virxe pero foi absolto nun concilio presidido por Valentiniano III, quen seica dixo “porque o xuíz de todos non debería ser xulgado por ninguén.”

outono: Aetius presenta batalla en Ariminium pero é derrotado; porén, Bonifacio morre tres días despois da batalla a causa das feridas recibidas en combate e é substituído por Sebastianus (xenro de Bonifacio) coma magister peditum. A loita de poder queda unha vez máis aberta. Sebastianus planea un atentado contra Aetius, refuxiado en Roma, pero fracasa e este ten que fuxir cara Dalmacia e Pannonia, buscando enrolar máis mercenarios hunos.

conságrase a igrexa a Sabina en Roma.

Ruga unifica os continxentes hunos nas planicies panonias.

suposto inicio da evanxelización de Hibernia por Patricio, un britano discípulo de Xermanus. Os progresos deberon ser lentos, creando pequenas comunidades que foron progresando no medio do paganismo celta.