representación dunha villa romana http://xmnicol.blogaliza.org |
sen
embargo, o cataclismo britano non constitúe a norma. Obviando algunhas zonas
nororientais de Gallia, onde a imaxe
arqueolóxica presenta un aspecto semellante ao sur de Britannia, as formas asentadas de vida provincial non desapareceron
con tanta rapidez nin de xeito tan completo. Ao sur do Loira, a pesar dos reparos
iniciais, os terratenentes locais chegaron a distintos tipos de acordos cos
seus novos gobernantes. Foi preciso pagar un prezo. En función dunha
diversidade de factores, entre os que destaca a dispoñibilidade de activos
existente no interior dos novos reinos aos que pertencían, os terratenentes
tiveron que renunciar a unha cantidade maior ou menor de terra. O reino
burgundio, máis ben pequeno, parece ter imposto unha confiscación de maior
envergadura que a producida no dominio godo, de maior tamaño, inda que tal vez
fixera máis doce a píldora mediante a redución de impostos. Sen embargo, os
terratenentes tiñan moito que ofrecer aos novos gobernantes bárbaros e, en
consecuencia, os seus réximes mostráronse polo xeral dispostos a manter a
desigual distribución da propiedade que tiña feito xurdir a clase terratenente no
seu momento. Por iso, o número de casos de axitación social que vemos ao sur do
Loira é notablemente baixo. Sidonio
e os seus amigos coñeceron tempos difíciles, pero superáronos e puideron
preservar intactas as suficientes propiedades como para conservar a súa
posición social. Tamén en Hispania e Italia a clase terratenente romana
logrou sobrevivir en xeral á primeira conmoción que provocou a fin do Imperio. En
Africa, a toma de Carthago por Gaiserico viuse seguida dunha
confiscación a gran escala das propiedades en Proconsularis, pero os terratenentes das outras dúas provincias que
caeron en 439 –Bizacena e Numidia– non tiveron problemas, e ao
irse engadindo novos territorios ao territorio vándalo, as confiscacións non
volveron a repetirse.
en
moitos lugares, polo tanto, o romanismo local sobreviviu bastante ben. O
cristianismo católico, o laicismo de lecto-escritura latina, as villae, as cidades e as formas complexas
de produción e intercambio económico lograron perdurar ata certo punto –salvo
en Britannia– sostidos pola clase
terratenente. Por conseguinte, a destrución das formas e das estruturas do
estado coexistiu coa supervivencia da vida romana de provincias na maioría do
antigo Occidente romano.
non
obstante, non pode dicirse que a vida local de Occidente despois do Imperio
seguira a ser, sen máis, “romana”; nin sequera o foron as condicións que
caracterizaron a evolución en Gallia
meridional. Para ter unha perspectiva completa da caída do Imperio é importante
deixar sentado un argumento chave. Unha das numerosas discusións que teñen
rodeado a súa fin xirou en torno ao significado que debe atribuírse aos cambios
políticos que tiveron lugar ao longo do s. V. Foi o final do estado romano un
acontecemento capital na historia da Eurasia occidental, ou unha mera
perturbación superficial, moito menos importante que outros fenómenos de maior
calado, como o xurdimento do cristianismo, que lograron abrirse paso sen que,
en esencia, se viran afectados polos procesos de afundimento do Imperio? A
historiografía tradicional non tiña dúbidas de que 476 representaba a liña
divisoria entre a historia antiga e a medieval. En época máis recente, a
certeza, cargada de xuízos de valor, de que o final do Imperio Romano sinalou o
comezo dunha pronunciada decadencia ten dado paso a puntos de vista máis
matizados e máis próximos á realidade histórica. Como levamos visto, non houbo
ningún cambio súbito e total, e este feito ten dado un novo impulso á noción de
continuidade, unha noción baseada na idea de que o mellor xeito de entender o
desenvolvemento histórico das épocas tardorromana e post-romana pasa máis por
entendelas en termos de evolución orgánica que de cataclismo.
