Amosando publicacións coa etiqueta Arbogasto. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Arbogasto. Amosar todas as publicacións

venres, 5 de xullo de 2013

486

representación dos dominios de Siagrius
en.wikipedia.org
Cecina Mavorzio Basilius Decius e Flavius Longinus, cónsules.

febreiro: II concilio de Seleucia (Ctesiphonte), onde os cristiáns persas ratifican a súa fe nestoriana.

primavera: Clodoveo e Rachnagar derrotan a Siagrius en Soissons. Siagrius foxe cara os godos pero estes entrégano a Clodoveo, quen o executa. O seu exército é incorporado (exercitus romanorum) ao exército de Clodoveo (exercitus francorum). O comes franco Arbogasto, en Belgica I tamén se somete a Clodoveo e pode terse convertido en bispo de Carnotense (Chartres).

Clodoveo muda a súa residencia de Tournai a Soissons; outros grupos francos son anexionados (instala a Rachnagar como regulus en Cambrai), o aparato administrativo e as cidades non son arrasadas, para aproveitalos dende o punto de vista político, administrativo e económico e reforzar o poder central real.

os territorios controlados agora polos francos están entre o Somme e o Loira.

Gundobado (Lugdunum) mata e anexiona os territorios de Godomaro (Vienne): tamén se produce unha reorganización dos territorios burgundos.

en Alexandría seguen as persecucións de sacerdotes pagáns: son arrestados, escarnecidos, torturados e executados.

Amonio dirixe a escola alexandrina; defende teses opostas á filosofía cristián, como a eternidade do mundo ou a reencarnación das ánimas; fai alusións (de anima, 104, 21-23) á hostilidade cristián cara a filosofía pagana, semellante á manifestada no enchiridion de Epictetus.

segundo Damascius, durante a persecución de Alexandría Amonio fixo concesións ás autoridades para poder continuar coas súas clases. Damascius, que critica a Amonio polo acordo, non di cales foron as concesións, pero poderían ser limitacións sobre as doctrinas que podía ensinar ou promover.

o pai de Amonio, Hermias, morrera cando era neno, e súa nai, Aedesia, criouno a el e a seu irmán Heliodorus, en Alexandría. Ao acadar a idade adulta, Aedesia acompañou os fillos a Atenas, onde estudaron con Proclus. Logo volveron a Alexandría, onde Amonio, como xefe da escola neoplatónica, dou clases sobre Platón e Aristóteles durante o resto da vida. Damascius, alumno de Heliodorus, descríbeo como moi talentoso pero menos que o irmán maior, e máis superficial de carácter e estudos.

os filóponos era unha secta cristián exipcia. Eran fervorosos, inda que non cregos e a súa existencia data de inicio do século IV. A mellor definición da súa vida atopámola en Zacarías o escolástico, quen afirma que eran cristiáns que frecuentabas as igrexas, gardaban castidade, eran humildes, tiñan amor aos semellantes e compadecíanse dos pobres. Pero adicábanse tamén a actividades menos caritativas, como se forza de choque en tumultos  contra os paganos, pois o propio Zacarías da a entender que participaran activamente na destrución dun templo de Isis en Menuthis, a catorce millas de Alexandría.

luns, 24 de xuño de 2013

475

moeda coa efixie de Romulus Augustulus
www.livius.org
Zenón, cónsul único.

xaneiro, 9: Teodorico Estrabón, o xeneral isauro Illus e a viúva de León I, Verina, encabezan unha revolta que pretende entronizar a Basiliscus, logrando que Zenón se teña que refuxiar en Antioquía.

xaneiro, 12: Basiliscus é entronizado como augustus do imperio oriental.

abril, 9: Basiliscus publica o enkyklikon (as súas posicións relixiosas monofisitas fano inmediatamente impopular).

Arvernis volve estar asediada. Ecdicius ten que retirarse a un lugar máis seguro. Nepos chámao e substitúeo por Orestes como magister militum.

mais Nepos non se atreve a atacar directamente os godos, especialmente cando os burgundos mudan as alianzas e se distancian dos romanos (en desacordo coa excesiva influencia oriental) e continúan as negociacións.

