domingo, 3 de febreiro de 2013

455

representación do 'Saco de Roma' polos vándalos
Karl Bruillov, s. XIX, óleo
wikiwand
Valentiniano III e Flavius Procopius Antemius, cónsules.

Valentiniano III non logra sumar o apoio dos círculos aristocráticos, especialmente os que apoiaran a Aetius. Tamén ten e contra os aristócratas galos que se expresarían nas palabras de Sidonio un ano más tarde no panexírico a Avitus.

Valentiniano nega a Petronius o nomeamento coma cónsul, que el mesmo asume e relégao no nomeamento coma sucesor de Aetius na maxistratura militar. Prepárase un complot contra o augustus en círculos anicios entre outono de 454 e principios de 455. Tamén participan os bucelarii de Aetius, que Maioriano non pode controlar ou pacificar; tamén é posible que el mesmo participara na conspiración.

marzo, 16: durante unhas manobras militares Valentiniano III, con pouco séquito en ad duos lauros, propiedade imperial a tres millas de Roma, resulta atacado polos bucellarii de Aetius Acila e o seu cuñado Trasila (quizás xenro de Aetius), godos: resulta alcanzado por espadas dúas veces na cabeza e morre instantaneamente. Heraclius, primicerius sacri cubiculi, considerado corresponsable da morte de Aetius, tamén é asasinado. Debido ao medo e á sorpresa do momento ninguén é capaz de salvar ao augustus ou quizás tamén a indiferenza do seu séquito militar posibilita o magnicidio. Non só non foron perseguidos senón que Acila e Trasila tiveron tempo de facerse co cabalo e a diadema de Valentiniano e correron a ofrecerlla a Petronius. Maioriano tamén se postula coma sucesor. Extinción da casa de Teodosio.

en comparanza con outras institucións o exército romano resiste mellor e por máis tempo. Non obstante, a influencia xermánica xa aportara unha innovación importante: a garda persoal. Denominada hirdh entre os escandinavos ou truste entre os merovinxios, estaban formada por homes novos iguais entre si e con xuramento de fidelidade ao xefe na vida e na morte. Entre os celtas, tratábase a veces de irmáns de leite que se comprometían a defender ao seu benfeitor. A comunidade de alimentos, o feito de ser comensal do xefe de guerra, e incluso, como di a lei salia, de compartir pan con el, fan do compañeiro (cum panis, de aí companio) alguén con quen acaba por establecerse un parentesco case carnal que se fortalece en virtude do sangue comunmente vertido en combate, que une cada vez máis a estes verdadeiros “gorilas” protectores do poder. Por iso os membros da truste, os antrustións, valen tanto. Quen mate un deles terá que pagar una multa de seiscentas moedas de ouro, a taxa máis elevada en cuestións de morte. Este tipo de sanción estendeuse, a partir do s. V, por todo o Imperio Romano a causa das continuas tentativas de asasinato dos grandes persoeiros. Entre os romanos e entre os godos chamábaselles bucellarii, é dicir comedores de galleta, porque lles estaba reservado o mellor pan do exército. A súa fidelidade era tal que continuaba máis alá da morte do seu caudillo. Neste caso, (vinganza do asasinato de Aetius) os dous parentescos, o comen­sal e o adoptivo, asimílanse, polo seu comportamento, a un paren­tesco de sangue. A guerra muda nunha cuestión privada a causa da desmesurada extensión do carnal a expensas do poder estatal.

ata este ano Gaiserico e os vándalos non dominan definitivamente as illas mediterráneas: Víctor de Vita (no seu relato das persecucións arianas contra os católicos africanos na segunda metade do s. V) data neste momento, entre outras, a conquista de Ibiza, Mallorca e Menorca; omite referencias a Formentera e Cabrera.

