Amosando publicacións coa etiqueta Theuderico II. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Theuderico II. Amosar todas as publicacións

sábado, 27 de setembro de 2014

613

Bobbio visto desde o banco dereito do Trebbia
bangortobobbio.blogspot.com
xaneiro, 22: Constantino (8 meses) é asociado ao trono por Heraclio, seu pai, e pouco despois é prometido a súa curmá Gregoria, filla de Nicetas. Son xestos que queren representar a consolidación dunha nova dinastía no trono imperial.

Heraclio noméase comandante supremo do exército bizantino xunto con seu irmán Theodoro (curopalates) para consolidar o mando do exército.

Shahrbaraz toma Damasco e Emesa.

Aethelfrith, rei de Northumbria, invade Gwynedd (NO de Gales) para quebrar o poder de Edwin de Deira. Unha forza combinada de britanos (guerreiros de Gwynedd, Powys, Pengwern e Dumnonian) son derrotados nas proximidades de Chester. Edwin refúxiase en East Anglia, na corte de Raedwald.

Heraclio casa con Martina, sobriña súa. O casamento ten que ser autorizado pola xerarquía eclesiástica, ao estar dentro dos ‘graos prohibidos de consanguinidade’.

primavera: batalla de Antioquía: Heraclio mobiliza unha forza expedicionaria ata a cidade pero é completamente derrotado polos persas. Shahin Vahmanzadegan penetra inda máis no centro e oeste de Anatolia.

segundo Isidoro, Sisebuto encomenda unha campaña militar contra os astures ao seu xeneral Requila, que os somete.

xullo, 24: Axilulfo asina unha disposición autorizando a fundación de Bobbio por Columba en territorio lombardo.

morre Theuderico II de disentería en Metz mentres prepara unha campaña contra Clotario II, e deixa catro fillos menores de idade. Brunequilda pretende ser rexente do maior, Sixeberto II, ilexítimo (10 anos).

primavera/ verán: Clotario II, aconsellado por Pipino de Landen e Arnulfo de Metz ataca os territorios de Brunequilda, reina de Austrasia e Burgundia. O exército de Austrasia, baixo o mordomo Warnachar II, decide pasarse ao lado de Clotario II antes de plantar batalla en Andernach.

Clotario II avanza, apresa a Brunequilda e os catro fillos de Theuderico II. Warnachar II é confirmado no seu cargo de mordomo.

outono: os fillos de Theuderico corren destinos distintos: Sixeberto II e Corbus son asasinados; Meroveo sálvase por ser afillado de Clotario e é enviado a Neustria en segredo; e Childeberto escapa sen que se saiba quen é. Clotario II acusa a Brunequilda (70 anos) de ter asasinado ata dez reis francos. Ordena atala a un cabalo e deixa que morra arrastrada polo animal.

Clotario II, rei de todos os francos.

Brunequilda é vítima dunha masiva damnatio memoriae dirixida contra ela por Clotario II. Luxeuil é un dos epicentros desta damnatio, xa que Theuderico II expulsara de alí a Columba e logo este negárase a bendicir os seus bastardos cando llo pide Brunequilda. Ademais, Clotario apoia deliberadamente o mosteiro.

Muhammad comeza a súa prédica pública en a Meca.

Yangdi cruza o río Liao e asedia Manchuria. Durante a campaña, Yang Xuangan, oficial da dinastía Sui, rebélase cerca de Luoyang; temendo ser atrapado entres dúas frontes, Yangdi retira o seu exército.

os eslavos conquistan Novae, importante posesión bizantina nos Balcáns.

venres, 26 de setembro de 2014

612

Sisebuto
febreiro, 19 (entre ... e marzo, 15): morre Gundemaro, sucedido por Sisebuto, unha persoa con certo interese pola cultura (escribe Vida de san Desiderio e Astronomico: sesenta hexámetros dedicados á influencia dos astros sobre as persoas).

Harsa, rei de Thaneshwar, unifica varios reinos do N de India, formando un estado poderoso no que florecen a cultura e a tolerancia relixiosa; atribúenselle tres obras de teatro en sánscrito.