Nepos reúnese co concilium de Liguria, que decide enviar a Epiphanius, bispo de Ticinum, á cabeza dunha nova embaixada. Grazas á súa intervención, Eurico decide pactar unha paz. Os detalles fíxanos Eurico e Chilperico por unha banda e por outra Epiphanius, Graeco (bispo de Massiliensis), Basilio (bispo de Aix), Fausto (bispo de Riez) e Leoncio (bispo de Arelate). Negocian ata xuño e o tratado recoñece o dominio godo sobre os territorios ocupados co engadido de Auvernia, onde inda resiste a capital. Aos burgundos confírmanselles as posesións ata o Durance. Ademais, roto o foedus, recoñécese a plena autonomía dos xermanos. A cambio, estes comprométense a non atacar os territorios romanos en Gallia e restituír a Provenza, con Arelate e Massiliensis incluídas. A paz é rexeitada en Roma pero Ennodius na súa biografía a conta coma un éxito de Epiphanius.

na nova situación Sidonio Apolinar ten que exiliarse á fortaleza Livia.

un lume en Constantinopla destrúe a estatúa de Zeus Olímpico feita por Fidias, unha das marabillas da antigüidade. Tamén arden numerosos documentos públicos nalgunhas bibliotecas.

Nepos é cuestionado por case todos os sectores. Os bispos están indignados por abandonar provincias católicas á herexía ariana; os nacionalistas consideran humillante ceder unha nova provincia. É considerado un home de palla de oriente e un traidor en Auvernia. Sen embargo, as súas opcións son moi limitadas.

un sínodo en Arelate condena a doutrina de Lucidus sobre a predestinación.

as statuta ecclesiae antiqua, compilación de textos disciplinares da Narbonensis, recomendan no canon 16 que os bispos leven os xudeus ás igrexas para que escoiten a Deus e se lles permita permanecer ata finalizada a misa dos catecúmenos; o canon 83 rexeita que os cristiáns garden as festividades xudías, advirten contra as súas supersticións e contra que os cregos fabriquen e usen as filacterias (c. 36), amuletos coa misión de actuar como cadea das ánimas. Berman argumenta que estas non eran práctica xudías, senón de estrañas e curiosas seitas sincretistas, ás que pertencían os xudeus galos en gran número.

o comes franco Arbogasto (católico) exerce o mando de Belgica I dende Treveroroum, a capital.

componse o codex euricianus, que tenta regulamentar tanto a vida dos romanos como dos godos. Está escrito en latín pero recolle a tradición consuetudinaria xermánica.

agosto, finais: Orestes debía substituír a Ecdicius nas operacións contra os godos. Retrasa a súa saída de Roma durante as negociacións e en vista de que xa non é oportuno intervir en Gallia parte cara Ravenna. Nepos decide claudicar sen loitar e embarca cara Dalmacia, a súa base de poder (agosto, 28).

outubro, 31: Orestes proclama augustus ao seu fillo Romulus (Augustulus pola súa xuventude, quizás 10 ou 14 anos) e asume o poder efectivo.

Nepos segue a defender a súa lexitimidade dende Dalmacia e continúa acuñando moeda no seu nome e no de Zenón. O ius monetandi representaba un dos principais medios de expresar o poder imperial.

Gennadius de Marsella, en de viris illustribus, deixa testemuña de ter traducido do grego ao latín cando menos cinco libros: un “moi persuasivo” que Timoteo, bispo de Alexandría, dirixira ao emperador León; e outros catro do monxe Evagrio do Ponto (o tratado Contra os oito principais pecados, versión que fixo “coa mesma sinxeleza que atopou no orixinal grego”; os Cen sentimentos, “que traducín e restaurei, volvendo a traducilo e corrixilo en parte, para manifestar así a verdadeira intención do autor, porque vin que a tradución anterior (de Rufino) estaba viciada e confusa”; un resumo do anterior, os Cincuenta sentimentos, “que fun o primeiro en traducir ao latín”; e unha cuarta obra de Evagrio, da que non sabemos o nome, colección de opinións “moi escuras ...”, que os corazóns dos monxes podían entender”).

