batalla do río Frigidus Angus MacBride |
cando os partidarios da
escola da tardoantigüídade usan o termo “transformación” para describir a caída
de Roma tentan tanto explicar como describir. A transformación dende Roma á
Idade Media durou séculos, non anos. A pesar de todo, a caída de Roma en Occidente
foi máis que un proceso, foi un acontecemento que ocorreu inesperadamente.
tomando 476 como a data da
caída, e coa perspectiva de só 100 anos, en 376 obsérvase un imperio inda
forte, tan grande como o de Augusto,
respectado polos seus inimigos ao longo das fronteiras e defendido por un
exército que seguía loitando con efectividade a pesar da catástrofe de Persia
baixo Xuliano, un error estratéxico
que non atribuíble ás lexións.
por outra banda, 376 foi en
si mesmo importante na historia de Roma. Os visigodos, baixo a presión de hunos
e ostrogodos, cruzaron o Danubio con autorización imperial para asentarse
permanentemente en territorio romano. Así comezou unha serie de invasións (o
cruce do Danubio mudou pronto nunha invasión) que nun século ocasionaron a caída
da pars occidentis. Retrospectivamente
é doado predicir a caída como inevitable, facer énfase na vulnerabilidade e
fraxilidade do imperio romano, detectando o denominado, noutro contexto,
“síndrome do titán canso”. Non se pode argumentar, coma no caso da moderna Britannia, que a perda do imperio
“amorteceu” a caída de Roma no mundo. O imperio identificábase de xeito tan inseparable
coa propia Roma que a caída do imperio foi a caída de Roma.
seguir a ver a historia romana
dende Marco Aurelio como a dun
xigante inquedo, describíndoo como decadente ou vítima da “anguria cultural e
política do mundo” é errar no obxectivo. Algúns historiadores, recoñecendo a
vulgar falacia, cambian completamente o asunto e preguntan por que o imperio
sobreviviu tanto tempo. Ambas tendencias, sen embargo, fan a mesma cousa – desviar
a atención dunha consideración dos factores que levaron á desaparición do Imperio
Romano de Occidente na segunda metade do s. V –, unha por buscar as causas nun
pasado demasiado remoto e a outra por aceptar o feito como inevitable.
a traxectoria do imperio na
véspera de Adrianopolis non era descendente; nin os cidadáns romanos perderan a
confianza no seu destino de gobernar o mundo. O imperio era forte, a pesar
dunha recente derrota en Persia, e seguiu a demostrar un poder extraordinario durante
os trinta devastadores anos transcorridos aproximadamente entre a derrota de
Adrianópolis e o saco de Roma por Alarico.
Dende os tempos das guerras púnicas a forza estratéxica de Roma tiña consistido
ata certo punto na capacidade do imperio de sufrir derrotas tácticas no campo
de batalla e, a pesar de todo, mobilizar novas forzas para continuar a loita.
incluso logo de 410 quedaba
algo dese poder de recuperación, pero existía unha diferenza, particularmente
en Occidente. Roma case deixara de producir os seus propios soldados, e os que
fixo entrar no servizo militar foron escasamente adestrados nas antigas
tácticas de formación de orde cerrada inda que tentaron loitar dese xeito.
Moitos historiadores teñen argumentado, xa sexa directamente ou máis a miúdo
poñendo énfase noutras causas, que a caída de Roma non foi ante todo un
fenómeno militar. Sen embargo, foi exactamente iso. Despois de 410 o emperador
de Occidente xa non puido impor o seu poder militar sobre as antigas
fronteiras. Esta debilidade tivo como consecuencia inmediata a perda de Britannia e, no transcurso dunha
xeración, a perda de Africa. Non é
necesaria unha serie de batallas decisivas para evidenciar un fracaso militar.
O estreitamento das fronteiras imperiais dende 410 a 440 foi resultado directo
das conquistas militares das forzas bárbaras. En efecto, a perda de recursos
estratéxicos en moeda, material e potencial humano agravou a mera perda de territorio
e fixo a defensa militar do que quedaba do imperio inda máis difícil. É
simplemente perverso, sen embargo, argumentar que os problemas estratéxicos de
Roma durante as décadas dos 40s, 50s e 60s foron principalmente resultado das
dificultades financeiras e políticas ou de tendencias a longo prazo, como o
despoboamento gradual.
os historiadores modernos
deben ter en conta que Roma en Oriente non caeu, e calquera explicación da
caída de Roma debe dar conta da súa supervivencia en Bizancio. Por que lle
bastou a Oriente ordenar os seus recursos militares, sobrevivir as invasións
bárbaras e emerxer baixo Xustiniano
no s. VI cunha explosión de poder militar, para reconquistar, cando menos
temporalmente, parte de Occidente? Pódense desestimar algunhas explicacións
especificamente militares. O recrutamento a finais do imperio foi difícil, pero
apoiouse demasiado na lexislación imperial a ese respecto. Inda nas grandes
épocas, por exemplo durante os últimos anos de Augusto, o recrutamento puido
ser un problema durante as crises militares. Durante os séculos IV e V non foi
un problema maior en Occidente que en Oriente, cando menos non ata que as
dificultades occidentais se exacerbaron enormemente polas perdas militares e
territoriais. A forza estratéxica de Oriente detrás das impenetrables murallas
de Constantinopla acentúase a miúdo como un factor de supervivencia do Imperio Bizantino,
pero tamén deben terse en conta os elementos de debilidade de Occidente.