Theuderico II, logo de asegurarse a neutralidade de Clotario II coa promesa de cederlle o ducado de Dentelin, reúne un exército en Langres e avanza cara Toul contra seu irmán Teodeberto II de Austrasia.

primavera: Priscus recupera Cesarea de Capadocia dos persas.

xuño: Teodeberto II é derrotado na batalla de Toul e refúxiase, primeiro en Metz e logo en Colonia, ata onde é perseguido por Theuderico. Teodeberto consegue reunir un novo exército composto por alamanos, turinxios e saxóns.

xullo: nova derrota de Teodeberto II na batalla de Zulpich; ten que fuxir alén do Rhenus mentres Theuderico II entra en Colonia.

Teodeberto II é apresado polo chambelán Berthairo, trasladado a Colonia e desprovisto dos símbolos reais, sendo encerrado nun convento en Chalón por Brunequilda, onde morre pouco despois de xeito violento. Meroveo, fillo de Teodeberto II, inda un bebé, é esmagado contra unha pedra. Theuderico II, rei de Austrasia e Burgundia.

agosto, 13: Eudocia, emperatriz, morre de epilepsia. Deixa dous nenos e é soterrada nos ‘Santos Apóstolos’.

outubro, 19: inicio do reino de Muwaan Mat, en Palenque; sucede a Aien Yohl Mat (morto agosto, 6).

outono: a doutrina celta de Columba difería da romana nalgúns aspectos: unha asemblea de bispos condénao e decide cruzar os Alpes, chamado por Axilulfo. Gallus, enfermo, non pode seguilo e permanece nos Alpes, onde constrúe unha cela e un hospicio en Steinachtal, futuro mosteiro de St. Gall.

a publicación do ‘manifesto do corán’ provoca unha controversia teolóxica entre monofisitas, nestorianos e ortodoxos, o que contribúe ao éxito do islam.

decembro, 5: Priscus é relevado por Philippicus.

peste en Alexandría.

Leudegasius, bispo de Mogontiacum.

avaros e eslavos reinician as súas incursións nos Balcáns. Os bizantinos, acosados moi seriamente no leste polos persas, son totalmente incapaces de detelos.

Yangdi invade Goguryeo cos chamados ’24 exércitos’ pero na batalla de Salsu unha forza chinesa de 305.000 homes é derrotada polo xeneral Eulji Mundeok onde o río Yalu. Só sobreviven 2700 homes. 

Arnulfo, conselleiro de Teodeberto II, bispo de Metz.

martes, 23 de setembro de 2014

609

gran canal baixo as dinastías Sui & Tang
en.wikipedia.org
Teodeberto II nomea a Berohartus dux alamannorum.

maio, 13: o ‘Panteón’ de Agripa transfórmase en igrexa (consagrada a María e tódolos mártires, logo coñecida como ‘María Rotonda’) con cambios estruturais mínimos: un altar na ábsida principal presidido por unha icona da ‘virxe co neno’.

os persas conquistan Edessa.

Teodeberto II de Austrasia arrasa Alsacia, territorio central de seu irmán e rival Theuderico II. Convócase unha asemblea xeral en Slez, que debe fixar os límites territoriais de ambos reinos. Theuderico II acorda ceder Alsacia, xunto con Thurgau e parte de Champaña.

batalla de Dhi Qar: tribos árabes baixo Bark ibn Wa’il derrotan un exército persa cerca de Kufa.

Yangdi conclúe o ‘gran canal’, que proporciona transporte por barco entre os ríos Amarelo e Yangtze: a rede fluvial suma 1776 kms en total, vinculando cinco sistemas fluviais, e vai desde Pekín ata Hangzhou.

o censo fiscal da dinastía Sui en China recolle 9 millóns de fogares no imperio chinés, cunha poboación de aproximadamente 50 millóns de persoas.

Shibi Khan, noveno khagan do estado turco oriental.

martes, 16 de setembro de 2014

607

manuscrito Wandalgarius
ano 793
www.pankraz-fried.de
Ceolwulf de Wessex ataca Sussex.

febreiro, 19: Bonifacio III, logo de case un ano de ‘sé vacante’, novo bispo de Roma.

marzo, 15: é visible o cometa Halley.