non teño
a menor dúbida de que este novo acento nos enfoques historiográficos é unha
reacción enteiramente necesaria ás vellas ortodoxias históricas, e non comparto
en absoluto a idea (orixinada entre os propios romanos, por suposto) de que o Imperio
Romano constituíse unha orde social superior e que logo da súa desaparición non
existira máis posibilidade que a da decadencia. Sen embargo, a adopción dun
punto de vista minimalista na valoración da importancia histórica da desaparición
do estado occidental romano é tamén, ao meu xuízo, equivocada. Non hai dúbida
de que se trataba dun edificio estartelado. Dificilmente podería ter sido
doutro xeito, dado que debía gobernar unha extensión sumamente vasta co apoio
dunhas comunicacións e unha burocracia primitivas. A corrupción era un mal
endémico, a lei só se cumpría esporadicamente e as entidade locais posuían
moito poder. Non obstante, como era un estado de partido único que levaba xa
moito tempo establecido, atopou a maneira de modificar de xeito moi profundo as
normas polas que se rexía a vida local. Isto queda patente sobre todo nos
diferentes procesos ao que se ten adxudicado –de xeito lixeiramente enganoso– a
etiqueta de “romanización”. Para poder participar dos beneficios do Imperio, as
elites provinciais debían obter a cidadanía romana. O xeito máis sinxelo de
logralo era que un instaurase na súa cidade os dereitos do Lacio e ocupara un alto cargo nela. Por conseguinte, logo do
establecemento do dominio romano as elites apresurábanse a organizar este tipo
de urbanización. De igual xeito, era preciso ser capaz de falar un latín
“correcto” –polo tanto, a educación literaria en lingua latina tamén se estendeu–
e dar mostra de que un secundaba os valores da civilización clásica. Os
edificios públicos nos que debía desenvolverse esa vida en compaña dos iguais
(centros de reunións, termas e outros), así como o estilo de arquitectura
doméstica das villae eran as
manifestacións concretas desa cosmovisión romana. Ao mesmo tempo, a Pax Romana viña acompañada de
formidables beneficios, xa que creaba entre as rexións uns vínculos que xeraban
un gran número de novas oportunidades económicas.
maioritariamente,
o que se ten chamado romanización non era unha actividade impulsada dende arriba
polo estado. Era máis ben o resultado das respostas individuais que daban as
elites conquistadas ao feito do Imperio, xa que estas elites ían adaptando a
súa sociedade ás novas condicións impostas pola dominación romana. Unha parte
esencial do trato, sen embargo, estribaba en que, a cambio de transformar os
seus estilos de vida para participar no que o estado lles ofrecía, os exércitos
do Imperio debían proporcionarlles protección. Deste xeito, o romanismo local
era inseparable da existencia do Imperio.
faise
claramente patente a natureza simbólica desta relación. Gran parte da carga que
supuxo a situación de necesidade en que se viu o estado no s. III, obrigado a
elevar o nivel de impostos esixido ás provincias, recaeu en boa medida nos
vellos consellos cidadáns. Fundamentalmente, os lugares nos que se desenvolvían
as antigas formas de vida política local romana eran eses consellos. Recorríase
aos cartos para obter cargos, facer amigos e influír nas persoas cuxo apoio
garantiría no seu momento a elevación a unha posición dominante dende a que
acceder ao control dos fondos locais. Dun só golpe, a confiscación daqueles
ingresos quitou todo sentido ao empeño e as elites de provincias non tardaron
en percibilo: de aí que a mediados do s. III desapareceran case inmediatamente
as inscricións que deixaban constancia dos custosos actos de xenerosidade cos que
ata entón lograra medrar a xente. Cara o s. IV, abandonarase xa a busca dunha
carreira nos consellos cidadáns, xa que era preferible facelo no sistema
burocrático do Imperio, convertido na nova vía de acceso a posicións de dominio
no ámbito local. Se o centro modificaba o seu modus operandi, entón o romanismo local respondía á súa vez introducindo
cambios –cambios que adoptaban con frecuencia formas imprevistas, en especial
cando debían aplicarse a longo prazo.