por suposto que o saco de
Roma, a perda de Britannia e Africa, e partes de Gallia e Hispania constituíron
enormes golpes para a capacidade militar do emperador de Occidente. Comezando a
historia da caída de Roma en 440, é bastante doado explicar o derrubamento de Occidente
e non o de Oriente. En 440 os exércitos occidentais eran moito máis débiles que
os de Oriente. Iso non era así, sen embargo, o último día do ano de 406, o día
en que vándalos, suevos e alanos atravesaron o xeado Rhin e penetraron en Gallia. En 406, sobre o papel, o poder
occidental era tan grande como o oriental. Estilicón
obrigara a saír de Italia a Alarico e
Radagaiso. Ocupárase de Alarico en
nome de occidente con maior eficacia do que o tiñan feito os xenerais
orientais. A pesar de todo, no curto período que vai de 407 a 410, Occidente recibiu
un golpe mortal. Despois de 410 nunca máis foi tan poderoso militarmente como Oriente.
Os bárbaros establecéronse de xeito permanente en Gallia e Hispania, e Britannia estaba perdida. Pódese
argumentar, como estou inclinado a facer, que inda despois de 410, o emperador
de Occidente non perdera todas as opcións militares, que o poder militar romano
inda podía ter resistido, se non en Britannia,
si cando menos no resto do Imperio de Occidente. Pero os fracasos militares
durante o período de 407 a 410 foron abondo para crear unha maior diferenza
entre o poder estratéxico dos emperadores de Oriente e Occidente. Eses poucos
anos constitúen o punto decisivo logo do cal xa non é necesario explicar por
que caeu Occidente e sobreviviu Oriente.
por que, entón, Occidente o
fixo tan mal entre 407 e 410? Ata certo punto a forza estratéxica de Oriente
contribuíu á caída de Occidente. Constantinopla estaba fortemente defendida.
Ningunha tribo bárbara soñaría tomar ao asalto aquelas murallas. Ademais, o
emperador de Oriente tiña máis capacidade para pagar os grandes subsidios
demandados polos xefes bárbaros con posterioridade a Adrianopolis, inda que de
feito Occidente pagou tamén un prezo monetario elevado pola paz.
podendo deixar de lado o
estudo de causas a longo prazo tales como despoboamento, mestura de razas,
deterioro político e económico, saturnismo e outras teorías de moda, a
aproximación máis popular á caída de Roma quizá teña sido atopar unha vítima
propiciatoria, ver erros de criterio humano que causan a equivocación fatal que
causou a traxedia. A pesar de que este enfoque ten sido ridiculizado a miúdo en
tempos recentes, non deixa de ter a súa importancia. Os líderes teñen
importancia. As decisións estratéxicas producen resultados eficaces ou
ineficaces. O peso da historia, na forma de tendencias a longo prazo, pode
impor limitacións sobre o espírito militar, pero un bo xeral ou líder político
soportará a carga e solucionará os seus problemas estratéxicos dun xeito ou
doutro.
Honorio ten sido
chamado por historiadores tanto antigos coma modernos a asumir moita da culpa
da caída de Roma. En certo modo iso é porque Roma sufriu a súa grande
humillación durante o período de 407 – 410 baixo o seu mandato, e, xa que el non
a evitou, el debe ser considerado responsable. Como cidadáns, nós aplicamos
esta especie de norma aos nosos líderes actuais, e quizá non sexa excesivo
facer o mesmo cos líderes do pasado. Por outra banda, se é posible ter razón e
inda así perder, Honorio pode que fixera xustamente iso. Non merece a crítica
que uniformemente recibe por non facer nada, posto que non facer nada foi, para
el, case con seguridade, unha estratexia “activa” ou consciente, non
simplemente neglixencia, unha estratexia que puido de feito ter dado resultado
se alguén non tivese aberto en Roma unha porta aos visigodos de Alarico en
agosto de 410.
o papel de Estilicón é máis
difícil de valorar, e ten tido defensores e detractores vigorosos. É certo que
estivo moito máis interesado polos acontecementos de Constantinopla que polos
de Italia. É imposible determinar a
partir das nosas testemuñas se merece as acusacións de ter deixado escapar a
Alarico en varias ocasións cando o xefe bárbaro debía ter sido aniquilado. Para
os que consideran a caída de Roma un asunto de tendencias, os esforzos de
Estilicón carecen de importancia. Probablemente, se el non tivese deixado libre
a Alarico para que saqueara Roma, algún outro a tería saqueado. En realidade a sorte
do imperio só podería ter sido moi diferente se os acontecementos do período
407 – 410 tiveran tomado outro curso. O fracaso de Estilicón é significativo se
o factor humano tivera sido chave. A súa incapacidade para labrar un mellor
futuro para o Imperio de Occidente foi, en maior medida, froito de criterios e
decisións erróneas (empezando pola súa execución en 408) que o fracaso de
Honorio. Estilicón estaba trabucado; Honorio non tivo sorte.