Brunequilda fai que mutilen un pé de Uncelenus, duque alamano, o que segundo a lex alamannorum non lle permite ostentar ningún cargo ao non poder montar a cabalo sen axuda.

agosto, 1: Suiko, a iniciativa de Shōtoku, envía unha embaixada a China encabezada por Ono no Imoko: o inicio dunha longa tradición de intercambios políticos, culturais e relixiosas entre os dous estados. Ono leva o encargo de pagar tributo a Yangdi e leva unha carta do rexente que comeza “O Fillo do Ceo onde nace o sol, ao Fillo do Ceo onde se pon.” Isto irrita o emperador chinés que non ve recoñecida a súa superioridade na carta.

Suiko e Shōtoku contemplan terminado o templo ‘Hōryū-ji’ en Ikaruga, o máis antigo dos construídos con madeira conservado. Tamén doan unha estatua de Buda, co que cumpren o desexo do emperador Yōmei, pai de Shōtoku.

os godos, Austrasia, Neustria, e os lombardos forman unha alianza contra Theuderico II de Burgundia, cuxa avoa e irmán asasinaran a súa muller, Ermenberga, filla de Witerico, rei godo. Prodúcense combates no entorno de Narbonna.

o xeneral chinés Gao Jiong ofende o emperador Yangdi con comentarios críticos sobre certas políticas imperiais; é executado e os seus fillos exiliados a provincias de fronteira no norte.

Phocas concede o título de ‘bispo universal’ a Bonifacio III, nun intento de mellorar relacións con Roma.

outubro, 11: Tomas I, patriarca de Constantinopla.

un exército persa baixo Shahin Vahmanzadegan invade a Armenia bizantina, captura Teodiosopolis. Outro baixo Schahrbaraz somete Mesopotamia.

novembro, 12: morre Bonifacio III.

luns, 15 de setembro de 2014

605

ponte Zhaozhou
www.futuropasado.com
xaneiro, 1: Ajen Yohl Mat, sucesor de Yohl Ik’nal (morto dous meses antes), no trono de Palenque.

o mordomo de Burgundia Protadius e Brunequilda inflúen para que Theuderico II declare a guerra a seu irmán Teodeberto II. Os exércitos de Theuderico II congréganse en Quierzy, pero os nobres dirixidos polo duque alamano Uncelenus néganse a combater, asasinan o mordomo e forzan unha paz entre os irmáns.

Phocas recoñece a Axilulfo e asina un tratado de paz: paga un tributo e cede varias cidades, entre elas Orvieto.

xuño, 7: Phocas arresta a Constantina, viúva de Mauricio, e as tres fillas; acusadas de conspiración e executadas en Chalcedonia. A conxura quería colocar no trono a Germanus, tamén depurado, xunto con moitos altos funcionarios implicados.

un conflito entre os lahkmidas e Cosroes II fai que a fronteira persa con Arabia quede desmantelada e desprotexida.

os iugures volven independizarse dos turcos co liderado de Shigan-Sygin.

Yangdi ordena trasladar a capital desde Chang’an a Luoyang. Comeza a construción do ‘gran canal’ que unirá as vías fluviais existentes coa nova capital; empregará un millón de traballadores.

Yangdi introduce o sistema de ‘oposicións’ para elixir os mellores funcionarios estatais.

remátase a ponte Zhaozhou, (tamén Anji), aponte de pedra construída con arco segmentario máis antiga de China; sobre o río Xiao (provincia de Hopei) e coa traza de Li Chun. Quizás a ‘ponte de Traxano’ incluía este sistema construtivo.

Amshuvarma, rei de Licchavi, en Nepal. Atribúeselle a apertura de rutas comerciais cara Tibet. O seu período é coñecido como o ‘período dourado’.

604

Shōtoku Taisi
flanqueado por Eguri (irmán)
e Yamashiro (primoxénito)
en.wikipedia.org
marzo: morre Gregorio I, o primeiro bispo de Roma enérxico desde Xelasio I. Os  beneditinos aumentan o seu poder fronte os bispos. Non é un gran teólogo pero inflúe na doutrina en anos posteriores: anxos e demos, purgatorio, penitencia, milagres, reliquias, …; regula o canto nos mosteiros (‘canto gregoriano’, inda que non se refire ao desta época, chamado realmente ‘romano antigo’, que caeu en desuso no s. XIV mentres o ‘canto gregoriano’ aparece realmente un século despois de Gregorio I.