Orestes abandona a xefatura do exército, que pasa ao esciro Odoacro, que acepta colaborar para expulsar a Nepos, pero a cambio esixe un terzo de Italia para as tropas. A negativa de Orestes abre un novo conflito.

Bodhiharma, monxe budista, viaxa a China e comeza a ensinar o Lankavatara Sutra.

Gongju muda en capital de Baekje, e vese ameazada por Goguryeo, que conquista o val do río Han, en Korea.

píntase un Bodhisattva nas covas de Ajanta en Maharashtra (India).

estase a compilar un Talmud en Babilonia, fonte da maioría do Halakha xudeu.

domingo, 13 de xaneiro de 2013

a caída do Imperio de Occidente: a explicación militar

batalla do río Frigidus
Angus MacBride

cando os partidarios da escola da tardoantigüídade usan o termo “transformación” para describir a caída de Roma tentan tanto explicar como describir. A transformación dende Roma á Idade Media durou séculos, non anos. A pesar de todo, a caída de Roma en Occidente foi máis que un proceso, foi un acontecemento que ocorreu inesperadamente.

tomando 476 como a data da caída, e coa perspectiva de só 100 anos, en 376 obsérvase un imperio inda forte, tan grande como o de Augusto, respectado polos seus inimigos ao longo das fronteiras e defendido por un exército que seguía loitando con efectividade a pesar da catástrofe de Persia baixo Xuliano, un error estratéxico que non atribuíble ás lexións.

por outra banda, 376 foi en si mesmo importante na historia de Roma. Os visigodos, baixo a presión de hunos e ostrogodos, cruzaron o Danubio con autorización imperial para asentarse permanentemente en territorio romano. Así comezou unha serie de invasións (o cruce do Danubio mudou pronto nunha invasión) que nun século ocasionaron a caída da pars occidentis. Retrospectivamente é doado predicir a caída como inevitable, facer énfase na vulnerabilidade e fraxilidade do imperio romano, detectando o denominado, noutro contexto, “síndrome do titán canso”. Non se pode argumentar, coma no caso da moderna Britannia, que a perda do imperio “amorteceu” a caída de Roma no mundo. O imperio identificábase de xeito tan inseparable coa propia Roma que a caída do imperio foi a caída de Roma.

seguir a ver a historia romana dende Marco Aurelio como a dun xigante inquedo, describíndoo como decadente ou vítima da “anguria cultural e política do mundo” é errar no obxectivo. Algúns historiadores, recoñecendo a vulgar falacia, cambian completamente o asunto e preguntan por que o imperio sobreviviu tanto tempo. Ambas tendencias, sen embargo, fan a mesma cousa – desviar a atención dunha consideración dos factores que levaron á desaparición do Imperio Romano de Occidente na segunda metade do s. V –, unha por buscar as causas nun pasado demasiado remoto e a outra por aceptar o feito como inevitable.

a traxectoria do imperio na véspera de Adrianopolis non era descendente; nin os cidadáns romanos perderan a confianza no seu destino de gobernar o mundo. O imperio era forte, a pesar dunha recente derrota en Persia, e seguiu a demostrar un poder extraordinario durante os trinta devastadores anos transcorridos aproximadamente entre a derrota de Adrianópolis e o saco de Roma por Alarico. Dende os tempos das guerras púnicas a forza estratéxica de Roma tiña consistido ata certo punto na capacidade do imperio de sufrir derrotas tácticas no campo de batalla e, a pesar de todo, mobilizar novas forzas para continuar a loita.