a vida nas
provincias dependía demasiado da orde política e cultural inducida polo estado
como para que dito orde puidese pasar desapercibido. Tomemos a educación, por
exemplo. A educación literaria característica das elites do período romano
tardío –latina en Occidente, grega en Oriente– tiña un custe alto. Precisaba de
case unha década de intensa instrución cun gramático, e só a clase terratenente
podía permitirse investir tantos cartos na educación dos seus fillos. Como se
ten sinalado, o facían porque o feito de falar latín (ou grego) clásico
revelaba ao instante que se pertencía á cultura “civilizada.” Tamén era
necesario para moitas formas de avance social. A inmensa maioría dos novos
burócratas do estado procedía das vellas clases que ocupaban cargos nos
consellos cidadáns, é dicir, as clases curiais, para quen unha educación
clásica seguía a ser de rigor.
sen
embargo, no Occidente post-romano, as pautas polas que se rexían as carreiras
dos membros da elite empezaron a mudar. A nova situación determinaba que a
principal vía de promoción para a maioría das elites laicas fose máis o servizo
militar prestado ao rei que o ascenso dos chanzos da escala burocrática,
incluso en aquelas zonas nas que os terratenentes romanos tiñan logrado
sobrevivir o 476 e nas que prevalecía o modelo vixente no sur de Gallia. En consecuencia, a custosa
educación literaria deixou de constituír unha necesidade. En realidade, tanto
os descendentes das elites romanas como os das elites inmigrantes seguían a
venerar as antigas tradicións; algún que outro rei franco ou godo ten pasado
aos anais da cultura polos seus poemas en latín. Nunha ocasión, un poeta latino
“propiamente dito” chamado Venancio
Fortunato, que viña de Italia e
se deixara caer pola corte deleitou por igual aos grandes persoeiros alí
presentes, tanto aos de ascendencia romana como aos de estirpe franca. Este
individuo abrírase camiño por recitar a cambio da cea, e o seu número especial
era declamar elegantes pareados para eloxiar a sobremesa. Con todo, non había
ningún grande do reino que seguira preocupándose por conseguir unha educación
plenamente latina. Si que ensinaban os fillos a ler e a escribir unha lingua
clásica, pero os seus obxectivos era máis modestos. En consecuencia, cara 600,
a escrita en latín tiña mudado en algo reservado para cregos, mentres que as
elites leigas tendían a contentarse simplemente con ser capaces de ler, en
especial as súas Biblias: tiñan deixado de considerar que a escrita en latín
fose unha parte esencial da súa identidade. Tiña sido o estado romano o que, de
xeito non excesivamente deliberado unha vez máis, tiña creado e mantido un
contexto definido polo feito de que un dos elementos esenciais para o acceso a
unha posición de privilexio fora a ampla difusión dunha cultura literaria
leiga, e agora, ao desaparecer ese estado, xorden novos criterios de cultura
literaria.
pode
argumentarse algo semellante a respecto do cristianismo. Ás veces considérase
que a cristianización, que ao longo do primeiro milenio comezou a propagarse
polo mundo mediterráneo para alcanzar logo os vastos confíns de Europa central,
do leste e do norte, foi unha transformación que non se viu afectada en
absoluto pola caída de Roma. Hai algo de certo nesta idea, pero tamén poder
resultar enganosa. A relixión cristiá ten evolucionado sempre, como
institución, en función dos contextos de cada época. A romanización do
cristianismo foi un fenómeno histórico tan importante como o da cristianización
do Imperio. A partir de inicio do s. IV, e grazas ao emperador Constantino e os seus sucesores, as
autoridades cristiáns, financiadas polo Imperio, definiron nos seus concilios a
maioría das doutrinas desta relixión. A Igrexa desenvolveu tamén unha xerarquía
moi particular de bispos, arcebispos e patriarcas cuxas localizacións xeográficas
reflectían en gran medida a estrutura administrativa do Imperio, dividida en
capitais locais e rexionais. Os emperadores romanos cristiáns tampouco mudaron
un ápice a reivindicación que tiñan establecido os seus antecesores pagáns e
que sostiña que tiñan sido designados pola divindade –simplemente pasaron a
identificar esa divindade co deus cristián–. Por conseguinte, dende o seu punto
de vista, tiñan pleno dereito a inxerirse en todos os planos operativos da Igrexa.