Gregorio I reorganiza a administración eclesiástica partindo de que a Igrexa é a maior forza económica de Italia: pode recrutar tropas, restaurar os acuedutos da cidade e repartir comida entre a poboación de Roma, co que se converte no verdadeiro xefe da cidade, inda recoñecendo a autoridade teórica do exarca.

os xuízos sobre el son diversos – Jortin: ‘destacable por moitas cousas – por exaltar a súa autoridade, desprezar a cultura humanística e a literatura, queimar obras clásicas, protexer a ignorancia e a estupidez, perseguir herexes, bailarlle a auga a príncipes execrables, relatar unha manchea de mentiras absurdas, monstruosas e ridículas (os milagres); un prelado ambicioso e insolente baixo a máscara da humildade’; Draper: non só prohibe o estudo dos clásicos, mutila estatuas e destrúe templos, senón que ‘queimou a biblioteca Palatina, fundada por Augustus’; Gibbon: ‘mestura de simplicidade e astucia, de orgullo e humildade, sentido común e superstición’, dubida que fora responsable deste feito.

Gregorio non parece ter sido afeccionado ao viño e as mulleres, como outros papas pero era moi orgulloso e ambicioso. Exemplo son as felicitacións a Phocas, logo de que este masacrara a familia de Mauricio, simplemente porque o usurpador beneficiaba a súa política. Isto demostra a súa falta de escrúpulos.

abril, 7: o príncipe Shōtoku Taisi, rexente, promulga a "constitución dos dezasete artigos", que vincula o budismo coa ética confucianista, e demanda harmonía nas relacións humanas; tamén manda construír numerosos templos budistas e favorece a chegada de numerosos libros e ideas de China. O rexente tamén constrúe vías de comunicación postais e fai que se escriban importantes crónicas.

Xapón inicia un proceso de transformación nunha monarquía de vasalaxe: creación do título de tennō.

maio, 26: morre Agostiño de Canterbury e Laurencio sucédeo como arcebispo de Canterbury.

os avaros reagrúpanse logo de ser case destruídos e a guerra persa fai que Phocas poida destinar poucas tropas a conter o problema nos Balcáns.

agosto, 13: Sui Yangdi asasina e sucede a Sui Wendi, seu pai, (63 anos) como emperador.

Cosroes II logra tomar posicións bizantinas ao leste do Éufrates e destruír, entre outras, a fortaleza de Dara.

Aethelfirth de Northumbria invade Deira e mata a Aethelric. O príncipe, fillo do rei Aella de Deira, quizás sobriño de Aethelric, foxe á corte do rei Iago de Gwynedd (NO de Gales).

Saeberht, sucesor de Sledda, pai seu, como rei de Essex. Aethelberht de Kent, tío seu, logra que se bautice. Fúndanse os bispados de Londres (o primeiro bispo é Mellitus) e Rochester (Justus, primeiro bispo).

setembro, 13: Sabinianus, novo bispo de Roma, recoñecido por Phocas. Caracterízao a avaricia e a crueldade cos pobres, tanto que ten problemas nas súas aparicións públicas. Chega a subir os presos do gran durante unha fame. Acusa a Gregorio I, logo de morto, de simonía.

novembro, 11: o ‘mordomo’ de Neustria Landerico vence as tropas do ‘mordomo’ de Burgundia Bertoaldo en Aurelianum (Orleáns). Austrasia, baixo Theuderico II mantense á marxe do conflito, o que constitúe a primeira disensión con seu irmán Teodeberto II.

Theuderico II asina unha paz con Clotario II en Compiegne.

decembro, 24: na batalla de Stampae (cerca de París) o exército de Theuderico II, coa axuda de Bertoaldo, vence ao de Neustria baixo Clotario II e logra entrar en París.


decembro, 25: Brunequilda argalla a morte do mordomo Bertoaldo para o que convence a Theuderico de que o mande a inspeccionar as villae reais ao longo do Sena. Logo fai que tamén arresten e maten ao encargado de matar o mordomo.

domingo, 7 de setembro de 2014

599

ruínas do castelo do forte de Challeau
en Dormelles
commons.wikipedia.org
Teodeberto II e Theuderico II derrotan a Clotario II en Dormelles. O reino de Clotario redúcese agora á rexión entre o Oise, o Sena e o océano.

moitas granxas na zona de Dor mostran un abandono masivo de estruturas. Tamén no norte de Syria é evidente un abandono xeneralizado de aldeas.