tamén é certo, sen embargo,
que o propio exército sufriu importantes retrocesos entre 378 e 410, en maior
grado por parte de occidente que de oriente. Durante o s. IV o exército
occidental foi o mellor. Foi o oriental o derrotado en Persia e Adrianópolis,
pero no Frigidus en 394 Teodosio vencera ao exército occidental
coa axuda de 20000 visigodos, que atacaron a Arbogasto e a Eugenius en
liña de columna sufrindo perdas extraordinariamente cuantiosas (50%). A derrota
no Frigidus desmoralizou sen dúbida
ao exército occidental ata certo punto, pero debe ter sido moito máis humillante
como o manexou Estilicón, ao seu mando dende 395 ata 408.
capa da edición en castelán |
neste tempo houbo unha
reacción en Oriente contra o uso de xermanos no exército romano, pero en Occidente
Estilicón impuxo a política de barbarización de Teodosio. Primeiro, co exército
occidental nos Balcáns non cumpriu co deber de destruír a Alarico en, cando
menos, dúas ocasións, e logo, durante as gloriosas campañas en Italia dende 401
a 405 contra Alarico (que escapou en outras dúas ocasións) e Radagaiso,
Estilicón confiou firmemente en tropas bárbaras. O seu emprego de bárbaros
chegou a ser un asunto de controversia e contribuíu á súa caída en 408. Por esa
razón, “a barbarización” durante este período trátase a miúdo como un problema
político (que o era) e tense dado escasa consideración ao probable efecto que a
política tiña sobre o arrogante exército de occidente.
por desgraza, é imposible
adiviñar ata que punto o exército central móbil de Italia, cara 408, era un exército romano tradicional e ata que
punto estaba infiltrado por influencias bárbaras. Tal vez se as reservas de Britannia e Gallia se tiveran unido ao exército de Italia na crise de 408 – 410 se puidera ter derrotado novamente a
Alarico, pero a rebelión de Constantino
III impediu este tipo de cooperación, e Honorio decidiu seguir unha
estratexia de esgotamento sen presentar batalla a Alarico. Tal política foi
tremendamente humillante para o exército. Seguir loitando ante unha derrota
segura require moito máis que valor, pero ao exército de occidente non se lle
permitiu loitar en absoluto, e despois do que tiña soportado a mans de
Estilicón, este foi un golpe decisivo. Nunca máis o emperador de Occidente
sería igual que o seu homólogo oriental no ámbito militar.
partindo das condicións
resultantes de 410, Constancio e Aetius fixeron o máximo posible por
manter a minguada posición de Roma en Occidente. Dos dous, Constancio foi o
mellor estratego, e a súa experta utilización do poderío naval doulle ao
réxime, agora en Ravenna, un novo
impulso. Aetius estaba por desgraza demasiado interesado por Gallia en detrimento de Italia, Hispania e particularmente Africa.
A perda de Carthago foi un dobre
golpe para Roma, xa que o emperador de Occidente dependía decisivamente do grao
africano e porque as condicións nas que se atopaba agora a cidade africana
consolidaban o reino vándalo. As perdas de ingresos e territorios fixeron recruar
as dificultades, e a situación do exército romano que combateu a Atila en Chálons era obxecto de
ridículo. Durante os últimos vinte anos do imperio occidental, logo da morte de
Valentiniano III, o goberno central
de Italia confiou exclusivamente nos
bárbaros ata o final e por fin, en 476, estes puxeron a un dos seus propios
oficiais como rei e aboliron o réxime imperial en Occidente.
está claro que despois de
410 o exército romano non tivo xa ningunha vantaxe especial, tacticamente,
sobre os exércitos bárbaros –simplemente porque o exército romano se tiña
barbarizado–. Hans Delbrück ten
indicado que a forza romana tiña sido sempre estratéxica antes que táctica, que
home por home os exércitos romanos non foron mellores que os xermanos. Segundo
el, organización táctica romana e o adestramento simplemente igualaron a
situación.
isto é falar por falar, como
revelaría unha lectura coidadosa de Du
Picq. O exército de Roma sempre fora pequeno en relación á poboación do
imperio, porque o adestramento e disciplina déronlle unha vantaxe incomparable ao
usar tácticas de combate en orde cerradas, moito máis eficaces. Chegado 451, como
demostra o discurso de Atila aos hunos en Châlons, o pouco que quedaba das
antano soberbias lexións loitou nesa antiga formación, inda que aparentemente
sen adestramento nin disciplina. Sen estes, loitar sen orde algunha era incluso
mellor que a orde cerrada. Esperábase que os romanos se agruparan detrás dos
seus escudos; os visigodos e alanos eran os que debían atacar. Cando o exército
romano se barbarizou, perdeu a súa superioridade táctica e Roma sucumbiu á
arremetida do barbarismo.
Arther Ferrill The Fall of the Roman Empire: The Military Explanation (1998)
tradución dun fragmento do último capítulo do libro (The Fall of Rome)
Ningún comentario:
Publicar un comentario