Amosando publicacións coa etiqueta Gundioco. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Gundioco. Amosar todas as publicacións

luns, 6 de maio de 2013

473

moedas coa efixie de Glycerius
León I, cónsul único.

marzo, 3: Gundobado imita a Ricimer ao aceptar o título de patricius pero non se atreve a nomearse augustus. Promove para ese cargo a un home de confianza, o comes domesticorum Glycerius.

o movemento de Gundobado é un xesto de complicidade aos cristiáns de Italia fronte as implicacións pagáns de Antemius, e por ende de León I, quen o apoiara. Glycerius logo ocupará bispados.


xuño, 1: León I saúda a Xulio Nepos como augustus nun rescriptus no que responde a unha cuestión de Nepos sobre unha disputa entre irmáns.

Nepos é o elixido probablemente porque León I quere ter Dalmacia do seu lado; xa Marcelino fora un home moi poderoso e influínte. Isto e os lazos de parentesco fixeron o resto.
Nepos acuña moeda en Salona (capital de Dalmacia), onde reside, no famoso pazo construído por Diocleciano, un lugar de gran importancia estratéxica, económica e militar porque dende alí se dominan as principais calzadas, dende Tesalónica a Aquileia, e as que comunican Roma e Constantinopla. Dalmacia é unha zona montañosa, excelente defensa para a pars orientis.

a réplica de Nepos é nomear magister utriusque militiae a Orestes, que traballara para Atila como secretario e embaixador e logo ascendera no escala diplomática en Ravenna, onde casou coa aristocracia da cidade (o antropónimo do seu sogro Rómulo alude a unha familia romana establecida en Ravenna a inicios de século cando a capitalidade administrativa se trasladou alí). Orestes aproveita que Nepos non se atreve a deixar de todo a súa sólida base de poder en Dalmacia para irse facendo co control da política occidental.

Avernis resiste os ataques godos grazas á axuda prestada polos burgundos.

Eurico ocupa a rexión de Berry e manda a Vicencio (magister militum) a invadir Italia pero é derrotado polos comandantes godos Alla e Sindila, ás ordes de Gundobado.

na súa retirada cara Gallia as tropas godas ocupan Arelate e Massiliensis.

Glycerius manda un exército para cortar a incursión dos ostrogodos de Vidimero en Italia, transferíndoos a Gallia, onde son atacados por varios outros exércitos.

León I pacta con Teodorico Estrabón: recibe terras en Thracia, un tributo anual de 2000 libras de ouro e é nomeado magister militum praesentalis. Iníciase a súa rivalidade co outro Teodorico, fillo de Teodemiro, que abandona Pannonia e se dirixe aos Balcáns, Macedonia e Moesia, onde arrasa o que atopa ao seu paso.

chegan a Tolosa os restos do exército ostrogodo ao mando de Vidimero.

outubro, 25: León I nomea caesar ao seu neto, tamén chamado León.

novembro, 17: León I asocia a León II , fillo de Zenón e Ariadna (filla do emperador) como emperador ao trono.

Gundobado renuncia á súa primacía e regresa a territorio burgundo ao enterarse da morte de seu pai Gundioco. O reino divídese entre este Godexiselo, Chilperico II e Godomaro.

Kamaragupta inicia o seu reinado en India.

luns, 15 de abril de 2013

463

Childerico I

Basilius e Vivianus, cónsules.

o burgundo Gundioco é nomeado magister militum per Gallias e acorda un tratado cos francos do Rhenus que nega a beira esquerda aos alamanos. Legaliza a situación de Colonia e as terras circundantes de Germania II.

Aegidius derrota a Frederico na batalla de Aurelia (Orleans) con axuda de francos salios comandados por Childerico de Tournai.

outubro,10: Hilario escribe a Leoncio ordenándolle reunir o concilio de Arelate para regular o conflito contra o bispo Mamerto de Vienne, que ordenara un bispo na xurisdición da metrópole da propia Arelate.

Prisco Rétor menciona as migracións a Europa da federacións de tribos húnicas on-ogur.

luns, 1 de abril de 2013

458

cabo Miseno, onde se localizaron restos das
antigas instalacións romanas

Maioriano e León I, cónsules.

unha facción sueva envía cregos a Teodorico II, quen lles permite elixir rei, Remismundo.

existe aliteración e variatio nos nomes dos reis suevos do s. V: Rechila, Reckiario, Requimundo, Remismundo; sendo os dous primeiros pai e fillo, e seguros membros da sippe real sueva.

Remismundo podería ser fillo de Reckiario e dunha princesa goda filla de Teoderico I: pois a compoñente –mundus aparece noutro dos fillos deste, Turismundo. A pertenza á nobreza nuclear do Heerkönigtum suevo, como fillo de Reckiario, explicaría que Remismundo marchara a Tolosa, como apreciado refén, logo de 456. A súa propia pertenza agnaticia á familia real visigoda teríalle salvado a vida, e explicaría a súa estancia en Tolosa en 461 e que tivera que esperar ata 465 para casar cunha nobre (princesa?) goda; un tal fillo de Reckiario e neto de Teoderico I non podería ter nacido antes de finais de 449.