Callinicus, exarca de Ravenna, rexeita os ataques dos eslavos do sur en Istria, que é saqueada, pero os bizantinos expúlsanos.

maio: Gregorio I felicita a Callinicus pola súa vitoria sobre os eslavos.

Mauricio rexeita pagar o rescate que liberaría 12000 soldados bizantinos prisioneiros dos avaros. Bayan ordena que sexan executados e este feito acaba coa popularidade do emperador entre as tropas dos Balcáns.

verán: Priscus e Comentiolus xuntan forzas en Singidunum e móvense cara Viminacium, río abaixo. Cruzan o Danubio e invaden a Moesia superior, onde derrotan os avaros nunha batalla campal.

Priscus persegue os avaros que se retiran e invaden as súas bases en Pannonia. Devasta as terras ao leste do Tisza, decidindo a guerra para o bando bizantino e finalizando as incursións avaras e eslavas a través do Danubio.

outono: Comentiouls reabre a ‘porta de Traxano’, cerca de Ihtiman (Bulgaria). Este paso estratéxico, cuxa fortaleza Stipon defende a fronteira entre as provincias Thracia e Macedonia, non se usara durante décadas.

Callinicus rompe a tregua ao raptar a filla de Axilulfo, que comeza hostilidades contra o exarcado.

Raewaldo, bretwalda de East Anglia, baixo a soberanía de Aethelberht de Kent.

Cosroes II envía unha expedición ao sur de Arabia e conquista Iemen; establece unha base militar para controlar o comercio marítimo co este.

Tardu declárase khagan do khaganato turco unificado (este e oeste). A súa nova condición non é totalmente recoñecida no imperio.

Palenque é saqueada polo rei ‘Serpe enrolada’ de Calakmul.

Venancio Fortunato, bispo de Poitiers.

peste en Gallia, que se estende desde Marsella.

597

Fredegunda de Neustria
globedia.com
Fredegunda derrota a súa rival Brunequilda, que apoia a Teodeberto II e Theuderico II contra Clotario II.

morre Fredegunda ‘inimica Dei atque hominum’, en Lutecia e soterrada na igrexa a Vicente, pero Clotario II (13 anos) segue a guerra e apóiase en Landy, ‘mordomo de palacio’, que pasa de ser un simple administrador da corte a unha especie de primeiro ministro.

Mauricio enferma de gravidade e escribe as súas ‘últimas vontades’, nas que describe as súas ideas de goberno. O fillo maior, Teodosio gobernaría o este desde Constantinopla e o segundo, Tiberio, o oeste, desde Roma. Os outros dous fillos varóns serían asociados ao poder. O emperador recupérase e estas vontades nunca entran en vigor.

outono: campaña dos Balcáns onde os avaros, reforzados polo tributo dos francos, retoman a campaña ao longo do Danubio e asedian Tomis, na costa do mar Negro.

Ceolwulf sucede a seu irmán Ceol como rei de Wessex, e faise rexente do seu sobriño Cynegils, quen é demasiado noto para herdar o trono.

Mangalesa, rei da dinastía Chalukya despois da morte de Kirtivarman I, goberna como rexente do seu fillo Pulakesi II e invade o territorio de Khandesh e Gujarat (NO de India).

xuño, 9: Columba morre en Iona (Hébridas) e é soterrado pola súa comunidade na abadía que creou.

Aethelbert publica o primeiro código legal da era post-imperial en Britannia; preocúpalle conservar a orde social imperante, por medio de compensacións e castigos contra danos persoais.

Agostiño funda a ‘escola do rei’ en Canterbury, en dependencias anexas á abadía.

Osma, sede episcopal.

Wendi introduce un novo calendario.

decembro, 25: Agostiño e os seus colaboradores bautizan a máis de 10000 anglo-saxóns.

sábado, 6 de setembro de 2014

596

illa de Thanet
www.littlestourbooks.com
marzo: Teodeberto II, rei de Austrasia, e Theuderico II, rei de Borgoña, baixo a rexencia de Brunequilda.