Gaiserico establece nas illas unha serie de bases de operacións, utilizadas tanto para efectuar razzias sobre diversas zonas occidentais como para observar os movementos da flota romana ancorada nas costas levantinas hispanas. Deste xeito, pode contrarrestar posibles ataques ás posesións africanas vándalas, cun ataque a esta flota dende as costas baleáricas; corrobora esta hipótese o que acontecerá coa flota de Maioriano nas costas de Cartaginensis para atacar Africa, que sería obra de efectivos navais vándalos destacados en territorio balear. Non obstante, a Gaiserico tamén lle deberon interesar as Baleares por razóns económicas e estratéxicas, relacionadas co control das rutas comerciais do Mediterráneo Occidental, nas que, como é sabido, as Baleares ocupan un lugar destacado, en función das características da navegación antiga.

marzo, 17: en Roma a situación é de intranquilidade e disturbios. Había dous claros candidatos á sucesión e as tropas non eran unánimes sobre a quen debían apoiar: Maioriano ou Petronius.

Maioriano fora estreito colaborador de Aetius durante anos e xa estivera comprometido coa propia filla do augustus. A emperatriz, quen non cría que participara na conxura, apoiouno e tamén unha parte do exército. Sen embargo, estes vínculos cos asasinos de Aetius desacreditárono diante dos anteriores partidarios de Aetius (xa causara tamén o seu apartamento da escena) e ademais a diadema xa estaba en poder de Petronius e este participara directamente na conxura que acabara con Valentiniano. Xenerosos regalos en cartos por parte dos Anicii acabaron por decidir a situación e Petronius trasladouse ao Palatino.

Petronius semella unha solución estable e proporcionaría unha rápida solución aos problemas xa que gañara renome durante moito tempo coma servidor do estado: con 18 anos tribunus et notarius no consistorium de Honorio, 416-419 comitiva sacrarum largitionum, varias prefecturas da cidade e do pretorio entre 421 e 441, o consulado 433 e 443, culminando coma patricius en 445, o senador máis importante do oeste e colaborador e achegado á Aetius).

pero desencadéase unha multitude de problemas: suevos, godos (Aetius estaba casado cunha tía de Teodorico II), e vándalos inician accións agresivas; a posición de Gallia queda comprometida; e, moi importante, inda que as relacións con Constantinopla non eran ideais, o asasinato de Valentiniano, a ollos orientais, rompe un vínculo sagrado de moito tempo, rompe a “unidade” e compromete a lexitimidade de todos os sucesores.

morre a muller de Petronius, que obriga a Licinia Eudoxia (filla de Teodosio II), viúva de Valentiniano, a casar con el.

(dende 433) Próspero de Aquitania escribe e reescribe en Gallia e Roma epitoma chronicon: parte dun esforzo propagandístico para difundir a inda controvertida doutrina de Agostiño sobre a graza e para mostrar que esta recibira o plácet da igrexa de Roma. É, polo tanto, unha obra para os partidarios de Agostiño e versados en disquisicións teolóxicas.

para Próspero a crise reflicte unha falla de liderado moral. Castinus, Felix, Litorius e, inda que sutilmente, tamén Aetius son criticados polos seus defectos e pecados (celosos, traidores, asasinos e opresores da igrexa) e son contrapostos aos papas e clero, que destacan pola súa fidelidade e prudencia, virtudes que lles fan gañar batallas coma a do pelaxianismo, doutrina odiada inda que estea na distante Britannia. Desdéñase o poder terreo e destácase a efectividade do poder dos santos: compárase o fracaso de emperadores e militares contra Atila e Gaiserico co éxito de León.

é imposible saber o éxito entre os propios cristiáns das opinións de Próspero, compartidas por León nos seus sermóns, de que as vitorias espirituais compensaban as terreas e que a fe amosaría o camiño do futuro.

Próspero narra dende 379 a 455. Circulará en numerosos manuscritos e terá continuadores, sendo as datas de inicio respectivo válidas para identificar as edicións. non pasa de ser unha compilación desordenada baseada en Xerome, no seu inicio, e noutros para feitos posteriores, pero a carencia doutras fontes faina moi valiosa para o período de 425 a 455. Comparada cos seus continuadores, aporta detalles dos acontecementos políticos. Trata por extenso as invasións de Atila en Gallia (451) e Italia (452). Inda que era poeta, o único escritor leigo que menciona é Claudiano. Houbo cinco edicións diferentes, a última datada en 455, xusto despois da morte de Valentiniano III.

durante tempo o chronicon imperiale tamén se lle atribuirá a Próspero de Tiro, pero carecendo de xustificación; é independente do Próspero real, mostrando tendencias e simpatías pelaxianas.