incluso logo de 410 quedaba algo dese poder de recuperación, pero existía unha diferenza, particularmente en Occidente. Roma case deixara de producir os seus propios soldados, e os que fixo entrar no servizo militar foron escasamente adestrados nas antigas tácticas de formación de orde cerrada inda que tentaron loitar dese xeito. Moitos historiadores teñen argumentado, xa sexa directamente ou máis a miúdo poñendo énfase noutras causas, que a caída de Roma non foi ante todo un fenómeno militar. Sen embargo, foi exactamente iso. Despois de 410 o emperador de Occidente xa non puido impor o seu poder militar sobre as antigas fronteiras. Esta debilidade tivo como consecuencia inmediata a perda de Britannia e, no transcurso dunha xeración, a perda de Africa. Non é necesaria unha serie de batallas decisivas para evidenciar un fracaso militar. O estreitamento das fronteiras imperiais dende 410 a 440 foi resultado directo das conquistas militares das forzas bárbaras. En efecto, a perda de recursos estratéxicos en moeda, material e potencial humano agravou a mera perda de territorio e fixo a defensa militar do que quedaba do imperio inda máis difícil. É simplemente perverso, sen embargo, argumentar que os problemas estratéxicos de Roma durante as décadas dos 40s, 50s e 60s foron principalmente resultado das dificultades financeiras e políticas ou de tendencias a longo prazo, como o despoboamento gradual.

os historiadores modernos deben ter en conta que Roma en Oriente non caeu, e calquera explicación da caída de Roma debe dar conta da súa supervivencia en Bizancio. Por que lle bastou a Oriente ordenar os seus recursos militares, sobrevivir as invasións bárbaras e emerxer baixo Xustiniano no s. VI cunha explosión de poder militar, para reconquistar, cando menos temporalmente, parte de Occidente? Pódense desestimar algunhas explicacións especificamente militares. O recrutamento a finais do imperio foi difícil, pero apoiouse demasiado na lexislación imperial a ese respecto. Inda nas grandes épocas, por exemplo durante os últimos anos de Augusto, o recrutamento puido ser un problema durante as crises militares. Durante os séculos IV e V non foi un problema maior en Occidente que en Oriente, cando menos non ata que as dificultades occidentais se exacerbaron enormemente polas perdas militares e territoriais. A forza estratéxica de Oriente detrás das impenetrables murallas de Constantinopla acentúase a miúdo como un factor de supervivencia do Imperio Bizantino, pero tamén deben terse en conta os elementos de debilidade de Occidente.

por suposto que o saco de Roma, a perda de Britannia e Africa, e partes de Gallia e Hispania constituíron enormes golpes para a capacidade militar do emperador de Occidente. Comezando a historia da caída de Roma en 440, é bastante doado explicar o derrubamento de Occidente e non o de Oriente. En 440 os exércitos occidentais eran moito máis débiles que os de Oriente. Iso non era así, sen embargo, o último día do ano de 406, o día en que vándalos, suevos e alanos atravesaron o xeado Rhin e penetraron en Gallia. En 406, sobre o papel, o poder occidental era tan grande como o oriental. Estilicón obrigara a saír de Italia a Alarico e Radagaiso. Ocupárase de Alarico en nome de occidente con maior eficacia do que o tiñan feito os xenerais orientais. A pesar de todo, no curto período que vai de 407 a 410, Occidente recibiu un golpe mortal. Despois de 410 nunca máis foi tan poderoso militarmente como Oriente. Os bárbaros establecéronse de xeito permanente en Gallia e Hispania, e Britannia estaba perdida. Pódese argumentar, como estou inclinado a facer, que inda despois de 410, o emperador de Occidente non perdera todas as opcións militares, que o poder militar romano inda podía ter resistido, se non en Britannia, si cando menos no resto do Imperio de Occidente. Pero os fracasos militares durante o período de 407 a 410 foron abondo para crear unha maior diferenza entre o poder estratéxico dos emperadores de Oriente e Occidente. Eses poucos anos constitúen o punto decisivo logo do cal xa non é necesario explicar por que caeu Occidente e sobreviviu Oriente.