Fredegunda e Clotario II ocupan Lutecia (París).

xullo a decembro: Fredegunda insta a Clotario II a declarar a guerra a Teodeberto II e Theuderico II, que son derrotados en Latofao (Laffaux, entre Soissons e Laon); pero a guerra continúa a pesar diso.

Brunequilda evita un ataque avaro a Turinxia mediante un tributo.

Kyriakos, patriarca de Constantinopla.

Mauricio usa Marcianopolis como base militar para operar no baixo Danubio contra eslavos e avaros.

batalla de Raith: anglos toman terra cerca de Raith, costa do Fife, e derrotan unha alianza de escotos, britanos e pictos baixo Áedán mac Gabráin de Dál Riata.

Wendi establece relacións diplomáticas con Goguryeo e demanda a cancelación da alianza militar co khanato turco oriental.

Agostiño de Canterbury chega á illa de Thanet e é saudado por Aethelberht de Kent, quen acepta o bautismo co resto da súa corte por petición de Bertha, súa dona franca. O rei proporciónalles unha residencia en Canterbury, onde fundan un mosteiro beneditino.

xoves, 4 de setembro de 2014

595

'non angli, sed angeli'
commons.wikipedia.org
xaneiro, 1: Gregorio I reprocha ao patriarca de Constantinopla que se proclamara ‘patriarca ecuménico’.

febreiro, 28: asemblea de Colonia, onde Childeberto II ordena que as decisións tomadas nas asembleas de marzo precedentes sexan transcritas; publica un edicto que modifica a lei sálica.

primavera: terceira campaña de Priscus, quen dirixe unha forza de refresco que segue o Danubio ata Novae para socorrer Singidunum, asediada e saqueada polos avaros e abandonada cando se acercan as forzas imperiais.

primavera: Wendi ordena confiscar as armas en posesión de particulares, que deben ser destruídas; a única excepción afecta as provincias de fronteira.

verán: os avaros atacan a Dalmacia.

(suposta) anécdota ‘laudatoria’ sobre Gregorio I: pasa diante dun posto de venda de escravos e ve un grupo de mozos fermosos e de longos cabelos louros; pregunta de onde son, ‘anglos’ e replica ‘non angli, sed angeli’. De aquí partiría o seu interese por ‘evanxelizar’ a ‘angla terra’ (Britannia pasa a ter unha denominación alternativa), misión que encomenda a Agostiño de Canterbury.

xuño: Agostiño de Canterbury sae de Roma acompañado de monxes beneditinos a Britannia, a ‘cristianizar’ a Aethelberht e Kent. Leva cartas para os bispos e acompáñanos intérpretes francos.

agosto, 12: Gregorio I dirixe a carta ‘o quam bona’ sobre a simonía ao bispo Virxilio de Arelate.

Childeberto II guerrea contra os varnos, que se rebelan en Turinxia e son practicamente aniquilados (non volven aparecer nas fontes escritas).

setembro, 2: morre Xoan IV, patriarca de Constantinopla, logo de mediar sen éxito cos monofisitas.

Muhamad casa con Khadija.

outubro: Childeberto II morre; súa nai Brunequilda tenta asumir o poder como rexente dos seus netos, Teodeberto II e Theuderico II.

os lombardos saquean Terracina, importante punto de apoio militar bizantino.

Gaidoaldo, duque de Trento.

Bernicia conquista o reino britano de Hen Ogledd (‘o vello norte’), nos Penines. O rei Dynod Bwr morre na loita e a súa familia foxe a Powys.

Supratisthita Varman sucede a seu pai Susthita Varman como rei da dinastía Varman en Assam (NE de India).

iníciase a construción da ponte Zhaouzhou (‘ponte de paso seguro’) na provincia Hebei durante a dinastía Sui.

K’inich Hix Chapat, soberano da cidade maia Toniná.