Constancius de Lugdunum: Vita germani (c. 480); Ennodius de Ticinum: Vita epiphanii (c. 503); e Eugippius: Vita severini (c. 510) tamén comparten este desdén polos soldados e o seu oficio e prefiren o poder espiritual de homes santos como máis eficaz que o exercicio das virtudes militares.

Próspero de Aquitania (aprox. 65) morre probablemente en Roma logo desta data.

rebelión en Gallia de tribos anteriormente sometidas por Aetius coma consecuencia da súa morte; segundo Sidonio saxóns (ameaza no tractus armoricanus), francos (Germania I, Bélgica II) e alamáns (traspasaron o Rhin).

marzo, finais: Petronius Maximus nomea a Avitus magister militum praesentalis. No codicilo do seu nomeamento tamén se lle insta a negociar e conter a varios grupos bárbaros (entre eles, alamáns).

Petronius nomea caesar ao seu fillo Palladius, que casa coa filla menor de Valentiniano III, Placidia.

Licinia Eudoxia decide pedir axuda a Gaiserico. O dominio vándalo estaba ameazado polos mauritanos que dominaban a maior parte das posesións romanas, pero a súa debilidade en terra quedaba compensada coa súa flota, coa que exercía a piratería polo Mediterráneo. Non deixou que Eudoxia reiterara o convite.

maio, 24: Petronius Maximus, que tenta fuxir ante o inminente ataque vándalo, resulta apedrado pola chusma: o cadáver é mutilado e tirado ao Tíber. Gobernara 77 días.

maio, 31: Gaiserico debía pensar que a morte de Valentiniano III deixaba sen efecto os pactos asinados con el (442). Desembarcou e marchou cara Roma, onde León I rogoulle que non destruíra a cidade ou masacrara a xente. Gaiserico accedeu e abríronse as portas. A cidade foi sometida a saco e roubo. Algunhas fontes indican que, a pesar do pacto, houbo numerosos casos de violencia.

outro pretexto é reclamar a princesa Eudocia, filla de Valentiniano, que fora prometida polo seu pai, coma esposa para o seu fillo Hunerico.

xuño, 14: saco de Roma por Gaiserico durante 14 días. Os vándalos apodéranse de todo o que collen ao seu paso, incluíndo as tellas de bronce dourado do templo de Xúpiter Capitolino e o botín que Tito trouxera a Roma dende Xerusalem. Tamén levaron reféns: familias senatoriais e incluso a emperatriz Licinia Eudoxia e as dúas fillas Placidia e Eudocia (que casou con Hunerico logo de chegar a Carthago). na súa retirada Gaiserico deixa unha flota bloqueando a costa italiana.

xuño, segunda metade: Avitus recibe un novo codicilo imperial no que Petronius lle autoriza e tamén lle encarga negociar cos visigodos, supostamente para conseguir o seu apoio ao novo réxime.

Avitus envía a Messianus e el mesmo sae de Burdigalia cara Tolosa. Estando no pazo real chegan as noticias do asasinato do emperador e do saco de Roma por Gaiserico.

xullo, 6/7: Avitus viaxa dende Tolosa a Ugernum, onde fala diante da asemblea provincial gala, que se viña reunindo entre mediados de agosto e setembro.

xullo, 9: en Arelate Avitus é coroado polo exército co torques e aclamado por senadores e soldados (transcorreran 39 días dende a morte de Petronius e 25 da retirada dos vándalos de Roma).

queda dous meses en Gallia facendo nomeamentos e preparando a súa chegada a Roma. Establécense máis lazos diplomáticos cos godos de Tolosa e téntase restaurar as vellas alianzas en Pannonia.