E o fixeron cabalmente, xa que convocaron concilios, ditaron leis e participaron
nas designacións importantes.
o curso
da evolución do cristianismo dentro das estruturas do Imperio foi por tanto moi
distinto do que tiña seguido antes da conversión de Constantino, e a
desaparición do estado romano volveulle imprimir un profundo cambio de rumbo. E
por unha razón: nalgúns casos os límites dos novos reinos non respectaron as
xerarquías da administración romana tardía. Deste xeito, houbo casos nos que os
bispos se atopaban nun reino e os seus arcebispos noutro. Os sucesivos
arcebispos de Arelate, que formaba
parte do reino godo pero cuxa autoridade metropolitana se estendía ao reino
burgundio, tiveron encontróns cos seus reis, e estes, escamados polos contactos
transfronteirizos dos arcebispos, desposuíronos do seu cargo. Tamén houbo
cambios de tipo intelectual. No mundo romano era frecuente que os personaxes
leigos máis destacados –cuxa educación era igual, cando non superior, á dos
cregos– contribuíran ao debate relixioso. Sen embargo, ao desaparecer a ampla
difusión de cultura literaria, os leigos deixaron cedo de poder aportar neste
eido, e o mundo intelectual da Igrexa da Alta Idade Media converteuse nun mundo
estritamente para cregos. Isto non tería acontecido se os leigos tiveran
seguido tendo unha educación equiparable á dos membros da clerecía. E resulta
igualmente importante que os reis da época post-romana reivindicaran, como os
seus antecesores, o recoñecemento da súa autoridade relixiosa e se reservaran a
facultade de designar bispos e convocar concilios. O resultado de dita
situación foi que nesta época a cristiandade funcionou coma un “microcosmos
cristián” (Peter Brown). Non había
unha igrexa única e unificada, antes ao contrario, os límites dos reinos
posteriores ao dominio romano determinaron a aparición de subgrupos rexionais
operativos, e estas comunidades eclesiásticas localizadas no interior dos
distintos reinos tiñan relativamente pouca relación unhas coas outras.
por
enriba de todo, sen o derrubamento do Imperio Romano resulta impensable o
xurdimento dun papado medieval como autoridade global de toda a cristiandade
occidental. Na Idade Media, os papas pasaron a desempeñar no seno da Igrexa
moitos dos roles que os emperadores cristiáns romanos se tiñan apropiado –a
promulgación de leis, a convocatoria de concilios, a designación ou a
orientación de nomeamentos relevantes, …–. De ter seguido existindo emperadores
de Occidente como os da antiga Roma tería sido impensable que os papas tiveran
logrado facerse cunha posición tan independente. En Oriente, onde os
emperadores inda exercían o seu dominio, os sucesivos patriarcas de
Constantinopla, cuxa posición legal e administrativa seguía o modelo do papado
romano, non puideron actuar máis que coma aduladores do Imperio; designados a
vontade polos emperadores, adoitaban ser ex burócratas do Imperio
extremadamente receptivos aos mandados imperiais.
tradución do capítulo "Local Romanness" en HEATHER, Peter The Fall
of teh Roman Empire (2005), pp. 437-443
Ningún comentario:
Publicar un comentario