Heraclio acompaña a seu pai (Heracilo o vello) ou visítao cando este é magister militum per Armeniam. O que ve e aprende serviralle no futuro; perfecciona a súa educación literaria: probablemente é bilingüe (grego e armenio).

carta de Liciniano de Cartaxena a Vicente de Ibiza, proba do mantemento do bispado da illa; este feito e o elevado número de edificios relixiosos en Mallorca e Menorca probaría que tamén permanecían bispos alí durante a presenza bizantina.

a carta de Liciniano responde a unha previa de Vicente non conservada; Vicente informáralle da que lle chegara una ‘carta caída do ceo’, escrita por Cristo, que lera no púlpito, e na que se exhortaba a gardar o domingo, do mesmo xeito que os xudeus gardan o sábado; isto é, sen realizar ningún tipo de traballo, nin viaxe, …

Liciniano non concorda con Vicente e amoéstao por ter dado crédito a tal cousa, indicando cal debe ser o comportamento dos fieis en domingo: traballar como de costume e non dedicarse a “bailar, danzar e retorcer de mala maneira os membros que Deus formou harmoniosos e cantar cancións lixeiras que excitan a lascivia”.

da carta podemos deducimos: 1/ os bispos de Baleares están vinculados á sé metropolitana de Cartaxena durante a soberanía bizantina (carácter amoestador de Liciniano); 2/ a credulidade de Vicente testemuña a escasa formación doutrinal e teolóxica do clero das illas; Liciniano queixarase posteriormente a Gregorio I de que lle era imposible atopar xente apta para o sacerdocio, só atopaba bígamos e xente que non sabía máis que o ‘painoso’; 3/ o carácter xudaizante da carta ‘caída do ceo’, procedente de Ibiza, vólvenos a falar da xudería balear, que estaría en boa convivencia coa comunidade cristián, situación que mudará no s. VII en conxunción coa ameaza islámica, de que se lles ve como colaboradores.

domingo, 14 de agosto de 2011

602

Focas coa toga consular
primavera: Witerico é nomeado xefe do exército e recibe órdes de Liuva II de atacar Spania (territorios bizantinos na península).

os avaros ofrecen a Mauricio a liberación de 12000 prisioneiros a cambio de 6000 moedas de ouro. Mauricio non acepta, e aos soldados non lles gusta nada que o emperador valore as vidas cada compañeiro en menos de media moeda de ouro.

para colmo ordena as tropas pasar o inverno alén do limes do Danubio, cun clima moi duro.

prodúcese unha rebelión baixo a dirección dun centurión chamado Phocas, que marcha sobre Constantinopla. A cidade pode resistir perfectamente, pero Mauricio tampouco era moi popular debido á súa avareza. Prodúcese outra insurrección intra muros e Mauricio tenta fuxir por mar a Persia cos seus cinco fillos

novembro, 27: os rebeldes abre as portas das murallas e Phocas entra en Constantinopla aclamado polo pobo. Inmediatamente atopan o emperador e decapítano, non antes de que presencie a execución dos seus cinco fillos varóns.

Phocas é o novo emperador.

Cosroes II recibe novas destes feitos e decide atacar o Imperio Romano, xurando que non cesará ata que non vengue a morte do seu 'amigo e pai' e mentres Phocas non sexa axusticiado polo seu crime. A modo de preparación arrasa o reino árabe de Hira, e manda executar a Nu'man III.

Narsés, gobernador da zona norte de Mesopotamia rebélase contra Phocas en Edessa e solicita axuda aos persas. Cosroes envía unha forza expedicionaria a Armenia e cruza o Éufrates.

Gregorio I, satisfeito co derrocamento dun emperador que apoiaba as pretensións de primacía de Constantinopla, pasea as estatuas de Phocas e a súa dona por Roma en sinal de triunfo, e escríbelle para felicitalo polo seu éxito. O novo emperador destaca polos seus vicios: lascivo, bebedor e sanguinario. Milman afirma: "Sorprende que incluso a máis elemental prudencia non atemperara a linguaxe do pontífice triunfante, que se lanza a un panexírico loubando a piedade e bondade do usurpador, chama ceo e terra para que se aleden da súa entronación, augura paz e prosperidade ao imperio procedente dos seus actos piadosos e incluso semella anticipar o retorno da antigua liberdade republicana baixo o goberno do devoto e xentil Phocas."

Heraclio o Vello xa era exarca de Africa, con capital en Carthago; fora nomeado por Mauricio.

finalizan as obras da catedral de Monza.

Agostiño de Canterbury reúnese cos bispos britanos de Gales en Aust, próxima a Chepstow; repréndeos por non seguir a ortodoxia en varios asuntos; entre eles, a datación da pascua e os usos litúrxicos.

Teodeberto II e Theuderico II instalan un duque na fronteira cos vascóns.