Requimundo tamén podería ser fillo de Reckiario, pero dun matrimonio anterior ao deste coa princesa goda; feito que explicaría a inquina contra el por parte da corte goda. É moi improbable que fose fillo de Maldra (Historia Sueborum § 89 de Isidoro), pois a Requimundo séguelle una facción contraria a aquel; a versión de Isidoro pode deberse ao desexo por refutar a herdanza paterno-filial da realeza.

Maioriano potencia as flotas de Miseno e Ravenna coa construción de novos barcos. Tamén recruta mercenarios para reforzar as tropas de terra (bastarnae, burgundos, hunos, ostrogodos, rugos, escitas e suevos).

xullo, 3: morre Anatolio, e Gennadios I convértese en patriarca de Constantinopla.

verán: continxentes vándalos desembarcan en Campania, ben no estuario do Lire ou do Garigliano, e devastan a rexión. Maioriano en persoa dirixe as operacións do exército e derrota os invasores na proximidade de Sinuessa, destruíndo o seus barcos na costa, xa cargados con botín.

Marcelino acepta colaborar co emperador nunha futura expedición contra os vándalos, ocupándose de mantelos a raia en Sicilia mentres se tentará chegar a Africa a través de Hispania. Tanto Marcelino como Ricimer foran compañeiros de armas baixo Aetius. Pode que Maioriano lle conceda o título de magister militiae, cargo que quizá herde del o seu sobriño Xulio Nepote.

Maioriano, asegurada Italia, marcha a Gallia, onde hai varias frontes abertas: burgundos, godos e os apoios de Avitus, que rexeitan abertamente a súa autoridade. Vai acompañado do magister utriusque militiae Nepociano.

prodúcese unha batalla na proximidade de Arelate na que Maioriano derrota tropas godas na proximidade do Ródano. Teodorico II asina un tratado e vólvese foederati, o que implica aceptar a autoridade de Maioriano.

Maioriano convoca as cidades para a súa propia defensa: os defensores deben protexer os cidadáns e así deter a decadencia urbana.

Maldra devasta Lusitania, mentres Remismundo se fai forte en Callaecia. Teodorico II envía ao dux Cirilo para tratar de conter os suevos.

agosto, 25: primeira mención do concepto “cero” nun tratado de cosmoloxía indio: a Lokavibhâga.

no leste de Hispania a situación é menos complexa. A autoridade imperial é restablecida novamente polo novo magister officiorum de orixe narbonesa, Magno.

setembro, 14: en Antioquía prodúcese un tremor de terra (6,5 graos na escala de Richter) que produce 80.000 falecementos.

o rei Vakhtang I de Iberia funda unha cidade que se desenvolverá ata converterse en Tiflis nas beiras do río Kura. Pretende controlar as rutas comerciais entre o oeste e Transcaucasia.

novembro, 6: Maioriano está en Ravenna antes de marchar a Gallia de novo e entrar no val do Ródano para atacar os burgundos baixo Gundioco e tentar reconquistar de novo Lugdunum. Forzará a bacauda a unirse á coalición contra os suevos en Hispania.

os Tuoba da dinastía Wei do norte derrotan decisivamente os Ruanruan no deserto de Gobi.

luns, 24 de setembro de 2012

443

representación dunha típica manobra de combate huna
pablo-romanempire.blogspot.com

Petronio Maximus e Flavius Paterius, cónsules.

a bacauda hispana ataca Arecilium. Quen forma estes grupos?: a, nativos de zonas pouco romanizadas que se erixen en forza independente; b, colonos e escravos que rebelan e enfrontan contra terratenentes e exército; c, simple bandoleiros.

Asturio (probablemente hispano) é relevado polo seu xenro Merobaudes, indicio do interese da aristocracia hispanorromana en destruír a bacauda, que pon en perigo as súas bases de prepotencia socioeco­nómica, así como do influxo que esta, cando menos a da Tarraconensis, seguía tendo no goberno imperial. A actividade de tales xenerais romanos debeu de restablecer a situación polo momento.