por que, entón, Occidente o fixo tan mal entre 407 e 410? Ata certo punto a forza estratéxica de Oriente contribuíu á caída de Occidente. Constantinopla estaba fortemente defendida. Ningunha tribo bárbara soñaría tomar ao asalto aquelas murallas. Ademais, o emperador de Oriente tiña máis capacidade para pagar os grandes subsidios demandados polos xefes bárbaros con posterioridade a Adrianopolis, inda que de feito Occidente pagou tamén un prezo monetario elevado pola paz.

podendo deixar de lado o estudo de causas a longo prazo tales como despoboamento, mestura de razas, deterioro político e económico, saturnismo e outras teorías de moda, a aproximación máis popular á caída de Roma quizá teña sido atopar unha vítima propiciatoria, ver erros de criterio humano que causan a equivocación fatal que causou a traxedia. A pesar de que este enfoque ten sido ridiculizado a miúdo en tempos recentes, non deixa de ter a súa importancia. Os líderes teñen importancia. As decisións estratéxicas producen resultados eficaces ou ineficaces. O peso da historia, na forma de tendencias a longo prazo, pode impor limitacións sobre o espírito militar, pero un bo xeral ou líder político soportará a carga e solucionará os seus problemas estratéxicos dun xeito ou doutro.

Honorio ten sido chamado por historiadores tanto antigos coma modernos a asumir moita da culpa da caída de Roma. En certo modo iso é porque Roma sufriu a súa grande humillación durante o período de 407 – 410 baixo o seu mandato, e, xa que el non a evitou, el debe ser considerado responsable. Como cidadáns, nós aplicamos esta especie de norma aos nosos líderes actuais, e quizá non sexa excesivo facer o mesmo cos líderes do pasado. Por outra banda, se é posible ter razón e inda así perder, Honorio pode que fixera xustamente iso. Non merece a crítica que uniformemente recibe por non facer nada, posto que non facer nada foi, para el, case con seguridade, unha estratexia “activa” ou consciente, non simplemente neglixencia, unha estratexia que puido de feito ter dado resultado se alguén non tivese aberto en Roma unha porta aos visigodos de Alarico en agosto de 410.

o papel de Estilicón é máis difícil de valorar, e ten tido defensores e detractores vigorosos. É certo que estivo moito máis interesado polos acontecementos de Constantinopla que polos de Italia. É imposible determinar a partir das nosas testemuñas se merece as acusacións de ter deixado escapar a Alarico en varias ocasións cando o xefe bárbaro debía ter sido aniquilado. Para os que consideran a caída de Roma un asunto de tendencias, os esforzos de Estilicón carecen de importancia. Probablemente, se el non tivese deixado libre a Alarico para que saqueara Roma, algún outro a tería saqueado. En realidade a sorte do imperio só podería ter sido moi diferente se os acontecementos do período 407 – 410 tiveran tomado outro curso. O fracaso de Estilicón é significativo se o factor humano tivera sido chave. A súa incapacidade para labrar un mellor futuro para o Imperio de Occidente foi, en maior medida, froito de criterios e decisións erróneas (empezando pola súa execución en 408) que o fracaso de Honorio. Estilicón estaba trabucado; Honorio non tivo sorte.

tamén é certo, sen embargo, que o propio exército sufriu importantes retrocesos entre 378 e 410, en maior grado por parte de occidente que de oriente. Durante o s. IV o exército occidental foi o mellor. Foi o oriental o derrotado en Persia e Adrianópolis, pero no Frigidus en 394 Teodosio vencera ao exército occidental coa axuda de 20000 visigodos, que atacaron a Arbogasto e a Eugenius en liña de columna sufrindo perdas extraordinariamente cuantiosas (50%). A derrota no Frigidus desmoralizou sen dúbida ao exército occidental ata certo punto, pero debe ter sido moito máis humillante como o manexou Estilicón, ao seu mando dende 395 ata 408.