Sidonio Apolinar, (25 anos) elabora unha teoría sobre o saco de Roma non moi científica, pero con certo percorrido: Roma foi fundada por Rómulo, para o que discutiu co seu irmán Remo o lugar idóneo. Resolveron a cuestión interrogando as aves: Rómulo veu doce, mentres Remo só seis. Logo díxose que as aves representaban séculos (tería caído en mans de Aníbal), mentres que a de Rómulo duraría doce. O saco ten lugar o ano 1208 ad urbe condita: “agora, Roma, xa coñeces o teu destino,” escribiu Sidonio.

namentres, os suevos, aproveitando a confusión, penetran en Tarraconensis. Tanto Avitus coma Teodorico II enviaran embaixadas a Reckiario, o proceder normal para inaugurar un réxime. Sen embargo, o suevo respondeu cun desafío.

en Xerusalem Eudocia, viúva de Teodosio II, rompe co monofisismo, quizás incluída polos desastres sufridos pola súa familia en Roma: asasinato de Valentiniano III e rapto polo vándalos da súa filla e as súas netas.

levaba tempo apoiando e patrocinando a oposición dos monxes ao credo de Calcedonia e incluso a un bispo usurpador. Non é sorprendente que apoie a oposición a unha doutrina que emana dunha corte que a exiliou; fose o que fose o que tentaran impor Pulcheria e Marciano sería naturalmente visto dun xeito hostil por Eudocia, ela mesma vítima das intrigas cortesáns. Incluso logo da súa volta á ortodoxia, puido permanecer neutral fronte ás divisións doutrinais que persistiron en Terra Santa, cun pé en ambos campos – continuación do seu patrocinio dos monxes que non se reconciliaran con Calcedonia, incluíndo ao seu vello protexido, Pedro o Ibero. A tradición mantén que o que a convenceu para deixar de apoiar activamente aos líderes rebeldes foi, cadrando co seu carácter, a iniciativa dun monxe, o reverenciado Eutimio, que nunca se tiña desviado do camiño da ortodoxia. As cartas dos seus parentes, incluíndo ao emperador Valentiniano, e de León, bispo de Roma, fracasaran no intento de cambiar as adhesións de Eudocia.

primeiro pediu consello a Simeón o estilita, quen lle recomendou a autoridade de Eutimio. Este home santo, que foi a coñecela na súa “torre” no deserto, exhortouna alí a que acabara co seu apoio aos cismáticos para que regresara á fe verdadeira da igrexa, tal e como estaba enunciada nos catro concilios. Como consecuencia Eudocia volveu a comulgar co bispo en Xerusalem, traendo con ela moitos monxes e leigos ansiosos por seguir o seu exemplo.

en India morre Kumaragupta I, sucedido por Skandagupta, que leva a cabo unha vitoriosa campaña contra os hunos, se ben o custe económico foi elevado e tivo que reducir a proporción de ouro nas moedas.

setembro, 21: Avitus marcha dende Arelate cara Roma e asegúrase o control de Noricum e Pannonia. Unha forza goda leal a Avitus baixo o mando de Remistus, magister militum, toma o control de Ravenna. Sidonio forma parte da comitiva de seu sogro, que chega a Roma a inicios de outubro.

os alamáns ocupan a ribeira esquerda do Rhenus medio, dende Worms ata Raetia e chegando a Sequania. Avitus só pode legalizar o feito por medio de novos tratados. A súa inspección do Rhenus é a última vez que os romanos teñen influencia na zona.

batalla de Aylesford; Vortimer rebélase contra as políticas proclives aos anglo-saxóns promovidas por seu pai Vortigern. É derrotado: Hengest e o seu fillo Oisc fundan un reino en Kent. Horsa e Catigern, irmán de Vortimer morren en combate. Os britanos retroceden cara Londinium.

chega a Vindobona unha epidemia causada quizás polo streptococcus, que se estende polo imperio.

os vándalos toman Lepcis Magna.

en Chichen Itzá (Yucatán) rexístranse feitos por primeira vez.

morren tamén Justa Grata Honoria (princesa) e Julianus de Eclanum (teólogo pelaxiano).

Ningún comentario:

Publicar un comentario