León I ataca os maniqueos de Roma: un debate público no que queima os seus libros e advirte aos romanos na súa contra.

os burgundios asinan un foedus con Roma e adquiren o status de foederati. Son asentados en Sapaudia e Sequania, con capital en Maxima Sequanorum (Xenebra); vanse estendendo polas concas do Saona e Ródano cara o Mediterráneo. O rei chámase Gundioco.

agosto: tratado de paz entre os hunos e o imperio (1ª de Anatolia): Teodosio II entrega 6000 libras de outro en concepto de rescate dos prisioneiros e acorda un tributo de 2100 libras de ouro por ano. Algúns príncipes hunos cativos en Constantinopla rexeitan volver cos seus e son os propios cidadáns da capital quen os obriga (algúns mátanos) ao ver perigar a paz.

os habitantes da pequena aldea de Asimus, que foran quen de rexeitar os ataques hunos, néganse a liberar os prisioneiros hunos feitos a pesar da intervención imperial. Ao parecer matáranos, excepto dous, e responden que os liberarán a cambio de dous nenos en poder dos hunos. Atila ameaza con non respectar a paz se non se castiga a aldea pero debe retirarse cando se fai o intercambio solicitado pola aldea (?).

a campaña de desprestixio contra a emperatriz Eudocia finalmente consegue que Teodosio II decrete o seu exilio a Palestina.

en Britannia, a causa dos conflitos entre os diversos núcleos de poder, esténdese a fame. Medran as diferenzas entre pelaxianos e ortodoxos; moitos destes emigran a Gallia.

Gunabhadra, monxe budista indio, é convidado polo emperador de Liu Song. Traduce o Lankavatara Sutra do sánscrito ao chinés.

martes, 21 de agosto de 2012

436

icono oriental coa representación de
Melania a Nova

Isodorus e Senator, cónsules.

os hunos presionan cada vez máis aos xermanos. Gundicaro morre en combate contra Atila e é sucedido polo seu fillo Gundioco, quen é derrotado por Aetius e negocia con él ofrecéndolle o seu apoio contra os hunos a cambio de novas terras.

Aetius pode conter os francos nun territorio reducido.

Teodorico I inicia operativos entorno a Narbo. Isto inicia un conflito prolongado contra os romanos inda que se ignora o detonante.

en China, o rei T’o-pa T’ao anexa o reino Pei Yen.

Hydacio (“Hierosolymis Iuuenalem episcopum paresidere Germani prebyteri Arabicase regionis …”) descoñece que en Efeso se discute o nestorianismo; nunha entrada posterior na que xa fala de Nestorio, chámalle “herexe ebionita”, sen mencionar os detalles reais do problema. Ata anos máis tarde non se coñecen directamente os documentos relativos a esta polémica (450) e inda así non parece que Hydacio salga do seu erro, xa que segue a falar do “herexe ebionita” e tamén llo chama a Eutiques, monofisita. Tranoy considera que entre os documentos chegados figuraba a correspondencia entre Nestorio e Cirilo, o manifesta a tardanza en coñecer de primeira man en Hispania os detalles dos acontecementos na zona oriental do imperio.

Teodosio II decide relegar a Nestorio más lonxe, ao oasis de Ibis, no deserto libio. O illamento parecía garantía de silencio. Una incursión de pobos árabes permítelle buscar refuxio en Panópolis, pero unha nova disposición do prefecto recluíuno nos confíns da Tebaida. A condena ao silencio e a marxinación xeográfica no ocasionaron o efecto buscado: dende o exilio escribiu unha Apoloxía (o Tragoedia) segundo se deduce da Historia Eclesiástica de Evagrio. Pero a súa verdadeira e polémica defensa persoal e teolóxica aparece contida no autobiográfico Libro de Heráclides, en grego, pero conservado en siriaco e transmitido con interpolacións.

Gunabhadra traduce o Srimala Sutra budista ao chinés.

Melania a nova chega a Constantinopla en fin de ano chamada polo seu tío Rufius Antonius Agrypnius Volusianus, o último dunha antiga liñaxe pagán, prefecto do pretorio e intermediario da corte occidental en relación ás delicadas negociacións que precederon o casamento de Valentiniano III e Eudoxia, filla de Teodosio II. Viaxaban facendo uso do cursus publicus, pero inda así foron precisas todas as súas pregarias no martyrium local en Tripoli para que un funcionario proporcionara as monturas necesarias para todo o grupo (a pesar das leis que permiten a presenza de compaña durante unha viaxe oficial).

recibiuna no pazo imperial Lausus, protector de Palladius e de novo praepositus sacri cubiculi, “como correspondía a un home da súa disposición virtuosa,” e coa mesma admiración pola devoción ascética que o levara a solicitar de Palladius unha historia de homes santos: a pesar das súas riquezas e posesións luxosas, as oracións de Lausus foran buscadas por Palladius como as do “máis fervente servo de Cristo”, que mantiña o “medo do Señor” entre os costumes mundanos da corte. Este home amante do ascetismo fora, sen embargo, chave nas manobras políticas necesarias para apartar e defenestrar a Xoán Crisóstomo e Oríxenes. Para el, como para Palladius, ascetismo e implicación política eran inseparables.

en contraste Melania pasara vinte anos de vida monástica no Monte das Olivas. A súa entrada nos círculos cortesáns da capital non foi a dunha funcionaria pública, senón a heroína ascética procedente dos lugares sagrados. As visitas ás familias senatoriais foron as dunha conselleira espiritual, mentres que para o emperador e a súa familia era fonte de “edificación”.