capa da edición en castelán
neste tempo houbo unha reacción en Oriente contra o uso de xermanos no exército romano, pero en Occidente Estilicón impuxo a política de barbarización de Teodosio. Primeiro, co exército occidental nos Balcáns non cumpriu co deber de destruír a Alarico en, cando menos, dúas ocasións, e logo, durante as gloriosas campañas en Italia dende 401 a 405 contra Alarico (que escapou en outras dúas ocasións) e Radagaiso, Estilicón confiou firmemente en tropas bárbaras. O seu emprego de bárbaros chegou a ser un asunto de controversia e contribuíu á súa caída en 408. Por esa razón, “a barbarización” durante este período trátase a miúdo como un problema político (que o era) e tense dado escasa consideración ao probable efecto que a política tiña sobre o arrogante exército de occidente.

por desgraza, é imposible adiviñar ata que punto o exército central móbil de Italia, cara 408, era un exército romano tradicional e ata que punto estaba infiltrado por influencias bárbaras. Tal vez se as reservas de Britannia e Gallia se tiveran unido ao exército de Italia na crise de 408 – 410 se puidera ter derrotado novamente a Alarico, pero a rebelión de Constantino III impediu este tipo de cooperación, e Honorio decidiu seguir unha estratexia de esgotamento sen presentar batalla a Alarico. Tal política foi tremendamente humillante para o exército. Seguir loitando ante unha derrota segura require moito máis que valor, pero ao exército de occidente non se lle permitiu loitar en absoluto, e despois do que tiña soportado a mans de Estilicón, este foi un golpe decisivo. Nunca máis o emperador de Occidente sería igual que o seu homólogo oriental no ámbito militar.

partindo das condicións resultantes de 410, Constancio e Aetius fixeron o máximo posible por manter a minguada posición de Roma en Occidente. Dos dous, Constancio foi o mellor estratego, e a súa experta utilización do poderío naval doulle ao réxime, agora en Ravenna, un novo impulso. Aetius estaba por desgraza demasiado interesado por Gallia en detrimento de Italia, Hispania e particularmente Africa. A perda de Carthago foi un dobre golpe para Roma, xa que o emperador de Occidente dependía decisivamente do grao africano e porque as condicións nas que se atopaba agora a cidade africana consolidaban o reino vándalo. As perdas de ingresos e territorios fixeron recruar as dificultades, e a situación do exército romano que combateu a Atila en Chálons era obxecto de ridículo. Durante os últimos vinte anos do imperio occidental, logo da morte de Valentiniano III, o goberno central de Italia confiou exclusivamente nos bárbaros ata o final e por fin, en 476, estes puxeron a un dos seus propios oficiais como rei e aboliron o réxime imperial en Occidente.

está claro que despois de 410 o exército romano non tivo xa ningunha vantaxe especial, tacticamente, sobre os exércitos bárbaros –simplemente porque o exército romano se tiña barbarizado–. Hans Delbrück ten indicado que a forza romana tiña sido sempre estratéxica antes que táctica, que home por home os exércitos romanos non foron mellores que os xermanos. Segundo el, organización táctica romana e o adestramento simplemente igualaron a situación.

isto é falar por falar, como revelaría unha lectura coidadosa de Du Picq. O exército de Roma sempre fora pequeno en relación á poboación do imperio, porque o adestramento e disciplina déronlle unha vantaxe incomparable ao usar tácticas de combate en orde cerradas, moito máis eficaces. Chegado 451, como demostra o discurso de Atila aos hunos en Châlons, o pouco que quedaba das antano soberbias lexións loitou nesa antiga formación, inda que aparentemente sen adestramento nin disciplina. Sen estes, loitar sen orde algunha era incluso mellor que a orde cerrada. Esperábase que os romanos se agruparan detrás dos seus escudos; os visigodos e alanos eran os que debían atacar. Cando o exército romano se barbarizou, perdeu a súa superioridade táctica e Roma sucumbiu á arremetida do barbarismo.

Arther Ferrill The Fall of the Roman Empire: The Military Explanation (1998)
tradución dun fragmento do último capítulo do libro (The Fall of Rome)